Isabel Martínez-Barbeito
A Coruña, 9/ 1/1918 - A Coruña, 15/6/2007Autoría: Susana Guitar Novo
Intelectual coruñesa comprometida coa preservación e difusión do patrimonio cultural
Estuda e reside nas Escolas da Guarda da Coruña, grupo de ensino de referencia no movemento de renovación pedagóxica do momento, no que María Barbeito foi directora ata que a depuraron en 1936. A personalidade de Isabel e dos seus irmáns é froito directo desa educación promovida polos seus proxenitores baseada nos valores da Institución Libre de Ensinanza, potenciada se cabe pola devoción que profesa pola súa nai. Dende nena participa con ela en iniciativas de labor asistencial para procurar a educación, o benestar social e os dereitos de menores e colectivos desfavorecidos, como o Comedor e Roupeiro da Guarda, na Coruña e Arteixo, ou as Cantinas Escolares Concepción Arenal.
En 1934 comeza a Licenciatura en Filosofía e Letras, sección Historia, na Universidade de Santiago de Compostela. Os seus estudos vense interrompidos pola Guerra Civil Española entre 1936 e 1939. No seu último ano de carreira cursa as materias requiridas para obter a especialidade de Arquivos e finalmente licénciase en 1942. Vive con intensidade os anos de estudante e tanto nas aulas como nos espazos artísticos e culturais da cidade coincide con Antía Cal Vázquez, Benito Varela Jácome, Dionisio Gamallo Fierros, Federico Bouza Fernández, Ricardo Carballo Calero, os irmáns Joaquín e Francisco Fernández del Riego ou Raimundo García Domínguez “Borobó”, entre outras persoas destacadas da cultura e da política galegas.
Isabel inicia a súa traxectoria profesional o 3 de xullo de 1948, cando toma posesión como Secretaria Técnica do Museo Provincial de Belas Artes da Coruña. Ela é a autora do primeiro Catálogo dos fondos do Museo de Belas Artes.
En 1960 gaña a praza de bibliotecaria e arquiveira municipal da Coruña mediante concurso de méritos e convértese na primeira muller en ocupar este cargo. O posto é reclamado nos tribunais por Miguel González Garcés. Ábrese así un conflito que non se resolve ata sete anos máis tarde. Este longo proceso aféctaa animicamente, como evidencia a correspondencia persoal consultada no Arquivo Municipal da Coruña (AMC), pero a pesar da inseguridade laboral que sofre durante ese tempo realiza un traballo impecable. Así o recollen varios informes municipais que destacan a súa capacidade e o seu labor de organización e posta en valor do Arquivo que, ata ese momento, estaba sen inventariar e
en un estado de desorganización evidente. É ela quen establece a división da documentación en Arquivo Histórico e Arquivo Administrativo, consolidando así o sistema actual segundo a idade dos documentos.
A súa implicación e sentido da responsabilidade é unha constante na súa vida, así como a súa meticulosidade. Mostra disto son os informes documentais sobre o estado previo dos fondos que elabora, as listas de tarefas pendentes que redacta ou as múltiples peticións que fai ao Concello para buscar un lugar que reúna as condicións de conservación e seguridade requiridos pola documentación. Así, en 1978 a Biblioteca Municipal e o Arquivo Histórico son trasladados ao edificio actual situado na rúa Durán Loriga. Daquela maniféstase en contra da instalación do depósito do Arquivo no soto do edificio (o seu coñecemento da historia e do urbanismo da cidade permítelle prever que ese espazo non é o lugar idóneo para a conservación dos documentos) e consegue que se instale a Biblioteca na planta baixa e o Arquivo Histórico na primeira.
A súa experiencia e capacidade fan que ese mesmo ano Isabel forme parte do equipo de persoas expertas (xunto a Francisco Vales Villamarín, Fernando Urgorri Casado, Antonio Gil Merino e Juan Naya Pérez) que designa o Concello da Coruña para elaborar o Estudio histórico sobre la capitalidad de Galicia co obxecto de xustificar histórica e documentalmente a continuidade da capital na Coruña, que nesa altura estaba en debate.
