Fernando Osorio do Campo
A Coruña, 9/ 12/1894 - A Coruña, 14/5/1974Autoría: Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes
Actor, activista republicano, federalista, antibelicista e defensor do laicismo, foi o director do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919)
Cantas cousas non pareceron utopías á humanidade de outros tempos e hoxe son feitos. ¿Qué razón hai para que o home non dedique a sua intelixencia a concebir a forma de facer que os seus semellantes desterren do seu ser os sentimentos de rencor, venganza e odio, transformando-os en amistá, cariño, amor? Aquí ten a miña filosofía.
(Fernando Osorio: Desourentación)
Unha vida finalmente desvendada
A figura do director da Sección de Declamación do Conservatorio Nacional de Arte Galega foi durante varias décadas un auténtico misterio. A pesar da súa enorme transcendencia na planificación teatral durante o período irmandiño, descoñecíanse os detalles do seu extraordinario percurso vital, completamente escurecido pola represión franquista e polas tráxicas circunstancias en que se desenvolvería a segunda metade da súa vida.
Até 2016 contabamos unicamente cuns sorprendentes apuntamentos vitais publicados en 1971 por Marino Dónega no número 33 da revista Grial so o título «Un home, unha aventura, un tempo: Fernando Osorio do Campo», que presentaba unha vida turbulenta por veces tan fantástica que se tornaba difícil de crer. Só en 2016 puido ser delineada a súa biografía e ficamos a saber que a pasaxe pola vida de Fernando Osorio tiña sido aínda máis sorprendente do que se recollía no artigo de Dónega.
A etapa lisboeta
Osorio naceu na Coruña por desexo expreso da núa mai, tamén coruñesa, que se deslocou de propósito desde Lisboa para dar á luz alí o seu fillo na cidade herculina. Foi educado na capital portuguesa no seo dunha familia integrada polo enxeñeiro agrónomo e escritor Ramiro Larcher Marçal, Carmen Osorio do Campo e os tres fillos da parella, que recibiron os apelidos maternos por se tratar de fillos
naturaisde Ramiro Larcher, quen xa era casado antes de formar a unidade familiar en que Osorio medrou.
O seu pai providenciou os medios para que o primoxénito recibise unha educación privilexiada, que incluía a formación en varias linguas. Neste contexto, Fernando Osorio inicia os estudos superiores na Escola Nacional de Agricultura de Coímbra, mais a carreira non é do seu agrado e abandónaa para se empregar como mozo nunha botica até o momento de se decidir por seguir a súa vocación: en 1911 matricúlase na Escola da Arte de Representar do Conservatorio de Lisboa, na altura un dos máis modernos centros de formación de intérpretes de Europa, dirixido polo intelectual, político e dramaturgo de éxito Júlio Dantas.
Nesta institución Osorio adquiriu unha formación moderna e multidisciplinar e aínda mantivo un estreito contacto coa práctica escénica no Teatro Nacional Almeida Garret –hoxe Teatro Nacional D. Maria II. Foi tamén un tempo de socialización, quer nos ambientes republicanos –a propia Escola facía parte da axenda educativa republicana–, quer a través da masonería –moi probabelmente foi iniciado nesta altura–, quer nalgúns dos círculos culturais da capital.
No que di respecto dos referentes estéticos, o paso pola sección dramática do Conservatorio de Lisboa permitiu Osorio coñecer o ideario naturalista que profesaban docentes como o incansábel António Pinheiro, un dos protagonistas do Teatro Livre de Lisboa (1904-1908) –experiencia autenticamente rexeneradora da escena portuguesa de comezos do século XX que se alicerzaba no modelo teatral de André Antoine e na vontade republicana de educar e transformar a sociedade por medio da arte.
Fernando Osorio debe certamente ter sido un alumno notábel, como indican estes dous feitos: que o propio Dantas o presentase como conferenciante mesmo antes de concluír o primeiro ano de estudos e que fose requirido para participar como actor en formación en varios espectáculos do Teatro Nacional xunto a grandes nomes da escena portuguesa.
No marco das actividades escénicas da Escola da Arte de Representar, o coruñés escribiu con José Lemos un texto lúdico para as celebracións de Entroido de 1913. O texto, ao que o profesor Hermínio Nascimento puxo música, foi publicado ese mesmo ano –excluída a partitura– co título Coplas da revista en dois actos Sem Porta nem Tranca, evidenciando, máis unha vez, a proxección do estudante e, por acaso, o seu acceso a este tipo de oportunidades.
No entanto, a obtención do
diploma de artista dramáticonon dependía unicamente da superación dos tres anos de que constaba o curso da Escola da Arte de Representar: aínda era preciso pasar unha récita-exame, da cal dependía a inmediata inserción laboral dos aspirantes. Osorio atinxiu o terceiro premio e foi nomeado director de escena no Teatro da República, onde ficaría moi pouco tempo sen alcanzar a dirixir encenación ningunha –debido a circunstancias de todo o teor, incluída a reconstrución deste coliseo após sufrir un devastador incendio.
