Antonio Pérez Prado
Bos Aires, Arxentina, 19/ 11/1926 - Bos Aires, Arxentina, 7/9/2009Autoría: Afonso Vázquez-Monxardín
Galeguista porteño universal
Coñecín ao doutor Antonio Pérez Prado, de bata branca, no Centro Galego de Buenos Aires na primavera austral de 1987, cando lle fun pedir un favor. Quería eu que, como guionista el que fora da película “Castelao. Biografía de un ilustre gallego” (1980) de Jorge Prelorán, nos contara a complicada intrahistoria da elaboración da mesma nos difíciles tempos iniciais da última ditadura arxentina que durou entre 1976 e 1983. E que nolo contara en público nunha proxección na Libraría Española na Rúa Florida, coincidindo cunha exposición sobre o rianxeiro colgada naquel espazo cultural dependente do Instituto de Cooperación Iberoamericano. Se non me engano, foi alí a derradeira vez que se viu a versión íntegra en público. Prestárannola, despois de certas dúbidas, os seus propietarios do colectivo “Nós”, co industrial Álvaro Campos á cabeza, integrados na dirección do Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego. Pérez Prado engaiolounos a todos os presentes co seu incisivo, preciso e sempre divertido relato, e pasei a valoralo como o que era, a persoa máis interesante e destacada da intelectualidade da nosa colectividade naquelas terras. A partir daquel momento coincidimos varias veces desta e daquela banda do mar. A última, en abril de 2009, na súa casa bonaerense. Mantíñase xovial entre tanto libro pero despistábase e facía silencios prolongados. Víase con poucos folgos. Aínda así, o día 22 de agosto asistiu a unha homenaxe no centenario do nacemento do amigo e actor Fernando Iglesias “Tacholas”, no bar Monserrat. A amiga Cloty, filla do actor e unha das organizadoras do acto, comentoume que o vira bastante ben. Uns días despois, o sete de setembro, faleceu. Gripe A.
Antonio, sen dúbida, foi un dos máximos representantes do “galeguismo porteño alternativo”, aquel que non vivía só das lembranzas dos vellos tempos. Foi un fío de conexión entre os corazóns máis vibrantes, intensos e cosmopolitas da nosa colectividade, coa emerxencia cultural que ía pouco a pouco progresando en Galicia. X.M. Núñez Seixas, na reedición de 2007 da obra Los gallegos en la argentina titulou, significativemente, o estudo introdutorio da obra “El galeguismo porteño y universal de Antonio Pérez-Prado”.
Luís Alposta, escritor arxentino que publicou Lorca en lunfardo. Los seis poemas galegos en edición bilingüe (1996) coa introdución do seu amigo Pérez Prado, rescatou para o seu blog “Mosaicos Porteños”, unha presentación autobiográfica coa que adoitaba comezar as súas charlas nos últimos anos. Fora publicada en forma de artigo no xornal La Nación o 12 de abril de 2005, baixo o título “Cuentos de Gallegos”. E que podería ser, complementaria da que escribira para o número 144 da revisa Grial, no ano 1999, nun volume colectivo ao redor a “Infancia recordada”, titulada “Memorias de cando era pibe”. Na presentación de La Nación, dicía así:
Yo no nací en Galicia, pero todos me dicen "gallego". No sé si tengo las virtudes, pero los defectos los tengo todos. Soy sentimentalón, imaginativo, me gustan mucho las chicas.
Mis padres eran de Lugo.
Mi padre vino al país en 1910, cuando tenía 15 años. Aquí conoció a mi madre, que era anarquista. Mi padre, un conservador férreo. Se adoraban. Había que golpear la puerta antes de entrar al cuarto; si no, te los encontrabas chapando.
Vivíamos en el pasaje Bollini, donde crecí convencido de una extraña creencia.
El barrio estaba lleno de italianos, y como mi madre me había dicho que un gallego valía por cinco italianos, yo nunca me peleaba con uno solo: buscaba cuatro o cinco, y el resultado era que terminaba mormoso.
