Teodosio Vesteiro Torres
Vigo (Pontevedra), 12/ 6/1847 - Madrid, 12/6/1876Autoría: Xurxo Martínez González
Unha esperanza truncada
Teodosio Vesteiro Torres truncou o ritmo da súa vida por decisión propia. Un home labrado no espazo do Rexurdimento, próximo a figuras como Francisco Añón ou Manuel Curros Enríquez. Ademais, converteuse na primeiro difusor das cantigas de Martin Codax, que el deu a coñecer nun artigo en El Heraldo Gallego publicado poucos días antes do tráxico final.
Vigués de nación (posiblemente da antiga rúa Soledad), con 12 anos entrou no Seminario de Tui grazas a unha bolsa. O pai, Juan María Vesteiro (de Pedrafita) gañaba a vida como axudante de fortificacións. Nesta capital da antiga provincia homónima pasou dez anos nos cales completou as disciplinas de Filosofía e Teoloxía. As notas foron brillantes.
Un rapaz cheo de curiosidades e cun perfil de gens de lettres foi acollido como bibliotecario do seminario tudense. Alí ordenou e clasificou milleiros de volumes, tarefa que lle abría a posibilidade de ler libros non coñecidos. Este empacho de lecturas derivou nunha orientación compositiva. Ao ano de entrar no seminario xa escribira o seu primeiro poema. Dende esa data proseguiu escribindo e escribindo cunha dote que sorprendía aos seus coetáneos. Logo actuaría como secretario da revista La Juventud Católica de Tuy, onde publicaría varios traballos prosísticos e líricos.
Durante este período tamén se entregou á música. Con 12 anos elaboraba composicións de notable factura, aos 13 zarzuelas e aos 17 dirixía a orquestra da catedral de Tui.
Obtivo a cátedra de Humanidades en idade temperá. Impartiu docencia no propio seminario. Pero a crise de fe penetrou nel. Cando chegou a hora de verdade, Vesteiro Torres decidiu non continuar coa carreira eclesiástica nin recibir as sagradas ordes. Esta non era a súa vocación. A decisión marcouno. En realidade supoñía romper con todo o seu pasado. Dalgún xeito pasar á aventurada vida secular e renunciar a certas comodidades ate entón vividas no seminario. Vesteiro Torres guiouse pola súa conciencia, deixando á marxe os intereses máis inmediatos e materiais. Renunciou á cátedra que impartía no seminario de Tui.
O camiño aberto levouno a Madrid, inicio e fin da Corte, en 1871. Aquí deu aulas de música e publicou seis melodías para canto e piano tituladas Flores de la soledad, unha obra aínda hoxe de difícil acceso e localización.
O seu carácter debeu ser feble. En distintas crónicas de amigos fálase da
sobreexcitación nerviosa en lucha constante. Este nervio tiña a virtude de envorcarse nun dinamismo compositivo de calidade, pero tiña o defecto de poñer en perigo a súa existencia como ser orgánico. As crises que padeceu facíano sufrir a eito.
Unha personalidade así sentiu axiña un puñal na alma cando un ano despois soubo da morte da súa nai. A ela uníao unha querenza absoluta. Entón buscou o refuxio emocional na súa familia establecida en Madrid: Emilia Calé Torres e Lorenzo Quintero, con quen vivía dende a chegada á capital na rúa Estrella número 7.
Emilia, tamén recoñecida poeta, animouno a publicar Versos, o primeiro poemario de Teodosio. A esta altura comeza a prodigarse nas páxinas de El Heraldo Gallego, dirixido en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, e en El Diario de Santiago. A súa presenza aparece en xornais non galegos, como La Lucha, publicado en Girona. Nesta cidade catalá recibiría un recoñecemento honorífico nun certame organizado pola Asociación Literaria, a finais de 1875.
Á vez, froito da súa investigación e das inquedanzas intelectuais para co país natal, sacou a interesantísima Galería de gallegos ilustres en cinco tomos. Este proxecto supón unha contribución ao proceso de constituír un imaxinario nacional colectivo. Por tanto, unha peza necesaria para o propio Rexurdimento.