A incorporación ao proxecto teatral irmandiño
En marzo de 1916 Portugal entra definitivamente na Gran Guerra e a ameaza de ser chamado para a fronte paira sobre un Fernando Osorio resolutamente antibelicista. Así sendo, foxe a Cáceres e alí fica a saber que en España fora declarado desertor por non ter respondido o chamamento para realizar o servizo militar. Perante esta situación, decide servir a filas na súa cidade natal.
Foi precisamente durante o servizo militar na Coruña –localidade que presenciara naqueles anos unha sucesión fascinante de proxectos culturais vinculados ao galeguismo– que Osorio coñeceu Lois Pena Novo e Antón Villar Ponte. Os valores republicanos, federalistas e laicistas –centrais no pensamento de Fernando Osorio– achegaran o actor a estes dous egrexios representantes das recentemente creadas Irmandades da Fala, mais foi sen dúbida o coñecemento do proxecto teatral para Galicia que Villar Ponte comezara a delinear o que seduciu de vez o recruta. Entretanto, a fascinación foi recíproca, unha vez que Osorio respondía exactamente ás necesidades do xornalista viveirense, que aspiraba a dar forma a un auténtico Teatro Nacional Galego no seo da Irmandades.
Con certeza, a actividade dramática fixera parte desde o inicio das aspiracións irmandiñas, visto que os nacionalistas vían nesta actividade unha vía moi efectiva de espallamento do seu ideario. Porén, ao contrario doutros dos albos igualmente definidos por estas colectividades, a celebración dramática exixía a mobilización de moitos recursos e persoas. Non era suficiente que algúns escritores compuxesen pezas dramáticas modernas que resultasen atraentes para toda a cidadanía –camponeses e vilegos, falantes de galego e de castelán, cultos ou ágrafos–; precisábase tamén de intérpretes, encenadores e outros artistas, e aínda era preciso cultivar adecuadamente os públicos para consolidar a celebración social á volta das representacións teatrais en lingua galega –porque, como era de esperar no seo das Irmandades, o monolingüismo escénico non era negociábel. Alén diso, cumpría ultrapasar os tópicos inmobilizadores, ben como as estreitas vías estéticas e formais polas que circulara até o momento a nosa dramaturxia, a fin de introducir na modernidade a cultura galega –tamén a escénica– e propiciar así un diálogo sen mediacións e en igualdade de condicións con outras culturas do mundo.
Antón Villar Ponte foi durante toda a súa vida un dos máis perseverantes e aguzados deseñadores do que podería chegar a ser un Abbey Theatre á galega, isto é, un Centro Dramático Nacional que, segundo o citado modelo irlandés, se erixise nun referente institucional para a cultura da Galicia. E, como xa foi sinalado, o defensor do pangaleguismo/panlusitanismo e do relacionamento fluído entre ambas as dúas beiras do Miño achou en Fernando Osorio a persoa de que estaba á procura.
Con efecto, o actor recibira en Lisboa unha formación alargada e moderna nos máis diversos aspectos da arte escénica, tiña experiencia no teatro profesional, coñecía en primeira man a estrutura e funcionamento dun conservatorio avanzado, posuía información valiosa sobre títulos dramáticos lusos aos que se podía recorrer… E todo isto fora vivido nun contexto lingüístico normalizado en que
o galego nazonalizado e modernizado–como denominaba Villar Ponte a lingua portuguesa (A Nosa Terra 15-01-1919)– fluía sen restrinximentos derivados dos prexuízos tan fortemente instalados na sociedade galega.
Desta maneira, Fernando Osorio comandou o proxecto, que foi presentado a comezos de 1919 co nome de Conservatorio Nacional de Arte Galega (CNAG). Seguindo nalgunha medida o modelo do correlato lisboeta, a institución estruturábase en tres seccións: Declamación, Música e Organización e fomento de exposicións e concursos de arte –por palabras máis actuais, esta última sería algo parecido con Produción e curadoría. Para a formación de persoas especializadas nestas tres tarefas, o CNAG contaba coa participación de auténticos especialistas –como o escenógrafo Camilo Díaz Valiño, o músico Luís Brage e o propio Fernando Osorio– e incluíanse estudos específicos de historia da arte, literatura galega, canto… E todo isto desde unha dimensión decididamente práctica.
Para as aulas de interpretación que leccionaba, Osorio iría empregar textos dramáticos da máis diversa procedencia: desde obras de autores canónicos da dramaturxia occidental –Shakespeare, en particular–, a títulos contemporáneos que xa se tiñan convertido en monumentos da literatura para a escena –como algunhas pezas do belga Maurice Maeterlinck ou do sueco August August Strindberg. Para este fin foi iniciado o necesario proceso de tradución, en que se mostrou especialmente activo o irmandiño coruñés Bernardino Varela. Tamén se encoraxou a escrita de novas pezas galegas que respondesen aos modelos estéticos propugnados polos promotores da nova institución. Ora, na medida en que se trataba do patamar que se quería superar, foi deixada á marxe á dramaturxia galega anterior –en moitos casos da autoría de elementos da Irmandade da Fala coruñesa con que ía ser preciso contar para sustentar o proxecto.
