José Luis Pensado Tomé
Negreira (A Coruña), 6/ 3/1924 - Salamanca, 15/12/2000Autoría: Xosé Amancio Liñares Giraut
Lingüista e filólogo, investigador da obra de Martín Sarmiento
A nai do neno Chelís Pensado era a veciña de Negreira Josefa Tomé Rey. O seu pai, que estivera emigrado en Cuba, chamábase José Pensado Liñares, natural de Zas-Aro. Os seus avós paternos respondían aos nomes de Antonio Pensado, de Xallas, e Andrea Liñares, de Aro, ambas tamén parroquias negreiresas. E os avós maternos chamábanse Andrés Tomé, de Aro, e Filomena Rey, de Negreira. Curiosamente, oficiou de madriña do seu bautizo a súa curmá Carme Negreira Tomé, que uns anos máis tarde (1931) casaría co avogado, cofundador do Seminario de Estudos Galegos e escritor galeguista Xulián M. Magariños (1904-1934). Complétase este círculo familiar inicial cos seus dous irmáns: Antonio –licenciado en Dereito e xuíz, finado en 1989– e Carmen (1930-2012) –licenciada en Filosofía e Letras e profesora de Lingua e Literatura Españolas en secundaria–. Todos os defuntos desta familia repousan no panteón do cemiterio parroquial de san Xián de Negreira.
Na súa casa había unha tenda-ultramarinos, rexentada polos seus proxenitores. Era coñecida como a Casa de Tumbacuatro, e estes fillos eran “os de Tumbacuatro”. Téñenselle dado varias explicacións á orixe deste curioso alcume popular. En tal ambiente medrou Xosé Luís e principiou os seus estudos primarios na escola local, ata o seu traslado ao Instituto de Santiago para cursar o bacharelato. Aí coñecemos que foi un alumno sobresaínte. Un certificado médico oficial de 1940 acredita a súa boa saúde. No curso 1942-1943 comeza os seus estudos universitarios en Compostela, na Facultade de Filosofía e Letras da USC. Dese ano é tamén (11.11.1942) o documento de afiliación –obrigatoria– ao Sindicato Español Universitario (SEU), onde consta o seu domicilio compostelán dos anos de estudante: Rúa do Hórreo, 27-1º.
A documentación conservada no Arquivo Histórico Universitario rexistra un expediente con
certificaciones oficiales, datado o 15 de marzo de 1948, remitido á Universidade de Madrid, e iso impide coñecer os seus datos académicos na consulta a este arquivo da USC. Só quedaron as materias nas que se matriculou nos cursos académicos 1942-43 e 1943-44: Filosofía, Lingua e Literatura Española, Latín, Grego, Francés, Inglés, Historia Xeral e de España e Historia da Arte.
Despois de cursar os estudos comúns na Universidade de Santiago, obtén a súa licenciatura na especialidade de Filoloxía Románica na Universidade de Madrid o 2 de xullo de 1948. Acadará sobresaliente e premio extraordinario. Na mesma universidade madrileña logra o título de doutor, así mesmo con galardón extraordinario, en Filoloxía Románica (15 de xaneiro de 1954), cunha tese dirixida por Dámaso Alonso, que se publicará en 1958 co título Miragres de Santiago. Edición y estudio crítico por José L. Pensado (CSIC, Madrid). Cando conta 34 anos chegará a ver a luz a primeira das súas moitas publicacións filolóxicas, lexicográficas, literarias. O seu idioma habitual na expresión escrita para dar a coñecer os froitos dos seus traballos será o castelán, aínda que a partir dos anos 1970 coñecemos textos da súa autoría publicados en lingua galega, sobre todo na revista Grial e en actas de varios congresos e libros editados en Galicia.
A partir da década de 1950, a traxectoria vital, investigadora e docente do profesor Pensado estará acompasada polos seus destinos profesionais universitarios, primeiro en Madrid e despois en Oviedo e Salamanca, mais acotío relacionado co ámbito universitario, institucións e entidades galegas. Este vínculo estreito con Galicia, que se plasma en non poucos dos seus estudos filolóxicos e literarios, foi posible ademais polas súas estadías estivais do domicilio familiar de Negreira e polo feito de se facer cunha casa de seu na aldea de Pousada (Ames), onde se gardou parte da súa ampla biblioteca, que compartiu espazo co seu domicilio do andar da rúa Sánchez Llevot, en Salamanca. Escribiu neste mesmo ano centenario nunha Tribuna da RAG o seu amigo Ramón Lorenzo:
Cando el viña de vacacións a Galicia pasaba con frecuencia pola miña casa e, cando decidiu comprar unha casa pola zona onde eu tiña a miña, andamos buscando polas aldeas veciñas ata atopar a que comprou na freguesía de Ames, na aldea de Pousada, casa na que depositou unha boa parte da súa biblioteca.
