Tuto Vázquez
Ribeira (A Coruña), 21/ 3/1947 - A Coruña, 29/4/2010Autoría: Ana Abad de Larriva
Actor galego pioneiro no teatro, no medio audiovisual e na dobraxe
Ese mesmo ano o colectivo pasou a chamarse Agrupación Teatral (ou Grupo de Teatro Experimental) Tespis, e nesta nova etapa Tuto actuou baixo a dirección de José Redondo en montaxes como El amor de los cuatro coroneles. de Peter Ustinov, no ano 1965; Historia del zoo, de Edward Albee, no ano 1966; Don Juan, de Pushkin, e Sonata de espectros, de August Strindberg, tamén en 1966; Escena para cuatro personajes, de Eugène Ionesco, en 1967; ou En alta mar, de Sławomir Mrożek, en 1968. Ademais, formou parte da montaxe d’A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro, no ano 1973, baixo a dirección de Antonio Naveyra.
Con O Facho participou no ano 1966, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, no elenco da montaxe da Escolma de textos de Castelao; no do Programa Muñiz-Brecht, que incluía O cabalo do cabaleiro e A feira dos criados (unha escena d’O señor Puntila e o seu criado Matti traducida por Manuel Lourenzo dende o español); e no da posta en escena da obra O señor Bonhome e os incendiarios, de Max Frich, na tradución de Henrique Harguindey Banet e Manuel Lourenzo.
No Teatro Circo, tamén baixo a dirección de Lourenzo, participou como actor nas obras Historias para ser contadas, de Oswaldo Dragún, no ano 1967; Prometeo, de Esquilo, na versión de Lourenzo, do ano 1968; Macbeth, de William Shakespeare, con dramaturxia de Manuel Lourenzo, de 1975; O longo viaxe do capitán Zelta, de Xaquín Marín e Manuel Lourenzo, e con dramaturxia deste último, do ano 1976; e Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, con dramaturxia de Manuel Lourenzo, de 1978. Tuto, así mesmo, formara parte do equipo organizador da I Semana de Teatro Joven (STJ) da Coruña, impulsada por Teatro Circo, en colaboración co Grupo Experimental Tespis, no ano 1968.
No ano 1976 estivo entre as 16 persoas que confeccionaron o proxecto fundacional da Escola Dramática Galega e que asinaron a primeira acta constitutiva da entidade, en xaneiro do ano 1976, e entre as quince persoas que asinaron a acta fundacional definitiva o 4 de decembro do ano 1978. Nela foi durante anos a persoa responsable da área administrativa. En 1977 participara, con outros actores e actrices do Teatro Circo e do grupo teatral O Facho nun proxecto audiovisual: o filme Quelques fleurs de sainteté, baseado en Flor de santidad, de Ramón María del Valle-Inclán, dirixido por Jean-Émile Jeanneson para o Canal 1 da Televisión Francesa.
Tuto foi, xa que logo, unha das figuras pioneiras do teatro independente e logo profesional galego, encadrándose, segundo sinalou Damián Villalaín, no grupo de actores e actrices da Xeración do 78. Nas seguintes décadas participou en numerosas montaxes, tanto de compañías privadas como nalgunhas do CDG, que logo alternaría coa dobraxe e a interpretación no sector audiovisual. A partir do ano 2000 foi deixando os escenarios para dedicarse unicamente ao audiovisual.
No referente á súa formación continuada, obtivo o título de Declamación polo Conservatorio Profesional da Coruña e o de Interpretación polo Institut del Teatre de Barcelona; este último grazas a unha iniciativa do Teatro Circo para conseguir que a escola catalá convocase uns exames extraordinarios para 13 membros do seu grupo, entre os que se atopaba Tuto, en xuño de 1977. Realizou tamén cursos de voz con Xesús Aladrén; de método, con Pepe Struch; de verso clásico, con Enrique Silva; de ritmo e improvisación, con Helena Ferrari; de interpretación, con Antonio Malonda; e de movemento íntegro, co grupo Johannes Vardas.
Na Escola Dramática Galega formou parte do elenco de montaxes como A voda de Esganarello, dirixida por Agustín Vega no ano 1982; Adeus, Madelón, de Manuel Lourenzo, no ano 1989; Chejov, Chejov, montaxe feita coas adaptacións de Manuel Lourenzo dos textos O oso e O canto do cisne, de Anton Chejov, e dirixida por Agustín Vega, no ano 1991; e Ei, Feldmühle!, de Xesús Pisón, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, no ano 1992.
