Xoán Cejudo
A Coruña, 7/ 9/1947 - A Coruña, 27/9/2018Autoría: Ana Abad de Larriva
Actor galego de teatro e audiovisual e director e mestre de escena pioneiro
Estudou Maxisterio na Escola Normal, na Coruña, onde coñeceu a Manuel Lourenzo, que tería unha grande influencia nel. Comezou a facer teatro no grupo O Facho, e logo tamén no Teatro Circo. Era un lector e estudoso incansable xa que tivo que ser forzosamente autodidacta, e foi un actor e director pioneiro que xogou un papel moi importante na profesionalización do teatro galego. Moitas persoas lembran a gran capacidade que tiña para conversar, tanto para escoitar como para expoñer o seu discurso. Ademais, tiña un xeito de entender a interpretación e o teatro simple, sinxelo, efectivo, que inspirou e formou a novas xeracións de artistas da escena.
A finais dos anos 60 montou con algúns rapaces da Academia Atlas unha adaptación escénica do poema de Rosalía de Castro A probiña, que está xorda, que foi a súa primeira dirección escénica. Despois de varias experiencias como mestre en academias, Xoán atopou traballo como docente no colexio Fogar Calvo Sotelo, onde dirixiría tamén diferentes montaxes escolares.
Posteriormente trasladouse a Madrid e, tras uns anos traballando alí como docente e desenvolvendo algúns proxectos escénicos, regresou a Galicia para actuar na primeira produción do Centro Dramático Galego, no ano da súa fundación, 1984: o Woyzeck, de Georg Büchner, dirixido por Xulio Lago. Dende entón participaría como intérprete en moitas máis: A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro, tamén baixo a dirección de Xulio Lago, en 1986; O mozo que chegou de lonxe, de J.M. Synge, baixo a dirección de Mario Gas, en 1988; Leoncio e Helena, de Georg Büchner, baixo a dirección de Ánxeles Cunha Bóveda, en 1993; A fiestra baldeira, de Rafael Dieste, na montaxe de Xulio Lago, en 1994; Nin me abandonarás nunca, de J. Posada Curros, baixo a dirección de Manuel Guede, en 1995; Viaxe e fin de Don Frontán, de Rafael Dieste, na montaxe de Antonio F. Simón, en 1995; Nau de amores, de Gil Vicente, baixo a dirección de Cándido Pazó, tamén en 1995; Hostia, de A. Cotarelo Valledor, na montaxe de Manuel Lourenzo, en 1996; Xelmírez ou a gloria de Compostela, de Daniel Cortezón, na montaxe de Roberto Vidal Bolaño, en 1999, e Si o vello Simbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Fabio Mangolini, tamén en 1999; Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo, baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño, en 2001; a montaxe que fixo Quico Cadaval da peza O ano do cometa, de Álvaro Cunqueiro, en 2004; Seis personaxes na procura de autor, de Luigi Pirandello, baixo a dirección de Xulio Lago, en 2005; Illa Reunión, dirixida por Ana Vallés, en 2006; e Noite de Reis. Ou o que queirades, de William Shakespeare, na montaxe de Quico Cadaval, en 2007. Puxo voz tamén ao personaxe Mudarra, na adaptación da peza O mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte, feita por Marcelino de Santiago, Kukas, en 1994.
No CDG, ademais de como actor, traballou tamén como director de escena, dirixindo a montaxe da peza A pousadeira, de Carlo Goldoni, en 1987; e de Da Vinci levaba razón, de Roland Topor, en coprodución coa compañía O Moucho Clerc, tamén en 1987; así como do texto A burla do galo, de Roberto Vidal Bolaño, no ano 2000.
