Paco Conesa
La Unión, (Murcia), 12/ 11/1944 - La Unión (Murcia), 29/8/2016Autoría: Ana Abad de Larriva
Pintor, escultor e deseñador de escenografía e vestiario moi vinculado ao teatro galego
Xa dende neno Conesa manifestou unha gran paixón polo debuxo, a pintura e o modelado, e tivo como primeiro mestre nas artes a Asensio Sáez, quen alentou a súa vocación. Ademais de seguir formándose con outros mestres, fixo estudos de modelado na Escola de Artes e Oficios de Madrid, e adquiriu formación vinculada coa arte e a decoración. Tamén cursou estudos de pintura na Universidade de Perugia, en Italia, e gozou dunha bolsa para continuar a súa preparación na fundación Armando Alvares Penteado, en São Paulo, en Brasil.
Ao regresar a España seguiu residindo sobre todo en Madrid (aínda que pasaba longos períodos en La Unión), ata que decidiu mudarse de volta á súa vila natal. Durante o tempo que residiu na capital española coñeceu e comezou a establecer pontes creativas con persoas e grupos do teatro independente español e, sobre todo, galego. Aínda que colaborou tamén coas artes escénicas da súa terra, en concreto co Festival del Cante de las Minas, participando no deseño e realización de escenografías e de carteis (destes últimos encargouse do da 13ª edición do festival, no ano 1973, e do da 26ª edición, en 1986, e foi autor da ilustración da portada da revista Lámpara Minera na edición de 2010, cando se celebrou o medio século de vida do festival), a súa carreira vinculada á escena desenvolveuna case na súa totalidade no teatro galego.
O seu vencello coa escena galega foi forte, prolífico e sostido no tempo, a través do traballo na plástica escénica e no deseño de carteis con algunhas das principais compañías privadas e co Centro Dramático Galego, tomando parte, de xeito pioneiro, na profesionalización do sector escénico. No verán de 1979, participou con Xulio Lago e Dorotea Bárcena na fundación do grupo Teatro da Mari-Gaila, como asesor plástico e escenógrafo, asinando a escenografía, o vestiario e, nalgún caso, tamén o cartel, de diferentes montaxes: O Agnus Dei dunha nai, de Dorotea Bárcena, dirixida por Xulio Lago, na que foi asesor plástico; Ensaio festivo para unha marcha fúnebre, unha versión de Las paredes, de Griselda Gambaro, na tradución ao galego de Xesús Valcárcel, no ano 1981, na que se encargou da escenografía e do deseño do vestiario e do cartel; Acto cultural, de José Ignacio Cabrujas, na tradución de Manuel Lourenzo e baixo a dirección de Xulio Lago, en 1982, na que se ocupou da escenografía e do deseño de vestiario; e A noite das tríbades, de Per Olov Enquist, na tradución ao galego de Inés Ruibal, tamén baixo a dirección de Lago, en 1983, na que asumiu a escenografía e o deseño de vestiario.
Nos comezos dos anos oitenta do século XX outra compañía de teatro coa que colaborou foi a Luís Seoane, en varias montaxes dirixidas por Manuel Lourenzo, encargándose das escenografías de Edipo rei, de Sófocles, na versión de Manuel Lourenzo, no ano 1983; Fausto: Lenda áurea dos santos da montaña, inspirada na tradición galega e en temas de Goethe e Marlowe, en 1984, en coprodución co Centro Dramático Galego; ou O Rei aborrecido, de Xesús Pisón.