A primeira produción do CNAG foi presentada publicamente o día 22 de abril de 1919 no hoxe desaparecido Pavillón Lino da Coruña, cun programa en que participaban as seccións de Declamación e Música. No evento, de importante repercusión social e explícito carácter nacional galego, o alumnado máis habilitado estreou A man de Santiña, escrita expresamente para o CNAG por Ramón Cabanillas, e Unha anécdota, versión galega da peza do dramaturgo naturalista portugués Manuel Laranjeira. Para alén de se responsabilizar pola posta en escena, Osorio interpretaba un dos personaxes da texto de Cabanillas e protagonizaba a obra breve de Laranjeira.
O espectáculo rompía decididamente co horizonte de expectativas dun público que asociaba a escena en galego ao costumismo e ás formas declamatorias populares. O formato era o do teatro culto de consumo burgués, cunha duración inesperada, música interpretada por un sexteto de cámara, unha impresionante escenografía pintada por Díaz Valiño… e, para completar a novidade, incorporaba unha maneira diferente de interpretar, moi afastada dos habituais excesos declamatorios. Alén diso, presentaba escenicamente un relato de normalidade lingüística que abalaba os prexuízos imperantes: nunha lingua con evidente vontade supradialectal, os personaxes abastados e instruídos da peza de Cabanillas falaban galego sen concesións diglósicas recreando artisticamente un contexto social en que esta lingua non circulaba. Con certeza, tratábase dunha auténtica revolución escénica.
O Conservatorio levou a súa produción a varias vilas do país co mesmo éxito que obtivera na estrea. A maquinaria do CNAG estaba a funcionar e xa se anunciaba a seguinte estrea: o rompedor texto de Xaime Quintanilla intitulado Donosiña.
Con todo, o tan agardado teatro nacional que parecía estar a tomar forma frustrouse precipitadamente a partir deste anuncio. Ao anoxo dos dramaturgos rexionalistas desdeñados acrecentábase agora o absoluto rexeitamento aos planos anunciados por parte dos sectores máis conservadores da Irmandade coruñesa –xa no aspecto ideolóxico, xa no estético. Para eles Donosiña resultaba indecorosa, pois mostraba cruamente un caso de adulterio feminino entre as camadas elevadas e non había redención ou arrepentimento. Os promotores do Conservatorio ficaron dolorosamente conscientes do feito de seren poucas as persoas sobre as que se podía sustentar una iniciativa desa natureza e de que, en consecuencia, calquera división entre elas –como a que provocaba o texto dramático de Quintanilla– tollía definitivamente a continuidade daquel ambicioso proxecto.
Embora o CNAG desvanecese, as actividades dramáticas no seo da Irmandade da Fala herculina continuaron. Mais xa non seduciron da mesma maneira Osorio, formado para exercer profesionalmente ese oficio: nas novas veladas teatrais, deixábase de parte a formación, non se dedicaba o tempo preciso para preparar rigorosamente os espectáculos e até se regresaba en ocasións ás fórmulas estéticas decimonónicas.
A decepción virou en carraxe e Fernando Osorio publicou nas páxinas d'A Nosa Terra dous artigos intitulados «Paradoxo» –publicados respectivamente en setembro e decembro desde ano 1919– en que patenteaba a súa profunda desilusión. No primeiro focaba a fugacidade e a ingratitude da arte dramática, que rapidamente viraba as costas a quen coroara non había moito. Por súa vez, a frustración invadía o segundo artigo e nel o xa ex-director do CNAG impugnaba a idea de que calquera persoa sen unha mínima formación se puidese dedicar ao teatro, ben como a condescendencia de quen aplaudía por militancia galeguista espectáculos de ínfima calidade.
A procura de novas vías profesionais
Perante a evidencia de que no seo da Irmandade coruñesa non ía poder desenvolver o oficio para o que se formara, nos últimos meses de 1919 Fernando Osorio decidiu formar unha compañía profesional coa que estreou en Betanzos un programa que incluía a representación de Norte, texto da súa autoría fortemente naturalista e escrito no tempo da súa instrución militar. O discípulo de António Pinheiro puña en práctica toda a formación e o treino recibido e asumía funcións de dramaturgo, empresario, intérprete e director de escena.
A recepción deste ríspida e desabrida peza, subtitulada «un anaco teatral de vida», non foi a esperada e a viabilidade do proxecto empresarial viuse logo comprometida. Osorio constatou, por segunda vez no mesmo ano, que no contexto galego ía ser moi difícil sustentar coa actividade escénica o seu novo proxecto vital –formar unha familia.
Efectivamente, Fernando Osorio do Campo –firme defensor do laicismo– casaba con María de los Ángeles Osorio Mateo nunha cerimonia civil celebrada a 15 de xaneiro de 1920 e decidíase por probar novas vías profesionais. A primeira iniciativa neste sentido levouno a África, nun escuro episodio –do cal temos moi pouca información– nunha empresa de Liverpool dedicada ás importacións-exportacións e sediada no porto de Matadi, na fronteira entre o Congo Belga e Angola. Así que tomou coñecemento do brutal trato dado pola compañía aos seus asalariados, Osorio deixou o traballo e iniciou sen recursos un proceloso periplo de máis de mil catrocentos quilómetros pola costa angolense até chegar á Baía dos Tigres, onde embarcou para a Madeira e desde esta illa puxo rumbo a Lisboa –alí moraba o seu irmán Ramiro. No tempo que durou esta peripecia, a súa muller deu a luz na Coruña o primoxénito, que recibiu o nome do pai ausente.
As penurias económicas continuaban, razón pola cal a familia tentou establecerse en Lisboa, onde Osorio confiaba arranxar un traballo coa axuda da súa rede de coñecidos. Porén, as cousas non correron como esperado e decidiron logo voltar á cidade herculina, onde finalmente Fernando Osorio entrou a traballar no xornal El Noroeste, que dirixía Eladio Rodríguez –masón, como o noso actor, e membro da Irmandade da Fala da Coruña. Osorio retoma así a vinculación coa agrupación nacionalista coruñesa e en 1921 é elixido bibliotecario, integrando unha directiva en que tamén figuran os seus amigos Luís Peña Novo e Antón Villar Ponte. Con todo, non retomará a actividade escénica, nin na Irmandade nin en calquera outro colectivo da cidade, coa única excepción dunha tentativa frustrada de representación d'O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte de finais de 1920 ou comezos de 1921 –inmediatamente antes de padecer unha peritonite que case dá cabo da vida do coruñés. O aliñamento inicial do seu amigo viveirense co sector católico-tradicionalista liderado por Risco no momento da escisión das Irmandades en febreiro de 1922 –lembremos que Osorio era profundamente republicano e defensor do laicismo–, fixeron con que se fose distanciando do proxecto nacionalista herculino –distancia que medrou a partir do falecemento en 1924 do seu admirado amigo Xoán Vicente Viqueira– e se centrase na militancia republicana. Desta maneira, en 1929 afíliase á recentemente creada Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), liderada por Casares Quiroga.
No que di respecto da escrita dramática, o ex-director do CNAG compuxo nestes anos a peza Desourentación, que presentou ao certame convocado en 1924 pola Irmandade da Fala coruñesa. Non gañou, mais foi atribuído ao texto unha mención de honra. Porén, ningunha das obras seleccionadas foi representada, como se indicaba nas bases, pola Escola Dramática Galega –na altura, o colectivo dramático da Irmandade coruñesa, cuxa actividade foi duramente reprimida polo directorio militar. Inédita nos palcos, Desourentación foi, no entanto, publicada ese ano pola Tipografía de El Noroeste. Na personaxe central desta peza naturalista recoñécense facilmente algúns dos principios éticos propugnados por Viqueira.
Nese ano o director de El Noroeste, Eladio Rodríguez, conseguiu para Osorio un posto temporario de escribente na Cámara Municipal da Coruña, traballo que simultaneará co labor xornalístico, que non abandonou. Polo contrario, afiliouse á Asociación da Prensa da Coruña, institución en que foi eleito vogal en dúas ocasións. E en 1930 aínda fundará un semanario.
No ano 1925 preséntase ás oposicións para secretarios municipais e gaña a praza no concello de Laxe. Un ano despois, oposita de novo para auxiliar de administración do consistorio da Coruña, tamén con éxito. Así sendo, desde finais de 1926 Fernando Osorio terá un traballo estábel na cámara municipal coruñesa. E en 1927 a familia aumenta: nace o seu segundo fillo, Luís Alberto.
Ese mesmo ano Fernando Osorio participará nun perigoso emprendemento: a introdución clandestina en Portugal do manifesto político O militarismo, asinado polo deposto presidente luso Bernardino Machado –Gran Mestre do Oriente Lusitano, a máis antiga obediencia masónica portuguesa. O actor fixo parte do grupo que acolleu e apoiou Machado, integrado maioritariamente por masóns republicanos como Osorio. O volume en cuestión fora impreso na Editorial Lar de Ánxel Casal e Leandro Carré e encaixaba perfectamente co republicanismo antimilitarista do antigo director do CNAG.
Como xa se adiantou, en 1930 Fernando Osorio funda, xuntamente con Carlos Monasterio e Ánxel Casal, o semanario republicano El Adelante, cuxa dirección asumirá. A vida deste cabezallo estivo condicionada polos problemas coa censura, as multas gobernativas, os secuestros de números e, finalmente, unha denuncia da fiscalía contra o director. O proceso concluirá uns días antes das proclamación da República con Osorio acusado de sedición. No entanto, a lexislación do novo período político deixou sen efecto esta acusación.
