<cite>Homenaxe a Avilés de Taramancos</cite> 07: «Pórtico» | Audio. Voz. Recitado | Consello da Cultura Galega
Audio. Voz. Recitado

Homenaxe a Avilés de Taramancos 07: «Pórtico»

00/00/1974
0:00 / 0:00
Veleiquí como alzo polida arquitectura:
sobor do chan das eiras ergo a forte montaña
e con brunidos aires cingo o imponente cume,
o amor dáme azos e esbolígame os dedos
lizgairas cotovías de palabra tan clara
que fan no vento ponlas ou ascuas tremorosas
onde se pousan diáfanos os beizos da xeada.

E rompo limpas fontes de icor abrindo o zarxo
pra invadir de marmurios o ámbito perfeito
e plantar nos menceres freixos na súa linde.

Ouh esta fermosura de ter un bosque íntimo
cuberto polo ouro das faias, sabugueiros de frescor arrecendor
carballos de ancho toro
e esguíos castiñeiros de cerna perfumada.
Logo criar un cervo fuxidío e deixalo
ser dono desta inmensa devesa luminosa
para move-la calma con áxiles pegadas.

Perto do sol tender fíos de arame ó vento
onde as viñas penduren seus acios apretados
e encontre o vagamundo bastimento e sosego;
moi a carón a casa ergueita en pedra firme,
solaina de madeira ollando a lonxanía
do mar que chega manso como un guerreiro invicto
florido da tenrura do pai ante o meniño.
Ter farturenta mesa abacial para os hóspedes
e unha lareira ampla, onde á amor do lume
xurda a chama mais alta do amor á humanidade.

Criar con agarimo unha estirpe sinxela
de toro campesiño e ponlas mariñeiras
que amen fondamente a entraña paridora
da Terra Nai, e sintan a saudade infinita
dos lobos mariñeiros que foron do seu sangue.

E ti, amada, dona do meu que non viñeche aínda:
amorosa e aberta, alegre coma un sulco
onde cae a semente preñada do vindoiro,
síntote xa comigo, a min crucifixada
como unha margarida tronzada pola leste
que a miña man erguera convertida en bandeira.

Veleiquí como alzo baruda arquitectura:
mozos da miña carne brincarían na eira
e entón a miña patria sería xa tan ceibe
que non houbera aceiro nen pouta vixiante
que esta forza que eu planto ó seu pé sometera.
Descrición Documento sonoro inédito gravado por Antón Avilés de Taramancos no ano 1974 en Cali (Colombia).
Para a transcrición do poema empregouse a segunda edición de O tempo no espello publicado por Ediciós do Castro en 1992.
Tipo de material
Audio. Voz. Recitado
Data
00/00/1974
Medidas
Duración de 2 minutos e 40 segundos
Entidades
Arquivo depositario: Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
Localizacións
gravación: Cali
Etiquetas
Ficha descritiva
Gravación de audio de persoa(s) recitando
Localización física
Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
Notas
Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
O CCG agradece á familia Avilés as facilidades outorgadas para a recuperación e a edición deste documento sonoro.
Notas legais
Copyright da edición, Consello da Cultura Galega