Conesa foi o primeiro deseñador de escenografía do Centro Dramático Galego (CDG), ao asumir o deseño da do Woyzeck, de Georg Büchner, na montaxe dirixida por Xulio Lago no ano 1984; e despois formou parte tamén do equipo artístico doutras producións e coproducións da entidade: de Follas Novas, de Rosalía de Castro, na versión de Dorotea Bárcena, quen tamén a dirixiu, no ano 1985, na que deseñou a escenografía e o vestiario; d’O enfermo imaxinario, de Molière, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 1986, onde asumiu o deseño da escenografía, dos figurinos, do attrezzo e das perrucas, e tamén a elaboración destas últimas, en colaboración con Damaret S.A.; d’A pousadeira, de Carlo Goldoni, na tradución ao galego de Cándido Pazó dirixida por Xoán Cejudo no ano 1987, na que fixo o deseño de vestiario (neste caso a escenografía estaba deseñada por Rodrigo Roel); d’As alegres casadas, de William Shakespeares, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 1989, na que se encargou do deseño da escenografía, do vestiario, do attrezzo, das máscaras, das perrucas e do cartel; d’A casa dos afogados, de Miguel Anxo Fernán-Vello, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, en 1991, na que fixo o deseño da escenografía e dos figurinos; da montaxe d’Un soño de verán, de William Shakespeare, dirixida por Eduardo Alonso no ano 1992, e na que se encargou do deseño da escenografía, do vestiario, do attrezzo, das máscaras, das perrucas e da maquillaxe; de Lisístrata, ou cando as mulleres reviraron, de Aristófanes, na montaxe dirixida por Eduardo Alonso en 1997, na escenografía e o vestiario; d’A cacatúa verde, de Arthur Schnitzle, no ano 2001; ou de Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, en coprodución con Teatro do Noroeste, no ano 2013, nas que fixo o deseño de escenografía e vestiario; estas dúas últimas tamén baixo a dirección de Eduardo Alonso. O escenógrafo e creador de vestiario Diego Valeiras resumiu o traballo de Conesa nas diferentes obras nas que participou no CDG, que recibira moi boas críticas na prensa da época, como
achegas escenográficas moi diversas pero cun nexo común, a estilización das formas e a busca no vestiario dun realismo histórico que deixa poucas licenzas á imaxinación.
Houbo tamén outras compañías privadas coas que colaborou Paco Conesa na década de 1980, nos diferentes apartados da plástica escénica: Teatro do Atlántico, na montaxe de Xoana, de Manuel Lourenzo, baixo a dirección de Xulio Lago, en 1985; Teatro do Malbarate, en Xogos de damas, de Anxel R. Ballesteros, en 1987, baixo a dirección de Eduardo Alonso; a Escola Dramática Galega, en Como as camisas de liño, con autoría e dirección de Manuel Lorenzo, en 1988; Adeus, Madelón, en 1989, tamén con autoría e dirección de Manuel Lorenzo; ou Lagarta, Lagarta, en Fobias: Unha estraña noite na casa de Luis Mendía, de José Luís Prieto, baixo a dirección de Lino Braxe, no ano 2004; e n’As últimas lúas, de Furio Bordón, na adaptación de Cándido Pazó dirixida por Xulio Lago, no ano 2007.
Dende os anos oitenta, o artista mantivo ademais unha prolífica relación creativa con Teatro do Noroeste que se estendería durante varias décadas, como deseñador de escenografía e vestiario e, nalgúns casos, tamén de attrezzo e dos carteis e programas, en montaxes dirixidas por Eduardo Alonso, como Medea, en 1987, de Eduardo Alonso e Manuel Guede, nunha versión libre a partir de textos de Eurípides, Séneca, Anouilh e Passolini; Rei Lear, de William Shakespeare, en 1990, Os xustos, de Albert Camus, en 1991; A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, en 1992; Galileo Galilei, de Bertolt Brecht, en 1993; As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, no ano 1994; Macbeth, de William Shakespeare, na versión de Eduardo Alonso, en 1994; Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado, en 1995; Noite de Reis, de William Shakespeare, en 1996; Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, en 1997; Estación Mahagonny, de Alexandra Moreira da Silva, a partir da obra de Bertolt Brecht, en 1998, que foi unha coprodución de Teatro do Noroeste coa compañía homónima portuguesa de Viana do Castelo e o Centro Dramático Galego; e nas obras escritas por Eduardo Alonso Imperial: Café Cantante, Vigo 1936, en 2006; Glass City. Cidade de cristal, no ano 2009; Piratas, en 2012; e Palabras malditas, en 2016.
En todos eses anos tamén colaborou de xeito puntual con compañías doutros contextos escénicos, como Estudio Teatro, a comezos dos anos 80 do século XX, ou con Corral del XXI, en 2015.
Durante a súa traxectoria vencellada ao teatro, Conesa foi galardoado cun total de cinco Premios María Casares, polo vestiario de Imperial: Café Cantante e polas escenografías de Noite de Reis, A cacatúa verde, Imperial: Café cantante e Piratas. Entre outros premios que recibiu, están o que obtivo pola súa escenografía do Woyzeck na I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o Premio Compostela 1990 á mellor escenografía e vestiario por As alegres casadas.
Esa faceta que tivo tanto peso na escena galega, ata hai moi pouco non era aínda tan coñecida na súa terra natal, onde sobre todo destacaban o seu labor como debuxante, pintor e escultor. Como debuxante e pintor participou en numerosas exposicións individuais e tamén colectivas, algunha delas en Galicia, e en La Unión deixou unha gran pegada como pintor de murais e escultor de figuras da imaxinería relixiosa, sendo o autor dalgunhas das imaxes máis representativas da Semana Santa Minera, como o Cristo Xacente.
No ano 2010 o Concello da súa vila natal, nos actos conmemorativos do 150º aniversario do municipio, concedeulle a Paco a Placa de Gratitude polo seu labor de difusión do bo nome da localidade fóra da mesma. Ademais, en xaneiro do ano 2017, uns meses despois do seu falecemento, acontecido o 29 de agosto de 2016, o Concello nomeouno tamén
fillo predilectoda vila.
Dende entón a artista Julia Bermúdez, coa colaboración da familia de Paco Conesa, encargouse de difundir a súa figura e a súa obra, sendo a comisaria de mostras e actos de homenaxe para dar unha maior visibilidade ás diferentes facetas artísticas do artista, como os celebrados en novembro do ano 2024, coincidindo co mes de nacemento do artista, no 80º aniversario da súa nacenza. Nestes participou Eduardo Alonso, con varias intervencións e unha mostra arredor do traballo que fixera o artista de La Unión para a escena, dentro da prolífica relación artística que mantiveran el e Alonso ao longo de tres décadas. Alonso fixo fincapé nas calidades artísticas de Paco, non só como deseñador, senón tamén como
gran coñecedor do oficio escénico, dende as cuestións máis vinculadas ao seu labor plástico, no referente a elementos como teas e outros materiais, ata ás cuestións técnicas para a materialización dos deseños ou ata mesmo a dramaturxia.
Xa un ano antes, en 2023, a familia de Conesa cedera unha gran parte do seu legado ao Arquivo Municipal de La Unión, nun lote conformado por documentos, gravados, debuxos, bosquexos, catálogos de arte, obxectos persoais, fotografías, correspondencia, escritos e a súa biblioteca persoal, entre outros documentos. Porén, Galicia garda tamén o legado visual e estético que deixou; unha pegada que forma parte intrínseca da historia material e inmaterial do teatro galego.
Agradecementos
A Eduardo Alonso, pola súa prezada axuda.
Páxinas web de referencia
Páxina web do Centro Dramático Galego
Ficha de Paco Conesa no Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Bibliografía
González Valeiras, Diego: «A plástica escénica na Galicia do século XXI», Madrygal, 18, n.º especial (2015), 569-577.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia, Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Paco Conesa. Publicado o 2/4/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35902. Recuperado o 13/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Diego González Valeiras publicado en Madrygal, no que inclúe un resumo das liñas estilísticas de Paco Conesa como escenógrafo. Ver Documento. Artigo
González Valeiras, Diego: «A plástica escénica na Galicia do século XXI», Madrygal, número especial 18 (2015), 569-577.
Fonte: Revistas Científicas Complutenses. Universidad Complutense.
https://revistas.ucm.es/
Alberto Avendaño escribe sobre a posta en escena d’As alegres casadas, de William Shakespeare, dirixida por Eduardo Alonso para o CDG, no que destaca o
excelente traballode Paco Conesa na escenografía. Ver Documento. ArtigoAvendaño, Alberto: «As alegres casadas: Un Shakespeare para todos», El Público, (novembro de 1989), 24-25.
Fonte: Ministerio de Cultura. Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música.
https://www.cultura.gob.es
Dossier da montaxe de Acto cultural, de José Ignacio Cabrujas, feita por Teatro da Mari-Gaila no ano 1982. Ver Documento
Teatro da Mari-Gaila: Acto Cultural. Santiago de Compostela: Teatro da Mari-Gaila, 1982 [Milladoiro: Velograf, DL 1982]
Fonte: Ministerio de Cultura. Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música.
https://www.cultura.gob.es
Ligazóns de interese
Información sobre a exposición dedicada a Paco Conesa que albergou o seu municipio natal, como homenaxe póstuma, entre o 2 de novembro e o 8 de decembro 2024 (no que sería o mes do 80ª aniversario do seu nacemento, novembro), e que recolle tamén as claves da traxectoria do artista; publicada na páxina en Facebook «La Unión: Nuestro pasado y nuestro presente»
Fonte: «La Unión: Nuestro pasado y nuestro presente» / Facebook.
Eduardo Alonso relata como foi o proceso de creación dos deseños feitos por Paco Conesa para a montaxe que fixo Teatro do Noroeste de Historias peregrinas, un texto con autoría de Alonso. Texto publicado o 31de xaneiro de 2024 na páxina web de Teatro do Noroeste. A entrada inclúe tamén os deseños feitos por Paco Conesa para a montaxe
Fonte: Teatro do Noroeste.
«El legado de Paco Conesa pasa a formar parte del patrimonio cultural de La Unión», información publicada en La Unión de Hoy o 10 de novembro de 2023
Fonte: La Unión de Hoy.
https://www.launiondehoy.com
«La Unión concede el título de Hijo Predilecto al artista fallecido Paco Conesa». Nova escrita por A. Meroño arredor da concesión que fixo o Concello de La Unión do título de
Fonte: La Opinión de Murciafillo predilectoa Paco Conesa, publicada en La Opinión de Murcia o 3 de febreiro de 2017
https://www.laopiniondemurcia.es
Artigo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia en lembranza de Paco Conesa, tralo seu pasamento: «Despedimos ao noso compañeiro Paco Conesa», publicado na páxina web da AAAG o 1 de setembro de 2016
Fonte: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
«El Ayuntamiento de La Unión lamenta el fallecimiento del polifacético artista unionense Paco Conesa», artigo publicado polo Concello da Unión lamentando o falecemento de Paco Conesa, o 29 de agosto de 2016, na páxina web do municipio
Fonte: Ayuntamiento de La Unión.
https://www.ayto-launion.org
Deseños feitos por Paco Conesa para a montaxe que fixo Teatro do Noroeste de Galileo Galilei, de Bertolt Brecht, no ano 1993, publicados o 10 de xullo de 2024 na páxina web de Teatro do Noroeste
Fonte: Teatro do Noroeste.
https://www.teatrodonoroeste.com
«Inventar mundos». Artigo publicado por Cultura Galega o 13 de decembro de 2012 que inclúe declaracións de Paco Conesa arredor do deseño de escenografía e vestiario nas montaxes teatrais
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.gal
https://culturagalega.gal
Nova da Asociación de Actores e Actrices de Galicia que anuncia as gañadoras e gañadores dos XVI Premios de Teatro María Casares, celebrados no ano 2012, e nos que Paco Conesa obtivo o premio á mellor escenografía por Piratas, de Teatro do Noroeste; publicada o 5 de abril de 2012 na páxina web da AAAG
Fonte: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)
https://aaag.gal
Videos
Vídeo da montaxe d’Os xustos, de Albert Camus, feita por Teatro do Noroeste, na que Paco Conesa asumiu o deseño da escenografía e do vestiario
Fonte: Teatro do Noroeste / YouTube.com
Vídeo completo do filme do ano 1975 La Unión, Ciudad Alucinante, dirixido por Paco Conesa
Fonte: Antonio Gómez Pérez / YouTube.com
Vídeo da homenaxe a Paco Conesa celebrada no Museo Minero, en La Unión, en novembro de 2024, no que interveu Eduardo Alonso para falar da faceta de Paco Conesa como deseñador de escenografía e vestiario para numerosas montaxes do teatro galego
Fonte: Luciano Cadeddu / YouTube.com
Vídeo que recolle unha visita á Casa-Estudio do artista Paco Conesa no seu municipio natal
Fonte: La Unión Ciudad del Cante y Minera / Youtube.com
Vídeo que amosa o retrato de Paco Conesa realizado por Pedro Juan Rabal
Fonte: Pedro Juan Rabal / YouTube.com
Vídeo da visita á Casa-Estudio do artista Paco Conesa e que contén unha entrevista coa súa sobriña
Fonte: Festival Internacional del Cante de Las Minas / YouTube.com
Presentación da exposición dedicada a Paco Conesa, no ano 2022, de xeito póstumo, comisionada por Julia Bermúdez, que vai presentando as obras que forman parte da mostra
Fonte: Ayuntamiento de La Unión / YouTube.com
Vídeo da homenaxe a Paco Conesa celebrada en 2024 na igrexa do Rosario, en La Unión, que recolle o seu labor como escultor de imaxinería relixiosa
Fonte: Luciano Cadeddu / YouTube.com
Homenaxe a Paco Conesa celebrada na sede da Liga de vecinos de Portmán, na presentación da exposición dedicada ao artista, que recolle os seus deseños de escenografía e vestiario e que contou coa intervención de Eduardo Alonso
Fonte: Luciano Cadeddu / YouTube.com