Descrición
Neste primeiro diálogo, centrado nas ciencias físicas, participarán Carlos Pajares Vales, profesor emérito e exreitor da USC; Elena González Ferreiro, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), e Clara Nieto Lado, alumna de primeiro curso do grao en Física. Agromarán neste encontro temas como a evolución da física de partículas en Galicia dende a súa orixe na Facultade de Química ata o actual IGFAE na USC, o impacto da informática na investigación e tamén na nosa sociedade (primeiro correo electrónico escrito en Galicia, evolución dende os primeiros ordenadores con tarxetas perforadas ata o actual Centro de Supercomputación de Galicia…), a colaboración e investigación en centros internacionais coma o CERN, cales eran e cales son agora as perspectivas laborais dos graduados e graduadas en Física, así como a cada vez máis importante relación entre muller e ciencia. Terán cabida tamén aspectos de índole persoal, por exemplo os relativos aos momentos máis gratificantes e máis difíciles dunha carreira científica.