Estudos universitarios e activismo republicano
Aínda que non se presentase como candidato, Fernando Osorio tivo unha participación moi activa –alén mesmo do labor xornalístico– no proceso electoral que ía levar á proclamación da República: xa desde o asociacionismo –foi socio do Casino Republicano da Coruña, integrou a comisión para a creación da Asociación de Empregados Municipais do consistorio coruñés e foi un dos fundadores da Asociación Regional de Padres de Familia para la Defensa del Laicismo en la Enseñanza–, xa coa asesoría na proclamación de candidatos no concello de Culleredo, xa coa actuación en favor da participación das mulleres na vida pública e a súa consideración como activo intelectual a través da Xuventude Republicana coruñesa que Osorio presidiu desde o mes de xullo de 1931.
Tamén foi relevante a súa participación no proceso inicial de demanda e elaboración dun Estatuto que recoñecese a nación galega no marco dun Estado federal español. Así, Fernando Osorio integrou en 1931 a comisión mandatada pola Federación Republicana Galega (FRG) para redixir as Bases para o Estatuto Galego, xuntamente con Antón Villar Ponte, Luís Peña Novo, Manuel Lugrís Freire, Arturo Taracido e Alfredo Somoza. Eles foron tamén os que asinaron a primeira convocatoria da asemblea preparatoria do Estatuto de Galicia, celebrada no mes de xuño na cidade herculina. No entanto, o feito de a Constitución finalmente aprobada en 1931 non recoñecer a estrutura federal deixou de fóra as Bases en que Osorio participara e que no seu primeiro artigo afirmaban que Galicia era un Estado autónomo dentro da República Federal Española. A decepción levou Osorio a abandonar a ORGA-FRG e non participar máis no proceso estatutario. En abril de 1932 nacía o seu terceiro fillo, Ramiro.
A punto de entrar na súa cuarta década de vida, o que fora director do CNAG matriculouse en 1935 na Universidade para cursar Dereito. Aprobará os dous primeiros cursos por libre. Nesa altura foi requirido polo alcalde compostelán Ánxel Casal para realizar unha auditoría económica previa á redacción dos orzamentos anuais do municipio.
Persecución e exilio
A morte do seu amigo Antón Villar Ponte en marzo de 1936 foi un triste preludio dos dramáticos acontecementos que se sucederían a partir do mes de xullo dese ano. O golpe de Estado non só impediu que Osorio continuase os seus estudos universitarios: a represión desencadeada tamén truncou de vez a súa vida profesional –foi destituído do seu posto de funcionario– e obrigouno a saír precipitadamente após ser informado da incoación por parte da autoridade militar dun expediente sumarísimo contra el por ser un
caracterizado republicano de izquierdas con ideas avanzadase, por tanto, contrario ao movemento militar insurxente. A súa fuxida levouno a Porto, Lisboa e finalmente a Funchal (Madeira), onde se reuniría a familia en febreiro de 1937.
Frustradas as tentativas de se exiliaren en Bos Aires, un Osorio desempregado viaxa a París e coa axuda da embaixada española consegue que a muller e os fillos cheguen tamén á capital francesa. Nesta cidade realiza servizos de información para a legación republicana e colabora na distribución do volume La Galice sous la botte de Franco –como xa fixera antes co libro de Bernardino Machado. Neses meses, a familia subsistiu grazas a algunhas aulas de español que Osorio puido arranxar e aos seus traballos esporádicos como modelo dun pintor.
Tras o triunfo franquista e a imposibilidade de regresar a Galicia, a familia Osorio conseguiu ser incluída na nómina de exiliados que embarcarían no cargueiro Ipanema rumbo a México. Con cuarenta e catro anos e tres fillos, o coruñés víase forzado a iniciar unha nova vida como refuxiado no país norteamericano. Para complicar máis a situación, a súa muller estaba afectada por unha grave doenza cardíaca que se viu agravada durante a durísima e accidentada travesía –o barco sufriu unha avariada e tivo que arribar á illa Martinica e ficar alí por varios días.
A integración no país azteca estivo dificultada pola situación médica de María de los Ángeles, a quen os médicos recomendaban repouso absoluto. Por esa razón, a familia permaneceu tres meses en Veracruz, atrasando a integración na sociedade mexicana e a incorporación dos adultos ao mercado laboral –a pesar das desesperadas xestións de Osorio neste sentido, inclusive perante o propio Indalecio Prieto. Alén disto, desactivábase a exigua rede de relacións que poderían servir de axuda nesta empresa.
