Antonio Paz Valverde
O Porriño (Pontevedra), 1937 - O Porriño (Pontevedra), 26/12/2022Autoría: Xosé Ramón Paz Antón
Compositor e director de coros
súa sobria timidezque non lle permitía tirar a voz, pero pouco despois dirixía o coro do colexio; tería daquela 14 anos de idade. Sobre a súa formación musical quedou apuntado:
É este un caso de case-autodidactismo excepcional, complementado coa tutela de mestres como Antonio Uriz Susperregui, organista na catedral de Tui e mestre de capela en Ourense, que colaborou na orquestración dalgunha das primeiras composicións relixiosas do porriñés; ou de Jesús Yepes Cote, director do Conservatorio de Música de Vigo, con quen traballou dous anos
dos que tirou grande proveito. Tras dirixir o coro do colexio, a partir de 1952 traballaba con coros da Acción Católica do Porriño, tocaba o órgano en misas e funerais ou o piano en veladas musicais. En 1953, con 16 anos, compoñía a peza de piano titulada María Teresa, valse que figura como a primeira das súas obras. En novembro de 1959 participaba como peza esencial na fundación da Coral Polifónica do C.R.C. do Porriño propiciando a fusión de dous coros de música litúrxica aos que engadían outras voces de diversa procedencia. Nesta primeira época Antonio aínda non achegaba as súas propias composicións pero resolvía todas as cuestións de organización, selección de repertorio, distribución de voces, arranxos musicais, etc. Era a alma da coral, unha agrupación que, sen dúbida, brillou como unha das dúas ou tres propostas máis relevantes de Galicia dos anos sesenta e setenta do século XX.
A Coral Polifónica do Porriño, composta por setenta voces mixtas, fixo a súa estrea en xuño de 1960 destacando o afán por divulgar a obra de grandes autores do Clasicismo e do Romanticismo europeo xunto a diversos xéneros asociados ao mundo coral popular. Unha primeira gravación non comercial, de 1961, tivo grande impacto na emigración arxentina a través de audicións en diversas sociedades e no programa radiofónico Recordando a Galicia da actriz Maruxa Boga. Unha parte destacada deste éxito da coral porriñesa en Arxentina foi a súa interpretación do Himno galego, ata tal punto que a Federación de Sociedades Galegas e os colectivos que a integraban adoptaron esta versión nos seus eventos desprazando ás que os propios coros da emigración tiñan gravado. A partir de 1962 sumaban os primeiros apuntes do que serían propostas características da coral porriñesa: o madrigalismo, os espirituais negros (Meu vello río de S. Foster) e as primeiras composicións galegas de Antonio Paz Valverde. En xullo de 1964 as voces do Porriño eran convidadas ao Festival do Mundo Céltico celebrado na Bretaña con base na cidade de Lorient e realizaron diversos concertos nas principias cidades bretoas. En maio de 1965, visitaban Madrid con motivo da celebración da VI Feria Internacional del Campo e alí deron varios concertos no pavillón de Pontevedra, e tamén, no Centro Galego. O ano de 1969 foi estelar para as cantoras e cantores porriñeses, que volvían a Madrid para realizar a gravación histórica dos once temas rexistrados nos estudios Fonogram e que foron editados inicialmente por BCD en tres EPs baixo un título xenérico de Canzón Galega. Os discos espalláronse por diversos países (Alemaña, Inglaterra, Brasil, EE.UU., Australia, Canadá…) e tiveron unha especial repercusión en Arxentina e, na celebración do Día das Letras Galegas de 1971, foron presentados no Centro Galego de Bos Aires madurecendo a idea de realizar unha edición propia naquel país, que se materializou por Ediciones Galicia un ano despois en formato LP.
En relación aos formatos audiovisuais, a viaxe a Madrid de 1969 tamén serviu para a realización dunha reportaxe para Televisión Española. Na radio foron múltiples as emisións con presenza da coral e, entre elas, poñemos como exemplos a realizada para a Radio Clube portuguesa que se emitiu no programa Assim é Espanha, a gravación para Radio Galicia de Santiago dun monográfico sobre cancións galegas, ou a utilización dos materiais porriñeses nas emisoras arxentinas, especialmente Radio Ribadavia, relacionadas coa Galicia emigrante.
