PLENARIO

----
Representativo/a (2026 - )

Marilar Aleixandre

Real Academia Galega

Escritora, investigadora e docente galega, a súa traxectoria combina a creación literaria coa investigación científica e educativa. Doutora en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), realiza a súa tese sobre a aprendizaxe da evolución. Inicia a súa carreira docente como profesora de ensino secundario en Vigo e posteriormente intégrase na universidade, onde é catedrática de Didáctica das Ciencias na USC. A súa actividade académica céntrase na investigación sobre ensino das ciencias, argumentación e pensamento crítico, así como na educación ambiental. Esta dupla dedicación á literatura e á investigación científica define unha identidade intelectual que ela mesma describe como escindida, pero coherente desde unha perspectiva feminista e crítica.

Como escritora cultiva principalmente a narrativa e a poesía en lingua galega. Entre os seus libros de poemas destacan Catálogo de velenos (Premio Esquío, 1998) e Mudanzas (Premio Caixanova-PEN, 2007). En narrativa publica obras de gran repercusión, como A expedición do Pacífico (Premio Merlín e Premio da Crítica Galega, 1995), Teoría do caos (Premios Xerais e San Clemente, 2001), A cabeza de Medusa ou As malas mulleres, novela coa que obtén o Premio Nacional de Narrativa en 2022 e que fora recoñecida previamente co Premio Blanco Amor (2020). A súa obra máis recente é As bocas cosidas (2025). No ámbito do ensaio e investigación literaria publica Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), con María López Sández, e Juana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo (2022), con Emma Pedreira. A súa traxectoria científica e académica recibe recoñecementos como o Distinguished Contribution to Science Education through Research Award (2019) da NARST e o Premio Luís Porteiro Garea (2024). Activista cidadá, do movemento feminista (AGM), veciñal (Asociación de Veciños do Calvario, Vigo) e ecoloxista.

No ámbito investigador desenvolve unha ampla produción científica centrada na aprendizaxe das ciencias, a educación ambiental, a argumentación e o pensamento crítico no ensino. O impacto da súa investigación reflíctese nun elevado índice de citacións, cun índice h de 51, e na presenza de traballos moi influentes na literatura científica internacional, entre eles un artigo sobre educación incluído na Web of Science que se converte no máis citado de autoría española neste ámbito. Entre as súas publicacións recentes figura o artigo “The sociopolitical in human genetics”, publicado na revista Science en 2024, e a edición, xunto con Blanca Puig, do volume Critical thinking in biology and environmental education: Facing challenges in a post-truth world (2022). Ao longo da súa carreira mantén colaboracións científicas con investigadores e institucións de diversos países, entre eles O Brasil, México, Os Estados Unidos, Francia, Reino Unido ou Chipre.

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato