Elsa Sánchez de Oesterheld
Bos Aires (Arxentina), 20/ 3/1925 - Bos Aires (Arxentina), 22/6/2015Autoría: Carme Vidal
Filla da emigración, supervivente do exterminio familiar e activista de Avoas da Praza de Maio
como é posíbel sobrevivir a un exterminio familiar tan brutal?. Así o lembraba na súa visita a Galiza no ano 2008 cando, xa antes de ser formulada, avanzaba a resposta. Dicía que mesmo para ela era difícil de explicar. Apuntaba Elsa Sánchez que a razón da súa resistencia talvez fose polos dous netos cativos aos que quería coidar, polos dous bebés que naceron en cativerio aos que nunca deixou de buscar, polo seu compromiso con Avoas da Praza de Maio ou porque xurara recompoñer o pouco que a represión que padeceu despois do inicio do golpe militar na Arxentina en 1976 lle deixara.
A pregunta nacía da dificultade para entender como é posíbel resistir á dor provocada pola desaparición, en moi pouco tempo, de todo o grupo de seres queridos máis próximos, das persoas ás que máis amaba. Da familia de Elsa Sánchez desaparecerían o seu home, o recoñecido escritor Hugo Oesterheld, as súas catro fillas e tres xenros. Inclúense na listaxe das máis de 30 000 persoas desaparecidas na ditadura militar que desde 1976 a 1983 se impuxo na Arxentina baixo as presidencias de Videla, Viola, Galtieri e Bignone. Da familia que creara con Oesterheld só sobreviviron dous cativos e, previsibelmente, en cativerio dúas das fillas darían a luz a dúas crianzas ás que Elsa buscaría até o final dos seus días desde a organización Avoas da Praza de Maio da que foi activista.
Elsa Sánchez Beis nacera no barrio porteño de Núñez o 20 de marzo de 1925 nunha familia de procedencia galega. O seu pai chamábase Vicente Sánchez Asorei e a súa nai Ramona Beis Diéguez e eran orixinais de Loño, no concello de Vila de Cruces. A filla lembraba que eran amantes da música e a literatura e iso explicaba a súa formación desde a infancia, na que tamén tomaría clases de danza. A morte da irmá maior, Estela, cando Elsa ten apenas doce anos foi o primeiro golpe que recibe a familia de emigrantes.
Con dezasete anos coñece a Héctor Oesterheld no bar do Clube Arquitectura. El tiña vinte e catro anos, estudaba Xeoloxía, era coñecido como Sócrates pola súa ampla sabedoría e comezaba a súa carreira como autor, nun primeiro momento, de contos para crianzas. En 1947 casan nunha igrexa do barrio de Belgrano e fan a festa na confeitería Ritz. Pouco despois, Oesterheld abandonaría o traballo no laboratorio do Banco Industrial para dedicarse a escribir no pequeno apartamento de Belgrano en que vivían antes de se mudar a Beccar, á casa na que o autor situaría parte da trama de El Eternauta e que Elsa lembraría como escenario dos mellores anos da súa vida. Daquela, xa estaba preñada da súa segunda filla. Con moi pouco tempo entre elas, nacerían Estela (1952), Diana (1953), Beatriz (1955) e Marina (1957), as catro nenas que aparecen nas felices fotografías tiradas no xardín de Beccar. En só cinco anos a familia complétase coas catro fillas pero, mesmo así, sería moito máis tempo do que separaría as súas desaparicións.
A casa de Beccar convértese nun lugar de encontro intelectual no que se dan cita relevantes nomes da cultura arxentina, entre eles Hugo Pratt sería un dos que máis frecuentaba o fogar creado por Elsa e Héctor. Nese espazo idearíanse iniciativas e proxectos culturais como a editorial Frontera na que naceu a revista do mesmo nome, e tamén Hora Cero, onde se publicará por entregas de setembro de 1957 até 1958 a obra máis recoñecida de Oesterheld, El Eternauta, unha historia debuxada por Francisco Solano López que non tardaría en converterse en obra de culto e que, case setenta anos despois, en 2025, se estrearía como serie producida por unha plataforma audiovisual, un acontecemento que reavivou a historia familiar e activou de novo a busca dos netos nacidos en cativerio.
En 1969, Oesterheld publicaría Che. Vida de Ernesto Che Guevara coa que se sitúa xa como autor de historieta política, cunha obra arredor do revolucionario que tanto admiraban as súas fillas. Nalgunha ocasión, Elsa ten localizado nesa obra o inicio dun compromiso político que estaría na orixe do exterminio da súa familia.
Desde moi novas, as catro fillas comprometéranse cunha sociedade máis xusta e igualitaria como militantes nas Xuventudes Peronistas e activistas sociais nas coñecidas como vilas miseria, paso previo á militancia na organización dos Montoneros, na que tamén se integraría Héctor Oesterheld.
A vontade revolucionaria contaxiada entre fillas e pai foi aniquilada de vez despois do golpe de 1976 converténdose en vítimas mortais dos militares. O reconto, que tantas veces repetiría Elsa na súa denuncia do exterminio, é brutal. En moi pouco tempo fixeron desaparecer ao escritor e as súas catro fillas, con moi curta idade, dúas delas preñadas, e tres dos seus xenros. En total, xunto coas dúas crianzas que nacerían nun centro de represión, dez persoas da súa contorna máis próxima deixarían de estar para sempre na súa vida. E, de todo o grupo, só podería enterrar unha das súas fillas. Daquela masacre, a Elsa Sánchez só lle sobreviviron dous netos, o pequeno Martín que quedou ao seu coidado e Fernando que foi acollido na casa dos avós paternos.
As noticias das desaparicións fóronlle chegando a Elsa unha a unha nunha sucesión que ía aumentando a dimensión da traxedia. A orde en que foron arrebatadas polas forzas militares e a idade das fillas dan medida da violencia que se impuxo na Arxentina: Beatriz (19 anos), Diana (23), Estela (24) e Marina (18). Que dúas das súas fillas, Marina e Diana, estivesen preñadas no momento en que desapareceron puido ser, como ela explicaba, unha das razóns da súa supervivencia xa que, dese aquel momento, un dos seus obxectivos vitais foi buscar os bebés que, segundo sospeitaba, naceran en prisión e, posiblemente, como acontecía en moitos casos, foran entregados a familias da contorna do poder militar que rematara coa vida das súas nais.
Cando desaparece, Diana está preñada de sete meses e medio e sábese que deu a luz no Campo de Maio, no espazo de exterminio en que foi asasinada xunto co seu home. Á súa irmá, Marina, de dezaoito anos, quedáballe só un mes para dar a luz. Elsa Sánchez, desde a organización Avoas da Praza de Maio, pasaría o resto da súa vida intentando dar cos seus netos ou netas sen conseguir nunca atopalos.
Tampouco puido Elsa enterrar aos seus seres queridos e, de todas as persoas que formaban parte da súa vida, só recuperou o cadáver de Beatriz, a última tamén que viu viva. O resto desapareceron para sempre, sen que puidese sequera despedirse, nun dos casos máis claros de utilización das prácticas de exterminio do golpe militar que intentaba non deixar pegada, sen permitir contabilizar os cadáveres e aniquilando a mocidade máis dinámica e combativa.
Elsa Sánchez viu por última vez a súa filla Beatriz o 19 de xuño de 1976 cando se dan citan na confeitería bonaerense Jockey Club. Levaban tempo sen falar e, nese encontro, contoulle que decidira deixar a militancia para dedicarse á medicina, pero non á de consultorio senón á que axuda as persoas que máis o necesitan. Desaparecería cando se dirixía a Villa La Caba e tan só dous días despois déronlle a noticia do seu secuestro cando un mozo se lle achegou para dicirlle que Beatriz non regresara ao seu destino. Comezou así a primeira busca de Elsa Sánchez, como a de tantas nais, percorrendo comisarias e pedindo axuda a amizades e familiares. Menos dun mes despois, o 7 de xullo recibiu a chamada da comisaria Virreyes na que lle comunicaban que podía recoller o corpo sen vida da súa filla. A única que podería enterrar. A ela metéuselle na cabeza que fora utilizada como anzol para atopar á filla e a partir de entón deixou de ter contacto cos membros da súa familia. Naquel momento, Héctor levaba xa tempo na clandestinidade.
O secuestro de Diana foi pouco máis dun mes despois que o de Beatriz. O 26 de xullo collérona en San Miguel de Tucumán xunto co seu fillo Fernando, que tiña apenas un ano. A pesar de conseguir fuxir, desaparece o 7 de agosto do mesmo ano en que a trasladan ao Campo de Maio, o centro de represión no que daría a luz ao seu segundo fillo ou filla. Elsa tivo noticia de que fora martirizada brutalmente. A súa parella, Raúl Araldi, de trinta anos e militante montonero, foi asasinado no medio da rúa o 31 de xullo de 1977 en Banda do Río Salí, Tucumán, cando se resistiu ao secuestro. Os seus restos foron identificados en 2011 por un equipo de antropoloxía forense nunha fosa do Cemiterio do Norte. Ao cativo, Fernando, deixárono na casa berce de Tucumán antes de ser entregado aos avós paternos. En decembro de 2009 a xustiza obrigou aos usurpadores a devolverlle a vivenda na que vivira o seu primeiro ano de vida. No colo da nai e na porta desa casa aparece nunha fotografía que ten a data impresa. Era xullo de 1976, só uns días antes da desaparición.