No CDG participou nas montaxes As tres irmás, de Anton Chejov, na versión galega de Francisco Pillado Mayor, baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón, no ano 1987; Espectros, de Ramón Otero Pedrayo, na montaxe dirixida por Manuel Lourenzo no ano 1988; e As alegres casadas, de William Shakespeare, na versión de Eduardo Alonso e Manuel Guede, baixo a dirección de Eduardo Alonso, no ano 1989.
Tamén traballou con Teatro do Noroeste e Teatro do Malbarate en Galicia S.L., un espectáculo feito a partir de textos de Manuel Rivas, Antón de Santiago, M.ª Xosé Queizán, Manuel Guede, Xesús Campos, Antonio Simón e Lino Braxe, no ano 1989, dirixida por Eduardo Alonso. Este lembra que foi nesta peza cando Tuto decidiu comezar a aparecer nas fichas artísticas das obras co seu alcume, “Tuto” en vez de como “Xosé Manuel”. É por iso que nas fichas artísticas anteriores aínda consta como “Xosé Manuel” ou mesmo, nalgúns casos, como “José Manuel”.
Con Teatro do Atlántico participou en Historia de Neera, de Roberto Salgueiro, dirixida por Xulio Lago no ano 1990. Na compañía Librescena actuou en Mourenza, de Armando Cotarelo Valledor, no ano 1996; n’O barbeiro de Sevilla, de Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais, no ano 1997; e en Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, no ano 1999; en todas elas baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón. Con R.T.A. Produccións formou parte do Hamlet, de William Shakespeare, dirixido por Lino Braxe, no ano 2006, como voz en off; e integrou tamén o elenco de Zardigot, de Euloxio R. Ruibal, na montaxe de Espello Cóncavode Espello Cóncavo, no ano 2007.
No audiovisual participou en series como Os outros feirantes, Servicio de urxencias, Superamigos, Pratos combinados, A familia Pita, Mareas vivas, Avenida de América, As leis de Celavella, O mundo de Celavella e Padre Casares. Esta última tivo que deixala por motivos de saúde, sendo substituído no seu papel de Don Crisanto por Gonzalo Rei Chao. Tamén participara no capítulo piloto dunha serie do ano 1991 que despois non se levou a cabo: Pesquisas: O caso das galiñas aforcadas.
Tamén actuou en curtametraxes como Un café de ollos verdes, de 1992, dirixida por Antonio F. Simón; Trasto, con dirección de Rafael Calvo, do ano 2002 e O derradeiro grolo (2003), dirixida por Olalla Piñeiro; en mediametraxes como Memorias dun parado, de 1991, baixo a dirección de Antonio F. Simón; e longametraxes como Blanca Madison, do ano 2000, dirixida por Carlos Amil; O lapis do carpinteiro, do ano 2002, dirixida por Antón Reixa, e Camiño de Santiago: A orixe, de 2004, dirixida por Israel Nava, entre outras, así como en anuncios publicitarios. Tuto foi, ademais, actor e director de dobraxe. En 2008 foi nomeado nos Premios Mestre Mateo do Audiovisual na categoría de mellor actor secundario.
No referente á súa vida persoal, Tuto casara coa actriz María Xosé (“Mariajo”) Mosteiro e tiveran dous fillos, Iván e Uxía, que no ano 2014 quixeron render unha fermosa homenaxe póstuma ao seu pai e á súa nai filmando o documental O que hai que facer para non ir ao mar!: Unha viaxe a través do teatro galego, dirixido por Iván e presentado e guiado por Uxía. Nel, moitos compañeiros e compañeiras de profesión lembraron a calidade humana e actoral de Tuto, e como o seu bo humor impregnaba o seu xeito de traballar e o ambiente dos ensaios das obras nas que participaba.
Páxinas web de referencia
Páxina web do Centro Dramático Galego
Ficha de Tuto Vázquez no Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Ficha de Tuto Vázquez en AVG
Bibliografía
Biscaínho Fernandes, Carlos Caetano: «A Escola Dramática Galega (1978-1994) e o sistema literario», Boletín Galego de Literatura, (2008), 9-31.
Biscaínho Fernandes, Carlos Caetano: A Escola Dramática Galega na configuración do sistema galego de produción teatral (1978-1994). Tese de doutoramento. A Coruña: Universidade, 2006.