Fora un dos fundadores da compañía O Moucho Clerc, na que, ademais de Da Vinci levaba razón, dirixiu os seguintes espectáculos: Gali & Matías, de Hélène Parmelin, en 1986; Na fraga do conde, en 1988; Un códice clandestino, en 1989, pola que gañou o Premio Compostela á mellor dirección, e O rouxinol da Bretanha, en 1991. Para Ollomol Teatro Submarino dirixiu Fas e nefas (o castelo enmeigado 5000 e pico), de Eduardo Blanco Amor, en 1991; para Teatro do Morcego, dirixiu Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, en 1999; e O caso da rúa Lourcine, de Eugène Labiche, en 2004; para Pífano Teatro, dirixiu Tatuaxe, de Manuel Lourenzo, en 1992; Estima, de Xavier Picallo, en 2003, e ¿Que pasa coas dependentas dos grandes almacéns ó cumpriren os 50?, de Antón Losada, en 2006; e para Teatro da Lúa dirixiu As mulleres do porvir, de Dorotea Bárcena, en 2003. Ademais, en 2001 dirixiu a lectura dramatizada de Extrema, de Raúl Dans, para o Ciclo de Lecturas Dramatizadas organizado pola Asociación de Autores de Teatro. Foi axudante de dirección en Shakespeare para ignorantes, en 2009, e en Románticos, en 2012, na que tamén foi codramaturgo; as dúas da compañía Producións Teatrais Excéntricas.
Tamén traballou como actor en compañías privadas, destacando especialmente a súa interpretación de Vania en Tío Vania, de Anton Chejov, na montaxe de La Factoría Teatro dirixida por Cristina Domínguez Dapena, pola que levou en 2006 o Premio María Casares ao mellor actor protagonista. Actuou, así mesmo, en pezas como Xogos á hora da sesta, de Roma Mathieu, na montaxe dirixida por Cándido Pazó para Teatro do Malbarate, en 1992; Vía láctea, de Darío Xohán Cabana, na montaxe de Producións Máxicas, do Mago Antón, en 1993; a montaxe que se fixo da peza Os aprendices de bruxo, de Lars Kleberg, en 1994, baixo a dirección de Agustín Magán, para a celebración do Día Mundial do Teatro, na gala dos Premios Compostela, en 1994; A voda dos moinantes, de J.M. Synge, de Compañía de María, baixo a dirección de Quico Cadaval, en 1996; e Cerrado por aburrimiento, de Matarile Teatro, en 2009. Ademais, puxo voz a un personaxe en Canonxo, da compañía Os Monicreques de Kukas, dirixida por Marcelino de Santiago, Kukas, en 1994; compañía para a que foi tamén o narrador na montaxe Adubíos, de Kukas e dirixida por Isabel Rey, en 1997.
Recibiu outros recoñecementos polo seu traballo no eido das artes escénicas ademais do Premio María Casares ao mellor actor protagonista pola súa participación en Tío Vania, como o Premio de Interpretación Maruxa Villanueva no ano 2005, no que o xurado tivo en consideración a súa traxectoria e, especialmente, o seu traballo nos espectáculos Tío Vania e Seis personaxes na procura dun autor; o Premio María Casares ao mellor actor secundario en 2008 pola súa interpretación en Noite de Reis. Ou o que queirades, de William Shakespeare, na montaxe que dirixiu Quico Cadaval para o CDG; o Premio Xiria ao Labor Teatral outorgado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, en 2010; así como o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia en 2011.
No audiovisual actuou nas curtametraxes Fendetestas, en 1975, dirixida por Antonio F. Simón, baseada no libro O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez; Morrer no mar, de Alfredo García Pinal, en 1984; O párroco embaucado, de José Carlos Soler, en 1993; Contos de Alentraia: Tornabón, tamén de José Carlos Soler, en 1994; Televapor, dirixida por Paco Carballés e Ricardo Llovo, en 1995; A todo tren, de Lidia Mosquera, e Mofa e Befa en Gran Liquidación, de Jorge Coira, tamén en 1995; O matachín, en 1996, dirixida tamén por Jorge Coira; Una extraña mirada, dirixida por José Manuel Quiroga, no ano 1998; O coxo, dirixida por Álex Castro e Xosé Zapata, en 1999; Se o sei non veño (ó meu propio enterro), dirixida por Manuel Gómez Segarra, tamén en 1999; O río ten mans, de Beatriz del Monte, no ano 2000; Dies Dei, de Nani Matos, en 2009; ou Flores para Amalia, en 2013. Xoán foi, ademais, axudante de dirección, xunto con Quico Cadaval, na curtametraxe Cabeza de boi, de José Carlos Soler, en 1996.
