Material
Homenaxe a Avilés de Taramancos 05: A máquina
Detalle
A Luís García Olmos, meu amigo.A máquina (S, # xd)
depende do desprazamento angular x
e da distancia d con relación a St.
Todo isto expresado en radians
(206.265 segundos)
A máquina bicorne con fala de dragón
consome catrocentos galóns de sangue-hora
medida americana.
Un milleiro de homes trídos de Tainam
fogueiros de experiencia comprobada
padexan noite e día suarentos
incenso
cera virxe
auga bendita
aceite, sal,
reliquias salomónicas
sobrepelices
mitras
metendo na rendixa toneladas
(un sexo aberto, hermafrodita, impuro
que se empreña a si mesmo e cría monstros)
de túnicas budistas himnayanas
chapeos de secta zen feitos de liño
rosarios de cen voltas
dos ósos de Sidartha.
-espasmo insatisfeito
a traballar ilotas!
A máquina non goza
pide o sangue dos nenos
o leite almibarado da muller primeiriza:
xa empeza a saloucar
xa goza
xa abanea
A máquina retumba
como un río nacendo
A proporción é a mesma
da Lei tercia de Kepler
-(1,88)2 : (1)2 # (1,52)2 – (1,52)3 : (1)3 –
A máquina ouveando de placer e de odio
e toda a multitude dos homes debruzada
-o número da Besta gravado na pirola
(mércase nas boticas polo precio do dólar)
o número, ai que medo,
a máquina non dorme. 666-.
Descrición
Documento sonoro inédito gravado por Antón Avilés de Taramancos no ano 1974 en Cali (Colombia).Para a transcrición do poema empregouse a segunda edición de O tempo no espello publicado por Ediciós do Castro en 1992.