Un día, después de haber hecho el servicio militar, subí a un barco y me fui a Nueva York.
Emigré en el 50, cuando nadie se iba de acá. Me dije entonces: "Ahora me toca a mí lo que les tocó a mis padres". Allá fui cronista de boxeo; cuando vino la Guerra de Corea me alisté, porque hacías 14 semanas de entrenamiento, comías como loco y al final te declarabas objetor de conciencia. Hice eso, comí como una chinche preñada y después chau. Fui obrero, y cuando había que parar para comer, yo me compraba un pancho y leía a Shakespeare.
Regresé a la Argentina, donde conseguí trabajo como traductor en el instituto de neurocirugía. Por la ventana de mi oficina se veía un edificio enorme. Era la Facultad de Medicina. Y me puse a estudiar medicina en los ratos libres.
Mal no me fue. Gané becas en Inglaterra y en Holanda, y me hice hematólogo reconocido.
Ahora soy médico jubilado, y pobre. Estuve en hospitales y en el Centro Gallego. Nunca hice actividad privada.
Yo, si he tenido una impronta... ha sido la de mi madre. Si mi galleguidad tiene un sello, ha sido el de ella. Puedo cantar horas de canciones gallegas. Todas me las cantaba mi mamá, y contaban la misma historia. Que el cura embarazaba a la criada y nacían los niños con cara de cura.
Mi madre bailaba muy bien, la muñeira, la molinera. Y ya cuando estaba grande, después de comer en casa de amigos, decía: "Quiero pagar la comida". Se levantaba y bailaba. Y era tan patético saber que se estaba muriendo y bailaba... como hacían los campesinos pobres.
Siempre andaba cantando mi madre. Chirimbí, chirimbai.
Gustaba si, Pérez Prado, de relatar a súa infancia e adolescencia, un pouco como xustificación de por que optara por Galicia, como patria de afirmación esencial. Pero máis alá da súa creatividade e simpatía, Antonio Pérez Prado constitúe un dos piares fundamentais no tecido da vida intelectual da colectividade galega en Buenos Aires, desde a década dos sesenta do s. XX ata o seu pasamento. E si, nese percurso vital de 83 anos, Pérez Prado soubo combinar a sensibilidade e fidelidade á terra de orixe familiar coa pulsión na realización profesional, integración cultural e a vangarda de difusión científica no país onde nacera. Por vontade súa, manifestada ao seu amigo Francisco Fernández del Riego, e grazas á xestións do Consello da Cultura Galega perante a súa filla Aixa, desde o 2012, o conxunto da súa documentación está depositado na Fundación Penzol de Vigo.
Os primeiros anos (Do nacemento á volta de Estados Unidos) 1926-1950.
Nace o 19 de novembro de 1926 en Buenos Aires, fillo de Francisco Pérez, de San Bartolomeu de Insua, no concello de Vilalba, e de Fe Prado, da parroquia de Parga (concello de Guitiriz). Dúas persoas moi distintas, pai conservador e almacenero, e nai de inicios proletarios e familia anarquista. En 1929 vén a familia -previa voda dos pais- a Galicia, onde bautizan o neno e queda por aquí un transcendental curso escolar. Contacta coa realidade da fala e da sensibilidade popular de forma definitiva. (No libro Galegos nas mans de América I, de 1992 escribe un emotivo texto autobiográfico desa nenez, titulado “Don Paco y Doña Fe”).
De volta á Arxentina, adiántano nos estudos primarios, tendo que sufrir, disque, os prexuízos contra os galegos. Remata en 1943 os estudos secunarios xa como lector voraz pero sen acabar de suxeitarse á disciplina formativa. Sen especial interese na continuación de estudos académicos “merodea” por algunhas facultades, exerce algúns traballos dispersos ata que en 1947 se incorpora ao servizo militar na Armada. Nestes tempos a relación coa colectividade era só a común de recreo e xantares de fin de semana. Nos inicios de 1950 sente a vontade de emigrar e marcha aos Estados Unidos onde practicará o inglés e fará un pouco de todo, mesmo alistarse para a Guerra de Corea, “para comer quente”, aínda que nunca foi a súa intención ir.
Estudos, conexión coa colectividade e viaxe a Galicia (1950-62)
De volta en Arxentina -xa ten 24 anos- entra a traballar como tradutor de inglés nun Instituto de Neuroloxía, a carón da Facultade de Medicina. Case por aburrimento, acabará por estudar nela a carreira que rematará en 1959, cando xa ten establecida unha relación co Instituto de Hemoterapia o que espertará un interese polo sangue que o acompañará de por vida.
Nestes anos de estudo coñece na distancia aos integrantes das Mocidades Galeguistas, asistirá a cursos de cultura de Galicia de AGUEA (Asociación Gallega de Universitarios, Escritores e Artistas) onde conectará coa elite cultural da colectividade: Xosé Núñez Búa, Arturo Cuadrado, Rodolfo Prada, Alberto Vilanova, Lorenzo Varela, e sobre todo, con Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor, aos que considerará mestres da súa galeguidade, xunto con Ramón Piñeiro. Rematados os estudos intégrase de forma activa na nacente Asociación Argentina de Hijos de Gallegos. Con esta última organizan cursos de cultura galega -coa participación, entre outros, do seu xa moi amigo Blanco Amor-, edicións de libros -un de Ramón Piñeiro, Dos ensayos sobre la saudade (1961)- e catro números, entre 1961 e 1963, dun xornal militante, co mesmo nome da editorial, Alén do Mar.
Sendo presidente desta asociación viaxa a Galicia en 1962 acompañado doutros dous directivos, Tito Abalo e Pepe Reinoso. Percorrerá emocionado os camiños da aldea dos tempos da nenez e contactara con García Sabell e Ramón Piñeiro, quen lle presentarán a Paco del Riego e o introducirán no ambiente galeguista do momento. Incluso participarán con estudantes santiagueses nunha homenaxe que lle renden o 6 de maio a Otero Pedrayo en Trasalba, con palabras e música de gaiteiros e entrega de bandexiña de prata para festexar que gañase o mes anterior, o premio da Fundación March. Alí están, canda os “Fillos de galegos”, entre outros, Antón Santamarina, Salvador García Bodaño, Manuel Caamaño, Alfonso Paz Andrade, X.L. Franco Grande e Arcadio López Casanova.
Despois pasará por Madrid e Barcelona (onde contactará con Reimundo Patiño, Uxío Novoneira e Basilio Losada) e continuará viaxe a París. Alí pasa unha unas semanas no Centro Nacional de Transfusión de Sangue durmindo nunha tenda de campaña no Bois de Bologne. Á volta contribuirá a actualizar no seu país este aspecto médico. Nesa ocasión, en Buenos Aires, traduce un libro de hematoloxía e fai de interprete do seu autor, o inglés Ivor Dunsford, nun curso que celebra na cidade.
E as cousas estaban cambiando. Os camiños da vida farán que os seus amigos da asociación, se vaian esparexendo polo mundo (Neira Vilas, a Cuba; Carlos Abraira, a Estados Unidos; Denis Conles, a Mendoza; Ricardo Palmás a Londres...) ou se integren xa en vidas laborais e familiares pouco compatibles con aquela actividade grupal que se irá esvaecendo (falo de Clotilde Iglesias, de Pilar Jeremías, de Xosé Martínez Romero), ao tempo que se agudiza o devalo biolóxico da vida política e cultural do exilio galego no río da Prata.