Actuou tamén na mediametraxe O tesouro, de Xaime Fandiño, en 1997; e en longametraxes como El pianista, baseada nunha novela de Manuel Vázquez Montalbán e dirixida por Mario Gas, no ano 1998; O agasallo de Silvia, dirixida por Dionisio Pérez Galindo, no ano 2003; no filme televisivo Vacas, porcos e zapatos de tacón, dirixida por Manuel Espiñeira, en 2010, e en Quen a ferro mata, dirixida por Paco Plaza e estreada postumamente, en 2019. Xoán levaba varios anos retirado por cuestións de saúde, e este filme foi a súa gran despedida da profesión, cun traballo que lle supuxo un importante recoñecemento.
O seu labor como actor no medio audiovisual viuse tamén premiado a través dos seguintes galardóns: o premio ao mellor actor no Festival de Cine Social de Castela-A Mancha por Dies Dei, en 2010, e o Premio Mestre Mateo ao mellor actor secundario por Quen a ferro mata, en 2020, a título póstumo.
Xoán actuara tamén en series galegas como Rías Baixas, Mareas Vivas, Pratos combinados, O Nordés, A vida por diante ou Matalobos, e na produción Hai que botalos, e tivera personaxes episódicos en series estatais como Cuéntame cómo pasó, Periodistas, Policías, en el corazón de la calle ou El comisario.
Como autor teatral, a súa única peza publicada é O ceo de pedra, escrita xunto con Camilo Pardo, co que gañaron un accésit no Primeiro concurso de obras teatrais inéditas Camiño de Santiago, aínda que tamén fixo labores de creación dramatúrxica nas diferentes pezas de dirixiu, e sábese que foi autor doutras dramaturxias que están desaparecidas. Foi tamén un dos guionistas da longametraxe Branca Madison, dirixida por Carlos Amil, estreada no ano 2003 e finalista na categoría de mellor guión na segunda edición dos Premios Mestre Mateo, no ano 2004.
Agradecementos
Á sede en Santiago de Compostela da Fundación AISGE, por abrirme as páxinas dos recordos do propio Xoán Cejudo; a Quico Cadaval por abrirme os seus propios recordos arredor de Xoán; e a Camilo Pardo por axudarme a localizar O ceo sobre pedra.
Páxinas web de referencia
Páxina web do CDG
Páxina web da AAAG
Páxina web da Academia Galega do Audiovisual
Ficha de Xan Cejudo en AVG
Páxina web de Mabel Rivera
Páxina web de Matarile Teatro
Páxina web (blog) de Pífano Teatro
Páxina web do Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música
Bibliografía
Castelo, Miguel: «Xan Cejudo, afable, cordial e independente», na edición dixital do xornal de La Voz de Galicia, (5 de novembro de 2018).
Cejudo Álvaro, Xoán e Camilo Pardo López: «O ceo de pedra». En Sempre no camiño: Primeiro concurso de obras teatrais inéditas Camiño de Santiago. Apartado A: Obra de teatro profesional. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia e Hércules de Ediciones, 1994.
Cejudo, Xoán: Na pantalla do recordo: escenas da miña propia vida, na colección Memoria da escena española. Madrid: AISGE e Fundación AISGE, 2021.
«Cejudo gana el galardón Maruxa Villanueva y Casas se alza con el Cela», na edición dixital do xornal El Correo Gallego, (19 de setembro de 2006).
Cermeño, Ana: «Setembro, sempre a mesma canción», Enfoc/arte, na edición dixital da revista Luzes, (16 de setembro de 2019).
«Falece Xan Cejudo, home clave do teatro galego», Culturagalega.gal, (28 de setembro de 2018).
«Faleceu Xan Cejudo», na edición dixital da Erregueté, (27 de setembro de 2018).
«Homenaxeamos a Xan Cejudo na estrea de Quien a hierro mata», no Diario Cultural da Radio Galega, (5 de setembro de 2019).
«Mofa&Befa (e amigos) póñense románticos», Cultura galega, (31 de outubro de 2012).
Ogando, Yolanda: Teatro histórico: construción dramática e construción nacional. A Coruña: Biblioteca-Arquivo teatral Francisco Pillado Mayor, 2004.
Sotelo, Vanesa e Casilda García: «Horrorízame a palabra rigor no teatro» Entrevista a Xan Cejudo na R.G.T., Revista Galega de Teatro, 66 (primavera 2011).
