Virxinia Pereira Renda
A Estrada, 19/ 10/1884 - Madrid, 1969Autoría: Ana Acuña
Protagonista dos comezos do nacionalismo
Talvez por casar cunha das personalidades galegas máis simbólicas, para reconstruír a vida de Virxinia Pereira é necesario seguir o percorrido vital do seu home e consultar os epistolarios propios e alleos. A presente biografía seguirá unha orde baseada nas palabras de Virxinia Pereira dedicadas a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e nas que, nunha carta de 1950 a Ramón Otero Pedrayo, alude á súa
vida, pasión e morte (...) a quen a mala fada non lle regateou ren en cuestión de padecimento.
Virginia Nicolasa María de Gracia Tomasa naceu na Estrada o 19 de outubro de 1884 no seo dunha familia numerosa: foi a sétima de sete mulleres e aínda nacerían tres homes. O seu pai, Camilo Pereira Freigenedo, procedía do Carballiño e acadou sona na Estrada como avogado defensor de causas complexas ademais dunha activa vida social e política. A súa nai, Peregrina Renda López, era natural de San Bartolomé (Pontevedra), se ben as súas orixes paternas estaban na Estrada. A educación de Virxinia Pereira e dos seus irmáns e irmás estivo dirixida polo pai a través dun mestre particular como corresponde a unha familia ben situada.
Unha das súas irmás maiores, ao casar, establecería a súa residencia en Compostela, onde a visitarían a miúdo as máis pequenas e onde coñecerían a Castelao. Segundo Teresa Castelao (Dourado Deira 1999), Daniel, antes de mocear con Virxinia, fora mozo da súa irmá Eva. A pesar desta circunstancia e de que a familia puido non ver con bos ollos o noivado, en 1912 Daniel e Virxinia contraeron matrimonio na Estrada.
A parella asenta en Rianxo. Alí Castelao exerce como médico xeral e nace o seu fillo Afonso Xesús de Praga en 1914. Dous anos despois, tras Castelao abandonar a medicina a consecuencia dun desprendemento de retina, a familia trasladarase a Pontevedra. Aquí, el traballa como funcionario no Instituto Xeográfico de Estatística e imparte clases de debuxo no Instituto. Para el estes son anos de intensa actividade creativa, social e política por toda Galicia: realiza exposicións, imparte mitins e conferencias, participa en faladoiros…. Con todo, para Virxinia comezan tempos de intensa preocupación pola delicada saúde do seu único fillo. Os desprazamentos na procura de aires favorables para o pequeno (Praceres, Cotobade...) e para os dolorosos tratamentos oftalmolóxicos de Castelao (Vigo) son constantes.
Virxinia Pereira perde o seu fillo o 3 de xaneiro de 1928, cando o neno tiña catorce anos. A viaxe pola Bretaña de marzo a agosto de 1928, acompañando a Castelao na procura de cruceiros, cabe entendela como unha fuxida na procura dunha certa paz interior. Esta primeira perda familiar e os sucesivos afastamentos de Galicia motivados polo desterro en Badaxoz e o levantamento militar, unirían a parella, consciente de que unha era a única familia do outro.
O levantamento contra a República e o inicio da guerra obrigan a Virxinia e a Castelao a compartir unha peregrinaxe por distintos lugares (Valencia, Barcelona, Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba, París...) e cunhas condicións económicas que ás veces chegaron á penuria. Como indica X. Alonso Montero (2012: 127)
para unha señorita de vila, de familia moi conservadora e de escasa instrucción, tivo que ser unha proba difícil acompañar a un home obrigado polas circunstancias a asumir tarefas e responsabilidades problemáticas en escenarios e tempos tan arriscados como a Guerra Civil e o exilio.
Precisamente neses periplos polo mundo, Virxinia colle o testemuño de Castelao e intervén en actos públicos dos que existe constancia de varias ocasións: en Nova York en 1938, ouen Uruguai en 1940. Mesmo substitúe ao seu home na homenaxe a Manuel Irujo celebrada en Arxentina (1948). Segundo Alfonso Fidalgo Pereira (1986), Virxinia era a primeira sorprendida ante a boa acollida das súas intervencións durante a vida e tras a morte de Castelao.
