Suso Díaz
Uznach, Sankt Gallen (Suíza), 15/ 7/1971 - Ourense, 12/10/2010Autoría: Ana Abad de Larriva
Actor, escenógrafo, iluminador e deseñador gráfico, vinculado a Sarabela Teatro
Naceu na localidade suíza de Uznach, no cantón de Sankt Gallen, no ano 1971. Aos catro anos, Suso regresou coa familia a Galicia, á aldea familiar sita no Concello de Pereiro de Aguiar. Destacou dende cativo pola súa creatividade e pola súa sensibilidade e a súa irmá Teté lémbrao sempre imaxinando e creando cousas novas. Esa creatividade xa se plasmara nas funcións escolares e noutras representacións estivais na aldea, pero o principal pulo para que conectase de cheo co mundo do teatro foi coñecer a Ánxeles Cuña Bóveda na Universidade Laboral, e asistir ás súas clases de Creación e Escenificación. A raíz diso incorporouse a Sarabela Teatro no ano 1988, cando aínda era Agrupación Teatral Xuvenil Independente, viviu o seu paso a compañía profesional no ano 1990, e mantivo o vínculo profesional e persoal con ela durante toda a súa vida.
Era un artista multidisciplinar, con grande habelencia nas diferentes áreas creativas a través das cales se expresaba, pero un dos campos que máis lle gustaban era o da actuación. Como actor formou parte do elenco de numerosas montaxes de Sarabela Teatro: Xacobe ou a submisión, de Eugène Ionesco, no ano 1988; Super tot, de Benet i Jornet, en 1989; Madame de Sade, de Yukio Mishima, no ano 1990; Xacobe e o seu amo, de Milan Kundera, no 1993; Cama (2 por 2 para 2), de Sergi Belbel, en 1994; A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, en 1996; Afección, de Ánxeles Cuña Bóveda, Begoña Muñoz Saa, Carlos Couceiro e Fernando Dacosta, en 1997; Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, e Os soños de Caín, tamén de Ánxeles Cuña Bóveda, Begoña Muñoz Saa, Carlos Couceiro e Fernando Dacosta, no ano 1999; O lapis do carpinteiro, adaptación da novela de Manuel Rivas, no ano 2000, na que fixo o papel do doutor Daniel Da Barca; Sexismunda, adaptación de La vida es sueño, de Calderón de la Barca, no ano 2001; Así que pasen cinco anos, de Federico García Lorca, en 2003; O heroe, de Manuel Rivas, en 2005; Margar no pazo do tempo, de Ánxeles Cuña Bóveda, en 2007; A esmorga, na segunda montaxe da peza que fixo a compañía, en 2009; e O incerto señor Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, en 2010; en todas elas baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda; así como en Macbeth, de William Shakespeare, en 2005, baixo a dirección de Helena Pimenta. No Centro Dramático Galego traballou como intérprete na montaxe de Leoncio e Helena, de George Büchner do ano 1992, tamén baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda.
Foi deseñador de escenografía en numerosas montaxes de Sarabela Teatro: Sexismunda, no ano 2001; Así que pasen cinco anos, en 2003; Rolda de caricias (de Sergi Belbel, baseada na Rolda, de Arthur Schnitzler), en 2004; A gata con botas (de Ánxeles Cuña Bóveda, a partir do conto de Perrault), tamén no ano 2004; O heroe, en 2005; Cristovo e o libro das marabillas, (de Fina Calleja) en 2006; Margar no pazo do tempo, no ano 2007; A esmorga, no ano 2009; e Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas (de Christine Nöstlinger), e O incerto señor Don Hamlet, no ano 2010. Polo seu labor como escenógrafo obtivo varios Premios María Casares, en concreto polas pezas Así que pasen cinco anos, O heroe (baixo a sinatura de La Faust Und Volk) e A esmorga.