Na década de 1970 xurdía o Coro Infantil formado con corenta voces mixtas mentres a Coral abría o camiño á zarzuela, xénero que explorou de abondo naqueles anos (Katiuska, Gigantes y cabezudos, La rosa del azafrán e Los gavilanes). A aceleración do inevitábel proceso de relevos das e dos coralistas, as dificultades para captar novas voces e a intención de afrontar un proxecto de maior capacidade artística que profundaba na técnica vocal marcaron os últimos anos da agrupación que tivo vida ata arredor do ano 1990. Catorce anos despois, Antonio Paz creaba o Orfeón Porriñés –un proxecto máis sosegado que o anterior- no que seguiu mantendo acesa a luz do canto coral e a súa propia obra compositiva.
A cronoloxía das súas composicións ten data de inicio en 1953 se ben existe despois un baleiro, seguramente non exento de exercicios compositivos, dando paso a partir do Vilancico creado en 1960, a un labor creativo que vai ser continuo e prolífico figurando como primeiras obras Nouturno e Canzón do paxariño en 1962, O neno dormía en 1963 ou a composición Ave María asinada en 1964. Nos seguintes anos continuaba compoñendo o resto das cancións e a misa galegas que foron gravadas e publicadas en disco en 1969, así coma o resto da súa obra que en boa parte pode situarse cronoloxicamente con data precisa ou aproximada.
A catalogación da súa obra realizada en 2010 elevaba o número de composicións e arranxos musicais ata os 158 títulos. Destaca en cantidade o apartado de música relixiosa con 73 partituras entre misas, motetes e arranxos, de xeito que esta inspiración ocupa case a metade do espazo produtivo do autor. As cancións galegas (39 temas) e en idioma castelán (10) elaboradas a partir de poemas de diversa autoría superan o trinta por cento, quedando o resto dos seus materiais dedicados a 8 pezas para piano, 17 arranxos de música de América e 12 proxectos e performances varias. Queda engadir a estes 158 títulos o labor que Antonio Paz puido realizar entre 2010 e 2022. No aspecto relixioso cabe destacar que Antonio escribiu nove misas. A metade delas teñen data: a Misa Galega é anterior a 1969, a Misa Alabanza espiritual é de 1971, a Missanova de 2000 e a Misseta de 2001. En 2002 realizou unha nova versión da Misa Alabanza espiritual. As restantes son unha Misa Solemne, a Misa Angélica, (ambas as dúas anteriores a 1986), e outras dúas misas grafadas –unha delas para dous coros- nunha libreta pautada sen data.
A composición de cancións galegas partindo de poemas e, moi especialmente de poetas de Galicia na súa propia lingua, acabaría por dar espléndidos resultados converténdose na parte máis significativa e valorada da súa obra creativa. O primeiro grupo dos poemas galegos musicados foron creados entre 1962 e 1969. O asubío, Solo quedeime, Era un airiño soave, No niño novo do vento, Si eu souper, Ao ver que non tiñas nome, O neno dormía e Non cho direi (Adeus) e outras xa citadas, son un grupo de pezas de grande interese polo seu propio valor artístico, pola época en que foron creadas, pola selección poética realizada (Manuel María, X. M. Álvarez Blázquez, Cunqueiro e Pimentel, entre outras voces), polo momento en que foron gravadas e comercializadas ou pola propia proposta de enfoque dunha música galega contemporánea que se anunciaba décadas antes –pensemos en Xesús Bal y Gay ou a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra- como reacción ao que se entendía como decadencia dos coros galegos.
Non se trata aquí da exposición de melodías da tradición oral e nin sequera da súa harmonización, fórmulas que caracterizaron unha boa parte da música coral galega. Antonio Paz non utilizou material folclórico no seu labor compositivo e, en certo modo, retomaba o lieder que practicaron figuras do denominado nacionalismo musical galego, é dicir, Baldomir, Montes, Veiga, Chané, Rey, Roxelio Groba, etc. A creación propia do compositor asentaba sobre a idea de crear unha música contemporánea cunha identidade galega manifestada basicamente na lingua. Na década de 1970 o compositor seguía explorando esta vía e novos títulos como O ceo alumiado, O Cuco, María Soliña, incrementaban a súa produción na que algúns autores eran máis utilizados como fonte creativa, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María. Con moitas destas persoas da literatura –ou cos seus herdeiros- mantivo o compositor un amplo epistolario que foi máis extenso con Manuel María quen, formando parte no proceso de Voces Ceibes por 1969, dicíalle ao porriñés:
Agora que se está intentando unha nova canción moderna en galego, coido que é moi interesante –fundamental- unha renovación da nosa música polifónica, que se estaba quedando con letras de poetas do século pasado e con poemas populares. O intento feito por vostede de utilizar versos de poetas autuales é un indudábel e importante acerto. Penso que a súa laboura pode ser renovadora, fecunda e importante prá nosa cultura. Compre, pois, non desmaiar no camiño emprendido.