Cando Isabel se acolle á xubilación anticipada no ano 1984 despídese formalmente cunha carta ao alcalde na que reclama máis persoal e recursos para o Arquivo, e achega un inventario dos fondos e un plano (feito á man) que reflicte a súa distribución no depósito.
No seu percorrido profesional asume outros cargos como o de conservadora do Museo de Relojes do Concello da Coruña ou o de bibliotecaria na Cámara de Comercio (1969-1984). Paralelamente, forma parte da directiva da Asociación de Artistas da Coruña como tesoureira (1952-1954) e secretaria (1954-1961). Ao longo de vinte e catro anos (1964-1988) é membro de número e secretaria-conservadora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, probablemente o proxecto ao que lle dedicou máis esforzo persoal de forma altruísta. Grazas ás súas xestións hoxe están ao dispor da cidadanía nesa institución os arquivos privados do naturalista Víctor López Seoane e do diplomático e polígrafo Salvador de Madariaga, feito que Isabel valora como un gran logro e motivo de satisfacción.
A súa faceta profesional vai sempre da man do seu activismo cultural. Dado que é unha persoa curiosa, dinámica e profundamente implicada na investigación das fontes documentais, na conservación e difusión do patrimonio e a divulgación cultural, utiliza un amplo abano de recursos para dar a coñecer os fondos e coleccións que xestiona mediante publicacións ou actividades de extensión cultural como a Exposición de curiosidades y obras de arte de colecciones privadas (A Coruña, 1969-1970), I Exposición del Libro del mar (A Coruña, 1974) ou a Exposición documental e bibliográfica sobre Salvador de Madariaga (A Coruña, xuño de 1976).
Tamén participa en congresos, ás veces por interese persoal e outras en representación dalgunha das institucións nas que traballa, dos que conserva algunhas fotos, parte da documentación recibida ou incluso notas manuscritas coas súas propias conclusións: III Congreso de Poesía (Santiago de Compostela, xullo de 1954), III Congreso Regional Emigración Gallega (Santiago de Compostela, outubro 1965), IV Congreso Hispano-Luso-Americano-Filipino de Municipios: Exposición Internacional de Maquinaria y Utillaje para Municipios (Barcelona, 6-12 outubro 1967) no que presentou pezas do AMC, VI Semana de Estudos Medievais (Estella-Lizarra, 1968) e o I Congreso Nacional de Archiveros y Bibliotecarios de la Administración Local (Elx, novembro 1982).
No que respecta á escrita, Isabel colabora en publicacións como o Boletín de Información Municipal, a Revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, a revista La Coruña ou o xornal La Voz de Galicia. O seu rigor e meticulosidade nos escritos profesionais e de investigación, compatibilízaos cunha sensibilidade artística e literaria que se revela entre liñas nas crónicas, que moitas veces redacta cun estilo poético.
En 1953 publica os seus primeiros artigos en La Voz de Galicia: «La biblioteca del Consulado en el 150 aniversario de su fundación» e «La castellana de Lóngora», unha crónica biográfica sobre Fanny Garrido, das primeiras que existen e que será recoñecida polo detalle co que a describe. No tempo que traballa no Museo de Belas Artes consegue unha sección periódica nese xornal titulada «Desde el Museo», dedicada a divulgar obras da súa colección. Posteriormente, en 1964-1969 e 1978, escribe a sección «Notas de un archivo», centrada na difusión dos fondos do AMC e na que fai importantes achegas para a historia da Coruña. Un dos seus descubrimentos máis relevantes neste sentido ocorre en 1964, cando localiza nun documento comercial do Concello con data de 22 de outubro de 1448 un selo coa primeira representación coñecida do escudo da Coruña. Outro dos seus achados, en 1978, é o nome do autor do proxecto do monumento do Obelisco da Coruña: Gabriel Vitini Alonso. No ano 2004 consegue publicar a compilación destes artigos nunha monografía baixo o mesmo título que a sección: Notas de un archivo. O primeiro deles comeza así:
Cosa frecuente es pensar que en el ámbito de los archivos se respira un aire muerto, desvinculado de todo pulso vital, sin reparar en las emociones que proporciona ahondar en la historia, que es, en definitiva, como ahondar en el alma humana.
No plano persoal, a súa vida discorre inevitablemente ligada á súa profesión. Contribuír ao acceso á Cultura é un dos seus obxectivos vitais, especialmente a relacionada coa promoción e a historia da Coruña. A maior parte dos traballos que desenvolve en proxectos externos ao seu posto de traballo como bibliotecaria e arquiveira municipal realízaos de maneira filantrópica.
Isabel destaca pola súa formación cultural, educación, curiosidade, rigorosidade, sinxeleza e fidelidade. Os seus intereses son heteroxéneos e entre eles podemos resaltar a arte, a arquitectura, a literatura ou a política. É unha persoa dinámica e na Coruña desenvolve unha vida social moi intensa. Asiste a actos culturais, congresos, concertos, exposicións…, e adoita levar consigo un caderno de notas no que apunta cada dato ou curiosidade que lle poida ser útil para as súas investigacións. Como corresponde a unha intelectual da época era unha muller de carácter e tamén moi boa conversadora, que adoitaba tratar temas pouco habituais con certo aire transcendental. Non recorría especialmente ao humor, pero este manifestábase en forma de sutil ironía.
Xunto á lectura, as viaxes eran outra oportunidade de satisfacer a súa curiosidade. No AMC conservan as fotos que fixo nas viaxes por Europa e París na década de 1950, ademais de posteriores estadías en Oxford. Tamén se conservan os pequenos cadernos que usa nesas ocasións para levar anotadas as táboas de conversión de moedas, utilizalos a modo de diario ou para anotar os agasallos que quería comprar, que demostran que ademais de ser unha persoa organizada tamén era detallista.
Cómprenos destacar a importancia da rede de contactos que tece ao longo da súa vida (ao igual que toda a familia Martínez-Barbeito), xa que cultiva un bo número de amizades que a acompañan sempre e establece relacións coa intelectualidade da época, o que se reflicte na correspondencia conservada. Entre as súas amigas están Victoria Fernández España (Victoria Armesto), Mercedes Alsina Gómez Ulla, Mercedes Fernández España ou Pilar Menéndez Artuña. Tamén mantén correspondencia con Emilio González López, Luís Seoane ou Salvador de Madariaga. Parte dos seus contactos débense á estreita relación co seu irmán Carlos, co que tiña un vínculo especial e co que colaboraba compartindo, entre eles, datos e descubertas para as súas investigacións persoais. As estadías de Isabel na casa de Carlos a quen visitaba esporadicamente -primeiro en Barcelona e posteriormente en Madrid- achegárona aos círculos intelectuais destas cidades. Podemos mencionar, como exemplo, que Carlos foi un grande amigo de Federico García Lorca ata o seu asasinato e, a través del, a nosa protagonista coñecería a Isabel García Lorca e Laura de los Ríos Giner.
No caso de Salvador de Madariaga, a súa implicación persoal na doazón do seu arquivo ao Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses foi especialmente relevante xa que, tras uns primeiros contactos epistolares, Isabel viaxou a Oxford para tramitar persoalmente este tema. Nesa visita realizada no ano 1968 a conexión que se produce entre a bibliotecaria e o matrimonio Madariaga é tal que dá inicio a unha fonda e permanente amizade. Testemuña desta relación son as numerosas cartas que intercambiaron Isabel, Salvador e Emilia (Mimí) localizadas no AMC e nas que descubrimos a Isabel amable, capaz, sensible, con inquedanzas culturais e políticas e moi traballadora. O pasamento da súa nai en 1970 causa un
desánimo preocupante, en palabras de Mimí, que Isabel recoñece nunha carta de resposta na que se autodescribe como idealista e sensible, pero que
intenta razonar y ser realista. Tras o pasamento de Salvador, as dúas mulleres son apoio e sostén mutuo. Mimí faille saber a Isabel que considera a súa amizade
profundamente cimentada y espiritual, e agradece que sexa
generosa, afectuosa y fiele que a acompañe e console.
Atopamos tamén mostra da nobreza e compromiso de Isabel nos fondos da Real Academia Galega (RAG), onde se conservan cartas dirixidas en 1941 ao seu tío Marcelino Martínez Morás nas que lle pide que se interese por un amigo de xuventude encarcerado polo réxime franquista, Fernando Barros Pumariño, para axudar á familia a saber del.
Isabel faleceu o 15 de xuño de 2007 na Coruña.