Lourenço-Módia, Cilha: O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego (1967-1978) [Tese de Doutoramento]. A Coruña: Universidade, 2012.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Tuto Vázquez. Publicado o 11/12/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=23085. Recuperado o 16/02/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Referencia ao espectáculo Zardigot, de Espello Cóncavo, da que formaba parte do elenco Tuto Vázquez; na páxina 5 do número 1 de Paraíso, a revista da Rede Galega de Teatros e Auditorios, no ano 2007
Fonte:Paraíso, revista da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
«A traxédia do señor Salgueiro. O Teatro do Atlántico representa Historia de·Neera». Artigo de G.L.T. sobre a montaxe feita por Teatro do Atlántico de Historia de Neera, de Roberto Salgueiro, na que participou Tuto Vázquez como actor. A Nosa Terra, 468 (8 de marzo de 1991), 19-20
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega. Hemeroteca.
https://consellodacultura.gal/
«Historia de Neera. Unha obra de autor galego», artigo de Damián Villalaín sobre a peza de Roberto Salgueiro Historia de Neera, e sobre a posta en escena que fixo dela Teatro do Atlántico, na que participou Tuto Vázquez como actor. Grial, 109 ( xaneiro-marzo de 1991), 157-159
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da revista Grial.
Programa de man da velada celebrada pola Agrupación Teatral Tespis na Casa da Cultura da Coruña o 15 de xullo de 1966, en homenaxe a María Luisa Durán Marquina, que incluíu dúas representacións dirixidas por José Redondo: a de Petición de mano, de Anton Chejov, e a de Historia de un zoo, de Edward Albee. Nesta última, que ademais era estrea, participaba Tuto Vázquez como actor
Artigo publicado no xornal El Progreso, o 20 de marzo do ano 1965, na páxina 2, que recolle a representación que fixo o Grupo de Teatro Universitario coruñés, antes de que se convertese na Agrupación Teatral (ou Grupo de Teatro Experimental) Tespis, de Escuadra hacia la muerte, de Alfonso Sastre, baixo a dirección de Antonio Galbán, o 19 de marzo do ano 1965, en Lugo, dentro do Certame Nacional de Teatro Xuvenil, e na que Tuto Vázquez participaba como actor
Fonte: Biblioteca Pública de Lugo / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Acceso en liña á tese de doutoramento de Cilha Lourenço-Módia O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego: (1967-1978). Universidade da Coruña, 2012
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
http://hdl.handle.net/2183/10124
Artigo de opinión escrito por Lino Braxe en lembranza de Tuto, publicado o 3 de maio do 2010 en La Opinión de A Coruña
Fonte: La Opinión de A Coruña
https://www.laopinioncoruna.es/
«Morre Tuto Vázquez». Nova sobre o falecemento de Tuto Vázquez publicada por Cultura Galega o 29 de abril do ano 2010
Fonte: Consello da Cultura Galega. Cultura Galega
https://culturagalega.gal/
«A Escola Dramática Galega (1978-1994) e o sistema literario», artigo de Carlos Caetano Biscaínho Fernandes. Boletín Galego de Literatura, (2008), 9-31
Fonte: Repositorio da UDC.
https://illa.udc.gal/
Vídeo completo de «O milagre de Santo Antoniño de Louredo», primeiro capítulo da serie Padre Casares, na que Tuto Vázquez interpretaba o papel de Don Crisanto
Fonte: https://www.agalega.gal/
Acceso en liña á tese doutoral de Carlos Caetano Biscaínho Fernandez A Escola Dramática Galega na configuración do sistema galego de produción teatral (1978-1994), do ano 2006
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
https://illa.udc.es/Repository
Entrevista feita por Sara Carreira a Tuto Vázquez para La Voz de Galicia arredor do seu papel na serie As leis de Celavella, publicado na edición dixital do xornal o 10 de xaneiro de 2004
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es
Biografía de Xosé Manuel Vázquez Martínez, Tuto Vázquez, na páxina «Galegos», de Galicia Digital
Fonte: Galicia Digital.
http://galegos.galiciadigital.com/
Relación de rexistros sonoros de Tuto Vázquez no Arquivo Sonoro de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia.
https://consellodacultura.gal
Videos
Vídeo completo do documental O que hai que facer para non ir ao mar! Unha viaxe a través do teatro galego, dirixido por Iago Vázquez
Fonte: O que hai que facer para non ir ao mar / YouTube.com
Vídeo do capítulo «O verdugo», da serie Os outros feirantes, do ano 1989, no que participou Tuto Vázquez como actor
Fonte: Canle de Anxo González / YouTube.com
Vídeo do capítulo «Roque de Goás» da serie Os outros feirantes, do ano 1989, no que participou Tuto Vázquez como actor
Fonte: Canle de Anxo González / YouTube.com Vídeo completo de «O milagre de Santo Antoniño de Louredo», primeiro capítulo da serie Padre Casares, na que Tuto Vázquez interpretaba o papel de Don Crisanto
Fonte: https://www.agalega.gal/