Leonardo Coimbra
Borba de Godim, 1883 - Porto, 1936Autoría: Patricia Arias Chachero
Pensador e político portugués, símbolo da comuñón galeguista con Portugal nos anos 20
O filósofo, pedagogo, pensador e excelente orador Leonardo Coimbra entrou en contacto cos homes de Nós a comezos dos anos 20. Para Risco e os seus compañeiros, se Ortega y Gasset representaba o pensamento castelán e Eugenio d'Ors o catalán, Coimbra facía o propio co galego-portugués.
Leonardo José Coimbra naceu o 30 de Nadal de 1883 en Borba de Godim, unha pequena aldea próxima a Amarante. Estudou nos Xesuítas, na Escola Naval de Coimbra e na Academia Politécnica do Porto onde se matriculou en Letras, especialidade que remataría na Universidade de Lisboa. Comezou a súa tarefa docente impartindo aulas nun instituto do Porto pero non tardaría en aceptar unha praza de profesor de Metodoloxía das ciencias e Filosofía na Universidade da mesma cidade.
En 1907 funda a revista Nova Silva de tendencia anarquista e de orientación reformista libertaria e, un ano despois, participa na fundación da Sociedade dos Amigos do ABC coa que procurou combater o analfabetismo. A intensa actividade social e cultural daqueles anos, levarano a formar parte do grupo político-literario Seara Nova no que coincide con Jaime Cortesão, Gil Ferreira, Correia de Sousa e Rodrigo Solano. En 1912 participa na creación da Renascença Portuguesa que terá como principal mentor a Teixeira de Pascoaes, e en cuxo órgano de expresión, a revista A Águia, colabora de forma continuada. Nese mesmo ano, 1912, presenta a súa tese de doutoramento, na que define un novo sistema filosófico, o Criacionismo.
Republicano convencido, en 1913 afiliouse ao Partido Republicano Portugués e entrou na masonería. Foi dúas veces Ministro de Instrução Pública, en 1919 e entre novembro de 1922 e xaneiro do 23. Desde este posto traballou con firmeza e determinación pola educación dos portugueses, fundou as Escolas Primárias Superiores e a Facultade de Letras de Porto onde exerceu como profesor desde 1919 a 1931.
A primeira mostra da relación de Leonardo Coimbra cos homes de Nós atopámola o 30 de decembro de 1920, no terceiro número da revista, en cuxas páxinas se publica unha carta dirixida a Vicente Risco na que o portugués acusa recibo e loa o primeiro número da publicación. Pouco despois, o 21 de xaneiro de 1921, na sección “Os homes, os feitos, as verbas” os galegos acusan ter recibido a revista A Águia. No sexto número (20-VIII-1921), na mesma sección, infórmase da recepción do terceiro e cuarto número da Revista da Facultade de Letras da Universidade do Porto e indícase que á fronte da redacción da revista
áchase o nóso amigo o eminente pensador Leonardo Coimbra.
No número 7 (25-X-1921), nun artigo non asinado titulado «A embaixada espiritual de Leonardo Coimbra», fálase da visita do intelectual portugués acompañando ao Orfeón de Porto á cidade da Coruña a comezos do mes de setembro dese ano. Parece que o vínculo entre os galeguistas e Coimbra estreitouse especialmente a raíz desta visita pois desde ese momento e segundo informa en Nós, Coimbra será o encargado de informar ao público galego do movemento literario portugués. Sinálase ademais, que tanto A Águia como a Revista da Facultade de Porto informarán puntualmente sobre as publicacións e o movemento cultural galego. Entre as sesenta e cinco persoas que formaban aquela delegación, estaban o escritor dramático Carvalho Barbosa, o catedrático da Escola de Comercio do Porto e director do Orfeón Raul Casimiro, o profesor Díaz Pereira da Escola Académica, os pintores Rebelo Junior e João Peralta, o poeta Alexandre de Córdova e o caricaturista Octávio Sérgio. Deron concertos na Praza de Touros, no Teatro Rosalía de Castro, no Circo de Artesanos e Coimbra pronunciou unha conferencia. A ocasión permitiu selar publicamente un pacto de irmandade entre Galicia e Portugal.
A seguir, no mesmo número que estamos comentando, aparece un interesante artigo, tamén sen asinar, titulado «Leonardo Coimbra e o criacionismo» no que se explica o sistema filosófico do pensador portugués. Nese mesmo número, na sección «Os homes, os feitos, as verbas» atopamos unha breve recensión do poemario Adoração (cánticos de amor) de Leonardo Coimbra, asínao V. R., evidentemente Vicente Risco, un dos intelectuais cos que Leonardo Coimbra manterá maior relación.