Exiliados en Bos Aires, Castelao é superado pola doenza e Virxinia exerce de abnegada enfermeira e confidente ata a morte del o día 7 de xaneiro de 1950. Fronte a algunhas opinións negativas sobre a influencia de Virxinia Pereira en Castelao e que, en todo caso mostran a súa forte personalidade, Ramón Otero Pedrayo considera que Virxinia é
digna de todo respecto (...) que foi a súa esposa leal, que foi ademais súa conselleira, e que foi o seu lazarillo que o acompañou sempre, que sempre compartiu con il as grandezas ias miserias ias fatigas da emigración io apartamento da terra, io apartamento da familia(1986: 46).
Os testemuños sobre as indicacións de Virxinia para que Castelao puidese debuxar cando as condicións da súa vista xa non llo permitían, redundan nesta idea de que a colaboración de Virxinia foi fundamental para a obra de Castelao durante a súa vida e despois da súa morte.
A viuvez provoca en Virxinia Pereira unha
especie de pequena rebeldía nacida dun gran doorque só se atreve a confesarlle ao
irmánOtero Pedrayo nunha carta datada en 1950. Rebeldía contra o esquecemento que supón a morte e contra o que tamén loitara Castelao. As palabras pronunciadas ao periodista L. R. de El Progreso (1968) insistindo na soidade e en ocuparse das cousas da casa e en non querer falar de política, talvez hai que entendelas nun sentido figurado, pois Virxinia non era unha muller apoucada. Mostra disto é que, na citada entrevista, anime ás mulleres a falar galego. Neste sentido manifestouse tamén Méndez Ferrín (2020) ao indicar que era militante e radical,
católica coma o seu home, e
capaz de asimilar o programa laicista.
Tras a enfermidade e morte de Castelao, pesa sobre Virxinia Pereira unha especie de morte social caracterizada por se sentir fóra do mundo dos vivos, en silencio e orfandade, como unha gaivota apresada e sen rumbo, a non ser as visitas aos
pagosda Chacarita onde xace Castelao, tal e como se recolle nas cartas a R. Otero Pedrayo de 1950 e 1958. Con todo, dona Virxinia é consciente da necesidade de conservar a memoria física e espiritual da persoa perdida e a casa compartida, o
faroliño, será o seu santuario, o refuxio onde perviven os recordos de Castelao.
Unha mostra máis desa rebeldía contra o esquecemento é a relacionada coas catro formas de atadura social que dona Virxinia expresa nas súas cartas con intelixencia e humor: 1. obriga ou deber da cidadá cara ao país de acollida (Arxentina), 2. compromiso ou obriga consciente coa obra e a figura de Castelao e con Galicia, 3. lealdade á comunidade galega na Arxentina e 4. a fidelidade a outros individuos (a Castelao e ás amizades).
Virxinia Pereira regresa á Terra en varias ocasións, pero nunca abandona Bos Aires porque alí repousaban os restos de Castelao. A súas viaxes, coa necesaria independencia económica, translocen unha emancipación política e persoal, unha maneira de
camiñar firme para seguir tirando da vida(carta a R. Otero Pedrayo de 1969), un modo de compartir a súa
dignidade e xenerosidade infinita(conversa con Noni Araújo, 2021) cos familiares e amizades que a acolleron cada verán.
Virxinia Pereira morre en Madrid o 23 de decembro de 1969. O seu corpo foi cuberto coa bandeira galega proporcionada polos madrigalegos que o acompañaron. Dende 1986 os seus restos e os do seu fillo, grazas á acción dos e das estradenses, descansan xuntos no cemiterio de Figueroa.
Agradecementos
Moitas foron as persoas con cuxos contactos, conversas e testemuños se foi conformando esta biografía. Por orde alfabética, queremos deixar constancia do noso agradecemento a Carmen Blanco Ramos, Gregorio Ferreiro Fente, Luís Ferro Pego, Manuel Pereira Valcárcel, Moncho Barreiro (e restante persoal da biblioteca do Campus de Pontevedra), Noni Araújo, Paco Pena Corbacho, Valentín García Gómez e Xesús Alonso Montero.
