PLENARIO

----
Electivo/a (2026 - )

Ramón Nicolás Rodríguez

Consello da Cultura Galega

Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa (USC), foi profesor de lingua e literatura galegas no ensino público (1989-2026). Realizou estudos na Universidade Nova de Lisboa e impartiu docencia na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo. Comezou a escribir crítica literaria no ano 1990 e cultiva este xénero de maneira ininterrompida ata a actualidade. Desde 2011 é padroeiro da Fundación Celso Emilio Ferreiro e, desde o ano 2021, é membro correspondente da Real Academia Galega.

Presidiu a Sección de Crítica da AELG e forma parte da Asociación Galega da Crítica desde a súa fundación. Tamén é membro da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Desde o número 250 (2026) pasa a responsabilizarse da sección de recensións "O espello das letras" da revista Grial.

Colabora en diversos medios escritos e audiovisuais e faino semanalmente no suplemento "Fugas" de La Voz de Galicia. O seu blog literario Caderno da crítica leva máis de quince anos de actividade ininterrompida onde deixa constancia do seu traballo crítico e interpretativo.

Alén de traducir numerosos títulos para o galego, publicou estudos e edicións sobre figuras da literatura galega como Manuel Lueiro Rey, Manuel Luís Acuña, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Lugrís Freire, Xesús Alonso Montero ou Celso Emilio Ferreiro. No ámbito da narrativa publicou O espello do mundo (2016) e Lapis na noite (2018) e os seus últimos libros de ensaio foron Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (2012), Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial (1979-2019) (2020), Francisco Fernández del Riego. Un obreiro do galeguismo (2022) e A nena que perdeu o zapato na lama (2026) sobre a escritora Begoña Caamaño.

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato