Antonio Tucho
Lagares Fernández
A Coruña, 12/ 11/1932 - A Coruña, 4/7/2013
Autoría: Ana Abad de Larriva
Actor galego de teatro, zarzuela e audiovisual
Tucho compaxinou o desempeño interpretativo co seu oficio como viaxante de reloxos e casou coa tamén actriz Fely Manzano, compañeira de vida e de profesión, coa que coincidiu en varios proxectos artísticos. Traballou como actor en diferentes xéneros e medios escénicos e audiovisuais: teatro, zarzuela, televisión e cinema, desenvolvendo maioritariamente papeis secundarios e aparicións breves, pero cheas de carisma, que o converteron nun rostro coñecido do audiovisual galego, aínda que tamén protagonizou curtametraxes e anuncios televisivos.
No xénero teatral, formou parte do elenco das montaxes que fixo o Grupo Tespis d’O conto dos cinco camiñantes, do autor dominicano Iván García Guerra, no ano 1981; e de Pinocho, do autor italiano Carlo Collodi, do ano 1983; as dúas baixo a dirección de José Redondo Santos, quen tamén o dirixiu en O casamento á forza, de Molière, e O médico a paos, de Leandro Fernández de Moratín, a partir da obra de Molière, co Grupo Gerión. Ademais, coa compañía Balea Branca participou na posta en escena d’O auténtico oeste, de Sam Shepard, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, no ano 1995.
A Tucho gustáballe cantar e non só formou parte de diferentes coros da Coruña, senón que tamén foi membro do elenco de varias zarzuelas. A primeira foi na montaxe que fixo a compañía Mili Porta d’A represa e o río, con música de Mili Porta e libreto de Antón de Santiago, “Nito”, no ano 1983, doce anos despois do falecemento da compositora. Tucho volvería actuar neste xénero en 2001, en La verbena de la Paloma, posta en escena polo Círculo Lírico Calderón, baixo a dirección de Matilde Blanco; e en 2003, con Caramuxa, en La corte de Faraón, de Vicente Lleó, dirixida tamén por Matilde Blanco. Nestas dúas, a súa muller, Fely, ademais de actuar, asumiu a asistencia de dirección, e nesta última Tucho, ademais de intervir como actor, cantaba, e o seu desempeño fixo que lle quedase de alcume
O Faraón.
Nos anos oitenta do século pasado, Tucho tamén participou coa Compañía Apropósitos Nito, de Antón de Santiago, “Nito”, que rescatou o xénero dos
apropósitoscarnavalescos que impulsara o seu avó, Antonio Santiago Álvarez, en varias destas pezas: Foi medida desmedida / decisión descomunal / xa o dicen os ingleses / trasladar a capital, no ano 1984; Pirolas a la mar, en 1985; Recortes del Faraón, en 1987, e De María Pita al Casón pasando por la moción, en 1988.
A pesar de que o teatro era o medio no que máis a gusto se sentía, a maior visibilidade pública obtívoa co seu traballo no audiovisual. Tucho foi un dos actores pioneiros no audiovisual galego, ao participar nunha das primeiras longametraxes, Urxa, na que tamén actuaban a súa muller, Fely Manzano, e a súa filla, Raquel Lagares Manzano, con dirección e guión de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro, do ano 1989. Despois, na década dos anos noventa do século XX, e na primeira década dos anos 2000, interveu como actor noutras películas de longo formato, tanto galegas como estatais, que completaron unha filmografía moi variada: A lei da fronteira, dirixida por Adolfo Aristarain e con guión de Miguel Anxo Murado, do ano 1995; Nena, dirixida por Xavier Bermúdez, e con guión de Xavier Bermúdez, César Fernández e Javier Izquierdo, do ano 1997; A lingua das bolboretas, con dirección de José Luis Cuerda e guión de Rafael Azcona, a partir do relato de Manuel Rivas, no ano 1999; O lapis do carpinteiro, dirixida por Antón Reixa, con guión deste e de Xosé Morais, a partir da novela de Manuel Rivas, no ano 2002; e Lobos de Arga, de Juan Martínez Moreno, de 2011.