Fixo o deseño de iluminación nas montaxes de pezas como, entre outras, Cama (2 por 2 para 2), do ano 1994, con Antón Rodríguez; O lapis do carpinteiro, en colaboración con Antón R. Macías e Ánxeles Cuña Bóveda, no ano 2000; A illa amarela (de Paloma Pedrero) e Sexismunda, no ano 2001; A conxura dos necios (de John Kennedy Toole), en 2002; Así que pasen 5 anos, en 2003; O heroe e Macbeth, en 2005; Cristovo e o libro das marabillas, en 2006; Margar no pazo do tempo, no ano 2007; Cósima (de Chris Baldwin), en 2008; ou A esmorga, Konrad, o neno que chegou nunha lata de conservas, e O incerto señor Don Hamlet, as tres en 2010. Foi finalista en varias ocasións e obtivo o Premio María Casares polo seu traballo de deseño de iluminación para as montaxes O lapis de carpinteiro, que realizou con Ánxeles Cuña Bóveda e Antón R. Macías; Sexismunda; A esmorga, na posta en escena do ano 2009; e O incerto señor Don Hamlet (esta de xeito póstumo).
Ao rematar o instituto e facer a selectividade, Suso decidira marchar a Vigo para estudar Filoloxía, pero uns meses despois, sentindo que a carreira non era o que el esperara, decidira deixala e marchar á Coruña, onde fixo un curso xeral de Vídeo na Escola de Artes Imaxinarias da Coruña. Ao rematalo, volvera a Ourense e estudara Deseño Gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde, onde coñeceu a persoas coas que estableceu unha moi importante relación creativa e de amizade, como Araceli Gallego.
Como deseñador gráfico, Suso levou o deseño corporativo da compañía así como o deseño do material que acompañaba as producións, tanto carteis como dossieres, dunha maneira constante dende 1999, con Os soños de Caín, aínda que xa o viñera facendo dende antes coa colaboración de Araceli Gallego, baixo o nome de 1:MEDIA. Tiña un estilo moi persoal que se nutría da inspiración no traballo dos seus referentes artísticos, xerando en cada montaxe unha liña gráfica diferente, mais mantendo sempre o seu selo propio.
Ademais, Suso colaborou habitualmente nas áreas de escenografía, iluminación, técnica, deseño gráfico, formación e dirección nas tarefas desenvolvidas pola Aula Universitaria de Teatro de Ourense, a Mostra de Internacional de Teatro Universitario (MITEU), e a Mostra de Teatro Infantil (MOTI); e foi director técnico do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) durante oito anos.
No ano 2006, ao tempo que mantiña esas liñas de traballo, Suso creou a súa propia compañía, La Imagina Machina, vinculada a Arteficción S.L. Con ela puxo en escena A viaxe de Efi, unha obra escrita e dirixida por el, na que tamén asumiu o deseño de escenografía e iluminación e o deseño gráfico. Era unha peza dirixida ao público familiar chea de fondura que recollía o universo creativo de Suso e que tivo moi boa acollida; con ela obtivo o premio do público no Fetega no ano 2006. Dous anos máis tarde fixo unha montaxe do Ubú Rei, de Alfred Jarry, na que tamén asumiu a dirección, a dramaturxia, o deseño de iluminación e escenografía e mais o deseño gráfico.
Suso Díaz faleceu o 12 de outubro de 2010 aos trinta e nove anos, pouco máis dun par de semanas despois da estrea d’O incerto señor Don Hamlet, de xeito repentino. Foi un durísimo golpe para a súa familia e amizades, e para o equipo de Sarabela, que uns meses antes afrontara xa o falecemento de Begoña Muñoz Saa, así como unha enorme perda persoal e artística para as artes escénicas galegas.
O 10 de novembro de 2011 o Teatro Principal de Ourense acolleu o Sufestival, en homenaxe e recordo de Suso no primeiro aniversario do seu pasamento. Ánxeles Cuña Bóveda, dende Sarabela Teatro, tamén lembrou nestes anos en numerosas ocasións a potencia creativa e a calidade humana de Suso, referíndose a el como
o home de teatro total, e como
poeta do espazo, alquimista da luz e construtor de soños; uns soños que seguen vivos na memoria da escena.
Agradecementos
A Ánxeles Cuña Bóveda, a Teté Seoane, a Nate Borrajo e a Araceli Gallego, pola súa prezada axuda para a elaboración da biografía e as súas achegas de material gráfico.
Principais fontes consultadas
Ánxeles Cuña Bóveda e Teté Seoane.
