Blanca Jiménez Alonso
Ribadeo (Lugo), 21/ 2/1926 - A Coruña, 5/10/2012Autoría: María Dolores Cabrera Iglesias
Autoría: Patricia Arias Chachero
Comprometida co patrimonio bibliográfico e documental galego, foi presidenta da Fundación Penzol
Blanca naceu en Ribadeo o 21 de febreiro de 1926. Foi a primeira filla de Blanca Alonso Rey, enfermeira natural de Vilaframil, e de Valentín Jiménez Moro, de Vallesa de la Guareña, pequena localidade do sueste da provincia de Zamora, que chegara a Ribadeo apenas un ano antes do nacemento da súa primoxénita para exercer como inspector municipal veterinario. Foi un home querido e respectado na comarca, sempre disposto a atender as necesidades das persoas que o precisaban.
Comprometido co desenvolvemento da súa patria de adopción, pouco despois do nacemento da súa primeira filla, en xuño de 1928, xa temos noticia da súa participación na granxa escola experimental promovida polo benfeitor da zona, Pedro Murias, nun ciclo de conferencias organizado polas sociedades agrarias de Obe, A Devesa e Vilaframil, coa intención de contribuír ao progreso e á formación dos agricultores e gandeiros da redonda. Curiosamente, naquela empresa didáctica falaron, ademais de Valentín Jiménez, Rof Codina e Gonzalo Pozo, inspector de Hixiene e Sanidade, pai da poeta Luz Pozo Garza, quen daquela andaba polos 6 anos. Inda que parece pouco probable que as nenas Blanca e Luz se coñecesen e tratasen, pola diferenza de idade e porque Luz axiña deixará Ribadeo.
En 1930 nacería Pepín (1930-2021), o segundo dos fillos do matrimonio, quen co tempo se convertería nun prestixioso avogado. Nove anos despois chegaría Amalita (1939-2020), moi unida sempre á súa irmá maior, e que faría a carreira de Farmacia. Os tres irmáns gozaron dunha infancia feliz, no seo dunha familia liberal, moderna e acomodada. Blanca cursou estudos secundarios na súa vila natal e, conforme se le en Las Riberas del Eo do 14 de xuño de 1945, con 19 anos logra aprobar, con brillantes cualificacións, o exame de estado na Universidade de Oviedo, para logo, segundo consta no Arquivo Histórico Universitario da USC, facer Maxisterio en Lugo.
Foi unha moza inquieta e sociable. Unha gran lectora que prefería os libros de filosofía, antropoloxía, historia e arte ás novelas. E, seguramente, en Ribadeo, onde vivía, coñeceu a mediados dos anos corenta ao que sería o seu esposo, o rexistrador da propiedade Fermín Penzol, quen adoitaba pasar os veráns na fronteiriza vila materna de Castropol, ao outro lado da ría, e que a finais de xullo de 1949 tomara posesión do Rexistro desa vila. Era Fermín home ben parecido, culto e politicamente comprometido co país, moi coñecido en ambas as dúas beiras do Eo, onde tiña axudado a moita xente. Non é difícil imaxinar como namoraron e formalizaron a relación.
Casaron o 8 de decembro de 1949 na igrexa parroquial de Ribadeo. Ela chegou do brazo do comandante de artillería Horacio López Vallinas, primo do noivo, e el, orfo xa de pais, do da súa sogra. Entre as testemuñas do novo matrimonio estaba Ramón Piñeiro, grande amigo de Penzol desde que, a través doutro amigo común, Xosé Ramón Fernández-Oxea (“Ben-Cho-Shey”), se coñeceran nos anos corenta no faladoiro madrileño do café La Granja del Henar. Piñeiro deixou escrito: “Na vida de Fermín, a etapa Fermín- Branca, representa á volta á Terra”. De feito, tras a viaxe de noivos, a nova parella axiña fixa a súa residencia por máis de dez anos en Castropol, onde a partir de entón recibirían tantos amigos e coñecidos galeguistas. O matrimonio non tivo descendencia.
Desde o comezo, Blanca intégrase no núcleo de amizades de Fermín. Con Ramón Piñeiro e Isabel López, Domingo García-Sabell e Teresa Tormo, Fernández del Riego e Evelina Hervella, Xaime Isla Couto e Cristina Nóvoa… estableceu decontado unha estreita relación, e os actos e reunións en Santiago, Vigo ou no fogar de Castropol permiten que trate con familiaridade a Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ánxel Fole e ás principais figuras literarias da época. É daquela cando secunda con entusiasmo as ideas e proxectos daquel grupo de comprometidos intelectuais galeguistas que, nos difíciles tempos da ditadura, apostan pola estratexia do activismo cultural e crean a Editorial Galaxia en 1950.
Son moitos os que a lembran como unha muller de trato amable e culta. E todos concordan en que Blanca e Fermín foron durante anos un matrimonio ben achegado, unha desas parellas que se entenderon desde o principio; e moi pronto ela comezou a participar da súa paixón bibliófila. Xesús Alonso Montero, que comezou a tratala na súa época de estudante en Madrid, a onde acostumaban viaxar con frecuencia, ten afirmado que aos cinco ou seis anos de casada non era ningunha inexperta en bibliografía galega. E que mesmo ás veces se achegaba aos faladoiros dos cafés, dos que o seu home era asiduo, onde se reunía unha parte da intelectualidade galega daquela residente na capital, como a do céntrico café Lyon d’Or, na rúa Alcalá, faladoiro que habitualmente presidía o poeta Ramón Cabanillas, con quen a parella mantivo longa relación ata o final dos seus días. Tamén Ramón Piñeiro lembra, nalgún dos seus escritos, como adoito percorrían as librarías de vello en busca de alfaias bibliográficas e outros documentos raros ou curiosos cos que seguir arrequecendo a biblioteca que el comezara a configurar nos seus anos de estudante madrileño e que, co andar do tempo, se vai converter nunha das mellores e máis completa en temática galega.
Fermín decidirá en vida doar xenerosamente a Biblioteca para uso público. E, así, pola súa proximidade e afinidade tanto persoal como ideolóxica co citado grupo de Galaxia, en setembro de 1956, ten lugar en Vigo a entrega simbólica do valioso patrimonio á editora, que se responsabilizará do seu depósito, custodia e administración. Logo, en 1963, formalízase mediante escritura notarial a doazón e constitúese a Fundación Penzol, presidida polo altruísta bibliófilo. Por último, o 5 de maio do mesmo ano, nun concorrido acto público, inaugúrase oficialmente o novo centro no número 24 da rúa viguesa de Policarpo Sanz. Ao fío deste acto de inauguración, no libro homenaxe que os amigos lle entregan a Penzol en 1972, escribe Piñeiro: “Fermín e Branca estaban arrodeados de amigos, recibindo prácemes. Dende un recanto da biblioteca, eu contemplaba o rebulir dos grupos a curiosear nos libros. Houbo un intre en que Branca, arredándose do grupo en que estaba, veu onda min, colleume fraternalmente as mans e díxome estas palabras:
’Sei que hoxe é un día de moita alegría para ti; quéroche decir que tamén para min o é’. Ela e mais Fermín acababan de nos entregar a todos un tesouro cultural […]. As palabras de Branca expresaban a máis sinxela e fonda confesión de galeguismo.
Logo da apertura e, ao longo dos anos, o matrimonio seguiu incrementando os fondos con numerosas e continuas achegas, e visitando as súas instalacións sempre que así o permitían os sucesivos destinos profesionais en Ferrol, Manresa, Avilés, Tenerife ou Barcelona. Por último, coa chegada da xubilación en 1971, fixan definitivamente a súa residencia en Santiago de Compostela, cidade que alternan con habituais estadías en Castropol. Tras o pasamento do marido, en 1981, Blanca seguiu preocupándose pola Penzol e a súa biblioteca, non só doando novos libros e materiais para o enriquecemento das coleccións, senón tamén traballando activamente pola institución. Froito desta súa implicación, en xuño de 1982, foi nomeada presidenta do Padroado, cargo que exerceu ata finais de 2011, e con posterioridade será nomeada, ata a súa morte, presidenta de honra. No tempo do seu mandato, a Fundación cambia de sede para unhas instalacións máis amplas e cunha maior infraestrutura na viguesa Casa Galega da Cultura, dependente do concello homónimo.
Neste período vai ser recoñecida con dous galardóns. O 1 de febreiro de 1997, no Pazo-Museo Quiñones de León, sito no parque de Castrelos, de Vigo, a Asociación de Mulleres
Diálogos 90concedeulle un dos premios de
Galegas Destacadas, polo seu labor a prol da cultura de noso, na súa condición de presidenta da Penzol. E, en xuño de 2002, a Xunta de Galicia fíxolle entrega da medalla Castelao. Ese mesmo ano entrou a formar parte do plenario do Consello da Cultura Galega, en representación da citada institución, ata o ano 2008.
Durante bastante tempo seguiu residindo no seu domicilio compostelán, pero, consciente de que o final se achegaba, decidiu, cando inda estaba ben de saúde e ánimo, retirarse a unha residencia na Coruña, onde faleceu, con 86 anos, o 5 de outubro de 2012. Logo dun funeral en Santiago, as súas cinsas depositárose no cemiterio parroquial de Castropol a carón de Fermín, tal como figura na campa. Tempo antes, nunha longa entrevista concedida a Carlos García Bayón o 3 de xuño de 1990 para o xornal La Voz de Galicia, á pregunta de se pensara en reunir e publicar algún día os seus recordos, Blanca respondeu negativamente e, facendo gala da súa discreción, afirmou:
A miña vida foi totalmente íntima, tranquila, feliz; e así pouco tería que contar. A felicidade non ten historia. Pero as autoras desta entrada consideran que a historia de Blanca Jiménez Alonso merecía ser lembrada.
Agradecementos
As autoras queremos agradecer especialmente a documentación e información brindadas, así como a total dispoñibilidade diante das nosas preguntas de Xulio Souto Jiménez, sobriño de Blanca; do grupo de Ribadeo, composto por Mario Eiras, María Rosa Fernández e Josefa Mosquera; de Xesús Alonso Montero; de Teresa García-Sabell Tormo; de Francisco Díaz-Fierros e da familia de Ramón Piñeiro. E, por suposto, obrigadas ao Padroado e mais ao persoal técnico da Fundación Penzol, pola súa habitual e inestimable colaboración. Por último, vaia tamén o noso agradecemento para unha ampla nómina de persoas que nos achegaron algún dato ou documento puntual, pois somos conscientes de que, dada a escaseza de fontes escritas, sen as súas axudas estes apuntamentos biográficos non serían posibles.
Fontes documentais e bibliografía
Arquivo da Editorial Galaxia
Arquivo da Fundación Penzol
Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
Archivo de la Universidad de Oviedo
«Ecos. Boda distinguida», La Riberas del Eo, (10 de decembro de 1949), 2.
Cabrera, M.ª Dolores e Monteagudo, Enrique (ed.) (2010): Fermín Penzol. Unha obra para un país. Vigo: Galaxia.
García Bayón, Carlos (1990): «Testimonios de Blanquita Jiménez de Penzol en la serenidad de la belleza y el esplendor pajarero de Compostela», La Voz de Galicia, (3 de xuño).
Jiménez Alonso, Blanca (1991): «A fundación Penzol». En Homenaxe a Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia; 73-77.
Jiménez Alonso, Blanca (1996). «Lembrando a Xaime e Cristina». En Homenaxe a Xaime Isla Couto. Vigo: Galaxia; 193-196.
Piñeiro, Ramón (1972): «Fermín e Branca». En Homenaxe a Fermín Penzol. Vigo: Artes Gráficas Galicia; 14-15.
Como citar: Cabrera Iglesias, María Dolores : Arias Chachero, Patricia : Blanca Jiménez Alonso. Publicado o 26/3/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5010. Recuperado o 12/07/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Lembranza de Xaime Isla e de Cristina Nóvoa, por Blanca Jiménez Alonso. Ver Documento. Artigo
Jiménez Alonso, Blanca: «Lembrando a Xaime e Cristina». En Homenaxe a Xaime Isla Couto. Vigo: Galaxia, 1996; 193-196.
Fonte: Arquivo particular.
Dispoñible, tamén, na Fundación Isla Couto: https://fundacionislacouto.org/
Colaboración de Blanca Jiménez no libro de homenaxe a Ramón Piñeiro. Ver Documento. Artigo
Jiménez Alonso, Blanca: «A fundación Penzol». En Homenaxe a Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia, 1991; 73-77.
Fonte: Arquivo particular.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Xurxo Martínez escribe sobre a Fundación Penzol Glaucopis: Boletín del Instituto de Estudios Vigueses. Ver Documento. Artigo
Martínez González, Xurxo: «A Fundación Penzol: A marmita da cultura galega», Glaucopis: Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, 16 (2011), 113-128.
Fonte: Instituto de Estudios Vigueses / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es
Páxina do xornal Atlántico diario coa nova da entrega do galardón Galega Destacada, (9 de febreiro de 1997). Ver Documento. Artigo
«Las mujeres que destacan en Galicia», Atlántico diario, (9 de febreiro de 1997), 14.
Fonte: Atlántico
Artigo de Francisco Fernández del Riego sobre a biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol, no Boletín del Instituto de Estudios Vigueses. Ver Documento. Artigo
Fernández del Riego, Francisco: «A biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol», Glaucopis: Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, 2 (1996), 7-15.
Fonte: Instituto de Estudios Vigueses / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es
Fragmento da colaboración de Ramón Piñeiro no libro de homenaxe a Fermín Penzol, no que fala de Blanca. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Piñeiro, Ramón: «Fermín e Branca», Homenaxe a Fermín Penzol. Vigo: Galaxia, 1972; 14-15.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
«Pregos» de Cesáreo Saco dedicados a Blanca Jiménez e a Fermín Penzol. Ver Documento. Artigo
Saco, Cesáreo: «Pra Fermín Penzol, na compaña de Blanquita», Homenaxe a Fermín Penzol. Vigo: Galaxia, 1972; 121-122.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
O xornal Las Riberas del Eo recolle a información da voda de Blanca Jiménez e Fermín Penzol. Ver Documento. Artigo
«Ecos. Boda distinguida», Las Riberas del Eo: periódico de información galaico-asturiana, 3882 (10 de decembro de 1949), 2.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
«Unha mostra celebra os 60 anos da creación da Fundación Penzol», noticia en Nós diario. (20 de febreiro de 2023)
Fonte: Nós diario
https://www.nosdiario.gal
Acceso ao número 16 de Novas Penzol, dedicado a Fermin Penzol e que contén información sobre Blanca Jiménez, (xuño de 2017)
Fonte: https://hoxe.vigo.org/
Nova do falecemento de Blanca Jiménez na Axenda Cultural da AELG. (8 de outubro de 2012)
Fonte: https://axendacultural.aelg.gal/tag/blanca-jimenez-alonso/
A editorial Galaxia informa do falecemento de Blanca Jiménez Alonso. (8 de decembro de 2012)
Fonte: Editorial Galaxia.
«Fallece Blanca Jiménez Alonso, viuda de Penzol y presidenta de honor de su Fundación», artigo de Agatha de Santos en Faro de Vigo. (6 de outubro de 2012)
Fonte: Faro de Vigo
«O Consello da Cultura Galega lamenta o falecemento de Blanca Jiménez Alonso, presidenta de honra da Fundación Penzol», nova publicada no portal web Consellodacultura.gal. (5 de outubro de 2012)
Fonte: Consello da Cultura Galega.
Aceso en liña a Fermín Penzol. Unha obra para un país, publicación editada por M.ª Dolores Cabrera e Henrique Monteagudo. Vigo: Galaxia, 2010
Fonte: https://hoxe.vigo.org
Videos
Conferencia de María Pilar Vilaboi sobre a Biblioteca Penzol na III Xornada Bibliotecas Especializadas, celebrada no Museo Etnolóxico de Ribadavia o 3 de xuño de 2016
Fonte: Museo Etnolóxico de Ribadavia / YouTube.com