As axudas recibidas do Comité Técnico de Axuda aos Refuxiados Españois (CTARE) non evitaron que a situación da familia se fixese desesperada: o pai non arranxaba emprego e os fillos menores mostraban signos evidentes de desnutrición. A desesperación chegou a tal punto que, contra o consello médico, a grupo familiar –coa excepción do fillo máis vello, que conseguira empregarse na Cidade de México– se trasladou a Cuernavaca, onde continuaron as dificultades para Fernando Osorio traballar. Despois de case dous anos no país, conseguiría un emprego no Distrito Federal, onde se deslocou con toda a familia. Na capital traballou como auxiliar administrativo, como contador e como vendedor de seguros.
Deteriorio físico e regreso a Galicia
En 1950 morre a súa muller e desde ese momento van aparecendo pouco a pouco os primeiros signos de declinio mental de Fernando Osorio. Aínda casará por poderes en 1955 coa irmá da súa cuñada, se ben o matrimonio nunca chegou a se estabelecer como tal. Os fillos van casando e o coruñés retírase para dentro de si mesmo coas súas obsesións: a principal, escribir un gran tratado de ética segundo o modelo do seu admirado Xoán Vicente Viqueira. A pesar das frecuentes perdas de memoria, estuda e escribe compulsivamente restándolle horas ao sono e, desde que deixara o último emprego en 1955, sobrevive coa axuda económica dos fillos. As doenzas multiplícanse e el non se presta a un tratamento adecuado que recomenda repouso completo. Polo contrario, decide regresar a Galicia.
Así, o 1 de abril de 1971, Fernando Osorio do Campo parte de Veracruz rumbo á Coruña no buque Covagonda. Senil, depauperado e só, chega o 22 dese mes a unha cidade herculina moi diferente da que coñecera catro décadas atrás: a ditadura arrasara coa maioría das sociedades e colectivos políticos e culturais que frecuentara e o ancián non encontrou unha rede de coñecidos en que se integrar. As súas teimas, porén, incrementáronse xuntamente coa decepción. E foi nesta etapa de crecente desequilibrio cando fixo o depoimento da súa vida que Marino Dónega publicou en Grial.
Unha intervención cirúrxica agravou aínda máis as perdas de memoria e o deterioro mental e, aínda, Osorio ficou con problemas de motricidade. As dificultades na escrita derivadas destas complicacións colidían de fronte coa crecente grafomanía, provocando no coruñés unha tensión que non fixo máis que intensificar a súa desorde cognitiva –que aínda o levou a viaxar a Madrid durante a recuperación da cirurxía.
Para alén da axuda económica enviada pola familia, o único auxilio que Osorio recibiu nesa altura foi o dos seus amigos Federico Zamora e Roberto Vidal Ojén, aos que se sumaría a asistenta social Emilia Varela Vila, que en marzo de 1974 conseguiu que o activista polo laicismo ingresase nunha residencia para idosos administrada polas freiras da Caridade.
Fernando Osorio do Campo morreu o 14 de maio de 1974 na Coruña e foi soterrado no cemiterio herculino de Santo Amaro nun ambiente xeral de alienación e de esquecemento de todas as conquistas políticas e culturais atinxidas en Galicia antes da guerra.
Bibliografía
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2016): «Fernando Osorio do Campo e o teatro das Irmandades da Fala: Por iniciativa d'un notabre artista cruñés
», Erregueté, 88: 9-11.
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2017a): Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas. Ferrol: Embora.
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2017b): «Fernando Osorio do Campo no programa teatral irmandiño». En Henrique Monteagudo, e Dolores Sánchez Vales (eds.): No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos. A Coruña: Real Academia Galega; 153-165.
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2019): «Fernando Osorio do Campo: O discreto colaborador de Bernardino Machado no seu exílio corunhês de 1927». En Cláudia Pazos Alonso et. al. (ed.): De Oriente a Occidente: estudos da Associação Internacional de Lusitanistas. Volume II: Sobre Portugal. Coimbra: Angelus Novus; 91-112.
Dónega, Marino (1971): «Un home, unha aventura, un tempo: Fernando Osorio do Campo», Grial, 33: 333-338.
Osorio, Fernando e Lemos, José (1913): Coplas da revista en dois actos Sem Porta nem Tranca. Lisboa: Typographia Industrial Portugueza.
Osorio, Fernando (1924): Desourentación. Boceto teatralizado e analítico de ideas. A Coruña: Tipografía de El Noroeste.
Pereira Martínez, Carlos (1998a): «A proclamación da II República en Culleredo», Esculca, 5: 92-97.
Tato Fontaíña, Laura (1999): Historia do teatro galego. Das orixes a 1936. Vigo: A Nosa Terra.
Torres Regueiro, Xurxo (1991): «A Irmandade da Fala de Betanzos 1917-1930», Anuario brigantino, 14: 91-138.
Vázquez Souza, Ernesto (2006): Noticia mínima e contexto da Asociación Regional de Padres de Familia para la Defensa del Laicismo en la Enseñanza (1931-1936). Compostela: Laiovento.
Como citar: Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano : Fernando Osorio do Campo. Publicado o 18/4/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34461. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Conclusións da auditoría á Facenda Municipal de Santiago de Compostela encomendada a Fernando Osorio por Ánxel Casal (1936). Ver Documento. Artigo
«Sobre la hacienda municipal: El señor Osorio en sus escritos», El Compostelano: diario independiente, 1788 (30 de julio de 1936),
Fonte: Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=74&anyo=1936 [Descarga: 2023-04-15]
Segundo «Paradoxo», artigo publicado en decembro de 1919 n'A Nosa Terra. Ver Documento. Artigo
Osorio, Fernando (1919a): «Paradoxo», A Nosa Terra/cite>, 108 (15-12-1919), 3-4.
Fonte: Galiciana https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=7502&anyo=1919 2023-01-18 [Descarga: 2023-04-12]
Primeiro «Paradoxo», artigo publicado en setembro de 1919 n'A Nosa Terra. Ver Documento. Artigo
Osorio, Fernando (1919a): «Paradoxo», A Nosa Terra/cite>, 101 (25-09-1919), 1.
Fonte: Fonte: Galiciana https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=7502&anyo=1919 2023-01-18 [Descarga: 2023-04-12]
Primeira páxina do manuscrito de Norte, de Fernando Osorio. Ver Documento
Fonte: Arquivo particular da familia Osorio Cruces (México)
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Anuncio na prensa da nova directiva da Irmandade da Fala da Coruña, sendo Fernando Osorio nomeado bibliotecario . Ver Documento. Páxina de prensa
«Irmandade da Fala», El Orzán, (12-04-1921)
Fonte: Biblioteca Virtugal de Pensa Histórica. Ministerio de Cultura.
https://prensahistorica.mcu.es/gl/consulta/registro.do?id=9004 [Descarga: 2023-04-24]
Elenco da estrea d'A man de Santiña polo Conservatorio Nacional de Arte Galega, recollido na edición de 1920 do texto de Ramón Cabanillas. Ver Documento
Fonte: Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor" da Universidade da Coruña
Anuncio da velada teatral extraordinaria de despedida de Fernando Osorio, celebrada en decembro de 1919 na Irmandade da Fala da Coruña . Ver Documento. Páxina de prensa
«Despedida de un actor», El Orzán, 585 (10-12-1919), 1
Fonte: Biblioteca Virtugal de Pensa Histórica. Ministerio de Cultura.
https://prensahistorica.mcu.es/gl/consulta/registro.do?id=9004 [Descarga: 2023-04-24]
Cartaz da función inaugural do Conservatorio Nacional de Arte Galega no Pavillón Lino da Coruña a 22 de abril de 1919. Ver Documento. Cartel
Fonte: Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor" da Universidade da Coruña.
Programa de man da récita da Escola da Arte de Representar celebrada en maio de 1914 no Teatro Nacional Almeida Garret, coa participación de Fernando Osorio. Ver Documento
Fonte: Arquivo Histórico da Educação da República Portuguesa.
Carta de 22 de outubro de 1913 en que se solicita a participación de Fernando Osorio e outros alumnos da Escola da Arte de Representar de Lisboa nun espectáculo do Teatro Nacional. Ver Documento
Fonte: Escola Superior de Teatro e Cinema de Lisboa
Matrícula de Fernando Osorio no curso 1911-1912 da Escola da Arte de Representar do Conservatorio de Lisboa. Ver Documento
Fonte: ESTC: Escola Superior de Teatro e Cinema - Instituto Politécnico de Lisboa
Datos do alumnado matriculado no curso 1911-1912 na Escola da Arte de Representar de Lisboa, segundo o recollido no Relatório do director. Ver Documento
Fonte: ESTC: Escola Superior de Teatro e Cinema - Instituto Politécnico de Lisboa
Acta asinada por Júlio Dantas do concurso de admisión na Escola da Arte de Representar do Conservatorio de Lisboa ao que se presentou Fernando Osorio. Ver Documento. Artigo
Comunicación do nacemento do Conservatorio Nacional de Arte Galega. Ver Documento. Artigo
«Conservatorio Nazonal do Arte Galego», A Nosa Terra, 78 (25-01-1919), 1.
Fonte: Hemeroteca da Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca de Galicia
Crónica da función inaugural do Conservatorio Nacional de Arte Galega . Ver Documento. Artigo
«Inaugurazón do noso Conservatorio. Estrenouse A mán de Santiña», cite>A Nosa Terra, 87 (25-04-1919),1.
Fonte: Hemeroteca da Real Academia Galega /Galiciana
Participación de Fernando Osorio no segundo espectáculo da Escola da Arte de Representar de Lisboa no curso 1911-1912. Ver Documento. Anuncio. Fragmento de publicación impresa
Fonte: Centro de Estudos de Teatro da Universidade de Lisboa.
