Material
Homenaxe a Avilés de Taramancos 08: «Eu amo as minerais entrañas do meu eido»
Detalle
1Eu amo as minerais entrañas do meu eido
quixera nun momento que o soterrado seixo
rubira ata os meus labios e sentírase vivo,
vivo como unha fera bruantemente viva
que o amor domeara da súa escuridade.
Ir caíndo en pingueiras enriba da estrutura
do antracito, do wolfram, onde florece o ouro
e treman as turbinas das burgas e da noite
que atafegada dorme no corazón da terra.
Mamar leite materno no fondo dos carballos
a carón das raíces dos bosques e das veas
da terra que sotén o centeo
e entrega ó sol os gromos do pan alegremente.
Náufrago soterrado, feliz entre as estrelas
de auga primitiva, o corazón mollado
na saiba poderosa que dá lentura ás leiras,
en silandeiro navegar, amante aínda,
ter saudade da luz, do sal, de ve-lo vento,
da chuvia elemental caíndo nos pomares:
ser orfo, orfo espido, para amar con mais furia
a flor roxa do cobre e o iris do estaño.
Acaso así sería verdade a miña vida
vir da profundidade e erguerme no infinito
enraigado no colo da terra tendo a frente
como único astro no epicentro das tebras.
Descrición
Documento sonoro inédito gravado por Antón Avilés de Taramancos no ano 1974 en Cali (Colombia).Para a transcrición do poema empregouse a segunda edición de O tempo no espello publicado por Ediciós do Castro en 1992.