Antes de nos centrarmos na inxente obra intelectual (docente e investigadora), regresamos a outros aspectos da súa vida persoal e familiar. Xosé Luís Pensado casou con Enriqueta Ruíz Maza (1920-2019), tamén dos eidos da filoloxía e do ensino, con licenciatura e doutoramento en Filosofía e Letras. Do matrimonio naceron dúas fillas, na década de 1950: Carmen (1955-2021; coma o seu pai, catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca) e Leili Pensado Ruíz, tamén con estudos universitarios en Letras e arestora con actividade profesional en Lisboa. Na cidade salmantina residiu este núcleo familiar ata o falecemento do profesor Pensado Tomé, o 15 de decembro de 2000, como consecuencia do agravamento dun proceso de pneumonía. Contaba 76 anos. As súas honras fúnebres e soterramento tiveron lugar na vila de Negreira o 17 de decembro de 2000,
alí, no funeral, déronse cita un cento de persoas. Unha enorme fileira de rostros entristecidos daba conta do sentimento colectivo, a cabalo entre a dor e a admiración polo prestixioso estudoso falecido(La Voz de Galicia, 18.12.2000).
A actividade docente de X. L. Pensado iníciase como profesor axudante de clases prácticas de Crítica Literaria na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid (curso 1948-1949). Continúa como profesor adxunto interino de Lingüística Románica e Filoloxía Galaico-Portuguesa (1949-1950) e despois como profesor adxunto de Lingüística Románica e Filoloxía Galaico-Portuguesa na mesma Universidade madrileña, ao longo do sexenio 1951 a 1957. Neste último ano, cando suma 33 marzos, convértese en catedrático de Filoloxía Románica e Filoloxía Galaico-Portuguesa da Universidade de Oviedo, a onde se traslada coa familia durante o lustro seguinte. E en 1963, con 39 anos, consegue a cátedra da mesma especialidade na Universidade de Salamanca, ata a súa xubilación oficial en 1994. Na cidade salmantina residirá el e a familia Pensado Ruíz ata o final dos seus días, agás nas viaxes e estadías das vacacións nas terras galegas da redonda de Compostela.
Abrindo unha paréntese nese período salmantino de tres décadas, tamén foi Visiting Professor en dous centros universitarios dos Estados Unidos: en Austin-Texas (curso 1962-63) –onde daquela era catedrático o profesor boirense Ramón Martínez López (1907-1989)– e en Madison-Wisconsin (curso 1965-66).
Pensado Tomé en todo este tempo mantivo relación estreita co círculo galeguista de Galaxia e con outras amizades do ámbito filolóxico e literario galego, especialmente con colegas da Universidade de Santiago. Os seus moitos artigos divulgativos no xornal La Voz de Galicia, así como as contribucións que lles fixo chegar a varias revistas científicas e culturais reflicten este compromiso de quen foi, sen dúbida, un dos máximos especialistas nos estudos arredor do ilustrado Padre Sarmiento (1695-1772), unha das súas grandes paixóns investigadoras. Ademais, rescatou a valía dos textos do P. Sobreira (1746-1805). As honras que citamos de seguido, dentro e fóra de Galicia, dan proba disto e do seu recoñecemento por parte de varias institucións e entidades.
- Membro Correspondente da Real Academia Galega. 29.11.1967.
- Membro Correspondente da Real Academia Española. 17.3.1972.
- Membre du Comité de Patronage des Cahiers de Linguistique Hispanique Mediévale de Paris. 20.12.1979.
- Membro do Instituto “Padre Sarmiento” de Estudios Gallegos. 18.12.1979.
- Membro da Comisión de Lingüística e Toponimia da Xunta de Galicia.
- Presidente da Sección de Lingua e Literatura do Instituto “Padre Sarmiento” de Estudios Gallegos. 28.10.1980 ó 2.11.1983.
- Membro de Honor da Academia de la Llingua Asturiana. 22.1.1982.
