Ángel Rodulfo
Baiona (Pontevedra), 11/ 2/1880 - Vigo (Pontevedra), 28/11/1956Autoría: Javier Jurado
Entre a mística e a música
esquecidosque, no entanto, merecen un estudo rigoroso. No seu caso, e aínda que non chegou a ser un compositor de primeira fila, desenvolveu unha ampla actividade musical, tanto no ámbito compositivo como no docente, digna de mención.
Ángel Rodulfo González naceu na parroquia de Santa María de Baiona o 11 de febreiro de 1880 e foi bautizado na igrexa parroquial o día 19 do mesmo mes. Na súa partida de bautismo consta que os seus pais foron Romualdo Ricardo Rodulfo e Elisa González, naturais da vila de Baiona. Realizou estudos elementais no colexio que fundou nesta vila Manuel Misa y Bertemati, conde de Baiona e marqués de Misa.
A súa vocación sacerdotal levouno a continuar os seus estudos no seminario de Tui. Desde o seu ingreso e durante os anos da súa carreira eclesiástica, estudou alí solfexo e órgano, primeiro, baixo a dirección de José Basadre List, mestre de capela e organista da catedral de Tui e, posteriormente, co sucesor deste mesmo cargo, Marcelino Lozano, quen o iniciou tamén na harmonía.
O 6 de xuño de 1903 foi ordenado presbítero aos vinte e tres anos de idade. Para entón, completara os seus estudos musicais de harmonía e composición co distinguido músico vigués Francisco R. Núñez, primeiro premio de piano e composición do Real Conservatorio Nacional de Música e un dos protectores iniciais da sociedade recreativo-musical viguesa La Oliva. Posteriormente, trasladouse a San Sebastián para ampliar e perfeccionar os seus estudos musicais e alí, na antiga academia da Casa Erviti, examinouse de harmonía e composición e acadou as máximas cualificacións.
Tan só un ano despois volveu á súa Baiona natal, onde foi nomeado coadxutor na Colexiata. A este cargo sucederíanlle outros: capelán do hospital Sancti Spiritus (desde 1904 até 1911), capelán administrador deste (até 1916) e capelán do hospital Elduayen de Vigo.
Independentemente das súas responsabilidades relixiosas, Rodulfo participou de xeito activo na vida cultural da cidade. Comezou a desenvolver tanto a súa carreira compositiva como o seu maxisterio musical, impartindo clases a influentes personalidades da sociedade baionesa. Froito dese labor é unha obra de tipo didáctico composta para dúas das súas alumnas, coñecidas como “Las Gemelitas de Casal” (María del Carmen e María Teresa), fillas da familia Casal del Rey, para as que compón unha Pequeña Serenata para piano a cuatro manos, con data de 26 de outubro de 1912.
Nesta época, o compositor protagonizou un grande éxito coa creación do apropósito lírico La Virgen de la Roca, que chegou a ter unha gran repercusión non só na vila de Baiona senón tamén en Madrid, onde sería interpretado no Teatro Real perante a raíña Victoria Eugenia, e, incluso, en Latinoamérica.
Trátase dunha obra composta
a propósitoda construción que levaría este mesmo nome —únha das máis emblemáticas da cidade— e que derivou dun feito transcendental na vida da localidade: a chegada da luz eléctrica o sábado 31 de outubro de 1908. O acto de colocación da primeira pedra do monumento tivo lugar dous anos máis tarde nunha gran cerimonia celebrada o domingo 18 de setembro, que significou a estrea da obra de Ángel Rodulfo.
La Virgen de la Roca é a peza deste compositor que obtivo maior repercusión, polo que ofrece un enorme interese para entender a importancia da súa figura e o contexto no que se desenvolveu a súa carreira.