Neses anos apostou tamén polas pezas audiovisuais de menor duración, e formou parte do reparto da mediametraxe Jalisco, do ano 2001, baixo a dirección de Fran Piñeiro e Jorge Valcárcel; e das curtametraxes La sangre del enemigo, con guión e dirección de Miguel Calderón, de 1996; As muxicas, do ano 2002, con dirección e guión de Carlos Alberto Alonso, que protagonizaron Tucho e a súa muller, Fely Manzano; O trasto, tamén de 2002, con dirección e guión de Rafael Calvo; ou Rosas, de Mikel Fuentes, do ano 2005, na que volveu coincidir ante a cámara con Fely.
Ademais do cinema, a televisión foi o outro medio audiovisual que cultivou Tucho, quen fixo aparicións en series de gran popularidade, como Mareas Vivas, Pratos combinados, Rías Baixas, Terra de Miranda, As leis de Celavella e Gondar; así como no documental Causa 1021, con guión e dirección de Xosé Lois Santiago e Pablo Ces, estreado no ano 2011. Outro traballo que lle trouxera moito recoñecemento público foi o anuncio televisivo do produto raticida Ratibrom, que protagonizou no ano 1997, na súa primeira edición.
O actor e director José Antonio Jiménez García, que coincidiu con el en varios proxectos, lembraba que, para cada papel, Tucho pescudaba e preguntaba, buscando reflectir do mellor xeito posible cada personaxe que tiña que interpretar, independentemente do tempo que este fose estar na escena ou na secuencia. De todos os seus traballos, Tucho destacaba o que fixo na curta As muxicas, porque puidera traballar compartindo planos con Fely, e ela destacaba as capacidades del para a comedia.
Tamén tiña condicións para os dramas, e, de feito, fíxoos, pero onde de verdade estaba estupendo e gozaba era na comedia, compartira a actriz nunha conversa con Pablo Carballo, xornalista de AISGE, en lembranza de Tucho, quen faleceu na madrugada do 4 de xullo de 2013, despois dunha longa enfermidade. Carballo definiuno como un actor
valente e versátil, e Fely, cando recibiu o Premio Mestre Mateo de Honra da Academia Galega do Audiovisual en recoñecemento á súa traxectoria, en 2015, ao recollelo quixo dedicar o seu galardón ao que foi o seu
compañeiro inseparable de vida e profesión.
Páxinas web de referencia
Biografía de Antonio Lagares no portal «Galegos», de Galicia Digital.
Ficha de Tucho Lagares en AVG, o soportal do Audiovisual Galego, do Consello da Cultura Galega.
Ficha de Antonio Lagares en IMDb, na que aparecen detallados os episodios das series nos que participou.
Bibliografía
Carballo, Pablo: «Muere el coruñés Tucho Lagares, actor valiente y versátil», AISGE. Noticias, (4 de xullo de 2013).
m.l.: «Morre o actor Tucho Lagares», edición dixital de Nós Diario, (4 de xullo de 2013).
Mateo, Lucía: «La compañía gallega Caramuxa representará la zarzuela La Corte de faraón en el Teatro Rosalía», edición dixital de La Voz de Galicia, (10 de xullo de 2003).
Negreira Rodríguez, Francisco: As series de ficción para televisión. Cambio e evolución nas estruturas narrativas e produtivas. O panorama galego no contorno internacional. [Tese de doutoramento]. A Coruña: Universidade, 2021.
Pérez Montes, Ezequiel: «Murió Tucho», edición dixital de El Ideal Gallego, (28 de xullo de 2013).
Vázquez, Dolores: «Oleiros apuesta por el corto», edición dixital de La Voz de Galicia, (14 de setembro de 2004).
La Voz: «Estreno del cortometraje Rosa en A Fábrica», edición dixital de La Voz de Galicia, (10 de xaneiro de 2005).
Como citar:
Abad de Larriva, Ana :
Antonio Tucho
Lagares Fernández. Publicado o 28/1/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34963. Recuperado o 15/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Nova de Pablo Carballo sobre o falecemento de Tucho Lagares, publicada na páxina web de AISGE, da que era socio o actor. Ver Documento. Artigo
Carballo, Pablo: «Muere el coruñés Tucho Lagares, actor valiente y versátil», AISGE. Noticias, (4 de xullo de 2013)
Fonte: Páxina web de AISGE.
https://www.aisge.es
Extracto dos Papeis da Academia Galega do Audiovisual, da sección Obituario, no que se recolle un artigo de José Antonio Jiménez García en lembranza de Tucho Lagares. Ver Documento. Artigo
Jiménez García, José Antonio: «Paróuseme o motor», Papeis da Academia Galega do Audiovisual, (xullo de 2012 – xuño de 2013), 474-477.
