Xoán Manuel López Eirís
Carballo (A Coruña), 15/ 7/1952 - A Coruña (A Coruña), 22/11/2017Autoría: Ana Abad de Larriva
Actor, escenógrafo e figurinista pioneiro do teatro independente galego
O teatro foi sempre unha gran paixón para el, e tiña unha especial querenza polas obras de Shakespeare, grazas á cal coñecería o que sería o seu grande amigo, o director, dramaturgo e actor Manuel Lourenzo. Este dirixiu no ano 1975 con Teatro Circo unha montaxe do Macbeth que lle gustou moito a López Eirís, e Lourenzo acabaría dándolle un papel na obra nas funcións que acolleu o Teatro Colón, dentro dos
Festivales de España, no ano 1975, asumindo os roles que facía Armando Herrero. A partir de aí Eirís comezou a participar en montaxes da agrupación: en Zardigot, de Euloxio R. Ruibal, que se montara en 1974 pero que seguía en xira, substituíndo a Charo Barrio, así como nas novas postas en escena, non só como actor, senón tamén asumindo outras áreas creativas. N’O longo viaxe do Capitán Zelta, de Xaquín Marín e Manuel Lourenzo, de 1976, ademais de actuar encargouse da danza; e na posta en escena d’Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, en 1977, non só formou parte do elenco, senón que fixo tamén as máscaras do espectáculo, en colaboración con Xoán González Otero. Todas estas pezas contaban cos labores de dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo.
Nese mesmo ano, o Institut del Teatre de Barcelona abrira para o Teatro Circo unha convocatoria extraordinaria de exames de Interpretación, e López Eirís foi unha das doce persoas que se presentaron e que obtiveron unha certificación académica e un título profesional. Xa en decembro do ano 1975, estivera entre as dezaseis persoas que elaboraran o «Proiecto Fundacional da Escola Dramática Galega», e que o 26 de xaneiro de 1976 asinaran a primeira acta da Escola Dramática Galega, da que xurdiu unha xunta directiva en funcións, con carácter provisional, da que formara parte como vogal. A Escola Dramática Galega comezara a funcionar aínda de xeito paralelo ao Teatro Circo, e, a pesar de que se atopou con obstáculos administrativos que dificultaron e demoraron legalización dos seus estatutos, estes foron finalmente aprobados o 27 de novembro de 1978. Uns días despois, o 4 de decembro, López Eirís estaba entre as quince persoas que asinaban a segunda e definitiva acta fundacional da Escola Dramática Galega e entre as que conformaron a súa primeira Xunta Reitora, tamén como vogal.
Como a Escola xa estivera a desenvolver actividades durante ese período de legalización, ese mesmo ano 1978, Eirís impartira unha conferencia dentro do Seminario de Teatro Antigo Oriental. Esta área de interese estaría tamén presente no seu ensaio O teatro de ópera chino, que publicou dentro da colección dos Cadernos da Escola Dramática Galega no ano 1981; unha colección da que se fixo administrador en 1987. Ademais, o material que recolleron el, Xoán Guisán e Amparo Gómez Cores foi empregado por Antón Lamapereira, integrante do Departamento de Estudos Teatrais, para a elaboración do seu estudo As festas parateatrais na Galicia. López Eirís formaba parte do Departamento de Dramáticas e encargábase tamén da distribución de espectáculos, pero colaboraba cos outros apartados da entidade, como o xa mencionado Departamento de Estudos Teatrais, ou de Didácticas, dirixido por Rosario Barrio, dende o que impartiu cursos formativos, como o «Cursiño experimental de materiais do teatro para nenos», dunha semana de duración, que desenvolveu con Rosario Barrio, Francisco Gómez e Xoán González, e actividades como a «Primeira experiencia teatral monográfica para actores», arredor d’A doncela guerreira, de Rafael Dieste, na que el impartía a parte relacionada coa plástica escénica.
Dende o apartado de Dramáticas participou en diversas montaxes, asumindo, ao igual que fixera no Teatro Circo, varias áreas creativas: en Muller de mulleres, con texto de Ramón Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro, dirixida por Manuel Lourenzo en 1978, encargouse da escenografía; n’A benfadada historia do coitado Bamboliñas, de Xulio González, no ano 1977, con dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo, participou como actor, ao igual que n’O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, de Álvaro Cunqueiro, no ano 1979; n’A boda de Esganarello, baseada en Le mariage forcé, de Molière, na tradución e adaptación de Francisco Pillado Mayor dirixida por Agustín Vega, no ano 1981, ademais de formar parte do elenco tamén asinou a escenografía; e en Mozart e Salieri, de Aleksandr Sergueievich Pushkin, en 1986, dirixida por Lourenzo, participou como actor. López Eirís compaxinaba o seu labor no teatro cun traballo no campo da banca. A vontade da Escola Dramática de levar as montaxes ao eido profesional comezou a requirir unha dedicación que el non puido compaxinar coa súa ocupación laboral externa, polo que nesa montaxe sería logo substituído por Santiago Prego, aínda que seguiría a colaborar co vestiario, a maquillaxe e o attrezzo en Como as camisas de liño, de Ramón Otero Pedrayo, con dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo, quen tamén a dirixiu, no ano 1988; e en Chekov, Chekov, unha adaptación de Manuel Lourenzo dos textos O oso e O canto do cisne, de Anton Chejov, baixo a dirección de Agustín Vega, en 1991, na que Eirís tamén actuaba. Alén diso, Eirís e Lourenzo representaban a Escola nas reunións da Asociación de Compañías Profesionais de Teatro.
Outra compañía á que estivo vinculado na década dos anos oitenta do século XX foi a Compañía Luís Seoane, en montaxes como A casa das tres lúas, con texto de Ramón Otero Pedrayo e dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo, na que se encargou do deseño e elaboración das máscaras, en 1981; Esperando a Godot, en 1982, de Samuel Beckett, na tradución de Francisco Pillado Mayor e baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón, na que formou parte do elenco; e O rei aborrecido, de Xesús Pisón, en 1985, dirixida por Manuel Lourenzo, na que tamén participou como actor.
Co Centro Dramático Galego participou n’As tres irmás, de Anton Chejov, na versión galega de Francisco Pillado Mayor, dirixida por Xosé Manuel Rabón, no ano 1987, na que asinou a escenografía e o vestiario; e en Espectros, de 1988, con texto de Ramón Otero Pedrayo e dramaturxia e dirección de Manuel Lourenzo, na que firmou, con Xoán González Otero, o deseño da escenografía, o attrezzo e o vestiario.
Na seguinte década colaborou con Teatro Elsinor n’O camiño das estrelas, unha montaxe a partir de textos de Lino Braxe, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Flor Maceiras, en 1993, na que se encargou da escenografía, do vestiario e da iluminación; e n’Unha noite en Elsinor, con autoría e dirección de Manuel Lourenzo, na que asumiu o deseño de vestiario, en 1997; e participou tamén en Electra, en 1994; unha coprodución entre Uvegá Teatro e a Escola Dramática Galega, na que fixo o deseño da escenografía, da indumentaria, do attrezzo e da maquillaxe e que lle supuxo recibir o Premio Compostela 1994 á Mellor Escenografía.
No ano 2000 volveu colaborar con Manuel Lourenzo na escenificación que este fixo con Casahamlet do texto Últimas faíscas de setembro, escrito polo propio Lourenzo, na que Eirís asinou o vestiario. No ano 2014 fixo unha doazón de libros, non só de teatro, senón de arte en xeral, á recentemente inaugurada Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, que se completaría con moitos máis volumes tralo seu pasamento, en novembro do ano 2017. En outubro do ano seguinte, dentro do marco do Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, a Biblioteca acolleu unha exposición titulada O Exlibris do teatro, en homenaxe ao actor, escenógrafo e deseñador de vestiario carballés, co obxectivo tamén de dar visibilidade ao fondo bibliográfico que leva o seu nome e que se completou con cinco maquetas de escenografías deseñadas por el e doadas por Manuel Lourenzo á entidade.