Cabe apuntar que Antonio Paz utilizou a mesma técnica das cancións galegas cun pequeno grupo de poemas en castelán do romanceiro renacentista, de Rafael Alberti, de Juan Ramón Jiménez e outras autorías. Neste labor destaca a súa tendencia á forma dos trípticos do que son boa mostra Tres Canciones, Tres tonadillas ou Tres sonetos. A obra de Paz Valverde en xeral, pero moi en destaque as cancións galegas, tivo e segue a ter unha relevante difusión no eido coral e foron gravadas ou cantadas ao vivo por moitísimas agrupacións galegas ou foráneas (Casablanca, De Ruada, Grup Coral CenGaLlei de Lleida, Coral Villa de Salas de Asturias, Coral de Bielefeld –Alemaña- ou Ondarreta Abesbatza de Bilbao). E máis alá do ámbito coral, estas composicións foron reinterpretadas por unha chea de artistas, entre elas e eles citaremos só algún nomes: Carlos Núñez en Os amores libres, Tereza Salgueiro –a fermosa voz dos portugueses Madredeus- en Obrigado, María Manuela en Para Miguel, María do Ceo en No bico un cantar, o grupo madrileño Rara Avis ou, incluso, unha artista pop que pasou polo programa televisivo Operación Triunfo, Eva Carreras, en Aries imperfecto de 2009. A cantora lírica Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo incluíron con frecuencia as obras de Paz Valverde nos seus programas.
Foi home de fina sensibilidade musical, con moi boas dotes organizativas para as masas corais e autor prolífico de obras continuamente reinterpretadas por múltiples artistas. E ademais foi un caso extremo de persoa que fuxía das louvanzas, os recoñecementos e as homenaxes. O seu compromiso era coa Arte. O seu legado é parte destacada do Patrimonio musical de Galicia.
Bibliografía e fontes documentais
Acougo (Boletín informativo do C.R.C.), O Porriño, números de maio, xuño, agosto e decembro de 1971; xuño e xullo de 1972; xaneiro-febreiro e decembro de 1973; xaneiro-febreiro, marzo e xullo 1974.
Boletín de la Sociedad de Residentes del Municipio de Porriño, Bos Aires, 157-162 (1959/1961); 163-166 (1961/1962); 167-170 (1962/1963); 203-206 (1971-1972).
El Pueblo Gallego, Vigo, (26-VIII-1924), 5; (26-IX-59); (24-IX-60), 11; (26-IX-65), 22; (28-IX-6).
Galicia Cantat (Boletín da Federación Coral Galega): «Raúl Rodríguez Pazo», 2 (1986) ; «Antonio Paz Valverde», 3 (1986).
Hoja Oficial del Lunes, Vigo, (18-VI-62), 4.
O Tranvía, O Porriño, 11 (xaneiro-marzo de 1995), 4-8.
Artigos e monografías
Paz Antón, Xosé Ramón: «As cancións galegas de Antonio Paz Valverde», A Peneira 500, Ponteareas, 2010.
Paz Antón, Xosé Ramón: «A Coral Polifónica e o compositor Antonio Paz Valverde». En Malladoura: 10 anos entre nós. O Porriño: Seminario de Estudos Porriñés Alfredo Bautista Alconero
, 2010; 34-41.
Paz Antón, Xosé Ramón: A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde. O Porriño: Concello, 2010, [Edición electrónica], descarga gratuita en https://antoniopazvalverde.wordpress.com/.
Vaqueiro, Nicolás Iván: «O C.R.C., berce cultural e social do Porriño», Malladoura, 3 (xaneiro de 2002), 23-29.
