Xosé Manuel Rodríguez Pampín
Melide (A Coruña), 15/ 6/1940 - Melide (A Coruña), 4/6/1997Autoría: Ana Abad de Larriva
Sacerdote católico, docente, ensaísta, dramaturgo, narrador e tradutor galeguista
Os avós, pais e irmáns de Xosé Manuel seguiron o vínculo coa venda de aceite e de ultramarinos, non así Xosé Manuel, quen aos dez anos entrou a estudar no Seminario de Santiago de Compostela e posteriormente se trasladou á Universidade Pontificia de Comillas, onde se licenciou en Teoloxía.
Impartiu a materia de Relixión en varios institutos galegos, entre eles, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela e o Instituto Mixto de Monelos, na Coruña. Neste último foi profesor do xornalista e escritor Manuel Rivas, tal e como este recolleu no seu libro As voces baixas, no que lembraba como Rodríguez Pampín lle facilitara ás agochadas un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao. Foi un convencido e destacado galeguista, algo que se reflectiu tanto no seu labor como sacerdote, como no de profesor, e tamén no de escritor e tradutor. No eido relixioso, foi un gran defensor da liturxia en galego e promoveu a tradución da Biblia. Por ese traballo, no ano 1990 foi merecedor, xunto con José Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do Premio Nacional de Tradución. Participou tamén na tradución ao galego d’A Biblia dos nenos, de A.M. Cocagnac e Rosemary Haughton, e foi o autor da versión galega d’O Evanxelio dos nenos, de Harold Wistone. Ademais, elaborou varios ensaios con temática eclesiástica, como Nova concencia na igrexa galega, que levaba prólogo do monseñor Miguel Anxo Araúxo, ou Pro e contra da liturxia en galego: historia dunha polémica, escrito en coautoría con Manuel Caamaño. Todos estes volumes foron publicados pola editorial de pensamento cristián SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos).
As páxinas da publicación Encrucillada: Revista de pensamento cristián acolleron diferentes escritos seus, non só arredor de cuestións relixiosas, como a liturxia en galego ou a
desfuncionalización da eucaristía, senón tamén culturais, vinculadas sempre con Galicia, como artigos arredor da figura e da obra de Manoel Antonio ou Fermín Penzol ou sobre o refraneiro galego.
Foi impulsor da reedición, no ano 1978, do volume Terra de Melide, publicado orixinalmente no ano 1933 polo Seminario de Estudos Galegos. No prólogo que Xosé Filgueira Valverde fixo a esa segunda edición dedicou un parágrafo ás persoas que a promoveron, e recolleu explicitamente o empeño de Xosé Manuel Rodríguez Pampín en sacala adiante.
Estivo vinculado á Agrupación Cultural O Facho da Coruña, coa que colaborou na impartición de cursos e na presentación de libros e na que tamén foi director de lecturas dramatizadas da Antígona de Jean Anouilh, na versión galega de Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Franco Grande, unha delas dirixida xunto a Andrés Rey e realizada o 2 de febreiro de 1970 no Circo de Artesáns da Coruña; de Arnold, a gatas, de Jules Feiffer, tamén no ano 1970, e da versión radiofónica galega feita por Ramón Lugrís d’O Santo Grial, de Nina Epton, en 1972.
A súa afección polo teatro víñalle xa dende a mocidade e nos anos setenta deuse a coñecer como autor dramático, sendo considerado dentro do
grupo de enlacee publicando na revista Grial as tres pezas dramáticas que se coñecen da súa autoría, que transforman e actualizan personaxes, temas e mitos clásicos, arredor de tres protagonistas femininas, Antígona, Ifixenia e Alcestes: Creón, Creón (no número 50, do ano 1975), Ifixenia non quere morrer (no 55, do ano 1977) e Alcestes, traxedia en dous actos e sete cadros (no 62, do ano 1978).
Outro xénero que cultivou foi a narrativa, escribindo contos que tamén se puideron ler nas páxinas de Grial, con especial interese na visión do mundo dende ou en relación á infancia: «O neno e o mar» e «O neno e os xuguetes», no número 29, do ano 1970; e «O neno, o vello e o encoro», «O neno fai un regalo», «O neno e as tesouras», «O neno e os raios X» e «¡Meu capitán!», no número 45, do ano 1974. Esta publicación tamén acolleu diferentes recensións de libros asinadas polo sacerdote.
Xosé Manuel Rodríguez Pampín faleceu o 4 de xuño de 1997 no seu Melide natal. Un ano despois, o Concello aprobou nun pleno municipal dedicarlle unha rúa do municipio, pero esta decisión non se executou ata finais do ano 2010. A rúa que se lle dedicou finalmente atópase a carón do C.E.I.P. Pastor Barral.
Agradecementos
Moitas grazas a Cristina Vázquez, do Museo da Terra de Melide, e a Ánxela López, cuñada de Xosé Manuel Rodríguez Pampín, polas súas contribucións.
Bibliografía
Amado Rodríguez, M.ª Teresa: «Ifixenia non quere morrer, de Rodríguez Pampín: A vitoria do poder feminino». En Ferreira Lopes et al. (org.): Narrativas do poder feminino. Braga: Publicações da Faculdade de Filosofia da Universidade Católica Portuguesa, 2012; 359-369.
Monterroso Devesa, Xosé María: Agrupación Cultural O Facho. Memoria 1963-1991. A Coruña: Papeis do Curro, 1991.
Caamaño Suárez, Manuel e Rodríguez Pampín, X.M.: Pro e contra da liturxia en galego: Historia dunha polémica. Vigo: SEPT, 1980.
López Vázquez, Ramón: «Memoria viva de Xosé Manuel Rodríguez Pampín». En Alonso Girgado, Luís (coord.): Homenaxe ó profesor Manuel Quintáns. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1999; 147-159.
Lourenço-Módia, Cilha: O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego (1967-1978) [Tese de Doutoramento]. A Coruña: Universidade, 2012.
Museo da Terra de Melide: «Persoeiros das Letras de Melide», museodaterrademelide.blogspot.com, (11 de maio de 2016).
Pedreira, Iria: «Antígona nun espléndido mundo novo: Reivindicando a Xosé Manuel Rodríguez Pampín», A que cheira, papá? Magazine Cultural Galego, (14 de novembro de 2021).
Rivas, Manuel: As voces baixas. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2012.
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Creón, Creón», Grial, 50 (outubro, novembro e decembro de 1975), 475-492.
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: Nova concencia na igrexa galega. Vigo: SEPT, 1975.
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Ifixenia non quere morrer», Grial, 55 (xaneiro, febreiro e marzo de 1977), 71-101.
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Alcestes», Grial, 62 (outubro, novembro e decembro de 1978), 434-452.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Xosé Manuel Rodríguez Pampín. Publicado o 19/6/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=28088. Recuperado o 13/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Soledá. Artigo-relato escrito por Xosé Manuel Rodríguez Pampín para a revista Grial . Ver Documento
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Soledá», Grial, 73 (xullo, agosto e setembro de 1981), 353-354.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Alcestes. Peza dramática de Xosé Manuel Rodríguez Pampín publicada na revista Grial, . Ver Documento
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Alcestes: traxedia en dous actos e sete cadros», Grial, 62 (outubro, novembro e decembro de 1978), 434-452.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Ifixenia non quere morrer. Peza dramática de Xosé Manuel Rodríguez Pampín publicada na revista Grial. Ver Documento
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Ifixenia non quere morrer», Grial, 55 (xaneiro, febreiro e marzo de 1977), 71-101.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Creón, Creón. Peza dramática de Xosé Manuel Rodríguez Pampín publicada no número 50 da revista Grial. Ver Documento
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Creón, Creón», Grial, 50 (outubro, novembro e decembro de 1975), 475-492.