Elenco da estrea en 1912 de O Álcool (con Fernando Osorio no papel de André), recollido na publicación do texto de Bento Mántua no número 1 da revista Theatralia (1913). Ver Documento
Fonte: Biblioteca Nacional de Portugal
Lembranza do labor realizado por Fernando Osorio no momento da súa despedida, cunha caricatura realizada por Castelao . Ver Documento. Artigo
«Fernando Osorio», A Nosa Terra, 109 (01-01-1920), 8
Fonte: Ral Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=16484 [Descarga: 2023-04-15]
Manuscrito de Antón Villar Ponte en que inclúe a Fernando Osorio no reparto dunha representación finalmente frustrada d'O Mariscal. Ver Documento
Fonte: Arquivo da Fundación Penzol. Vigo
Artigo de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes sobre a colaboración de Fernando Osorio con Bernardino Machado durante o seu exilio na Coruña. Ver Documento. Artigo
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2017b): «Fernando Osorio do Campo no programa teatral irmandiño». En Henrique Monteagudo e Dolores Sánchez Vales (eds.): No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos. A Coruña: Real Academia Galega; 153-165.
Fonte: Publicacións da Real Academia Galega
https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/322
Artigo de Xesús Torres Regueiro en que se menciona a estrea de Norte en Betanzos. Ver Documento. Artigo
Torres Regueiro, Xurxo (1991): «A Irmandade da Fala de Betanzos 1917-1930», Anuario brigantino 14: 91-138.
Fonte: Dialnet
https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/2507695.pdf [Descarga: 2023-04-15]
Artigo de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes sobre a colaboración de Fernando Osorio con Bernardino Machado durante o seu exilio na Coruña. Ver Documento. Artigo
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2019): «Fernando Osorio do Campo: O discreto colaborador de Bernardino Machado no seu exílio corunhês de 1927». En Cláudia Pazos Alonso, et. al. (eds): De Oriente a Occidente: estudos da Associação Internacional de Lusitanistas, Volume II – Sobre Portugal. Coimbra: Angelus Novus; 91-112.
Fonte: Associação Internacional de Lusitanistas
https://lusitanistasail.press/index.php/ailpress/catalog/view/166/58/731-1 [Descarga: 2023-04-15]
Ligazóns de interese
Adelante, semanario republicano dirixido por Fernando Osorio, en Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=577505 [Consulta: 2023-04-14]
Entrada de Fernando Osorio do Campo na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Fernando_Osorio_do_Campo [Consulta: 2023-04-13]
Fernando Osorio do Campo en PARES, Portal de Archivos Españoles
Fonte: Portal de Archivos Españoles.
https://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/find?nm=&texto=Fernando+Osorio+docampo [Consulta: 2023-04-14]
Fernando Osorio do Campo en Casa Comum, da Fundação Mário Soares
Fonte: http://casacomum.org/cc/pesqArquivo.php?termo=Fernando+Osorio [Consulta: 2023-04-14]
Relación de pasaxeiros do vapor Ipanema, no Arquivo da Fundación Pablo Iglesias (Madrid)
Fonte: https://fpabloiglesias.es/doc-dic-biografico/exilio-barcos-lista-de-pasajeros-del-ipanema-mexico/ [Consulta: 2023-04-14]
Fernando Osorio do Campo no Portal de víctimas de la Guerra Civil y represaliados del Franquismo
Fonte: http://pares.mcu.es/victimasGCFPortal/detalle.form?idpersona=941362 [Consulta: 2023-04-14]
Ficha de Fernando Osorio no CETBase da Universidade de Lisboa
Fonte: http://www.cetbase.pt/reports/client/Report.htm?ObjType=Pessoa&ObjId=24114
Expediente persoal de Fernando Osorio do Campo no Centro Documental de la Memoria Histórica
Fonte: http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/description/5256106?nm [Consulta: 2023-04-13]
Artigo de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes sobre o proceso de investigación na biografía e na obra de Fernando Osorio do Campo
Biscainho-Fernandes, (2017): «Fernando Osorio do Campo: historia dunha investigación», Madrygal, 20: 11-19.
Fonte: Madrygal. Revista de Estudios Gallegos https://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/57626/51895 [Consulta: 2023-04-16]
Artigo de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes sobre Fernando Osorio e o Conservatorio Nacional de Arte Galega
Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (2016): «Fernando Osorio do Campo e o teatro das Irmandades da Fala: «Por iniciativa d'un notabre artista cruñés», Erregueté 88: 9-11.
Fonte: :Erregueté. Revista Galega de Teatro https://erreguete.gal/2017/12/02/fernando-osorio-campo-teatro-das-irmandades-da-fala/ [Consulta: 2023-04-15]
Sem porta nem tranca, de Fernando Osorio e José Lemos (1913)
Fonte: Arquivo distrital do Porto.
https://pesquisa.adporto.arquivos.pt/viewer?id=1391325 [Consulta 2023-04-13]
Videos
Unha rúa para Fernando Osorio do Campo, petición popular (vídeo)
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=OoJyXCClHGQ [Consulta: 2023-04-13]






