Páxinas web de referencia
Información sobre Suso Díaz na páxina web do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Páxina web do Centro Dramático Galego
Páxina web de Sarabela Teatro
Bibliografía
Cuña, Ánxeles e Dacosta, Fernando: 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005. Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2005.
Ogando González, Iolanda: «Teatro, cultura pop e contrapensamento n’A viaxe de Efi de Suso Díaz Seoane». En Groba Bouza, Fernando e Dono López , Pedro: Galegos no Minho. Vinte anos do Centro de Estudos Galego na Universidade do Minho. Famalicão: Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho; 181-196.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Suso Díaz. Publicado o 6/11/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=24325. Recuperado o 15/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Cartel de Sufestival, homenaxe a Suso Díaz celebrada no Teatro Principal de Ourense o 10 de novembro de 2011. Ver Documento. Cartel
Fonte: Sufestival / Facebook
Dossier da montaxe d’A esmorga, de Eduardo Banco Amor, feita por Sarabela Teatro no ano 2009, na que Suso Díaz formaba parte do elenco no personaxe de Bocas. Xa formara parte tamén da montaxe feita pola compañía no ano 1996. Ver Documento
Fonte: Sarabela Teatro.
Extracto do libro 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005 con información e críticas arredor da montaxe d’A esmorga, de Eduardo Banco Amor, feita por Sarabela Teatro no ano 2009, da que Suso Díaz formaba parte do elenco no personaxe de Bocas. Ver Documento. Artigo
Fonte: Sarabela Teatro.
Estudo de Iolanda Ogando dedicado á obra inédita A viaxe de Ei, escrita e estreada por Suso Díaz Seoane coa súa compañía La Imagina Machina no ano 2006. Ver Documento. Artigo
Ogando González, Iolanda: «Teatro, cultura pop e contrapensamento n’A viaxe de Efi de Suso Díaz Seoane». En Groba Bouza, Fernando e Dono López , Pedro: Galegos no Minho. Vinte anos do Centro de Estudos Galego na Universidade do Minho. Famalicão: Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho; 181-196.
Fonte: O portal da lingua galega.
https://www.lingua.gal/
Extracto do libro 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005 con información e críticas arredor da montaxe de Así que pasen cinco anos, de Federico García Lorca, feita por Sarabela Teatro no ano 2003, da que Suso Díaz formaba parte do elenco con varios personaxes. Ver Documento. Artigo
Fonte: Sarabela Teatro.
Ligazóns de interese
Acceso á web de Sarabela Teatro
Fonte: Sarabela Teatro.
https://sarabelateatro.com
«Ourense homenaxea a Suso Díaz, o "recreador total"». Nova publicada no portal Radio Fusión sobre o Sufestival, celebrado o 10 de novembro do ano 2011 en homenaxe a Suso Díaz, no primeiro aniversario do seu pasamento
Fonte: Radio Fusión.
www.radiofusion.gal
Espazo web en Facebook do Sufestival, homenaxe a Suso Díaz no primeiro cabodano do seu pasamento
Fonte: Sufestival / Facebook.
«Morre Suso Díaz, integrante de Sarabela Teatro». Nova publicada o 13 de outubro do ano 2010 no portal Cultura Galega, informando do falecemento de Suso Díaz
Fonte: Consello da Cultura Galega.
culturagalega.gal
Texto escrito por Ánxeles Cuña Bóveda en lembranza e homenaxe a Suso Díaz, para a edición do ano 2010 do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO)
Fonte: fFestival Internacional de Teatro de Ourense (FITO).
www.fitoourense.com
Videos
Fragmentos da montaxe de Margar no pazo do tempo, de Ánxeles Cuña Bóveda, na montaxe feita por Sarabela Teatro no ano 2007, na que Suso Díaz formaba parte do elenco, e na que tamén se encargou do deseño de escenografía e de iluminación
Fonte: Sarabela Teatro / Vimeo.
Fragmentos da montaxe d’A esmorga, de Eduardo Banco Amor, feita por Sarabela Teatro no ano 2009, na que Suso Díaz formaba parte do elenco no personaxe de Bocas. Xa formara parte tamén da montaxe feita pola compañía no ano 1996. Suso tamén se encargou do deseño de escenografía e de iluminación
Fonte: Sarabela Teatro / Vimeo.