Na xanela desde marzo | Audio. Voz. Recitado | Consello da Cultura Galega
Audio. Voz. Recitado

Na xanela desde marzo

21/03/2021
0:00 / 0:00
Na xanela desde marzo

penso en contarche que xa non trazo plans
que resolvan enigmas imposibles
agás algunha raia esgrevia e soa
nun recanto da noite impenetrable.

Esquivo compromisos e traxectos
e procuro un lugar no que dicir
non ou si ou nada.

Nas cítaras cigarras desta aldea
paso lista aos paxaros enfermiza
e aprendo compulsiva cantos e costumes.

Mais non deixo que me leve o abandono
a ese nó de nomes que se ausentan
espanto o fume cun soprido impertinente
mentres deito sutilmente contra o mundo
este corpo esvaído e desnortado.

Entra o aire pola raia que separa
o instante do momento escurecido
desta fiestra aberta desde marzo
mentres me paro a contarche sen cortinas

que me importas.
Tipo de material
Audio. Voz. Recitado
Data
21/03/2021
Ficha descritiva
Gravación de audio de poetas recitando