Moi pouco despois impulsou a asociación La Galicia Literaria (1875), na cal exerceu o cargo de secretario namentres Francisco Añón ocupou a presidencia. A sede, de xeito oficioso, establécese no lar de Emilia Calé; é dicir, alí onde vivía o propio Vesteiro Torres. Esta sociedade pódese tomar coma unha sorte de Academia Galega avant la lettre. Os obxectivos eran parellos. Entre os seus membros estaría un dos posteriores impulsores da Asociación iniciadora y protectora de la Real Academia Gallega, o poeta rexurdimentista Manuel Curros Enríquez.
Tras esas publicacións viaxou a Vigo. Aquí sería recibido como un escritor nacional por parte da redacción de La Concordia, que organiza un banquete-homenaxe no Hotel Europa o 26 de nadal de 1875. Pero á volta a Madrid atópase cunha rifa interna na Galicia Literaria, con Curros Enríquez e Francisco Añón mantendo posicións opostas. A sociedade acabaría por languidecer. A isto sumóuselle a marcha dos seus familiares, Emilia e Lorenzo, a Santander. A existencia solitaria entregouna nunha pensión. O estado de ánimo ía en declive. Até morrer.
Antes de matarse, Vesteiro Torres rachou a súa obra. Nela había tratados de Filosofía, dous dramas, unha zarzuela, poemas, lendas, partituras… Entre os inéditos na hora da súa morte, e que logo verían a luz, están Monografías de Vigo, Recuerdos de Galicia ou o tomo VI da Galería. Tamén se sabe que deixou proxectos inacabados como unha historia de Vigo, un cancioneiro da lírica medieval galega ou un ensaio sobre a literatura galego-latina.
Puxo, como sabemos, dúas cartas con destinatario. A carta a Curros Enríquez reproduciuna Faro de Vigo con data do 1 de xullo de 1876. Velaquí un extracto:
no es posible que resista más la lucha interior que vengo sosteniendo desde que tengo uso de razón. De lembranza, deixaralle a pluma de prata coa que escribiu esa misiva eterna.
Vesteiro abandonou o seu domicilio, con enderezo na rúa Caballero de Gracia número 26, para se dirixir ao Museo del Prado. Alí matouse.
Curros Enríquez foi un dos cinco amigos que foron recoller o corpo defunto. E Curros acusa á Igrexa da tensión interna que o levou ao suicidio:
Una de esas causas, la más grande, […] fue su educación religiosa, tortura cruelísima para el que sabe no puede sustraerse a la influencia del siglo en que vive(Faro de Vigo, 1-VII-1876). Da mesma hipótese é Alfredo Vicenti, quen dende as páxinas de La Ilustración Gallega y Asturiana (18-V-1880), sentenciou:
solamente el fatal influjo de la educación teocrática y al triste desarrollo de su juventud en un seminario, debe atribuirse la trágica muerte.
Tras a morte os amigos convocaron publicamente a escritores para compoñer un álbum fúnebre. Isto xeraría ruídos ao considerar o suicidio un pecado e, por tanto, un acto inadecuado sería honralo. Esta era a opinión de Pedro Antonio de Alarcón publicada en La Ilustración Española y Americana. Axiña Curros Enríquez e Victorino Novo saíron en defensa do común amigo.
Dentro deses nomes chamados a escribir na memoria de Vesteiro están Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Ruiz Aguilera, Francisco Añón… e dúas mulleres: Emilia Calé e Rosalía de Castro. Pero a nosa poeta nacional non mandaría nada e si aparecería un poema asinado por Emilia Pardo Bazán.
Tras a morte, dende El Diario de Lugo reivindicarían ano tras ano o nome de Teodosio Vesteiro Torres. Seguramente fose o xornal que máis fixo nese tempo por mater viva a súa memoria. Alí Aureliano Pereira, o republicano líder da escola federalista en Galiza, exercía a principal promoción, contando co apoio de Curros Enriquez. E Curros escribiría un longo retrato, con gravado na portada, en La Ilustración Gallega y Asturiana, de Manuel Murguía e Vicenti.
Hoxe unha bonita fonte de varios chafarices refresca os rostros cansos de homes e mulleres que mirando o nacer e morrer desa auga descoñecen aínda o nome que aparece na placa: Praza Teodosio Vesteiro Torres. Alí está dende o 7 de xuño de 1997. Até o presente e máis alá.
O poeta e compositor entregou á Biblioteca Xeral da Universidade de Compostela un exemplar do Cancioneiro da Vaticana, que en 1875 publicara Ernesto Monaci. O volumen leva unha dedicatoria manuscrita que remata así:
para auxiliar los trabajos de los hijos del país que quieran llevar a feliz término nuestro Renacimiento literario, ya que nada ha sido posible al último, aunque más amante, de sus compatriotas.
Bibliografía
Álvarez de la Granja, María (1998): Teodosio Vesteiro Torres. Aproximación á súa vida e á súa obra. Vigo: Instituto de Estudos Vigueses.
Corona fúnebre… (1877): Corona fúnebre a la memoria del inspirado escritor y poeta gallego Teodosio Vesteiro Torres. Orense: El Heraldo Gallego (Estab. tip. de La Propaganda Gallega).
Corona fúnebre… (1880): Corona fúnebre a la memoria del malogrado poeta gallego Teodosio Vesteiro Torres. Ferrol: Imprenta de El Correo Gallego.
Novo García, Victorino (1896): Por Galicia. Cuartillas y apuntes. A Coruña: Andrés Martínez.
Varela Jácome, Benito (1949): «Vesteiro Torres y la Galicia Literaria», Cuadernos de Estudios Gallegos, IV : 73-93.
Como citar: Martínez González, Xurxo : Teodosio Vesteiro Torres. Publicado o 21/5/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4109. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Vesteiro Torres, no seu derradeiro escrito, fala de Martin Codax. O artigo de Vesteiro foi recollido por Carlos Casares na revista Grial. Ver Documento. Artigo
Casares, Carlos: «Primeira noticia de Martín Codax», Grial: revista galega de cultura, 37 (agosto-setembro de 1972), 338-343.
Fonte: Hemeroteca da revista Grial. Editorial Galaxia.
https://editorialgalaxia.gal
Galicia e o antigo teatro español, artigo de Vesteiro Torres. Ver Documento. Artigo
Vesteiro Torres, Teodosio: «Galicia y el antiguo teatro español», Boletín oficial del Centro Gallego: revista mensual, Centro Galego de Bos aires, 99 (1 de marzo de 1921), 8-10.
Artigo de José Novo publicado en Revista gallega que inclúe a derradeira carta de Vesteiro Torres a Curros Enríquez. Ver Documento. Artigo
Novo y García, José: «Teodosio Vesteiro Torres: 12 de junio de 1876», Revista gallega: semanario de literatura e intereses regionales, 274 (10 de xuño de 1900), 1-2.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal
Poema de Vesteiro Torres dedicado á relixión, publicado en El correo gallego en abril de 1879. Ver Documento. Páxina de prensa
Vesteiro Torres, Teodosio: «Á la religión», El correo gallego: diario político de la mañana, 209 (10 de abril de 1879), 2.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal
Libro de actas da Sociedad Galicia Literaria fundada en 1875 por, entre outros, Francisco Añón, Curros Enríquez, Celso García de la Riega, Andrés Muruais, Teodosio Vesteiro Torres, etc.
Na acta Vesteiro Torres, como presidente, recolle a disolución da asociación, en xaneiro de 1876, e especifica a entrega do libro á Universidade de Santiago. Ver Documento. LibroGalicia Literaria: [Acta de fundación y Actas de las reuniones de la Sociedad Galicia Literaria] (1875-1876). Madrid: Galicia Literaria, 1875-1876. [Manuscrito]
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de J.C. Alonso Monteagudo sobre Vesteiro Torres na poesía e na música do Rexurdimento. Ver Documento. Artigo
Alonso Monteagudo, Juan Carlos: «Vesteiro Torres, poesia e música no Rexurdimento». En Capelán, Montserral et al. (coord.): Os soños da memoria: documentación musical en Galicia : metodoloxías para o estudio. Pontevedra: Deputación Provincial, 2012; 281-300.