Fonte: Editorial Galxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
O neno..., conxunto de cinco relatos publicados na revista Grial . Ver Documento
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «O neno...: O neno, o vello e o encoro; O neno fai un regalo; O neno e as tesouras; O neno e os raios X; ¡Meu capitán!», Grial, 45 (xullo, agosto e setembro do ano 1974), 337-339.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Recensión do libro Historia da literatura galega, de Francisco Fernández del Riego, escrita por Xosé Manuel Rodríguez Pampín e publicada na revista Grial. Ver Documento. Recensión
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Historia da Literatura Galega, por F. Fernández del Riego», Grial, 36 (abril, maio e xuño de 1972), 244-245.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Dous contos: O neno e o mar; O neno e os xuguetes, publicados na revista Grial, . Ver Documento
Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: «Dous contos: O neno e o mar; O neno e os xuguetes», Grial, 29 (xullo, agosto e setembro do ano 1970), 317-318.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de M.ª Teresa Amado Rodríguez, publicado no volume colectivo Narrativas do poder feminino, arredor da peza dramática de Xosé Manuel Rodríguez Pampín Ifixenia non quere morrer. Ver Documento. Artigo
Amado Rodríguez, M.ª Teresa: «Ifixenia non quere morrer, de Rodríguez Pampín: A vitoria do poder feminino». En Narrativas do poder feminino Fonte: Academia.edu
«Heráclito, Parménides e o Mixto de Monelos», artigo de Manuel Rivas, cun texto que despois formaría parte do seu libro As voces baixas, no que fai referencia a Xosé Manuel Rodríguez Pampín, que foi o seu profesor no Instituto Mixto de Monelos. Foi publicado na edición xornal El País o 15 de outubro de 2010. Ver Documento. Artigo
Rivas, Manuel: «Luces: Heráclito, Parménides e o Mixto de Monelos», El País, (15 de outubro de 2010).
Fonte: El País
Nova publicada no xornal El Pueblo Gallego que recolle información arredor do acto de entrega do galardón
Pedrón de Ouroa Francisco Fernández del Riego, que contou cunha misa oficiada por Xosé Manuel Rodríguez Pampín,en memoria dos galegos falecidos, que loitaron pola grandeza da terra. Ver Documento. Artigo«Entrega del
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.Pedrón de Ouroa F. Fernández del Riego», El Pueblo Gallego: rotativo de la mañana, 20638 (22 de maio de 1979), 9.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/
Recensión escrita por Manuel Torres Queiruga do libro Nova concencia na igrexa galega, de Xosé Manuel Rodríguez Pampín; publicada na revista Grial. Ver Documento. Recensión
Torres Queiruga, Andrés: «Nova conciencia da igrexa galega, por Xosé Manuel Rodríguez Pampín», Grial, 53 (xullo, agosto e setembro de 1976), 397-398.
Fonte: Editorial Galaxia. Hemeroteca da Revista Grial.
https://editorialgalaxia.gal/revista-grial/
Ligazóns de interese
Obra de ou arredor de Xosé Manuel Rodríguez Pampín listada no portal Dialnet, da Universidad de La Rioja
Fonte: Universidad de la Rioja. Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
«Antígona nun espléndido mundo novo: Reivindicando a Xosé Manuel Rodríguez Pampín», artigo de Iria Pedreira no blog A que cheira, papá? Magazine Cultural Galego, (14 de novembro de 2021)
Fonte: A que cheira, papá? Magazine Cultural Galego.
https://aquecheirapapa.com/
«Persoeiros das Letras de Melide», artigo publicado o no blog do Museo da Terra de Melide, (11 de maio de 2016)
Fonte: Museo da Terra de Melide.
http://museodaterrademelide.blogspot.com/
Acceso en liña á tese de doutoramento de Cilha Lourenço-Módia O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego: (1967-1978). Universidade da Coruña, 2012
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
http://hdl.handle.net/2183/10124
«Melide dedica unha rúa ao crego Xosé Manuel Rodríguez Pampín». Nova sobre a inauguración, a finais de 2010, da rúa dedicada a Xosé Manuel Rodríguez Pampín. El Progreso, (2 de xaneiro de 2011)
Fonte: El Progreso
https://www.elprogreso.es/gl/
Artigo biográfico sobre Xosé Manuel Rodríguez Pampín elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez para a sección «Lembranzas de Melide», do Centro de Estudios Melidenses do Museo da Terra de Melide
Fonte: Museo da Terra de Melide.
http://museodaterrademelide.blogspot.com
Artigos Xosé Manuel Rodríguez Pampín
RODRíGUEZ PAMPíN, X. (11/1976) [Imaxe da cuberta do libro | Teima. , 35.