- Premio “Fernández Latorre” de La Voz de Galicia. 24.7.1984
- Académico de Honra da Real Academia Galega. 10.4.1987.
- Pedrón de Honra. Maio de 1989.
No noso libro Xosé Luís Pensado. Philologus et magister. In memoriam (2001) rexistramos a colaboración de dúas ducias de persoas e entidades, todas elas relacionadas co campo da Filoloxía, da Literatura, da Historia e das creacións artísticas. Unha homenaxe coral, pois. Aí verten unha chea de opinións e loanzas sobre o que significa a vida e obra do profesor Pensado, e que xustamente contribúen a modelar mellor este perfil da súa personalidade e valía intelectual; da súa marca indeleble nos variados eidos da Filoloxía, dende a Idade Media ao século XX, de xeito especial no tempo dos chamados
séculos escurose da Ilustración do XVIII. Como
caracterizado filólogo que fixo estudos lingüísticos referidos ao galego medieval e modernocualificouno Francisco Fernández del Riego. Mais o erudito negreirés tamén posúe outros méritos:
Hai outra faceta no labor de Pensado que cómpre salientar, o da divulgación. Foi un asiduo colaborador da prensa, con artigos de temas lingüísticos e filolóxicos, entre os que predominaban os de carácter lexicográfico e etimolóxico; pero, a pesar do seu carácter divulgativo, son verdadeiros ensaios que se caracterizan todos eles por un rigor e unha erudición realmente salientable, expresa Manuel González no limiar da amentada edición. No ámbito da súa cátedra universitaria, o profesor Pensado dirixiu non poucas teses de doutoramento, verbo de temáticas diferentes dabondo. Nun supoñer, pódense citar –en Madrid– as de Xesús Alonso Montero (Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega) e de J. L. Alonso Hernández (Léxico del marginalismo del Siglo de oro).
É relevante o que Xosé Luís Pensado significou como polígrafo e intelectual das Letras. Un dos seus alumnos galegos en Salamanca foi Xosé Luís Axeitos. El e mais Alonso Montero publicaron varios escritos con carácter de obituario cando finou o seu mestre: «Necrolóxica. Pensado: os días da filoloxía galega», «Mestre» –X. L. Axeitos–; «Loito na lingüística galega» –X. Alonso–. En «Os traballos e os días do profesor Pensado Tomé. In Memoriam» (Revista Galega de Filoloxía), Axeitos expresa:
Na bibliografía do profesor Pensado hai un fío condutor inequívoco: Galicia, a súa lingua e as súas xentes. Se Galicia é a súa preocupación, o Padre Sarmiento é a súa referencia. (...) O currículo de Pensado, cualitativamente copioso, aparenta ser minguado en premios e honras. Pero coidamos, con sobrados argumentos, que o seu traballo recibiu unha altísima consideración cando o gran monumento da lexicografía hispánica, o Diccionario Crítico Etimológico Castellano e Hispánico do profesor Corominas, lle reserva un posto de honra e lle dá tratamento canónico. Tamén en 2001, e dentro do libro XLP. Philologus et magister, expresaba o profesor Xosé M.ª Dobarro Paz:
[Pensado], un home bo de vocación e dedicación filolóxica, a quen definiu amais como
sabio. Desa mesma edición In Memoriam, citamos un parágrafo do historiador Miguel Anxo Seixas:
Galego curioso das nosas escuras épocas e remexedor de ensilveirados documentos onde os nosos devanceiros deixaron presos anacos da súa pel, Pensado, seguindo os consellos de Dámaso Alonso, é o procurador das palabras galegas dentro ou fóra de Galicia. Estean onde estean dá con elas. É o detective dos nosos dicionarios, o esconxurador de fantasmas léxicos. Recentemente, Xesús Alonso Montero, ese citado filólogo discípulo seu xa nas aulas universitarias madrileñas, publicaba:
Negreira (...) é o berce dun dos grandes lingüistas nados en Galicia. Dentro do eido da lingüística galega, el foi o segundo fito; o primeiro, obviamente, foi o asombroso padre Sarmiento (1695-1772), de cuxa obra filolóxica o profesor José Luís Pensado Tomé (1924-2000) é o máximo estudoso e reivindicador.
