Unha nova atea | Audio. Voz. Recitado | Consello da Cultura Galega
Audio. Voz. Recitado

Unha nova atea

Lois Alcayde Dans (autoría) · Lois Alcayde Dans (recitador/a)
21/03/2021
0:00 / 0:00
Levo nas mans cargando o peso de ser
unha nova atea.

E contei para isto os pasos.
Lembrei solpores onde da túa boca abrollou
un abrente e pescara desta escuma
un milagre.

Tivemos mans antes de esnaquizar vaixelas,
mans para desmitificar ritos pagáns nas rochas e na simbiose
do lique, ese misterio, abraiarnos para sermos nós
neste tempo e é
-É que teño isto, téñoo
-E é que eu procuro abrirche a terra de cada
vez
para atopar algo que me relembre que co
puño agarraches as flores molladas e colliches a man
desta viaxe. E é que estou así,

que teño o corazón de auga derretida desbordando,

que quero beber o mar, que é
que quero inmolarme nunha meseta devastada e
romper cristais, que é que quero
ser o punto de entrada da invasión, que é
que quero
estar en min para facerme contigo e
derrotarme en brazos e pedras de sal.

Mira nas mans toda esta auga
apañada,
a miña herdanza.
Tipo de material
Audio. Voz. Recitado
Data
21/03/2021
Ficha descritiva
Gravación de audio de poetas recitando