José Ramón Fernández de Luanco y del Riego
Castropol (Asturias), 1825 - Castropol (Asturias), 1905Autoría: Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Un químico salientable
Durante o período compostelán, Luanco foi numerario da Sociedad Económica de Amigos del País e colaborador da Revista Económica, na que escribiu traballos sobre o carbón de pedra, química agrícola e aclimatacións. O máis sobranceiro de todos eles é a análise química e posterior informe que levou a cabo, conxuntamente con Planellas e Casares e a petición da Sociedad Económica, sobre o guano da illa de Cuba. Hai que salientar tamén o prestixio que acadou como profesor, que lle valeu que lle fosen encomendadas determinadas misións de confianza, como os informes solicitados polo Reitorado sobre a Escola de Comercio de Ribadeo e o Instituto de Monforte, sobresaíndo este último polas contribucións orixinais e descubrimentos que realizou na biblioteca do Instituto (Murguía, 1888).
Home de ampla formación, unía á súa sólida preparación científica no terreo da Química unha profunda preocupación polas humanidades, o que deu como froito as súas importantes contribucións sobre a Historia da Ciencia e o seu depurado e castizo estilo literario, que se traduce mesmo nos seus traballos científicos máis especializados. De talante liberal, aínda que pouco inclinado ás actividades políticas, foi gabado polos máis salientables pensadores progresistas da España contemporánea, como Gumersindo Azcárate ou o galego Moreno Barcia, que escribiu que na Universidade de Barcelona “no olvidarán jamás que allí se escuchó la voz de un maestro insigne, adoctrinando a la juventud, infiltrando en el alma nacional la ciencia recibida por generaciones, con respeto, admiración y agradecimiento”. Tamén Odón de Buen e a Revue Philosophique eloxiaron a actividade de Luanco.
Dentro da súa produción científica hai que subliñar os seus traballos sobre a análise dos meteoritos e das augas de manancial, que para os materiais e técnicas de que se dispuñan na época supuñan un auténtico reto científico, así como os adicados á fermentación da sidra e á produción do gas de alumeado. Tamén hai que salientar o seu labor docente na cátedra, que se condensou no Compendio de lecciones de Química general (1878), empregado como libro de texto na maioría das Universidades españolas, e a súa defensa dun ensino práctico, que fixo habitual –e insólito para a época- o complemento das leccións teóricas coas ensinanzas de laboratorio. Foi, asemade, claro partidario da teoría do atomismo moderno e, segundo Rodríguez Mourelo (1905), un dos seus primeiros introdutores en España, así como doutras teorías, como a dos tipos químicos, hoxe totalmente superada, pero que naquel momento se lle atribuía un carácter revolucionario ao propoñer, entre outras cousas, unha metodoloxía e sistemática común para a Química orgánica e inorgánica.
En relación cos seus traballos sobre a Historia da Ciencia, salientan os dous tomos da súa inacabada Alquimia en España (1889, 1897), e sobre todo o seu discurso de ingreso na Academia de Ciencias y Artes de Barcelona, en 1870, Ramón Lulio, considerado como alquimista, que recibiu grandes eloxios da crítica española e francesa e que supuxo un fito na interpretación crítica da figura do xenial mallorquino, rexeitando con sólidos argumentos toda unha serie de erros históricos que se acumularan arredor da mesma.
Bibliografía:
Fontes impresas:
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J.R. (1861): Discurso de contestación, Discursos leídos ante el claustro ordinario de la Universidad de Santiago, en la recepción solemne del Dr. Jaime Forn y Segura, catedrático de Farmacia químico-inorgánica en el día 31 de Diciembre de 1861, Santiago de Compostela: M. Mirás; pp 35-46.
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1867): Noticia del aerolito que cayó en las inmediaciones de la ciudad de Oviedo el día 5 de agosto de 1856, seguida de su análisis cualitativa y cuantitativa, Revista de los Progresos de las Ciencias, 17: 3.
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1870): Raimundo Lulio, considerado como alquimista , Barcelona: J. Jepús.
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1874): Descripción y análisis de los aerolitos que cayeron en el distrito de Cangas de Onís (Asturias)... , Madrid: T. Fortanet.
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1878): Compendio de lecciones de Química general, Barcelona: J. Jepús.
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1880): Un libro más para el Catálogo de los Escritores catalanes, Barcelona: J. Jepús.
Bibliografía secundaria:
LORIENTE, V. (1956): Don José Ramón de Luanco (1825-1905), Boletín del Instituto de Estudios Asturianos, 10: 215-241.
MASCAREÑAS, E. (1909): Necrología, Boletín de la Real Academia de Ciencias y Artes de Barcelona, 8, 4.
MURGUÍA, M. (1888): Galicia, España. Sus monumentos y artes. Su naturaleza e historia, Barcelona.
PORTELA, E. (1983): Luanco, José Ramón, Diccionario histórico de la ciencia moderna en España, López Piñero et alii, Barcelona: Península.
RODRÍGUEZ MOURELO, J. (1905): Don José Ramón Luanco, Revista de la Real Academia de Ciencias, 3: 363-379.
Como citar: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco : José Ramón Fernández de Luanco y del Riego. Publicado o 8/3/2013 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22180. Recuperado o 13/05/2025
Ligazóns de interese
Discurso de contestación
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J.R. (1861): Discurso de contestación, Discursos leídos ante el claustro ordinario de la Universidad de Santiago, en la recepción solemne del Dr. Jaime Forn y Segura, catedrático de Farmacia químico-inorgánica en el día 31 de Diciembre de 1861, Santiago de Compostela: M. Mirás; pp 35-46.
Noticia del aerolito que cayó cerca de Oviedo
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1867): Noticia del aerolito que cayó en las inmediaciones de la ciudad de Oviedo el día 5 de agosto de 1856, seguida de su análisis cualitativa y cuantitativa, Revista de los Progresos de las Ciencias, 17, 3.
Descripción y análisis de los aerolitos
FERNÁNDEZ DE LUANCO Y RIEGO, J. R. (1874): Descripción y análisis de los aerolitos que cayeron en el distrito de Cangas de Onís (Asturias)... , Madrid: T. Fortanet.
José Ramón de Luanco
MANS, Claudi (2005): José Ramón de Luanco: químico y química en transición, Real Istituto de Estudios Asturianos, Oviedo, 15 de Dicembre de 2005.