A mediados dos anos 20, abandonou o Partido Republicano Portugués e ingresou no Movimento de Esquerda Democrática. O xiro supuxo a definitiva saída de Leonardo Coimbra da vida pública no terreo do político. Pedagogo militante, continúa interesado na educación da sociedade e na cuestión relixiosa no ensino.
Os galeguistas volveron cadrar con Coimbra, daquela un home moi coñecido e respectado en Portugal, meses antes da súa morte, na Semana Galega que o Seminario de Estudos Galegos organizou no Porto entre o 30 de marzo e o 7 de abril de 1935. Naquela ocasión, os galegos, entre os que se atopaban Risco, Otero, Castelao, Filgueira Valverde e Xaquín Lorenzo, tiveron a oportunidade de escoitalo nunha conferencia pronunciada o 2 de abril que titulou «Evocação da Galiza [ou Evocação de Rosalía de Castro]».
A finais dese ano, tivo un accidente automobilístico e falecería tres días despois, o 2 de xaneiro de 1936, no Porto. Poucos días antes convertérase ao catolicismo, casara pola igrexa e bautizara ao seu fillo.
OBRA
O criacionismo: esboço de um sistema filosófico (1912)
A morte(1913)
O pensamento criacionista (1915)
A alegría; a dor e graça (1916)
A luta pela imortalidade (1918)
Adoração: cánticos de amor (1921)
Do amor e da morte (1922)
Guerra Junqueiro (1923)
Como citar: Arias Chachero, Patricia : Leonardo Coimbra. Publicado o 11/8/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26770. Recuperado o 16/06/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Mesa redonda «As relacións Galicia-Portugal». Ver Documento
Este documento recolle a transcrición realizada por Amancio Liñares da mesa redonda celebrada dentro do marco do I Encontro Universitario do Noroeste Peninsular celebrado na Facultade de Xeografía e Historia da USC en 1983.
O contido transcribe unha mesa redonda de outono de 1983. O artigo «As relacións Galicia-Portugal, a debate» abranguía na publicación orixinal da páxina 467/59 (non numerada) á 476/68 e contiña na páxina 471/63 unha viñeta humorística do debuxante Siro, asinada no ano 84, na que dous homes vestidos de traxe con puro nas mans ollan un para o outro, un cunha bandeiriña que di Celta pensando ¡Cascarilleiro! en alusión ao outro, e reciprocamente o segundo cunha bandeiriña que di Deportivo pensando ¡Portugués! polo primeiro. O debuxo ía co pé de foto en tipografía impresa «Relacións Galicia-Portugal». Existe a gravación sonora correspondente no ASG, Col. Amancio Liñares, signatura ANMI—XUN/98. Nótese que a intervención de Ramón Villares no inicio da versión textual non está recollida no documento sonoro.
Baixo o título «As relacións Galicia-Portugal, a debate» o artigo impreso publicouse case un ano máis tarde na revista Encrucillada n.º 40 (novembro-decembro de 1984, pp. 59-68).
Portada e sumario de A Águia. Órgão da Renascença Portuguesa. Ver Documento. Páxina de prensa
Fonte: Biblioteca Nacional de Portugal
«Prosas de Risco: Leonardo Coímbra en Madrid» / «Ante la pizarra». Ver Documento. Páxina de prensa
Artigo de Vicente Risco sobre a estancia madrileña de Leonardo Coimbra, nunha páxina que entre outras pezas tamén inclúe o escrito titulado «Ante la pizarra» de Ben-Cho-Sey datado en 5/2/1922.
Fonte: La Zarpa (11/2/1922) vía Galiciana
«Adoraçao».- «Cánticos de amor», por Leonardo Coimbra. Ver Documento. Páxina de prensa
Artigo repasando a obra de Leonardo Coimbra asinado por J.Q
Fonte: El Correo Gallego vía Galiciana
Ligazóns de interese
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Biografía de Leonardo Coimbra, na web do Instituto Camões
Videos
Reflexões sobre a “Renascença Portuguesa” lançadas na U. Porto
A “Renascença Portuguesa”. Pensamento, Memória e Criação é uma coletânea de comunicações apresentadas no congresso internacional homónimo que, em 2012, assinalou o primeiro centenário da criação daquele movimento cultural português, nascido em 1912, no Porto, pela mão de pensadores e autores como Jaime Cortesão, Raul Brandão, Teixeira de Pascoaes ou Leonardo Coimbra. O mais recente volume publicado pela U.Porto Edições foi oficialmente apresentado às 18 horas do dia 22 de fevereiro, numa sessão que decorreu na Biblioteca do Fundo Antigo da Reitoria da U. Porto. Arnaldo Saraiva Professor Emérito da Universidade de Porto
Referencias bibliográficas
- SOEIRO, Teresa (2016): «Galiza no Porto: evocação da Semana Cultural Galega de 1935» Portvgalia, Porto, Nova Série, vol. 37, pp. 89-129.