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Xoán Cejudo. Publicado o 25/4/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34246. Recuperado o 14/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo sobre os primeiros vinte anos de existencia do Centro Dramático Galego (CDG). Ver Documento. Artigo
López Carbajales, Víctor: «Que vinte anos non son nada... ou si». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004; 310-315.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ficha de Si o vello Sinbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro. CDG, 1999. Ver Documento
«Si o vello Sinbad volvese ás Illas..., de Álvaro Cunqueiro,». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Nau de amores, de Gil Vicente. Dirixida por Cándido Pazó, foi estreada o 16 de outubro de 1995. Ver Documento
«Nau de amores, de Gil Vicente». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Viaxe e fin de don Frontán, ficha técnica. Estreada o 7 de xullo de 1995 esta obra de Rafael Dieste estivo dirixida por Antonio F. Simón. Ver Documento
«Viaxe e fin de don Frontán, de Álvaro Cunqueiro». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
A fiestra valdeira, de Rafael Dieste, dirixida por Xulio Lago. CDG, 1994. Ver Documento
«A fiestra valdeira». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Xoán Cejudo participou nas curtametraxes de José María Soler O párroco embaucado (1993) e Tornabón (1994) que, xuntas, forman a serie Contos de Alentaría. Ver Documento
«O párroco embaucado» e «Tornabón». En Filmografía galega: curtametraxeso. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, DL 2002; 320, 326-327.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ficha d'A Pousadeira, de Carlo Goldoni, dirixida por Xoán Cejudo. Pico interpreta ao
Marqués de Forlipópoli. CDG, 1987. Ver Documento«A Pousadeira de Carlo Goldoni». En Centro Dramático Galego: 20 anos, 1984-2004. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais IGAEM, 2004.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Biografía de Xoán Cejudo na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Ver Documento. Artigo
«Cejudo Álvaro, Xoán». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; IX, 140-141.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Ligazóns de interese
Homenaxe a Xoán Cejudo na estrea de Quien a hierro mata. Diario Cultural da Radio Galega. 5 de setembro de 2019
«Homenaxeamos a Xan Cejudo na estrea de Quien a hierro mata», no Diario Cultural da Radio Galega, (5 de setembro de 2019).
Fonte: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-05-09-2019-4179207 [Consulta: 2023-04-24]
Artigo de Miguel Castelo sobre Xan Cejudo en La Voz de Galicia
Castelo, Miguel: «Xan Cejudo, afable, cordial e independente», na edición dixital do xornal de La Voz de Galicia, (5 de novembro de 2018)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/11/04/span-langglxan-cejudo-afable-cordial-independentespan/00031541370402977306338.htm [Consulta: 2023-04-24]
O falecemento de Xan Cejudo no portal culturagalega.gal. 28 de setembro de 2018
Fonte: Consello da Cultura Galega.
http://culturagalega.gal/noticia.php?id=29104&soportal= [Consulta: 2023-04-24]
Cerrado por aburrimiento na páxina web de Matarile Teatro
Fonte: https://www.matarileteatro.net/cerrado-por-aburrimiento [Consulta: 2023-04-24]
Páxina web do Centro Dramático Galego
Fonte: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Episodios da serie Rías Baixas
Fonte: http://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/rias-baixas [Consulta: ]2023-04-24
Ficha de Xoán Cejudo en AVG: o soportal do audiovisual galego
Fonte: Consello da Cultura Galega
Páxina web da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
Fonte: https://www.aaag.gal/
Páxina web da Academia Galega do Audiovisual
Fonte: https://www.academiagalegadoaudiovisual.gal/
Xogos á hora da sesta, na páxina web de Mabel Rivera
Fonte: https://www.mabelrivera.es/xogos-a-hora-da-sesta.html [Consulta: 2023-04-24]
Páxina web (blog) de Pífano Teatro
Fonte: http://pifanoteatro.blogspot.com/
Xoán Cejudo na páxina web do Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música
Fonte: https://www.teatro.es/profesionales/xan-cejudo-xoan-cejudo-alvarez-7338 [Consulta: 2023-04-24]
Videos
Vídeo resumo do espectáculo Vía Láctea, de Producións Máxicas, do Mago Antón, de 1993
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=m3GFX9fx_0U
Tráiler oficial do filme Quien a hierro mata
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=zmy7irhYGrc