<cite>Homenaxe a Avilés de Taramancos</cite> 11: «De cómo Reimundo Patiño se transforma en montaña (…)» | Audio. Voz. Recitado | Consello da Cultura Galega
Audio. Voz. Recitado

Homenaxe a Avilés de Taramancos 11: «De cómo Reimundo Patiño se transforma en montaña (…)»

09/04/1987
0:00 / 0:00
DE CÓMO REIMUNDO PATIÑO SE TRANSFORMA EN
MONTAÑA E NACE NO SEU CORAZÓN UN RÍO
CANTAREIRO: E ANIÑAN O XERÍN E A TORCAZA NO
FORNO AÍNDA QUENTE DO SEU AMOR: DE CÓMO
EMERXE DO SEU SER O CONTORNO DA PATRIA

É necesaria esa semente que vén do tempo en que se abriran rosas
de cal fervendo. É necesaria a arxila aínda impoluta; o bálsamo
na súa forma primixenia; o dolmen da brancura ritual aínda incólume.
É necesario. De tan antigamente rinchan eguas, arromban
os carros ao mencer a estructura que escomenza; irrompe
o teu propio esqueleto xermolando as canteiras. Canta
o cuco do mesazoico e fixa o calendario, a roda do tempo,
e a rosa náutica amamanta os ventos e as estrelas.

Abrolla a relva, e o toxo arnal amosa a súa lucería no serán
-esa hora na que o cervo fica petrificado de vermello na cova elementar-
cando amabamos o bronce e o seu brado, o himno do druída,
o pedernal escuro atafegando o seu pequeño vagalume interno.

Na andadura do tempo hai un rei a cantar. Ábrese o códice;
descífrase a parábola dos astros. Cimentan nos teus ósos os cimborios.
O pó das lendas estremece as verbas para dicir amor, dicir avelaneira:
Ferida veño, madre, e no souto nevado
non há ninguén que diga novas do meu amado:
E non hei meu amigo!
Pola beira do río veño d’amor ferida
e non hai quen me cure que se me vai a vida:
E non hei meu amigo!
Veño ferida, madre, ¿U-lo meu cabaleiro?
e xa non hai abrigo, nin amor, nin barqueiro:
E non hei meu amigo!
Oula o falcón e abátense as murallas. O estrondo das cúpulas pola
[bocarribeira
ao son da gaita popular: Dacabalo dun lóstrego, Roi Xordo
fende a pedra sillar, remove a base mesma onde se asenta o coro,
estabelece o escombro anovador, o éxtase da ruína do tempo culminado:
cando unha man de ferro nos arrebenta os ollos, cando ficamos
a pedir polas portas das idades. ¡A tristura dos tempos!

E tocan a rebate en Bastavales e xa o teu corazón está avisado,
a rosa de cen follas enxendra o cántico, renace da súa feble encarnadura
o aluvión da fala: a voz inxel na safra do seu colo queima
como queima o aceiro das espadas temperado no pozo da soidade.

Todo reverte en ti e de ti emana. A orixe. A cláusula. O cerne e a cortiza:
a outra estancia fonda onde nacen os ríos; o leiro mineral; o ámbito das
[aguias;
os elementos e as materias, o acontecer inmemorial
que nos prende de ascuas a memoria. Da túa vértebra
vaise expandendo o óvulo dos montes, o rochedo e o musgo,
o cume e o seu recanto circular onde acobillas o teu pobo.
A arca ancestral; a trabe que sustenta un íntimo universo.
“Io non pensaba che lo cor giammai
avesse di sospir tormento tanto”…
Foi cando a pomba te cruzou de esguello para abrir a ferida milenaria, a fonte
pola que deitas o perfil dos cómaros:
Que de toda a ternura soterrada canda o teu corazón
ten que ir xurdindo o contorno sen límites da patria.
Descrición Poema “De cómo Reimundo Patiño se transforma en montaña (...)”, incluído no programa radiofónico conducido por Suso Vaamonde Tempos e tempos de RNE, emitido o 9 de abril de 1987.
Tipo de material
Audio. Voz. Recitado
Data
09/04/1987
Medidas
Duración de 4 minutos e 05 segundos
Publicacións
Entidades
Arquivo depositario: Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
Etiquetas
Ficha descritiva
Gravación de audio de persoa(s) recitando
Localización física
Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
Notas
Para a transcrición seguiuse a versión publicada no nº. 9 da revista Dorna: expresión poética galega, editada pola Universidade de Santiago de Compostela en 1985.
Este contido é parte do libro Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos (Consello da Cultura Galega, 2003).
Notas legais
Copyright da edición, Consello da Cultura Galega