
Graduada en Dereito e doutora pola Universidade da Coruña, onde deu clase de Filosofía do Dereito até 2005. É avogada e presidenta da Fundación Vicente Risco.
Académica correspondente da Real Academia Galega e coordinadora da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.
Na súa área de coñecemento reflexionou sobre o concepto do corpo para as mulleres, a discriminación de xénero na negociación colectiva e a obra de Concepción Arenal, entre outras temáticas.
Participou como relatora nunha vintena de cursos, congresos e seminarios. É autora de diversos libros e artigos sobre a igualdade de xénero desde unha perspectiva iusfilosófica e editora da primeira tradución ao galego de O meu pecado mortal de Clara Campoamor. Destacan tamén as súas monografías A aportación de Concepción Arenal no marco do Estado liberal español ou A discriminación de xénero na negociación colectiva. Vellas inercias e novos retos para a igualdade.