Tamén hai indicios de que nese mesmo espazo de represión naceu outra crianza descendente de Elsa. Sería o fillo ou a filla de Marina, que foi secuestrada xunto coa súa parella Alberto Oscar Seindus o 27 de novembro de 1977. Tiña vinte anos e estaba preñada de oito meses. Elsa soubo do estado de Marina por Mary, unha muller que traballara na súa casa e que a vira camiñando cunha xa grande barriga.
O sanguinario reconto péchase con Estela, a maior das fillas, que foi asasinada con vinte e cinco anos o 14 de decembro de 1977, abatida a tiros na contorna da súa casa de Los Álamos en Bos Aires, xunto coa súa parella Raúl Mórtola, de vinte e oito anos. Estaba preñada de catro meses. Ao seu fillo, Martín, de tan só tres anos e medio, levárono ao Centro Clandestino de Detención El Vesubio onde se encontrou co avó Héctor Oesterheld que estaba alí detido. Héctor facilitou o enderezo da casa familiar de Elsa, onde entregaron ao cativo que quedaría ao coidado da súa avoa.
Pola súa parte, Héctor Oesterheld sería secuestrado o 27 de abril de 1977 despois de que pasara un tempo na clandestinidade. A última vez que Elsa o viu foi en decembro de 1975, no bar La Fragata, no cruce de Corrientes e San Martín. Lembra que estaba moi cambiado, co pelo longo e barba. El díxolle que non volvería á casa e ela pediulle que protexese ás rapazas. Estivo preso en Campo de Maio, o Vesubio e Sheraton e todo indica que debeu morrer a comezos de 1978, despois das súas catro fillas. Elsa intuía que estivera en Europa na clandestinidade e regresara ao saber da desaparición das fillas.
Como esquecer se os meus dous netos poden estar con quen matou aos seus país?, preguntábase na súa visita a Galiza en 2008, convidada pola Xunta de Galiza para participar no programa Conversas con da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
Matáronas para quitarlles esas ideas que consideraban perigosas. Ao grito de “nunca máis" loitarei até o último alentó, dixo antes de explicar que o que a salvara fora a idea de recuperar os seus netos ou netas, e acompañar na vida os pequenos Fernando e Martín, os fillos das súas fillas que, coma ela, sobreviviron á masacre.
Na última etapa da súa vida, Elsa Sánchez foi unha activa militante do movemento das Avoas da Praza de Maio, organización á que se achegou por recomendación de Adolfo Pérez Esquivel.
Queremos chegar á xente para que loite solidariamente para que isto non se repita, dicía na súa visita a Galiza na que tamén confesaba ter
dor, con maiúsculas, desesperacióne pedía xustiza e non esquecemento.
A miña loita durante estes anos é para que os meus netos saiban a súa verdade, dicía e, por iso, a última etapa da súa vida se dedicou a recuperar a memoria e denunciar a masacre do golpe militar arxentino.
O 13 de outubro de 2010, Elsa interveu no acto de inauguración da Feira do Libro de Frankfurt que tiña como convidada de honra a Arxentina e unha frase súa converteuse en titular da xornada:
Eu que cría estar morta e hoxe volvo ter esperanzas. O ano seguinte recibiu a distinción como Personalidade Destacada da Cidade de Bos Aires e en 2011 estreouse o documental A muller do eternauta, dirixido por Adán Aliaga con guión do escritor Diego Ameixeiras e produción de Frida Films.
O escritor Manuel Rivas, gran coñecedor de Elsa a quen a acompañou na súa visita a Galiza, é autor de varios textos extraordinarios sobre a familia Oesterheld. Nun deles, recolle esta declaración de Elsa:
Até os psicólogos se estremecían. Toda a experiencia psicolóxica non servía para enfrontarse ao noso caso. Preguntábanme como resistira, como estaba viva. Non o sei. Estou aquí por unha estraña obriga. Eu xa gastei todo o medo do mundo.
Elsa Sánchez morreu a causa dun infarto o día 22 de xuño de 2015, con noventa anos, e foi enterrada no cemiterio da Chacarita. As Avoas da Praza de Maio despedírona lamentando que marchase
unha avoa máis que se vai sen ter coñecido aos seus netos.
