----
( - )

Xavier Queipo


licenciado en Bioloxía e en Medicina e Cirurxía. Profesor convidado na Universidade do Porto (1986-1987) e na Universidade de Santiago de Compostela, traballou e viviu en Bruxelas entre 1990 e 2023. En Bruxelas exerceu durante 31 anos as funcións de experto internacional en pesca e asuntos do mar. Neste ámbito, como funcionario da Comisión Europea, traballou con varias organizacións internacionais de pesca, entre as que se atopan a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Pesca) e o GFCM (General Fisheries Commission for the Mediterranean). Compatibilizou a súa actividade profesional coa participación na organización de numerosos eventos culturais, ben como membro das asociacións culturais BelGaliza e Couto Mixto, ben pola súa participación no Colectivo de poetas de Bruxelas e no Brussels Writers Circle.

Colaborou regularmente no portal web Vieiros, na Revista das Letras, nos semanarios A Nosa Terra e Sermos Galiza, na revista Grial e no diario Nós. Entre 2005 e 2007 mantivo una colaboración semanal no programa da Radio Galega Diario cultural. Recibiu o Premio da Crítica Española (1991) na modalidade de narrativa en galego por Ártico e outros mares (1990) e en 2011 gañou o Premio Xerais coa novela Extramunde. Tamén obtivo en 2014 o Premio Nacional de Tradución do Ministerio de Cultura pola tradución ao galego (en colaboración con outros tres tradutores) do Ulises de James Joyce (2013) e en 2015 o Premio Blanco Amor de Novela Longa por Os kowa.

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato