José Baldomir
A Coruña, 26/ 11/1865 - A Coruña, 1/2/1947Autoría: Xurxo Martínez González
A idade de ouro da melodía galega
es genuinamente gallego, radicalmente gallego. Unha impresión que mantén a súa principal estudosa, Margarita Viso, autora do volume Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez, do que tomamos o groso dos datos deste traballo.
José Baldomir naceu no seo dunha familia cun status económico folgado ma non troppo. O pai, Ángel Baldomir, traballaba no Banco da Coruña como axudante. O seu irmán máis vello, Francisco, emigrou ao Uruguai para contribuír na axuda familiar. Coma José, tamén era músico.
Os estudos realizounos na Escola de Comercio. Porén, o máis importante na súa vida foron as primeiras leccións de música impartidas polo seu irmán Francisco. Pouco despois acudiu como alumno de Marcial de Adalid, que falece en 1881, e do cal se percibe a súa influencia en pezas para piano como Romance (1891) e Un recuerdo. Marcha fúnebre,
A la memoria de mi amigo D. Canuto Berea Rodríguez(1891).
O máis probable é que Baldomir compuxera outras obras para piano antes de 1888. Porén é nesta data cando temos constancia da aparición da música para O últemo adiós, balada para canto y piano, con letra do rexurdimentista Francisco María de la Iglesia.
O andar compositivo á par do Rexurdimento
De 1897 é a publicación de dúas das obras máis recoñecidas: Meus amores (letra do rexionalista Salvador Golpe) e Como foy? (letra de Curros Enríquez). Moito despois, seguindo o ímpeto de compositor de teatro lírico galego, estreará Santos e meigas (1908) no Teatro de La Zarzuela. Acadaría 137 representacións consecutivas!
Os autores dos textos están intimamente ligados ao Rexurdimento. Na Coruña reuníase un selecto grupo de intelectuais rexionalistas comandados por Murguía. Referímonos ás xuntanzas na chamada Cova Céltica que, en realidade, era a libraría de Eugenio Carré. Entre os asistentes atopamos a Salvador Golpe e ao pintor Urbano González (tío do tamén artista Urbano Lugrís), autores de varios textos musicados por Baldomir. Este círculo intelectual ten pegada na súa obra. Así, por exemplo, a peza Carmela (con letra de Urbano) ten referencias á mitoloxía celta. A canción A Rosalía, sobre texto homónimo de Curros, podería ter sido escrita a consecuencia do traslado das cinsas de Rosalía a San Domingos á que se refire o poema (1891).
Os poemas de Rosalía de Castro serán sempre fonte de inspiración para Baldomir. É o caso de Por que?, Ti onte, mañán eu ou o magnífico Mayo longo. Malia non conservarse, crese que tamén musicou os poemas ¡Soya! e Sin niño.
En 1902 (ano do seu casamento con María Encarnación Barbeito García) publica con C. B. y Cª. as nove cancións que coñecerán unha gran difusión, e representan a idade de ouro da melodía galega. Todas sobre textos en galego, algúns xa mencionados. O público vía na súa composición as cancións propias de Galicia. Un valor perceptivo e sensitivo que durará décadas. Entre outras cousas porque a súa música posúe a mantenta características propias do folclore galego. O mesmo Baldomir era un bo coñecedor da nosa música tradicional.
O gran salto
O barítono Ramón Blanchart interesouse polas súas cancións e incorpóraas ao repertorio. Do concerto no Teatro Real en 1902 a prensa destacou o cariño con que o público acollía a peza Meus amores. Este suceso marca o gran salto de Baldomir. Agora haberá máis cantantes de sona que soliticen a obra do compositor herculino.
Con todo, a situación familiar complicaríase en demasía por mor da saúde e morte de varios fillos. Así, en 1904 abandona os ensaios da zarzuela Mayo longo (que logo se rebautizaría como Santos e meigas), organizados en Madrid, para saír axiña cara á Coruña.
A isto sumóuselle unha delicada situación económica pois o seu salario de mestre de
Solfeo aplicado al conjunto y masas coralesna Escuela Provincial de Bellas Artes era humilde. As cartas de solicitude de adiantos certifican as dificultades da casa. Unha realidade de contrastes.
Neste tempo proxecta musicar A Virxe do Cristal, poema de Curros Enríquez. Para iso reúnese co autor acompañado de Urbano González con feliz resultado. Ademais, Baldomir recibe o recoñecemento social de Galicia ao ser nomeado membro da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario (1905). E, un ano despois, recollería numerosos éxitos no Ateneo de Madrid nun concerto memorable no cal el se puxo ao piano. En 1907 xa realiza unha xira por Europa, dende Francia a Alemaña; e en 1908 a súa música soará en Cuba e Uruguai.
Orfeóns e coros
Á par desta actividade encontrámolo como director de orfeóns e coros. Por exemplo, é director do Orfeón Brigantino contra 1892 ou do coro feminino Hijas de María, entre 1893-99. En todo caso, será con El Eco onde atope o seu mellor rostro. Na altura de 1894 é proposto para director, collendo o relevo dun nome central da música do Rexurdimento como era Chané. O éxito, acompañado da estrea da obra propia Balada gallega, confirmouno como un dos nomes da música de Galicia.
Ao longo deste intenso período de 1894 consegue o nomeamento como profesor de Música da Escuela de Bellas Artes da Coruña (a actual Escola de Arte Superior e Deseño Pablo Picasso). O neno Picasso asistiu a este centro cando Baldomir era mestre e lembrábao.
As Irmandades da Fala
Maio de 1916 supuxo un punto de inflexión no eido político-cultural tras a fundación das Irmandades da Fala. Na Coruña fúndase a primeira delas grazas á iniciativas dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Alí estivo José Baldomir, quen comporía unha música para a Cantiga d´os Amigos da Fala, sobre texto de Lugrís Freire. Hoxe non está localizada. Pouco despois aparece o voceiro A Nosa Terra e, doutra volta, Baldomir aparece como colaborador.
Deste período sábese da composición feita a partir de textos de Ramón Cabanillas, Rey Soto e o coñecido A Rosalía, de Manuel Curros Enríquez. Tamén sabemos, grazas ao xornal das Irmandades da Fala, que en 1919 tiña a música case feita para A Virxe do Cristal. O libreto apareceu a inicios deste século. Mais nunca chegou a estrearse por orde explícita dos herdeiros de Curros e hoxe en día non se sabe da partitura.
En todo caso, grazas á música de Baldomir popularizáronse moitos poemas en lingua galega. Porque a música foi o gran difusor, o mellor vehículo de socialización, da literatura do país.
Gravacións e confirmacións
A gravación gramofónica, nesta altura de inicios do século XX, resultaba un luxo. As composicións de Baldomir foron seleccionadas por diferentes cantantes para incluír nos seus discos, o cal axudaba á difusión da súa obra pero tamén da cultura galega.
En 1904 grava Meus amores e Como foy? co barítono Sr. Mercadillo e co propio Baldomir ao piano. A esta seguiron outras máis. Pero existía outro sistema de gravación: os rolos de pianola. Aínda que este formato deixou de usarse, o certo é que contra 1920 tiña boa acollida. Na Biblioteca Nacional de España consérvase un destes rolos coa peza Meus amores (unha vez máis!).
Como dixemos liñas atrás, as pezas de Baldomir adoitaban aparecer no repertorio de grandes cantantes. Agora tamén nas gravacións. Por iso resulta comprensible que Baldomir fose aceptado por unanimidade na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Ao acto de ingreso, o 26 de xuño de 1922, asistiron as raíñas Victoria Eugenia e María Cristina. Despois virían as emisións por radio e máis e máis concertos onde os cantantes incluían a súa obra.
Esta etapa expansiva da obra de Baldomir minguou pola morte de dúas fillas en 1925 e outras dúas en 1928. En 1932 outra nova morte na familia, desta vez un fillo.
A guerra e a fin
En 1930 chega o cesamento obrigatorio da Escola e pasa a traballar no Grupo Escolar Eusebio da Guarda. É posible que o piano aínda hoxe conservado neste centro fose o empregado por Baldomir para as súas aulas.
Da experiencia na escola seguramente sexan as Canciones infantiles, Cuaderno I, que publicadas en 1946 poden corresponderse aos anos de 1931 até o 35. As pezas están en castelán porque esa era a única lingua de ensino na escola.
O estourido da Guerra Civil colleuno retirado da función docente. Pero viu como os colegas eran depurados cando non perseguidos, presos ou mortos.
En 1941 ingresa na Real Academia Galega, no intento de recomposición deste organismo tras o exilio de varios membros. Pero a súa actividade redúcese até que en 1947 morre na Coruña.
Bibliografía
Cartelle Álvarez, Ramiro (1976): «Baldomir Rodríguez, José». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. IV: arros-bao. Lugo: El Progeso, D.L. 2003; 200-201.
Viso Soto, Margarita (2018): Melodías galega de José Baldomir Rodríguez. Compostela: Consello da Cultura Galega.