O seu neto Martín Mórtola Oesterheld declarou entón:
Foise en paz. Atopámola durmida e deixounos a tranquilidade de que debía irse porque dera todo o que tiña. É a muller que me criou despois da desaparición dos meus pais e o primeiro parente que podo enterrar, que non é pouco.
Desde Hijos Capital manifestaron na súa despedida:
Elsa Sánchez de Oesterheld foi unha muller que nos ensinou moito: a sobrevivir, a loitar e a volver sorrir. Ninguén sabe como esa muller, pequena de tamaño, foi tan grande contra todo o que lle fixeron os verdugos. Elsa sobreviviu a todo iso, pisando imposíbeis, loitando sempre pola xustiza.
Bibliografía
Bertoia, Luciana: «La sobreviviente», Caras y Caretas, (3 de xullo de 2021).
Calero, César G.: «La extinción de los Oesterheld», Jot Down, (2016)
Galipedia: «Elsa Sánchez de Oesterheld», https://gl.wikipedia.org/wiki, [Consulta: 2025-06-03]
Nicolini, Fernanda e Beltrami, Alicia: Los Oesterheld. Bos Aires: Editorial Sudamericana, 2016.
Pérez Leira, Lois: Desaparecidos españoles en La Argentina. Vigo: Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo, 2010.
Revista Cítrica: «El día que Elsa conoció a Héctor», Revista Cítrica, (16 de novembre de 2015).
Rivas, Manuel: «O desaparecido HGO (Unha historia arxentina)». En Un corpo aberto. Unha ollada indie
do local universal. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2008.
Rivas, Manuel: «Un caso estremecedor de aniquilamiento de familia de gente progresista, de artistas», rebelion.org / www.piensachile.com
Wille, Germán: «Secuestraron y desaparecieron a su marido y sus cuatro hijas en la dictadura; vida y tragedia de la viuda del creador de El Eternauta», La nación, (5 de maio de 2025).
Como citar: Vidal, Carme : Elsa Sánchez de Oesterheld. Publicado o 3/6/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36013. Recuperado o 15/02/2026
DOCUMENTACIÓN DE
«La sobreviviente», artigo de Luciana Bertoia publicado en Caras y Caretas. Ver Documento. Artigo
Bertoia, Luciana: «La sobreviviente», Caras y Caretas, (3 de xullo de 2021)
Fonte: Caras y Caretas.
https://carasycaretas.org.ar
Entrevista de Anxa Correa a Elsa Sánchez de Oesterheld, publicada no Diario de Pontevedra o 25 de novembro de 2008. Ver Documento. Artigo
Sánchez de Oesterheld, Elsa: «Aún tengo esperanza de encontrar a mis otros dos nietos desaparecidos», Diario de Pontevedra, (25 de novembro de 2008).
Fonte: Diario de Pontevedra.
https://www.diariodepontevedra.es
Conversas con Elsa Sánchez de Oesterheld, dentro do ciclo Conversas con organizado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia durante o ano 2007. Ver Documento. Entrevista
Sánchez de Oesterheld, Elsa: «Solidariedade sen violencia: conversa con Elsa Sánchez de Oesterheld». En Conversas con. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007; 387-393.
Fonte: Conversas con. Xaunta de Galicia, 2008.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Lembranza de Elsa Sánchez, por Néstor Elías para La Retaguardia . Ver Documento. Artigo
Elías, Néstor: «Elsa Sánchez de Oesterheld, el coraje hecho mujer», La Retaguardia, (20 de xullo de 2017)
Fonte: La Retaguardia.
https://laretaguardia.com.ar
Fragmentos de Los Oesterheld, obra de Fernanda Nicolini e Alicia Beltrami, publicados en El Historiador. Ver Documento. Artigo
«Los Oesterheld, por Fernanda Nicolini y Alicia Beltrami (Fragmentos)», El Historiador, (3 de xuño de 2025).
Fonte: El Historiador.
https://elhistoriador.com.ar
Artigo de Angelo Nero sobre Elsa Sánchez e a memoria de horror da familia Oesterheld. Ver Documento. Artigo
Nero, Ángelo: «La mujer del Eternauta: la memoria del horror de los Oesterheld», Periodismo Alternativo. Nueva revolución, (6 de febreiro de 2023).
FontePeriodismo alternativo. Nueva revolución.
https://nuevarevolucion.es
Información de Alejandro Rebossio publicada na edición de Bos Aires do xornal El país sobre a participación de Elsa Sánchez como testemuña de cargo contra a dictadura arxentina. Ver Documento. Artigo
Rebossio, Alejandro: «Elsa Sánchez, testigo de cargo contra la dictadura argentina», El país, Bos Aires, (22 de xuño de 2015).
Fonte: El País
https://elpais.com
Desaparecidos españoles en la Argentina, obra de Lois Pérez Leira. Ver Documento. Artigo
Pérez Leira, Lois: Desaparecidos españoles en la Argentina. Vigo: Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo, 2010.
Fonte: Crónicas de la Emigracións.
https://www.cronicasdelaemigracion.com
«Un caso estremecedor de aniquilamiento de una familia de gente progresista, de artistas», artigo de Manuel Rivas publicado en Piensa Chile o 20 de outubro de 2008. Ver Documento. Artigo
Fonte: Rebelión.org / Piensa Chile
https://piensachile.com/
Ligazóns de interese
Acceso ao documental A muller do eternauta, estreado en 2011. Está dirixido por Adán Aliaga, con guión de Diego Ameixeiras e produción de Frida Films
Fonte: https://www.agalega.gal
Acceso en liña ao testemuño de Elsa Sánchez de Oesterheld en Memoria Abierta, espazo arxentino de promoción da memoria da violencia sobre os dereitos humanos
Fonte: Memoria Abierta.
https://memoriaabierta.org.ar/wp/
Espazo dedicado a Elsa Sánchez de Oesterheld e á súa familia na web Abuelas de Plaza de Mayo
Fonte: Abuelas de Plaza de Mayo.
https://www.abuelas.org.ar
Entrada biográfica de Elsa Sánchez de Oesterheld na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org
«Secuestraron y desaparecieron a su marido y sus cuatro hijas en la dictadura: vida y tragedia de la viuda del creador de El Eternauta», artigo de Germán Wille publicado en La Nación o 5 de maio de 2025
Fonte: La Nación
https://www.lanacion.com.ar
Entrevista de Ornella Rapallin con Fernanda Nicolini e Alicia Beltram, autoras do libro «Los Oesterheld, una biografía familiar»,
Fonte: Agencia de Noticias Ciencias de la Comunicación (ANCCOM).
https://anccom.sociales.uba.ar
«Todo está guardado en la memoria», por Milena Heinrich, artigo sobre o libro La familia Oesterheld, unha biografía coral para manter en alto as bandeiras de memoria, verdade e xustiza
Fonte: Revista Harondo.
https://revistaharoldo.com.ar/
«La extinción de los Oesterheld», artigo de César G. Calero publicado en Jot Down
Fonte: Jot Down
https://www.jotdown.es
«El día que Elsa conoció a Héctor», artigo publicado en Revista Cítrica o 16 de novembro de 2015
Fonte: Revista Cítrica
https://revistacitrica.com
«Morre Elsa Sánchez, a muller que coñeceu os límites da dor na ditadura arxentina», artigo de Carme Vidal publicado Nós diario o 22 de xuño de 2015
Fonte: Nós Diario.
https://www.nosdiario.gal
«Abuelas de Plaza de Mayo siguen buscando a los nietos o nietas del creador de El Eternauta», artigo publicado en LoQSomos o 8 de maio de 2015
Fonte: Lo que somos: partidarios de la libertad de comunicación.
https://loquesomos.org
Videos
Conquistas de la Memoria: Casa Oesterheld - Sánchez, vídeo sobre a familia Oesterheld Sánchez
Fonte: Espacio Memoria / YouTube.com
Homenaxe a Elsa Sánchez de Oesterheld ao ser distinguida na Lexislatura porteña como Personalidade Destacada da Cidade, pola súa contribución na promoción e defensa dos Dereitos Humanos
Fonte: Télam / YouTube.com
Nosotras: Homenaje a Elsa Oesterheld. Primeira parte.
Fonte: Televisión Pública Argentina / YouTube.com
Nosotras: Homenaje a Elsa Oesterheld. Segunda parte
Fonte: Televisión Pública Artentina / YouTube.com
Testimonio Elsa Oesterheld - 2007
Fonte: Abuelas de Plaza de Mayo / YouTube.com
Homenaje a Elsa Oesterheld. Agrupación Oesterheld, 17 de maio de 2016
Fonte: Agrupación Oesterheld / YouTube.com
Vídeo Elsa Sánchez de Oesterheld un testimonio de vida, memoria de todos, 2 de abril de 2014
Fonte: Nestor Petruccelli / YouTube.com Acceso ao documental A muller do eternauta, estreado en 2011. Está dirixido por Adán Aliaga, con guión de Diego Ameixeiras e produción de Frida Films
Fonte: https://www.agalega.gal
