Durante décadas, o seu paulatino afastamento da creación escénica non supuxera en absoluto un afastamento do teatro, do que seguira gozando como espectador, se cadra, ata con maior intensidade, tanto na Coruña, cidade na que, con Lourenzo asistía a numerosas funcións, como mesmo fóra, viaxando os dous a Inglaterra unha vez ao ano para asistiren a diferentes representacións, especialmente de montaxes de pezas do seu admirado Shakespeare. No ano 2020, o Teatro Rosalía Castro da Coruña puxo a unha das súas salas polivalentes o nome de «Xan López Eirís», en homenaxe e recordo dun espectador fiel querido e lembrado que deixara a pegada da súa presenza nas butacas do teatro.
Agradecementos
Grazas á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo pola súa colaboración
Páxinas web de referencia
Páxina web do Centro Dramático Galego
Colección teatral Francisco Pillado Mayor
Ficha de Xoán Manuel L. Eirís no Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Bibliografía
Biscaínho Fernandes, Carlos Caetano: «A Escola Dramática Galega (1978-1994) e o sistema literario», Boletín Galego de Literatura, (2008), 9-31.
Lourenzo Modia, Cilla: O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego (1967-1978. Tese de doutoramento. A Coruña: Universidade da Coruña, 2012.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.
Vizcaíno Fernández, Carlos Cayetano: A Escola Dramática Galega na configuración do sistema galego de produción teatral (1978-1994). Tese de doutoramento. A Coruña: Universidade da Coruña, 2006.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Xoán Manuel López Eirís. Publicado o 27/5/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36008. Recuperado o 16/01/2026
Ligazóns de interese
Espazo web dedicado á Biblioteca Xoán Manuel López Eirís na Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa. Concello de Carballo
Fonte: Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa. Concello de Carballo.
https://bibliocarballo.wordpress.com
«Un 'home bo e xeneroso' con un espacio propio en un teatro de 180 años». Artigo publicado no xornal El Ideal Gallego o 21 de decembro de 2020, arredor da sala polivalente do Teatro Rosalía Castro da Coruña que leva o nome de
Fonte: El Ideal GallegoXan López Eirís
https://www.elidealgallego.com
«Inauguración da colección bibliográfica de Xoán Manuel López Eirís en Carballo». Nova publicada na edición dixital da Erregueté. Revista Galega de Teatro, o 9 de outubro de 2018, que informa da inauguración da exposición feita para dar visibilidade á colección bibliográfica doada por Xan López Eirís á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo
Fonte: Erregueté. Revista Galega de Teatro.
https://erreguete.gal
«Manuel Lourenzo cede cinco escenografías de Xoán Manuel López Eirís a Carballo». Nova publicada na edición dixital do xornal La Voz de Galicia o 10 de outubro de 2018 que recolle a doazón que fixo Manuel Lourenzo ao Concello de Carballo de cinco escenografías deseñadas por Xan López Eirís
Fonte: La Voz de galicia
https://www.lavozdegalicia.es
«Falleció Xoán López Eirís, carballés muy vinculado al teatro». Nova publicada na edición dixital do xornal La Voz de Galicia o 23 de novembro de 2017 que dá conta do pasamento de Xan López Eirís
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
«Más libros para la biblioteca de Carballo». Nova escrita por S.G. Rial sobre a doazón de libros feita por Xan López Eirís á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo no ano 2014, publicada na edición dixital do xornal La Voz de Galicia o 18 de novembro de 2014
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
«Do meu mundo da infancia en Carballo xa non queda nada». Entrevista feita por S.G. Rial a Xan López Eirís e publicada na edición dixital do xornal La Voz de Galicia o 26 de outubro de 2014.
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es
Vídeo que recolle a intervención de Manuel Lourenzo durante a inauguración da exposición que acolleu en outubro de 2018 a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo arredor da colección bibliográfica doada por Xan López Eirís á entidade, na que expresou a súa vontade de ceder tamén á biblioteca carballesa cinco maquetas de escenografías deseñadas por Eirís para a Escola Dramática Galega e a Compañía Luís Seoane
Fonte: Concellería de Cultura do Concello de Carballo / Facebook.
https://www.facebook.com


