Ao pouco de instalarse en Vigo, a onde se trasladara en 1916 como capelán do hospital Elduayen, foi requirido polo párroco da igrexa de Santiago de Vigo, Argimiro Martínez, como organista e mestre de capela. Rodulfo seguiu a exercer como organista nesta igrexa durante bastantes anos, até ben entrados os anos vinte e incluso na década seguinte, xa que en 1934 compuxo o himno desta parroquia e en 1939 estreou alí a súa Misa de Réquiem.
En 1919, foi nomeado capelán dos Irmáns Maristas de Vigo. Durante a súa estancia nesta cidade compatibilizou a súa dobre vocación coa docencia, outra constante na súa vida. No curso 1919-1920 formou parte do corpo de profesores do colexio cívico militar de María Auxiliadora, unha das institucións docentes de maior prestixio durante decenas de anos, xunto a vigueses moi influentes no seu tempo.
Ao termo da Guerra Civil, Rodulfo impartiu aulas no colexio Mezquita, dirixido, igual que o anterior, por un militar. No seu expediente persoal figura unha instancia de novembro de 1940, na que solicita os permisos pertinentes para dar clases de Relixión nos cursos terceiro, cuarto e quinto no colexio de Daniel Mezquita.
Alén de compoñer, dar clases e exercer como instrumentista, Rodulfo colaboraba tamén na prensa con diversos artigos sobre temas musicais, principalmente nas páxinas de Faro de Vigo. En maio de 1925 publicou o artigo Acerca del Himno Gallego, no que honra ao seu mestre Francisco R. Núñez, daquela xa desaparecido, onde reivindica para el a autoría dun himno galego que no seu día puido ter chegado a constituírse no oficial desta comunidade. Tempo despois, en 1933, publicou unha interesante serie sobre arte sacra-musical composta por cinco artigos que aparecen tamén nese mesmo periódico.
Como compositor adquiriu xusta fama no seu tempo e, ademais de consolidar o seu prestixio nese ámbito, Rodulfo foi considerado un excelente pedagogo musical; impartiu clases particulares de música desde moi novo e chegou a formar intérpretes avezados como, por exemplo, a viguesa María del Carmen González Feijóo. Entre as súas múltiples actividades no campo musical podemos salientar que fundou unha capela que levaba o seu nome (capela Rodulfo) e que tamén dirixiu o coro de voces brancas Lar, que tiña no seu repertorio moitas das súas pezas.
Entre 1951 e 1952, Ángel Rodulfo publicou as súas tres coleccións de Cantos populares de Galicia, armonizados y adaptados para piano con letra. Con elas o compositor sitúase claramente dentro da corrente do galeguismo tradicionalista, dado que se cinxe aos xéneros que o antedito movemento sinalara como pertinentes para expresar a etnicidade galega (alalás, muiñeiras, foliadas, etc.).
As dúas primeiras coleccións publicáronse en 1951 e a terceira en 1952, apenas un ano despois. Todas elas foron editadas por Manrique Villanueva e rexistradas na SGAE. Estas recompilacións tiveron certa difusión, xa que existen exemplares catalogados na Biblioteca Nacional e no Arquivo Histórico Diocesano (Fondo do Seminario de Vigo). Os exemplares da primeira e da segunda colección localizados están dedicados da súa propia man a músicos achegados a el.
Pouco despois, en 1953, Ángel Rodulfo publicou unha pequena colección na que reunía catro das súas obras, con data de composición probablemente moi anterior á da súa publicación. En Refrexos d’a Terra, cuatro composiciones gallegas sobre antiguos temas populares para coro a cuatro voces blancas, incluíu o Romance de Santa Irene, o arrolo O meniño chora moito, a Pandeirada de Caldas e a muiñeira Miña Virxen d’a Peneda. Para a composición destas obras Rodulfo non utilizou o texto completo, senón que realizou unha selección dos versos que máis se axustaban aos seus fins musicais.
Por outra banda, numerosas noticias de prensa amosan a súa actividade á fronte de agrupacións viguesas, incluso en datas relativamente próximas á súa morte. Así, Lar actuou para o arcebispo de Santiago de Compostela, Fernando Quiroga Palacios, en sesión privada e, posteriormente, para o público santiagués en xuño de 1954. Porén, a partir dese mesmo ano, comezou a declinar a súa actividade e chegou a solicitar dispensa ao bispo ao non poder permitírselle ler nin escribir por prescrición facultativa a causa dunha afección cardíaca.
Finalmente, Ángel Rodulfo faleceu no seu domicilio do Paseo de Alfonso XII de Vigo o 28 de novembro de 1956 aos setenta e seis anos de idade, tras máis de catro décadas compaxinando o seu ministerio sacerdotal coa creación musical. Descoñecemos a causa do falecemento, dado que no certificado de defunción aparece riscado este parágrafo. O seu corpo foi trasladado a Baiona, onde recibiu sepultura no cemiterio municipal da vila.
Fontes
Arquivo Histórico Diocesano de Tui.
Arquivo Parroquial de Santa María de Baiona.
Arquivo Parroquial de Santiago de Vigo.
Arquivo de Gerardo González Martín.
Bibliografía
Barreiro, José María (1910): La Virgen de la Roca. Apropósito lírico en tres cuadros y en verso. Vigo: Imprenta La Nueva Prensa.
Barreiro Troncoso, Héctor (1994): «Rvdo. D. Ángel Rodulfo González, maestro de capilla y organista de las Colegiatas de Bayona y Vigo», documento mecanografado. Biblioteca Pública de Baiona, Fondo local: BA-78/ROD/rev.
Carreira, Xoán Manuel (1999-2002): «Rodulfo González, Ángel». En Casares Rodicio, Emilio (ed.): Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana, 9:321. Madrid: ICCMU.
Fernández-Cid, Antonio (1975): Cien años de teatro musical en España (1875-1975). Madrid: Real Musical.
Jurado Luque, Javier; Reinero González, María (2014): La Virgen de la Roca. Apropósito lírico-dramático en un acto y tres cuadros. Libro de José María Barreiro. Música de Ángel Rodulfo. Madrid: IdeaMúsica.
Rodulfo González, Ángel (2021): Melodías galegas (ed. crítica de Javier Jurado Luque). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Rodulfo González, Ángel; Barreiro, José María (s.f.): La Virgen de la Roca. Apropósito lírico en tres cuadros. Reducción para canto y piano. Madrid: Ed. Ildefonso Alier.
Trillo, Joám; Villanueva, Carlos (1987): La música en la Catedral de Tui. A Coruña: Deputación Provincial.
Varela de Vega, Juan Bautista (1974-2000): «Rodulfo González, Ángel». En Otero Pedrayo, Ramón (ed.): Gran Enciclopedia Gallega 27: 69. A Coruña: Novos Vieiros.
Como citar: Jurado, Javier : Ángel Rodulfo. Publicado o 20/12/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27882. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Ángel Rodulfo: Melodías galegas. Edición de Javier Jurado Luque; notas introdutorias de Javier Jurado e María Reinero. Ver Documento. Libro
Rodulfo, Ángel: Melodías galegas. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2021.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Artigo de Xoán Manuel Carreira sobre Ángel Rodulfo.
Carreira, Xoán Manuel (1999-2002): «Rodulfo González, Ángel». En Casares Rodicio,, Emilio (ed.): Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana. Madrid: UCCMU, 9, 321
Fonte: Carreira, Xoán Manuel (1999-2002): «Rodulfo González, Ángel». En Casares Rodicio,, Emilio (ed.): Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana. Madrid: UCCMU, 9, 321
Estudo de Xulio Cuns sobre o
Apropósito, xénero ao que pertence a composición de Álgel Rodulfo La Virgen de la Roca. Ver Documento. ArtigoCuns Lousa, Xulio: «A propósito do Apropósito», Anuario Brigantino, 22 (1999), 463-484.
Fonte: Anuario Brigantino
https://anuariobrigantino.betanzos.net/
O xornal compostelán La Noche informa da morte de Ángel Rodulfo. Ver Documento. Artigo
«Falleció el maestro Rodulfo, compositor, director y organista», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 11141 (29 de novembro de 1956), 7.
Biblioteca de Galicia / Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Anaco» de Borobó sobre a actuación do coro de voces brancas Lar, dirixido por Rodulfo. Ver Documento. Artigo
Borobó: «Anacos: Voces blancas en el vacío», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 10399 (29 de xuño de 1954), p 1
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/
Presentación en Vigo da coral polifónica feminina Lar, dirixida por Ángel Rodulfo. Ver Documento. Artigo
Rodher, Dámaso: «Presentación de la coral polifónica femenina viguesa», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 9699 (8 de abril de 1953), 6.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información en Vida gallega sobre a publicación das composicións de Ángel Rodulfo Saudades d'alborada e Sin niño. Ver Documento. Artigo
«Música gallega», Vida Gallega: ilustración regional, 410 (20 de abril de 1929), 8.
Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/
Noticia da estrea nas festas de Baiona de La Virgen de la Roca, apropósito lírico con libreto de José María Barreiro e música de Ángel Rodulfo. Ver Documento. Artigo
«Fiestas en Bayona», El Diario de Pontevedra: periódico liberal, 7906 (16 de setembro de 1910), 2.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/
Crónica do festival celebrado en Santiago de Compostela a prol do monumento da Virxe da Roca, no que se interpretou o apropósito La Virgen de la Roca de José María Barreiro e Ángel Rodulfo. Ver Documento. Artigo
«Para la Virgen de la Roca: hermoso festival», El Eco de Galicia: diario católico é independiente , 1472 (10 de xuño de 1911), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia/ Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/
Anuncio da publicación de «Lembranzas», composición para piano de Ángel Rodulfo. Ver Documento. Artigo
«Música gallega», Galicia revista semanal ilustrada, 24 (11 de xuño de 1910), 5.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Acceso en Dialnet á tese de doutoramento José Fernández Vide (1893-1981): Estudio, catalogación y edición de su obra, de Javier Jurado Luque
Fonte: Dialnet. Universidad de La Rioja.
https://dialnet.unirioja.es/
Artigo de Luis María Salgado Sáenz sobre as funcións para recadar fondos a prol do monumento da Virxe da Roca, en «Caldas de Reis y Salgado»
Fonte: Caldas de Reis y Salgado
https://caldasdereisysalgado.wordpress.com/
«La música que
Fonte: Faro de Vigocincelóla Virgen de la Roca», artigo de D. Vázquez na edición dixital de Faro de Vigo. (5 de outubro de 2010)
Doazón á biblioteca de Baiona dun exemplar da obra La Virgen de la Roca
Fonte: Tele Mariñas
www.telemarinas.com
Postal Sonora de Baiona, co Preludio do apropósito lírico La Virgen de la Roca de Ángel Rodulfo, interpretado por Alejo Amoedo
Fonte: web Ría de Vigo e Baixo Miño.
https://riadevigobaixomino.gal/
Acceso ao rexistro catalográfico de La Virgen de la Roca: apropósito-lírico en tres cuadros y en verso, libro de José María Barreiro e música de Ángel Rodulfo
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia. https://biblioteca.galiciana.gal/
Acceso en liña á tese de doutoramento de Javier Jurado A lenda de Montelongo: a zarzuela galega como manifestación cultural multidisciplinar na conformación do nacionalismo galego
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
http://hdl.handle.net/2183/7348
Videos
Sin niño: letra, Rosalía de Castro; música, Ángel Rodulfo. Interpretado por Javier Franco, barítono; Borja Mariño, piano
Vídeo da interpretación de Sin niño por Javier Franco, barítono; Borja Mariño, piano
Fonte: Youtube
Libros do ccg sobre Ángel Rodulfo
Melodias galegas.
2021 | Ángel Rodulfo, Música. Composición.