Recursos en internet
https://antoniopazvalverde.wordpress.com/galeria
https://arquivodaimaxedoporrino.org/outros-documento
https://manuelmariaporrino.eu/antonio-i-paz-valverde
Como citar: Paz Antón, Xosé Ramón : Antonio Paz Valverde. Publicado o 8/10/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35586. Recuperado o 16/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Felicitación de nadal de Manuel María e Saleta ao compositor Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Epístola
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Carta de Manuel María a Antonio Paz Valverde agradecéndolle o envío dos tres discos de Canzóns galegas, (11 de novembro de 1969). Ver Documento. Epístola
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «Longa noite de pedra», poema de Celso Emilio Ferreiro musicado por Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «No niño novo do vento», composición de Antonio Paz Valverde sobre un poema de Álvaro Cunqueiro. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «O neno durmía», composición de Antonio Paz Valverde con letra de Díaz Jácome. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «Os números», letra de Manuel María e música de Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «Si eu souper...», letra de Luís Pimentel e música de Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «Solo quedeime», letra de J. Pérez Creus e música de Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «La novia», poema de Rafael Alberti musicado por Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
Partitura de «Señor, ten piedad», composición de Antonio Paz Valverde. Ver Documento. Partitura
Fonte: Arquivo familiar Paz Álvarez.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Con motivo do 50 aniversario da creación da Coral Polifónica do Porriño, Xosé Ramón Paz Antón publicou unha investigación dedicada á coral e mais ao compositor Paz Valverde, o seu director. Ver Documento. Libro
Paz Antón, Xosé Ramón: A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde. O Porriño: Concello, xuño de 2010.
Fonte: Documento facilitado polo autor, Xosé Ramón Paz Antón.
Artigo sobre a Coral Polifónica do Porriño no xornal compostelán La Noche. Ver Documento. Artigo
«Puenteareas: éxito de concierto de la Coral Polifónica de Porriño», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 12378 (18 de maio de 1961), 5.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Entrevista co tesoureiro Círculo Recreativo Cultural de Porriño, en El pueblo gallego. Ver Documento. Carta presentación
Salguirrez: «Breve charla con el tesorero del Círculo Recreativo Cultural de Porriño D. Arturo Campos Gil», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 12132 (24 de setembro de 1960), 11.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
«Antonio Paz Valverde, autor de máis de cen pezas corais», lembranza de compositor Paz Valverde escrita por Xosé Ramón Paz Antón, (27 de decembro de 2022)
Fonte: Edición dixital de Faro de Vigo
https://www.farodevigo.es
«Finou Antonio Paz Valverde, creador da Coral Polífónica do CRC e brillante compositor de música», artigo publicado en PorriñoDigital.es, (26 de decembro de 2022)
Fonte: PorriñoDigital.es
https://porrinodigital.es/
Espazo web dedicado a Antonio Paz Valverde
Fonte: https://antoniopazvalverde.wordpress.com
Acceso ao fondo documental de Antonio Paz Valverde, na web do Arquivo da Imaxe do Porriño
Fonte: Arquivo da Imaxe do Porriño.
https://arquivodaimaxedoporrino.org
Videos
«Rosas y Gardenias», composición de Antonio Paz Valverde para piano só, interpretada por Alejo Amoedo. 9 de abril de 2012
Fonte: Alejo Amoedo / YouTube.com
«O Neno durmía», cantiga galega de Antonio Paz Valverde sobre un poema de Varela Jácome, interpretada pola Coral Polifónica do Porriño
Fonte: TheQuico1957 / YouTube.com
«María Soliña», composición de Antonio Paz Valverde sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro, interpretada por Son de Corda. 11 de maio de 2024
Fonte: Son de Corda / YouTube.com
«Como unha cantiga», composición de Antonio Paz Valverde interpretada polo Coro Clásico de Vigo no Concerto de Nadal de 2011.
Fonte: Coro Clásico de Vigo / YouTube.com
«María Soliña», composición de Paz Valverde, con orquestración de Juan Durán, sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro. Intrepretación: Orquestra Gaos e a soprano Cristina Gallardo-Domâs
Fonte: Juan Durán Alonso / Youtube.com
Audios
«María Soliña», composición de Antonio Paz Valverde interpretada polo grupo musical Zoar. Arranxos de Juan Durán
«María Soliña», letra, Celso Emilio Ferreiro; música, A. Paz Valverde
«Eu ben sei dunha fontenla», composición de Antonio Paz Valverde interpretada pola Coral polifónica de Soutomaior
«O asubío», composición de Paz Valverde sobre un poema de Manuel María e interpretada pola Coral Polifónica do Círculo Recreativo Cultural do Porriño
«Solo quedeime», letra de Juan Pérez Creus; e música de A. Paz Valverde
«Era un airiño soave», letra de X.M. Álvarez Blázquez e música de A. Paz Valverde
«No niño novo do vento», letra de Álvaro Cunqueiro e música de A. Paz Valverde



















