<cite>Homenaxe a Avilés de Taramancos</cite> 04: «O meu corazón sempre canta de noite» | Audio. Voz. Recitado | Consello da Cultura Galega
Audio. Voz. Recitado

Homenaxe a Avilés de Taramancos 04: «O meu corazón sempre canta de noite»

00/00/1974
0:00 / 0:00
4

O meu corazón sempre canta de noite,
e cando el canta cantan tamén as pedras
e canta o lobo atravesando os montes
e canta como un home, cheo de medo, o vento.

De día nunca pode cantar,
sae a palabra como tremelecida de saudade
e entón os pegureiros e os meniños
toda a xente inocente que me escoita
cóbrense de feridas para sempre.

De día adeprende as palabras que outros cantan
e deletrea nai, revolución, infamia,
sangue, laberca, fame, apocalipse,
e váiselle facendo a voz tan rouca
que cando abre a cantar féchanse as fontes.

Se algunha vez os gringos aproveitan
a primavera para estoupar astros
-e fica todo a escuras no universo
tódolos nosos corazóns acaso
canten nesa noite acompañados
para que nos escoiten nas galaxias
que están fóra da man dos asesiños
e nos empresten mistos e esperanza.
Descrición Documento sonoro inédito gravado por Antón Avilés de Taramancos no ano 1974 en Cali (Colombia).
Para a transcrición do poema empregouse a segunda edición de O tempo no espello publicado por Ediciós do Castro en 1992.
Tipo de material
Audio. Voz. Recitado
Data
00/00/1974
Medidas
Duración de 1 minutos e 15 segundos
Entidades
Arquivo depositario: Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
Localizacións
gravación: Cali
Etiquetas
Ficha descritiva
Gravación de audio de persoa(s) recitando
Localización física
Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
Notas
Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
Notas legais
Copyright da edición, Consello da Cultura Galega