Fonte: Minerva. Repositorio da USC.
http://hdl.handle.net/10347/8133
María Álvarez de la Granja escribe sobre a vida e mais a obra de Teodosio Vesteiro. Ver Documento. Artigo
Álvarez de la Granja, María: «Teodosio Vesteiro Torres: vida e obra», Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, 2 (1996), 17-36.
Fonte: Instituto de Estudios Vigueses.
https://www.ievigueses.com/gl
Vesteiro Torres por Francisco Fernández del Riego. Ver Documento. Artigo
Lorenzana, Salvador: «Teodosio Vesteiro Torres», Anuario de Vigo, 23 (1962), 23.
Fonte: Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Páxinas de El Heraldo gallego en apoio á Coroa poética dedicada a Vesteiro Torres. Inclúe a carta de Pedro Antonio de Alarcón, negándose a colaborar, e mais a resposta de Jesús Muruais . Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
«Cuestión de honra», El heraldo gallego: semanario de ciencias, artes y literatura, 159 (10 de xullo de 1876), 1-5.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
Acceso á dixitalización da obra de Vesteiro Torres Recuerdos de Galicia.
Fonte: BNE. BIblioteca Dixital Hispánica.
A Coruña: Andrés Martínez, 1896
https://bdh.bne.es
Acceso á dixitalización da obra de Vesteiro Torres Galeria de gallegos ilustres.
Madrid: Imp. a cargo de Heliodoro Pérez, 1874-1875Fonte: BNE. BIblioteca Dixital Hispánica.
https://bdh.bne.es
Espazo web de Teodosio Vesteiro Torres en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.ga
Obras dixitalizadas de Teodosio Vesteiro Torres na hemeroteca da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal
Vesteiro Torres na Biblioteca Virtual de Polígrafos da Fundación Larramendi
Fonte: Fundación Larramendi.
https://www.larramendi.es
«O legado de Vesteiro Torres», artigo de Manuel Bragado no seu blog Brétemas, <(20 de outubro de 2021)
Fonte: Brétemas. Blog de Manuel Bragado.
https://bretemas.gal
«Lejana memoria de Teodosio Vesteiro Torres», por María Fontán, artigo publicado na web do Centro Virtual Cervantes, (1 de septiembre de 2006)
Fonte: Centro Virtual Cervantes.
https://cvc.cervantes.es
Biobibliografía de Teodosio Vesteiro Torres na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/
«La penúltima carta de Teodosio Vesteiro», artigo de Jorge Barrecheguren.
Fonte: La Voz de Galicia
La Voz de Galicia, (14 de abril de 2021)
https://www.lavozdegalicia.es
Videos
«Inocencia, mazurca», de Teodosio Vesteiro Torres. Alejo Amoedo, piano
Fonte: Alejo Amoedo / YouTube.com
Audios
Nas ás do canto 01: Saludo de dolor
Publicacións periódicas
Eco de Galicia, El (1892-1926) .
Órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sudamericanas
Órgano de los gallegos y Decano de la prensa Española en Sud América
Decano de la prensa gallega en América y de la española en Sur América
Airiños (1970-) .
Artigos Teodosio Vesteiro Torres
VESTEIRO TORRES, T. (7/1949) Marinos ilustres de Galicia. Los Nodales | Airiños. 1ª (9), 14-15.
VESTEIRO TORRES, T. (1/1950) Rodrigo de Villandrando | Airiños. 1ª (10), 12-14.





![Cuberta do segundo volume da obra <cite>Galería de Gallegos Ilustres</cite>, de Teodosio Vesteiro Torres.<br>Madrid: [s.n.], 1874-1879 (Imprenta de Suárez y Compañía)](../../mediateca/extras/CCG_adg_Teodosio_Vesteiro_Torres_010.jpg)




![<cite>Marinos ilustres de Galicia</cite>, obra de Vesteiro Torres.<br>Bos Aires: Marineda, [s.d.]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Teodosio_Vesteiro_Torres_007.jpg)