Bolsas de estudos e experiencia europeas (1963-1968)
En 1963 obterá unha bolsa bianual do British Council para estudar cabo do profesor Ivor Dunsford, no punteiro Regional Bood Transfusion Center de Sheffield, Inglaterra. Á fin dela, en 1965 ofrécenlle integrarse no staff do centro, pero non acepta e volve a Buenos Aires. Neste mesmo ano morre a súa amiga, a xove poeta Elsa Fernández, galega de vocación, última persoa que turrara pola Asociación e clave no intercambio de libros entre Galicia e Arxentina, aínda que nunca chegou a visitar a patria soñada. Organiza Pérez Prado a publicación do seu poemario Lonxanía (1965).
No ano 1966 volverá a Europa para ampliar coñecementos no departamento de sangue da Cruz Vermella en Ámsterdam. De volta a Buenos Aires publica o seu primeiro libro de difusión, en 1967 ¿Que es la sangre? dentro dunha prestixiosa colección de extensión cultural “Guías” na que tamén escriben, entre outros, Jorge Luís Borges e Guillermo de la Torre.
Volve a Europa en 1968 para representar á editorial Columba -onde publicara o libro anterior- nun Congreso de editores en Ámsterdam e encóntrase co maio do 68 en París. No medio do rebumbio coñece a Julio Cortázar, nun peche no pavillón arxentino da Sorbona, quen lle fai un encargo para a súa nai á volta de onde xorde unha amizade. Coñece, da súa man, en París a Jean-Paul Sarte e Simone de Beauvoir.
Desenvolvemento profesional (1968-1992)
Nunca Pérez Prado exerceu a medicina privada. Sempre o fixo entre varias institucións públicas oficiais arxentinas e o Centro Galego de Buenos Aires. Vocación de servizo público. Como integrante do Comité Asesor de Inmunohematoloxía da Secretaría de Estado de Saúde Pública, elabora as primeiras Normas para os servizos de hemoterapia, en 1968.
O labor de divulgador científico será constante na prensa e nos medios de comunicación. Dirixiu a Revista Argentina de Transfusión durante moitos anos -no seu número 4 de 2009 publica, postumamente, un artigo autobiográfico “Esbozo de Currículum Vitae (o como prefiere María Moliner, Historial)”-e colaborou en Mundo hospitalario, no que tamén aparecía como Director. Para o xornal La Nación fará unha serie de entrevistas nunha sección “Ciencia y Tecnología” que acabará producindo un libro de moito éxito, Argentinos en la ciencia (1983). No mundo da radio durante 12 anos dirixiu máis de 600 programas de ciencias na R.A.E. (Radiodifusion Argentina al Exterior) que se emitían en castelán, portugués, francés, inglés, alemán, italiano, árabe e xaponés. Exerceu de moderador nas Feiras do Libro de Buenos Aires onde foi galardoado en 1988. Foi, tamén, presidente da Sociedad Argentina de Humanismo Médico entre outras moitas actividades.
Pola proximidade que tiña con Jorge Luís Borges -comentaba Pérez Prado que ía lerlle a súa casa cando xa estaba cego e que lle pedira colaboración na busca de sinónimos de “pija” dos que seica acumulara 300- encargáronlle unha entevista para o xornal Ya o 25 de agosto de 1983, o día do seu previsto suicidio, segundo o coñecido xogo literario do autor.
Xubilouse en 1992 como Xefe de Servizo no Hospital do Centro Gallego e Xefe de División no Hospital Santojani, tarefas nas que repartía o seu tempo. A partir dese momento centrouse máis nas cuestións referidas á identidade galega e comezou unha xeira de viaxes constantes a Galicia, aloxado, por veces, como outros varios visitantes da emigración, no Instituto Galego de Información, grazas á xenerosidade de Isaac Díaz Pardo.
Tres contribucións especiais para a colectividade
Se o seu labor de divulgador cultural e científico fixo del un personaxe moi coñecido polos arxentinos, a súa identificación pola colectividade espállase coa publicación do seu libro Los Gallegos en la Argentina, 1974 (reed. 2007 preparada por Xosé Manoel Núñez Seixas). As razóns de por que o escribe teñen que ver coa percepción da decadencia biolóxica da época dourada da emigración e exilio e, dalgún xeito, o papel que el mesmo exerceu de ponte entre aqueles tempos e terras e a intelectualidade de Galicia coa que ten comunicación intensa. Trátase dunha ollada interpretativa sobre colectividade que vai máis alá da pura relación de datos e lugares comúns, típica ata ese momento, para achegarse a unha reflexión histórica e sociolóxica sobre a mesma, ao tempo que combate os mitos e complexos existentes.
