Narf
Silleda (Pontevedra), 24/ 4/1968 - Santiago de Compostela (A Coruña), 15/11/2016Autoría: Pepe Sendón
De Fran Pérez a Narf, a vida dun músico galego no cambio de milenio
Coa guitarra na man e sen un peso no peto, Fran mergulla na ateigada noite compostelá de 1988. Comparte piso na zona vella, pasa polo Burgo e, ocasionalmente, por unha enorme casa modernista no Preguntoiro 68, do seu amigo da escola Ángel Arijón. No soto dese edificio estaba o nicho, un escuro cuarto enreixado con acceso por San Paio de Antealtares. Fermentaba alí unha estraña apócema musical. Carlos Santiago e Antonio Pérez, irmán de Fran dous anos máis vello, dábanlle forma ao afterpunk filosófico de Nicho Varullo con Gerardo Moure na batería. Fran sumouse como baixista. Daban concertos nos baixos da facultade de Filosofía, introducidos por un entusiasta MC, o profesor de Lóxica José Miguel Sagüillo.
Mais na masa estudante nocturna levedaba tamén daquela unha escena multidisciplinar alternativa e autoxestionada que falaba galego e exploraba novas formas de producir, na que Fran se integra. Nese ambiente coñece a Pepe Sendón, do colectivo Favorita / Trilateral, que argalla un concerto dos Nicho Varullo en Barcelona en 1989, con Sendón na batería. De regreso, Pérez e Sendón compoñen a banda sonora do espectáculo Río Bravo do grupo de teatro Chévere e consolidan o grupo de rock Os Quinindiola, con Xelís de Toro e Juan Ramos, cos que Sendón gravara unha versión punk dunha cantiga de Mendiño: Esperando ao meu amigo. Unha peculiar ligazón entre as cantigas medievais e o moderno trobadorismo urbano a través da lingua, coa que Fran se identificou. Xiran por Galiza apenas un ano antes da baixa forzada de Juan. En trío, con Fran tocando guitarra e baixo, producen a súa única gravación de estudio e algunhas aparicións televisivas ata a marcha de Xelís a Inglaterra en 1991.
A noite en que a sala NASA abriu portas en Santiago en outubro de 1992, Fran dirixiu a banda no escenario. Tiña 24 anos. A NASA sería a residencia de Chévere e o contedor necesario das variadas expresións da cultura local nos 90. A primeira sala alternativa de Galiza. Nos anos precedentes, Fran envorcárase no estudio de gravación Sitar, en Pontevedra. De alí saíran os vinilos da banda sonora de Río Bravo e o disco homónimo de Nicho Varullo, os dous autoeditados en 1991 baixo a marca propia Spectra, sen distribución comercial. Grava tamén daquela o disco dos Quinindiola e o segundo de Nicho Varullo, inéditos. Na NASA Fran fai un máster de composición para a escena. Á música da banda sonora de Big Bang en 1993, seguíronlle a de Amén da Cía. de María, numerosas colaboracións efémeras nas Ultranoites e a ópera Annus Horríbilis de Sendón, que compón integramente na guitarra e estrea o 19 de novembro de 1994, con Suso Alonso ao piano. Estrea a seguir Resaca (1996) e Órbita Mutante (1997) que marca a fin do seu paso pola NASA.
Ábrese entón unha porta cara ao Sur. A raíz dun programa de intercambio con Portugal impulsado pola NASA, Fran contactara en 1995 co grupo Trigo Limpo e o espazo ACERT de Tondela, na Beira Alta, que tamén posibilitou a conexión con Mozambique, terra de futuros tesouros na súa andaina. A música de A lúa é um olho preto (1997) foi o primeiro traballo de Fran con Trigo Limpo. O segundo foi a sonorización dun espectáculo de rúa diario que se realizaría de maio a setembro polas rúas da Expo 98 de Lisboa, Memoriar. Fran, Carlos, Xabier Olite e Sendón trasládanse a Portugal no outono de 1997 para os ensaios. Chegan logo Suso Alonso, Marcos Teira e Antonio Vázquez. A banda da NASA transmuta na Psicofónica de Conxo e dá os primeiros concertos en Lisboa. O seu primeiro disco, Psicópolis (2000), unha delirante colaxe sonora, resultou nunha distopía premonitoria do novo milenio e a era da Internet.
Coa chegada dos avances dixitais do novo século, Fran gaña autosuficiencia, xa pode orquestrar e producir minuciosamente os seus proxectos. Crea Asisí Producións con Antonio Vázquez (a quen coñecía desde os tempos dos Malditos Azules), custodia de case toda a súa produción ata os últimos días. Fran produce numerosas bandas sonoras para grupos de teatro galegos e para a ACERT, a súa segunda casa, onde asume en 1999 a dirección musical da montaxe anual Queima e Rebentamento do Judas, que conservaría ata a súa morte. En 2000 Fran leva a música de Memoriar II do Trigo Limpo á Expo de Hannover e en 2001 compón e dirixe a banda do circo teatral itinerante Transviriato do Trigo Limpo, e a música de Ascensão e queda de Zé Grotewsky de Carlos Santiago en Lisboa. Comeza os traballos para o proxecto multimedia O Labirinto dos Soños, con Pepe Sendón e Fausto Isorna, editado en formato CD-ROM en galego (2002) e portugués (2003), que deu lugar a dous espectáculos diferentes a ambos os lados da raia. A produción do segundo traballo da Psicofónica de Conxo, Extramundi (2002) non é fluída. O ano remataría tinxido do negro chapapote do Nunca Máis. Logo da participación da Psicofónica nas protestas dos Concertos Expansivos, o grupo esmorece e chega para Fran un novo transo para darlle a volta á súa vida.
E o que fixo foi darlle a volta ao seu nome nun simbólico paso de Ecuador. O significado oculto da brincadeira non era inventar un outro, senón reencontrarse con quen realmente era, a súa voz, facer cancións para el, non para outros. Narf podería ter variadas configuracións e colaboracións (trío, quinteto, banda) mais salvagardaría o seu espazo íntimo: quería poder presentarse só coa súa voz e a súa guitarra cando e onde quixer. A poética de Narf comeza a coller forma en 2002. A primeira entrega, Directo en Compostela, grávase ao vivo na Borriquita de Belén, ao lado do nicho, en xullo de 2003, en trío acústico con Teira e Sendón. Pechando o disco, unha cantiga mozambicana constata un encontro transformador: o impacto en Narf da música africana modificará a súa aproximación ao canto, á guitarra e ao seu xeito de compor.
Ese mesmo ano instálase na casa desocupada que os seus pais teñen na aldea de Biduído, Ames, onde pode ensaiar. Vai completando o seu estudio e o seu equipo e comeza a traballar coa axencia Nordesía. Non para de dar concertos só. O trío acústico xira tamén bastante neses anos (Portugal, Cuba, Brasil) e participa no espectáculo compartido Mundo Café, con Miquel Gil e Jabier Muguruza por España adiante. Volve en trío a Mozambique, onde recibe o impacto de compartir palco coa banda Timbila Muzimba, inicio dunha colaboración de por vida. Traballan xuntos por vez primeira en Portugal Num Avril e pechar d’olhos (2004), dirixida por Jose Rui Martíns e no Judas dese ano. Era o prólogo de Bumba (2006): 8 músicos das dúas beiras dirixidos por Narf, en xira por Galiza e Portugal no verán de 2006. Volverían encontrarse.
Para o segundo disco, Narf recupera a guitarra eléctrica e monta un quinteto para presentar as cancións de Totem (2007), entre elas Santiago, o seu testamento á cidade, ou Quero ser tambor de Jose Craveirinha, bandeira do seu propio xénero musical afrogalego. Entre 2006 a 2010, Narf fai varias xiras en solitario polo Reino Unido organizadas por Xelís, onde reconecta coa vea británica da que bebeu desde os seu inicios na música. Encóntrase con Manecas Costa, de Guiné Bissau, nos Cantos na maré e xuntos crean o espectáculo a dúo Alo, irmao! (2010) gravado ao vivo no Teatro Principal de Santiago en xuño de 2009. A xira internacional volve levalo a Mozambique, onde retoma o proxecto Bumba, que se materializaría en Da Zigala a Zemambiquo. A seguir, traballa na súa persoal lectura rock do Follas Novas de Rosalía para producir o disco Nas tardes escuras (2013) en trío eléctrico (con LAR Legido e Ho Chi Ming). Recibe nese ano o recoñecemento dos Premios Martín Códax da Música.