Como citar: Martínez González, Xurxo : José Baldomir. Publicado o 10/12/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22392. Recuperado o 14/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Artigo de Baldomir sobre Castro Chané no boletín das Irmandades da Fala, A Nosa Terra. Ver Documento. Artigo
Baldomir, José: «Castro Chané», A nosa terra: boletín quincenal: idearium das Irmandades da Fala, 198 (1 de marzo de 1924), 7.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Artigo de Baldomir sobre as últimas tendencias da música en Eco de Galicia, da Habana. Ver Documento. Artigo
Baldomir, José: «As últemas tendencias d'a música», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, 191 (20 de maio de 1923), 16-17.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo en lembranza de José Baldomir, por José Luis Bugallal. Ver Documento. Artigo
Bugallal, José Luis: «Baldomir», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 8043 (13 de febreiro de 1947), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Artigo en memoria de José Baldomir, por Ramón de Artaza y Malvárez. Ver Documento. Artigo
Artaza y Malvárez, Ramón de: «Letras de duelo: José Baldomir Rodríguez», Boletín de la Real Academia Gallega, 289-293 (1946-1950), 134-137.
Fonte: Real Academia Galega.
academia.gal
Poema «Meus amores» de Salvador Golpe, musicado por José Baldomir. Ver Documento. Poema
Golpe, Salvador: «Meus amores». En Ultreya: Os nosos cantos. Pontevedra: Ultreya, 1932; 9.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«El maestro Baldomir en situación crítica». Ver Documento. Artigo
«Requerimiento que merece ser atendido. El maestro Baldomir en situación crítica», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 1228 (12 de xaneiro de 1928), 9.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Artigo sobre a composición de José Baldomir «Dous amores», a partir dun poema de Salvador Golpe. Ver Documento. Artigo
Fraga, Sinesio: «Dous amores», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, 171 (2 de xullo de 1922), 12.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Páxinas dedicadas en Galicia moderna ao orfeón coruñés El Eco, con fotografía de Baldomir, o seu director. Ver Documento. Artigo
G.A.: «Sociedades corales de Galicia: orfeón coruñés El Eco»,Galicia moderna: revista quincenal ilustrada, 6 (15 de xullo de 1897), 17-18.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.ga
Noticia sobre a creación do orfeón El Eco, dirixido por José Baldomir. Ver Documento. Artigo
«El Eco coruñés», Revista gallega: semanario de literatura e intereses regionales, 84 (11 de outubro de 1896), 1-2.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Entrada biobibliográfica de Baldomir, escrita por Ramiro Cartelle, en Gran Enciclopedia Galega Silveiro Cañada. Ver Documento. Artigo
Cartelle Álvarez, Ramiro (1976): «Baldomir Rodríguez, José». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. IV: arros-bao. Lugo: El Progeso, D.L. 2003; 200-201.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Ligazóns de interese
«Redescubrindo a vida de José Baldomir». Diario Cultural da Radio Galega. 18 de decembro de 2018
Fonte: Diario Cultural. CRTVG
Acceso en liña ao artigo «Tradicionalismo y escena: una aproximación a la música escénica de José Baldomir», de Monserrat Capelán. Publicado en Os soños da memoria: documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudio. Pontevedra: Deputación, 2012
Fonte: Minerva. Repositorio Institucional da USC.
http://hdl.handle.net/10347/12296
«José Baldomir», artigo de Ángel Padín na edición dixital de La Voz de Galicia. (28 de abril de 2004 )
Fonte: La Voz de Galicia
Monserrat Capelán escribe a entrada de José Baldomir no espazo web do Grupo de Investigación Organistrum
Fonte: Organistrum: Grupo de Investigación.
www.grupo-organistrum.com
José Baldomir na Biblioteca Nacional
Fonte: BNE.
https://datos.bne.es/
Baldomir foi membro da Academia Galega, na que ingresou o 27 de xullo de 1941
Fonte: Real Academia Galega.
academia.gal
Biobibliografía de José Baldomir na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xos%C3%A9_Baldomir
Videos
Romance, se José Baldomir, interpretado ao piano por Alejo Amoedo
Fonte: Alejo Amoedo / youtube.com
Meus amores, composición de José Baldomir con letra de Salvador Golpe. Interpretada pola soprano Teresa Novoa
Fonte: Jaime CL / Youtube.com
Maio longo, poema de Rosalía de Castro musicado por José Baldomir. Piano: Raquel Pérez Pérez; Soprano: María Esther Fernández Vieito
Fonte: María Esther Vieito / Youtube.com
Poma Por que? de Rosalía de Castro musicado por José Baldomir. Piano: Margarita Viso; Mezzosoprano: M.ª José Ladra
Fonte: Margarita Viso / Yoube.com
Audios
Nas ás do canto 12:Maio longo
Nas ás do canto 11: Meus amores
Libros do ccg sobre José Baldomir
Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez.
2018 | Margarita Viso, Autoría.