Fonte: Papeis da Academia Galega do Audiovisual.
Ficha técnica da curtametraxe La sangre del enemigo, dirixida por Miguel Calderón en 1996 e na que Tucho Lagares interpretou o papel de Paco. Ver Documento
«La sangre del enemigo». En Hueso Montón, A.L. (dir.): Filmografía galega: curtametraxes. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación den Humanidades, 2002; 286-287.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Ficha técnica da longametraxe Urxa, dirixida por Carlos López Piñeiro e Alfredo garcía Pinal en 1989, na que participou como actor Tucho Lagares. Ver Documento
«Urxa». En Hueso Montón, A.L. (dir.): Filmografía galega: longametraxes de ficción. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación den Humanidades, 1998; 336-339.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Na páxina 9 do xornal La Noche do 14 de outubro de 1966, recóllese o nomeamento de Antonio Lagares Fernández como vicepresidente do Liceo de Monelos. Ver Documento. Noticia
«Nueva Directiva del Liceo de Monelos», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, (14 de outubro de 1996), 9.
Fonte: Biblioteca de Galicia /Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Na páxina 4 do xornal El Ideal Gallego, de 16 de novembro de 1932, recóllese a inscrición, o 14 de novembro de 1932, do nacemento de Antonio Lagares Fernández (que fora o 12 de novembro) no Rexistro Civil (distrito do Instituto). Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
«Registro Civil», El Ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 3806 (16 de novembro de 1932), 4.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
Acceso á tese de doutoramento As series de ficción para televisión. Cambio e evolución nas estruturas narrativas e produtivas. O panorama galego no contorno internacional, de Francisco Negreira Rodríguez.
Fonte: RUC. Repositorio da Universidade da Coruña.
A Coruña: Universidade, 2021
https://ruc.udc.es
«Murió Tucho», obituario escrito por Ezequiel Pérez Montes en lembranza de Tucho Lagares.
Fonte: El Ideal Gallego.
El Ideal Gallego, (28 de xullo de 2013)
https://www.elidealgallego.com
«Morre o actor Tucho Lagares», información asinada por M.L. e publicada na edición dixital de Nós Diario.
Fonte: Nós Diario.
Nós Diario, (4 de xullo de 2013)https://www.nosdiario.gal
Nova sobre a estrea da curtametraxe Rosas, de Mikel Fuentes, do ano 2005, na que Tucho Lagares formou parte do reparto.
Fonte: La Voz de Galicia
La Voz de Galicia, (10 de xaneiro de 2005)
https://www.lavozdegalicia.es
«Oleiros apuesta por el corto», artigo de Dolores Vázquez que avanza a rodaxe da curta Rosas, na que participou Tucho Lagares como actor.
Fonte: La Voz de Galicia.
La Voz de Galicia, (14 de setembro de 2004)
https://www.lavozdegalicia.es
«La compañía gallega Caramuxa representará la zarzuela La Corte de faraón en el Teatro Rosalía», nova de Lucía Mateo.
Fonte: La Voz de Galicia.
La Voz de Galicia, (10 de xullo de 2003)
https://www.lavozdegalicia.es
Episodios da serie da TVG Pratos combinados. 1995-2006
Fonte: Agalega.gal
Videos
As Muxicas, curtametraxe de Carlos Alberto Alonso, con Fely Manzano e Antonio Lagares (2002)
Fonte: Alberto Alonso / YouTube.com
Trailer do documental Causa 1021, con guión e dirección de Xosé Lois Santiago e Pablo Ces, estreado no ano 2011, no que actuaba Tucho Lagares
Fonte: Canle de Pablo Ces / YouTube.com.
Vídeo do documental Causa 1021, con guión e dirección de Xosé Lois Santiago e Pablo Ces, estreado no 2011, no que actuaba Tucho Lagares
Fonte: Canle de Manoel Anxo Garcia Torres / YouTube.com
Vídeo In Memoriam Gala dos Premios Goya 2014, no que se lembran algunhas das persoas do sector audiovisual falecidas ao longo do ano anterior, e no que aparece unha mención a Tucho Lagares
Fonte: Jaimepf Pf / YouTube.com
Anuncio televisivo -na dobraxe española- do raticida Ratribrom protagonizado na súa primeira edición de 1997 por Tucho Lagares
Fonte: Impex Europa / YouTube.com