A segunda grande contribución nos anos setenta foi o impulso á realización da película “Castelao. Biografía de un ilustre gallego”, soñada e apoiada economicamente polo máis consciente da colectividade e materializada grazas á estreita colaboración entre o cineasta documentalista antropolóxico Jorge Prelorán e el. Iniciada a escrita conxunta do guión nos comezos dos setenta, constrúen un texto a base de frases tiradas da súa obra literaria, discursos políticos, cartas, co que a voz de Castelao será, en boa parte, a que conduza o relato. A película estaba pensada para tres capítulos televisivos polo que a súa metraxe como filme único, resulta excesiva. O exilio de Jorge Prelorán en 1976 a Estado Unidos impediu a conclusión da montaxe, cousa que despois de moitos avatares, foi concluída en California, en 1980. Pero aí non acabou a polémica porque os posuidores da cinta, os mecenas do grupo “Nós” do Centro Galego decidiron reducir a duración eliminando as escenas nas que se criticaba ao rei Alfonso XIII (uns 37 minutos) por consello, seica, de Domingo García Sabell, en calquera caso, sen consultar aos autores intelectuais da obra.
O terceiro, e se cadra o máis mediático salto á fama, foi a denuncia que fixo no ano 1993 contra a editorial Planeta por xenofobia pola publicación dun libro de chistes sobre galegos de Pepe Muleiro, pseudónimo do escritor humorístico Ricardo Parrotta. A súa cruzada xudicial e a repercusión social -o presidente Ménem pediu perdón na súa visita a Galicia en 1994- tivo o resultado inverso ao procurado polo grande efecto de propaganda, segundo recoñece o autor nas entrevistas posteriores. Neste contexto de defensa étnica dos galegos tamén hai que entender o seu artigo “Imaxes da discriminación” na revista Grial, nº 188 (1993).
Convites e recoñecementos en Galicia e Buenos Aires (1993-2010)
Desde a súa xubilación, con máis dispoñibilidade de tempo, comezou a colaborar estreitamente con canta iniciativa particular ou pública investigase na historia da colectividade galega. A todos os investigadores que reclamaseban a súa axuda, serviulles de guía e orientación por memorias, librerías e institucións. Viaxou seguido a Galicia, pois xa era recoñecido por todos e convidado polas institucións como a voz máis válida desa época do solpor do galeguismo porteño.
Así en abril de 1993 participará en Compostela no I Congreso sobre poetas alófonos en galego que organiza Xesús Alonso Montero, cunha charla sobre Víctor Luís Molinari, poeta arxentino moi en relación coa colectividade.
No mes de xuño dese ano 1993 ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas e Blanco Amor, asiste ao congreso que na ocasión se celebra en Ourense. Alí coincide con moitos vellos amigos como Neira Vilas, Anisia Miranda, Ricardo Palmás e María Esther Vázquez... Froito destas súas lembranzas escribirá o artigo “Meus dous amigos desencontrados” -referido a Blanco Amor e Luís Seoane- publicado na revista Galicia, nº 660, dese mesmo ano.
Finalista do premio Nóvoa Santos de humanismo médico, garlardón outorgado pola Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), recibiu na primavera de 1996 na casa de Rosalía de Castro o “Pedrón de Honra” á personalidade residente fóra de Galicia que máis fixera pola promoción da Terra. Ese mesmo día, ao acabar o acto, desprázase aos eidos natais dos pais, e alí nun acto íntimo, despois da lectura do poema “Penélope” de Díaz Castro, esparexe coa colaboración do crego e activista cultural Afonso Blanco Torrado, da asociación Xérmolos de Guitiriz, as cinzas de seus pais, don Paco, morto en 1965 e dona Fe, falecida en 1988. Cumpriu así o desexo sutilmente manifestado na ensoñación da fin do artigo de 1991 dedicado a eles (“Don Paco y Doña Fe”). “Hasta quizá vea a D. Paco y a Doña Fe jóvenes, trotando, como les gustaba, por la blanda cenefa da Terra Chá”.