Agradecementos
Esta pequena biografía pretende poñer en valor o inxente traballo de Isabel Martínez-Barbeito e achegarnos a ela como persoa. Isto é posible grazas ao seu legado documental e á xenerosidade da súa familia que, consciente da importancia dos seus fondos e para facilitar o seu acceso público, tras o pasamento de Isabel doa o seu arquivo persoal ao Arquivo Municipal da Coruña. En 1996 ela mesma e os seus irmáns fixeran o mesmo co arquivo persoal de María Barbeito, cedéndoo neste caso ao Arquivo do Reino de Galicia.
Quero agradecer ao persoal do Arquivo Municipal da Coruña a súa atención e, en especial, a Mariola Suárez a súa axuda e disposición para tecer rede. E, por suposto, grazas a Beatriz Martínez-Barbeito Manovel pola súa implicación e xenerosidade ao compartir comigo as súas lembranzas.
Fontes documentais
Arquivo Municipal da Coruña (AMC): Fondo persoal Isabel Martínez Barbeito Morás. [Chegou ao arquivo por doazón da familia tras o pasamento de Isabel. Está inventariado e accesible ao público a través de base de datos local. Composto de 21 unidades de instalación (caixas e arquivadores) nas que destacamos a numerosa correspondencia (con amizades e profesional), documentación privada (certificados, títulos), artigos e traballos de divulgación publicados en prensa, e fotografías do seu álbum persoal. Cartas con Salvador de Madariaga e Emilia Rauman Székely localizadas en C-11 e C-12].
Arquivo da Real Academia Galega (RAG): Recortes de prensa e correspondencia de Isabel Martínez-Barbeito (Depósito 1, Caixa 345 -1). [Na documentación figura carimbo de Andrés Martínez Morás y Soria].
Arquivo Histórico da Universidade de Santiago (AHUS): Expediente persoal da alumna Isabel Martínez-Barbeito (C-801/4); Libro de matrículas curso 1941-1942, Facultade de Filosofía e Letras (sinatura: F.U. A-679).
Bibliografía
Couceiro Freijomil, Antonio (1952): «Martínez Barbeito, Isabel». En: Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela: Editorial de los Bibliófilos Gallegos; II, 383.
González Catoira, Alfonso (1990): «Martínez-Barbeito y Morás, Isabel». En: Biografías coruñesas. A Coruña: Fundación Caixa Galicia; 409-412.
«Martínez-Barbeito y Morás, Isabel». En: Enciclopedia Gallega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, DL 2003; XX, 159.
Marco, Aurora (2007): «Martínez-Barbeito y Morás, Isabel». En: Diccionario de mulleres galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia; 266.
Pariente, Ángel (2003): Diccionario bibliográfico de la poesía española del siglo XX. Sevilla: Renacimiento. [Contén a relación de participantes no III Congreso de Poesía].
Como citar: Guitar Novo, Susana : Isabel Martínez-Barbeito. Publicado o 24/10/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2485. Recuperado o 08/11/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a Isabel Martínez Barbeito tras o pasamento de Salvador de Madariaga. . Ver Documento. Entrevista
«Isabel Martínez-Barbeito, secretaria del Instituto José Cornide: "La pérdida de Salvador de Madariaga significa para este país y para el futuro una dolorosa mutilización», La Voz de Galicia, (15 de decembro de 1978), 31.
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia
Entrevista a Isabel Martínez-Barbeito sobre o Arquivo e Biblioteca Municipal da Coruña. Ver Documento. Entrevista
Meijide, María Luisa: «Archivos y bibliotecas en la ciudad», La Voz de Galicia, (5 de agosto de 1971), 18-19.
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia
Artigo de Isabel Martínez-Barbeito sobre María Pita, José Cornide e Ramón de la Sagra. Ver Documento. Artigo
Martínez-Barbeito, Isabel (1967): «3 grandes coruñeses: María Pita, José Cornide, Ramón de la Sagra», Boletín de Información Municipal, A Coruña: Concello da Coruña, 19-21 (xaneiro-marzo de 1967), 19-21.