No presente ano 2024, cadrando co centenario do nacemento do escritor, dende o Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, organizouse o Simposio Xosé Luís Pensado, 100 anos (1924-2024). Celebrouse en Santiago de Compostela e Negreira o 15 de marzo de 2024, coordinado polos profesores Manuel González e Amancio Liñares. Nesta xornada interviñeron os especialistas en aspectos da súa vida e obra, Henrique Monteagudo, Alexandre Rodríguez Guerra, Ramón Lorenzo, Alonso Montero, Amancio Liñares e Xosé Luís Axeitos. Fíxose neste encontro académico unha homenaxe á memoria do profesor Xosé Luís Pensado Tomé, volvendo outra vez a poñer en valor a súa personalidade, os seus doutos traballos e achegas misceláneas como filólogo e mestre.
Bibliografía
Alonso Montero, Xesús (1974 [-1986]): «Pensado Tomé, José Luis». En Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela, Gijón: Silverio Cañada; T. 24.
Alonso Montero, Xesús (2002): «In memoriam José Luis Pensado Tomé (1924-2000)», Boletín da Real Academia Galega, 362 (2001).
Alonso Montero, Xesús (2002): «Philologus et Magister», La Voz de Galicia, (23 de maio).
Alonso Montero, Xesús (2024): «José Luís Pensado Tomé, centenario», La Voz de Galicia, (8 de marzo).
Axeitos, Xosé Luís (2001): «Os traballos e os días do profesor Pensado Tomé. In Memoriam», Revista Galega de Filoloxía, 2.
Fernández del Riego, Francisco (1990): «Pensado Tomé, Xosé Luís». En Diccionario de escritores en lingua galega. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Fernández del Riego, Francisco (1999): «Un gran estudioso do Padre Sarmiento», La Voz de Galicia, (7 de outubro).
Liñares Giraut, Amancio (ed.) (2001): Xosé Luís Pensado. Philologus et magister. In memoriam. A Coruña: Deputación Provincial.
Lorenzo, Ramón (2024): «Tribuna: José Luis Pensado», web da Real Academia Galega.
Manteiga, Marcos (2024): «Simposio homenaxe para o catedrático negreirés Pensado, autoridade mundial no Pai Sarmiento», El Correo Gallego, (11 de marzo).
Quintáns Suárez, Manuel (2002): «Unha recolleita de traballos sobre Xosé Luís Pensado», El Correo Gallego, (20 de maio).
Rodríguez Guerra, Alexandre (1999): «Limiar». En Galicia dende Salamanca. 2. Salamanca: Universidad, Lectorado Galego.
La Voz de Galicia: «Un simposio homenaxea ao filólogo Xosé Luís Pensado no seu centenario», La Voz de Galicia, (16 de marzo de 2024).
Seixas Seoane, Miguel Anxo (1994): «José Luis Pensado Tomé», La Voz de Galicia, (31 de agosto).
vv. aa. (2009): Cartas de Ramón Piñeiro a José Luis Pensado. Cadernos Ramón Piñeiro XII. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Como citar: Liñares Giraut, Xosé Amancio : José Luis Pensado Tomé. Publicado o 12/12/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6046. Recuperado o 16/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Relación de publicacións de Xosé Luís Pensado Tomé elaborada por Xosé Amancio Liñares Giraut. Ver Documento
Liñares Giraut, X. A.: «Obra de Xosé Luís Pensado Tome». En Álbum de Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega,2024.
Fonte: Xosé Amancio Liñares Giraut.
«A Dios Paredes», artigo de J.L. Pensado publicado na revista Celestinesca. Ver Documento. Artigo
Pensado, José Luis: «A Dios Paredes», Celestinesca, 15 (1991), 63-66.
Fonte: Universitat de València.
https://doi.org/10.7203/Celestinesca.15.19746
Artigo de José Luis Pensado sobre o doutor Jerónimo Soriano, publicado en Archivo de Filología Aragonesa, . Ver Documento. Artigo
Pensado, José Luis: «Algunas observaciones lingüísticas sobre el doctor Jerónimo Soriano», Archivo de Filología Aragonesa, 12-13 (1961-1962), 57-75.
Fonte:
https://ifc.dpz.es/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Díptico co programa do Simposio Xosé Luís Pensado, 100 anos. Negreira, marzo de 2024. Ver Documento
Fonte: O portal da lingua galega.
https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral
Alonso Montero dedícalle a Pensado un artigo na súa sección «Beatus qui legit». Ver Documento. Artigo
Alonso Montero, Xesús: «Philologus et Magister», La Voz de Galicia, (23 de maio de 2002).