Como citar: Acuña, Ana : Virxinia Pereira Renda. Publicado o 30/6/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2992. Recuperado o 18/03/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Necrolóxica de Virxinia Pereira publicada en La Voz de Galicia. Ver Documento
Fonte: La Voz de Galicia, (24 de decembro de 1969), 23
Certificado de matrimonio de Virxinia Pereira e Castelao, celebrado na Estrada o 18 de outubro de 1912. Ver Documento
Fonte: Rexistro Civil da Estrada. Cortesía de Luís Ferro Pego
Partida de nacemento de Virxinia Pereira Renda. Ver Documento
Fonte: Rexistro Civil da Estrada. Cortesía de Luis Ferro Pego
Entrevista a Virxinia Pereira en El progreso . Ver Documento. Entrevista
Fonte:El progreso
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Localizacións xeográficas de Virxinia Pereira. Ver Documento. Artigo
Bibliografía e webgrafía selecta realizada por Ana Acuña. Ver Documento. Artigo
Lembranza de Virxinia Pereira no cincuenta cadobado. Ver Documento. Artigo
Fonte: Faro de Vigo, (10 de novembro de 2019). Tabeirós-Mntes, 13
Na última páxina do seu artigo «A Agrupación cultural O Galo», Xesús Sanxuás lembra a recepción de benvida a Virxinia Pereira, na estación de Santiago de Compostela. Ver Documento. Artigo
Sanxuás Formoso, Xesús: «A Agrupación Cultural O Galo», Terra e Tempo, 180 (2019), 90-97
Fonte: Consello da Cultura galega. Biblioteca.
Artigo de Ana Acuña sobre a correspondencia mantida entre Virxinia Pereira Renda e a familia de Ramón Otero Pedrayo. Ver Documento. Artigo
Fonte: FFERNÁNDEZ SALGADO, Xosé A. e Aquilino Alonso Núñez (eds.): Non haberá illa, pro hai nome. Homenaxe a Antón Palacio. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2019; 149-160.
Virxinia Pereira e a súa dimensión literaria, analizadas nas xornadas sobre Castelao. Ver Documento. Artigo
Fonte: Faro de Vigo, (6 de novembro de 2014)
Artigos de Ana Cela en Faro de Vigo sobre Virxinia Pereira. Ver Documento. Artigo
Fonte: Faro de Vigo, (4 de novembro de 2014)
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco. Ver Documento
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Noticia sobre o traslado dos restos de Virxinia á Estrada, para repousar co fillo. Ver Documento. Artigo
Fonte: La Voz de Galicia, (30 de marzo de 1986), 19
Xosé Porto Matalobos escribe en El Correo Gallego sobre Virxinia Pereira. Ver Documento. Artigo
Fonte: PORTO MATALOBOS, X.: «Virxinia de Castelao», El Correo Gallego , (25 de decembro de 1976)cite>El Correo Gallego
Noticia da morte de Virxinia publicada no n.º 513, de 1970, A Nosa Terra. Ver Documento. Artigo
Fonte: A Nosa Terra, 513 (1970)
Información sobre o pasamento de Virxinia Pereira en La Voz de Galicia. Ver Documento. Artigo
Fonte: La Voz de Galicia, (24 de decembro de 1969), 11
Noticia en El progreso sobre a visita de Virxinia Pereira ao Museo de Lugo. Ver Documento. Noticia
Fonte: El progreso, (21 de agosto de 1966)
Información de A Nosa Terra sobre a asistencia de Virxinia Pereira á homenaxe ao doutor Irujo. Ver Documento. Artigo
Fonte: A Nota Terra, 465 (novembro de 1941), 1
Homenaxe a Virxinia Pereira en Unión Estradense. Ver Documento. Artigo
Fonte: Unión Estradense, (8 de maio de 1841)
Ligazóns de interese
X.L. Méndez Ferrín escribe sobre Virxinia Pereira en Faro de Vigo
Fonte: https://www.farodevigo.es/opinion/2020/03/16/virxinia-pereira-15285317.html
Méndez Ferrín, X.L:: «Virxinia Pereira», Faro de Vigo, (16 de marzo de 2020)
Entrada de Virxinia Pereira, de Olimpio Arca, no xornal de Tabeirós-Terra de Montes
Fonte: https://www.tabeirosmontes.com/virxinia-pereira.html
A memoria das Mulleres. Polidíptico sobre Virxinia Pereira Renda
Fonte: https://www.dogrisaovioleta.gal/publicacion/polidipticos/
Epístolas de
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Virxinia Pereira Renda nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1951)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade(1951)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1952)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1953)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1954)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1955)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1955)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade(1957)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1958)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1958)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1961)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1961)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1962)
Carta de Virxinia Pereira a Pilar Rodríguez de Prada (1962)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1962)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1964)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1964)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1966)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1966)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1967)
Carta de Virxinia Pereira a Valentín Paz-Andrade (1967)
Artigos Virxinia Pereira Renda
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Virxinia Pereira Renda nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
PEREIRA RENDA, V. (7/1955) Moi estimados amigos | Orzán. 1ª (7), 16.