En 2014 participa con Uxía nunha xira americana e grava con ela Baladas da Galiza Imaxinaria (2015), un disco acústico con vellos éxitos e algunha novidade, co que xirarían polos Estados Unidos. Xa daquela a saúde de Fran comeza enviar os primeiros avisos de que algo non vai ben. Mais el continúa os traballos do espectáculo Da Zigala a Zemambiquo, que ía presentar con Timbila Muzimba no Womex de Compostela de 2016. O diagnóstico da súa doenza confirmou un avanzado cáncer pancreático que o fixo ingresar no hospital. Loitou mesmo así pola alta médica que lle permitise dar o último concerto da súa vida. Subiu ao palco no teatro Principal o 23 de outubro de 2016 e despediuse da platea coas súas cancións. Pouco despois, o 15 de novembro, levouno a morte.
O seu entusiasmo inabalable e a súa capacidade innata para a música foron o agasallo que compartiu xenerosamente con quen se cruzou no seu breve camiño de 48 anos. Autodidacta, independente, aberto ás músicas do mundo, comprometido co deber de avanzar os patróns herdados e coa conexión interxeracional, sen máis modelo que a súa propia autoesixencia, indiferente a modas e etiquetas, a pegada da súa obra na música moderna cantada en galego será un inescusable parangón para os músicos do futuro.
Bibliografía
Corme, Fernando: «Narf», Animal, 16 (primavera de 2007), 1-27.
Sendón, Pepe: «Un home animal: Fran Pérez, Narf», Encrucillada, 202 (marzo-abril de 2017), 80-88.
Como citar: Sendón, Pepe : Narf. Publicado o 14/5/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35948. Recuperado o 15/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Obituario en Lembranza de Narf, por Pepe Sendón. Ver Documento. Artigo
Sendón, Pepe: «Un home animal: Fran Pérez, Narf», Encrucillada, 202 (marzo-abril de 2017), 80-88.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Poema de María Lado dedicado a Fran Narf. Ver Documento. Poema
Lado, María: «Interferencias Narf», Dorna: expresión poética galega, 40 (2017), 42-44.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Artigo de Fernando Corme no especial da revista Animal dedicado a Narf. Ver Documento. Artigo
fernandocorme: «Narf», Animal, 16 (primavera de 2007), 1-16.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«Cando o pote ferve», texto de Uxía Senlle sobre Narf. Ver Documento. Artigo
Senlle, Uxía: «Cando o pote ferve», Animal, 16 (primavera de 2007), 26-27.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Ligazóns de interese
Entrevista de Ramiro Torres a Narf
Fonte: Palavra Comum
https://palavracomum.com
«A cultura e o idioma son o maior activo que temos. Creo que descoidalos é un erro», entrevista de Montse Dopico a Narf en El Mundo
Fonte: El Mundo
https://www.elmundo.es
Premios Narf da Deputación da Coruña
A páxina dos Premios Narf da Deputación da Coruña recolle abondosa información histórica de Fran Pérez, Narf.
Fonte: Deputación da Coruña. Premios Narf.
https://www.premionarf.gal
Escolma de vídeos da carreira de Narf de Asisí Produccións
Escolma de vídeos da carreira de Narf de Asisí Produccións
Fonte: https://www.youtube.com/channel/UCCzYU-I49qOKYu12eHZNnmA/videos. [Consulta: 2025/05/05]
Videos
Narf interpretando «Nunca sospiro». 2013
Fonte: Asisí Producións / YouTube.com
Narf e Manecas Costa intepretan «Aló imao», 15 de xaneiro de 2011
Fonte: Galeguia / YouTube.com
Narf e Timbila Muzimba, no concerto celebrado o 23 de outubro de 2016 no Teatro Principal de Santiago de Compostela
Fonte: J. Carlos Abal Lobato / Youtube.com
Uxía e Narf interpretan «Esta noite». Casa das Crechas, 5 de novembro de 2015
Fonte: Jon Scullard / YouTube.com
Narf interpreta a súa versó do «Madrigal á cibdá de Compostela» no acto conmemorativo do 80ª aniversário da publicación dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca. 27 de dezembro de 2015
Fonte: aCentral Folque / YouTube.com
Audios
«Nana de Zemambiquo». Letra e música, Fran Pérez
«Bos amores». Letra, Rosalía de Castro; música, Fran Pérez
«Esta noite». Letra e música, Fran Pérez e Manecas Costa
«Santiago». Letra e música, Fran Pérez
«Camiñar sen fin». Letra, Segundo Pérez Queiro; música, Fran Pérez



![Fotografía de Narf. [S.d.]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Narf_002.jpg)
![Fotografía de Narf. [S.d.]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Narf_003.jpg)
![Fotografía de Narf. [S.d.]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Narf_006.jpg)
![Fotografía de Narf. [S.d.]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Narf_007.jpg)