Fonte: La Voz de Galicia
Artigo de Manuel Quintáns sobre Xosé Luís Pensado, publicado en El Correo Gallego. Ver Documento. Artigo
Quintáns, Manuel: «Unha recolleita de traballos sobre Xosé Luís Pensado», El Correo Gallego, (20 de maio de 2002).
Fonte: El Correo Gallego
Artigo en lembranza de X. L. Pensado, no que Xosé Luís Axeitos recolle as obras publicadas polo filólogo e lingüista ata 2000, ano do seu falecemento. Ver Documento. Artigo
Axeitos, Xosé Luís: «Os traballos e os días do Profesor Pensado Tomé. In Memoriam», Revista galega de filoloxía, 2 (2001), 11-26.
Fonte: Universidade da Coruña / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
Dous artigos in memoriam, publicados por Xosé Luís Axeitos e Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia. Ver Documento. Artigo
Axeitos, Xosé Luís: «Mestre»; Alonso Montero, Xesús: «Loito na lingüística galega», La Voz de Galicia, (18 de decembro de 2000).
Fonte: La Voz de Galicia
Fragmento da crónica do enterro en Negreira de Xosé Luís Pensado, publicada en La Voz de Galicia. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
«Negreira tributó su último adiós al filólogo José Pensado», La Voz de Galicia, (18 de decembro de 2002).
Fonte: La Voz de Galicia
Anaco dun artigo de Amancio Liñares sobre Xosé Luís Pensado. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Liñares Giraut, Amancio: «Unha homenaxe para o profesor Xosé Luís Pensado», La Voz de Galicia, (9 de xullo de 1992), 4.
Fonte: Arquivo persoal de Amancio Liñares Giraut.
Artigo publicado en La Voz de Galicia sobre o nomeamento de membros de honor da RAG de José Luis Pensado y Joaquim Rodrigues dos Santos. Ver Documento. Artigo
«José Luis Pensado y Joaquim Rodrigues dos Santos, miembros de honor de la Real Academia Galega», La Voz de Galicia, (8 de abril de 1987), 25.
Fonte: La Voz de Galicia
Artigo de Xosé Luís Vilela en La Voz de Galicia sobre o libro do profesor Pensado El Gallego, Galicia y los Gallegos a través de los Tiempos (Ensayos). Ver Documento. Artigo
Vilela, Xosé Luís: «Un ensayo sobre lo gallego que da el envés a los tópicos», La Voz de Galicia, (22 de agosto de 1985).
Fonte: La Voz de Galicia
O xornal El Corrego Gallego recolle o nomeamento de Xosé Luís Pensado como membro correspondente da RAG. Ver Documento. Noticia
«Título», El Correo gallego: diario político de la mañana, 27798 (5 de febreiro de 1963), 4.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Varela Jácome escribe sobre a edición feita por José Luis Pensado do Tristán, no xornal La noche. Ver Documento. Artigo
Varela Jácome, Benito: «Edición crítica del Tristán: Importante aportación a la prosa gallega medieval», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 12607 (16 de agosto de 1962), 3.
Fonte: Biblioteca de Galicia Sinatura / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Xosé Luís Pensado Tomé na web da RAG
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal
Ramón Lorenzo dedícalle a Pensado unha Tribuna na web da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal
Acceso en liña ao Tratado de Albeitaria, con introdución, transcrición e glosario de José Luis Pensado. Santiago de Compostela: CRPIH, 2004
Fonte: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
https://www.cirp.gal/
Artigo necrolóxico de José Antonio Pascual en memoria de Xosé Luís Pensado
Fonte: Institut d'Estudis Catalans - IEC
https://publicacions.iec.cat
Obras de José Luis Pensado en Dialnet
Fonte: Universidad de La Rioja. Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es
Acceso en liña á hemeroteca da revista Archivum, de Oviedo, coa que Pensado colaborou en numerosas ocasións
Fonte: Universidad de Oviedo. Archivum.
https://reunido.uniovi.es
Libros do ccg sobre José Luis Pensado Tomé
O Padre Sarmiento e o seu tempo.
2002 | Andratx Badia, Asesoramento.
Actas do Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-1995)
Homenagem a Joseph M. Piel por ocasião do seu 85 aniversário.
1988 | Dieter Kremer, Edición.
Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (v.3).
1986 | Darío Villanueva, Coordinación.
Santiago, 15-20 de xullo de 1985