Fonte: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Accesible en http://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/verNumero.do?idNumero=374618 [Descarga: 2023-08-11]
Entrevista de Orestes Vara a Isabel Martínez-Barbeito sobre o Instituto de Estudios Coruñeses. Ver Documento. Entrevista
Vara, Orestes: «5 minutos de Charla: Isabel Martínez Barbeito y Morás», La Voz de Galicia, A Coruña, (20 de outubro de 1965), 7.
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia.
Artigos publicados en La Voz de Galicia por Isabel Martínez-Barbeito. Non se recollen neste documento os artigos compilados na monografía Notas de un archivo. Ver Documento. Artigo
Martínez-Barbeito, Isabel: «La biblioteca del Consulado en el 150 aniversario de su fundación», (6 de maio de 1953), 3; «La castellana de Lóngora», (04 de agosto de 1953), 8; «Santa Isabel de Portugal, peregrina», (8 de decembro de 1953), 9; «Una noche en Burgos», (29 de xuño de 1954), 7; «Vida entre ruinas», (30 de setembro de 1954), 6; «Otra moneda más de Girona», (18 de outubro de 1956), 4; «Desde el Museo: La Porciuncula, de Francisco Caro», (8 de outubro de 1957), 3; «Desde el Museo: El Conde Juan Mauricio de Nassau-Siegen», (19 de outubro de 1957), 6; «Desde el Museo: Fernán Pérez de Andrade, “O Bóo”», (10 de novembro de 1957), 3; «Desde el Museo: Un paisaje de Richard Parkes Bonnington», (1 de decembro de 1957), 7; «Desde el Museo: Vicente Caruncho y su obra», (14 de febreiro de 1958), 6; «Desde el Museo: Rubens en la mitología: “El laberinto de Creta”», (12 de abril de 1958), 3; «Desde el Museo: Morales, El Divino», (11 de maio de 1958), 10; «Desde el Museo: Retrato de Desconocido, de Tintoretto», (23 de xullo de 1958), 6; «Desde el Museo: Los pequeños Naturalistas», (9 de decembro de 1958), 7; «En torno a una Exposición», (7 de xullo de 1963), 8.
Fonte: La Voz de Galicia. Hemeroteca.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Obras de Isabel Martínez-Barbeito. . Ver Documento
Bibliografía de Isabel Martínez-Barbeito, elaborada por Susana Guitar Novo.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
Artigo de Carlos Fernández en La Voz de Galicia no que se salienta o papel de Isabel Martínez-Barbeito como bibliotecaria municipal. Ver Documento. Artigo
Fernández, Carlos: «El frágil subsuelo de la Pescadería», La Voz de Galicia, (15 de febreiro de 2009), L10.
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia.
Neste artigo, Boboró inclúe a Isabel Martínez-Barbeito no que el denomina
grupo de mujeres sabias de Marineda, xunto coa xornalista Victoria Armesto e as pintoras María Antonia Dans e Elena Gago . Ver Documento. ArtigoBorobó: «La falda corta», La Voz de Galicia, (21 de xuño de 1983), 34.
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia
La Voz de Galicia recolle as conclusión do informe sobre a capitalidade de Galicia, no que participou Isabel Martínez-Barbeito. Ver Documento. Artigo
«Según un informe encargado por el Ayuntamiento. La capitalidad de Galicia le corresponde exclusivamente a La Coruña, por derecho histórico acreditado», La Voz de Galicia, (19 de abril de 1978), 23.
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia.
Neste artigo, Victoria Armesto relata unha viaxe a Ferrol con Isabel Martínez-Barbeito para visitar a Xohana Torres. Ver Documento. Artigo
Armesto, Victoria: «O espello na man: Xohana Torres», La Voz de Galicia, (14 de maio de 1972)
Fonte: Hemeroteca de La Voz de Galicia
Isabel Martínez-Barbeito é mencionada neste artigo de Carlos Almendares, xunto con Chamoso Lamas e Bugallal Marchesi, como unha
de las más entusiastas persoanalidades del quehacer entrañable en torno al espírito definitorio de Galicia. Ver Documento. ArtigoAlmendares, Carlos: «Insistiendo, con perdón», La Región: diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos, 18406 (19 de marzo de 1969), 21.