Inda máis, nas “Memorias dun pibe” escritas un ano despois de traer as cinzas, vai máis alá e desexa un destino semellante para el mesmo. Despois de sinalar a súa devoción relixiosa pola Terra Nai di que é o lugar “onde levei o ano pasado as cinzas dos meus pais e pido que algún día deiten as miñas”.
Algunha outra vez volveu a Galicia. No ano 2000 interveu no Congreso sobre Castelao que se celebrará en Rianxo, onde falou da historia da película Castelao, pronunciou unha charla autobiográfica en diálogo con Carlos Casares no Consello da Cultura, e participou no programa “A Chave” da TVG sobre Castelao e a emigración. Nesta fase final da súa vida mantivo unha estreita relación co Consello da Cultura Galega propiciada pola proximidade ao xerente Marcelino Fernández.
No ano 2010, á penas un ano despois da súa morte, o MEGA -Museo de la emigración gallega- e a Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina organizaron na súa sede da rúa Chacabuco de Buenos Aires unha exposición na súa memoria [La identidad gallega en Buenos Aires: un recorrido por la vida de Antonio Pérez-Prado (1926-2009)] en cuxa inauguración participou a familia, colegas e historiadores de aquén e alén do mar.
E agora que a súa documentación está xa na Terra, se cadra conviña darlle cabo á súa petición de volver para sempre ás terras da nenez en Lugo, seguindo o mesmo camiño de don Paco e dona Fe, da Chacarita á Terra Cha.
Como citar: Vázquez-Monxardín, Afonso : Antonio Pérez Prado. Publicado o 18/11/2026 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3042. Recuperado o 19/11/2026
Ligazóns de interese
Exposición “La identidad gallega en Buenos Aires. Un recorrido por la vida Antonio Pérez-Prado (1926-2009)
Dixitalización da exposición na na revista da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina.
Mecanoscrito do guión da película Castelao
Epístolas de
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Antonio Pérez Prado nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Carta de Pérez Prado a Luís e Maruxa Seoane. 1968
Carta de Pérez Prado a Luís e Maruxa Seoane. 1973
Carta de Pérez Prado a Seoane. 1975
Carta de Pérez Prado a Seoane. 1975
Carta de Pérez Prado a Seoane. 1975
Videos
Castelao e a emigración
Televisión de Galicia. Programa “A Chave”, conducido por Tino Santiago. "Castelao e a emigración" (3/2/2000). Interveñen Antonio Pérez Prado, Marcelino Fernández, Xosé Manuel Núñez Seixas e Afonso Vázquez-Monxardin.
Fragmento do Documental “Filmando a Castelao” (2007) de Antón Reixa e Carlos Larrondo
Audios
Experiencias e vivencias dun fillo galego en Bos Aires
Galicia hoxe: para recuperar a galeguidade. Homenaxe a Tacholas
Shakespeare, sus criaturas y los curadores gallegos
Publicacións periódicas
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Antonio Pérez Prado nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Breogán (1960-) .
Agrupación Gallego-Argentina pro Centro Gallego
Aquí…Galicia! (1960-) .
Órgano de la Peña Cultural Gallega "Rosalía de Castro"
Alén Mar (1961-1963) .
Revista de la Asociación Argentina de Hijos de Gallegos
Libros do ccg sobre Antonio Pérez Prado
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Antonio Pérez Prado nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Estudios de Comunicación N.º 3-4 (2005).
2005 | Xosé López García, Dirección.