Fonte: Biblioteca da Deputación de Ourense / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000380386 [Descarga: 2023-08-14]
Artigo de Victoria Armesto sobre Isabel Martínez-Barbeito. Ver Documento. Artigo
Armesto, Victoria: «Una vida ejemplar», La Voz de Galicia, (20 de setembro de 1962).
Fonte: Hemeroteca La Voz de Galicia
Noticia sobre o nomeamento de Isabel Martínez-Barbeito como arquiveira e bibliotecaria do concello da Coruña. Ver Documento. Artigo
«Isabel Martínez Barbeito, archivera –bibliotecaria del Ayuntamiento», La Voz de Galicia, (7 de maio de 1960), 8.
Fonte; Hemeroteca La Voz de Galicia
O xornal La Noche recolle a nova da publicación do catálogo do Museo Provincial de Belas Artes da Coruña, elaborado por Isabel Martínez-Barbeito. Ver Documento. Artigo
«Éxito de Isabel Martínez-Barbeito», La Noche : único diario de la tarde en Galicia, 11521 (21 de febreiro de 1958), 2.
Fonte: Galiciana. BIblioteca Dixital de Galicia.
Isabel Martínez-Barbeito no Diccionario bio-bibliográfico de escritores de Couceiro Freijomil. Ver Documento
Couceiro Freijomil, Antonio: «Martínez Barbeito, Isabel». En Couceiro Freijomil, Antonio: Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1952; II, 383.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Expediente persoal de Isabel Martínez-Barbeito. Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Filosofía e Letras. 1934-1941. Ver Documento. Expediente
Fonte: Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS)
Fondo Universitario, Expedientes Persoais.
Ligazóns de interese
Lembranza de Isabel Martínez-Barbeito, por Ángel Padín, en La voz de Galicia
Padín, Ángel: «Isabel Martínez-Barbeito», La Voz de Galicia, (5 de xullo de 2007).
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2007/07/05/isabel-martinez-barbeito/0003_5957928.htm [Consulta: 2023-08-10]
Noticia en La Voz de Galicia sobre o falecemento de Isabel Martínez-Barbeito
«Falleció a los 89 años Isabel Martínez-Barbeito, ex archivera municipal», La Voz de Galicia, (16 de xuño de 2007)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2007/06/16/fallecio-89-anos-isabel-martinez-barbeito-ex-archivera-municipal/0003_5901842.htm [Consulta: 2023-08-10]
Nova sobre a presentación do informe de reivindicación da Coruña como capital de Galicia, no que participou Isabel Martínez-Barbeito
«Un informe documental para reivindicar la capitalidad de Galicia», Boletín de información municipal, 151-156 (xaneiro de 1978), 13
Fonte: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés / Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia.
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/verNumero.do?idNumero=374640 [Consulta: 2023-08-11]
Acceso en liña ao artigo «La Coruña, en el Congreso de Municipios», Boletín de información municipal, 25-30 (xullo de 1967), 23
Fonte: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés / Galiciana.
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/verNumero.do?idNumero=374620 <[Consulta: 2023-08-14]
Entrada biobibliográfica de Isabel Martínez-Barbeito na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Isabel_Mart%C3%ADnez-Barbeito [Consulta: 2023-08-10]
Acceso en liña ao Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses
Fonte: : https://www.coruna.gal/ijcec/es/el-instituto/historia [Consulta: 2023-08-11]
Arquivo Municipal da Coruña, acceso en liña
Fonte: https://www.coruna.gal/web/gl/concello/administracion/arquivo-municipal/os-servizos?argIdioma=gl [Consulta: 2023-08-11]
María Barbeito no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte. Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
«Recortes de prensa e correspondencia de Isabel Martínez Barbeito» no Arquivo da Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.
Isabel Martínez-Barbeito recibiu un diploma de colaboración no acto de inauguración da Biblioteca na Escuela Da Guarda
«En la Escuela da Guarda. Inauguración de una biblioteca», El Ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 3365 (23 de novembro de 1928 novembro),1.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/verNumero.do?idNumero=270719 [Consulta: 2023-08-17]
Biobibliografía de Andrés Martínez Salazar no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia.
Audios
Fragmento da entrevista de Constantino Cabanas a José Prat sobre Salvador de Madariaga, na que participa Isabel Martínez-Barbeito. RNE, 1 de xullo de 1986

















