Material
O equilibrio dos extremos
espazo en branco
Detalle
rara vez atopo espazo en branco para non dicir o que non coñezoé importante saber o que non coñezo
como saber que a única certeza chegará coa morte e non haberá testemuña a
quen contarlla
non me gusta a xente muda porque non reclama nada nin ten febre
eu estou sempre ao bordo, ao bordo, mirando pola fiestra
non me gusta a xente muda a xente muda non mira pola fiestra a xente muda
senta no sofá déixame aquí déixame aquí
un silencio non é unha boca muda non é un embigo mudo
eu quero coñecer dende un idioma dende un idioma de ancestros
estudo o idioma a historia do idioma
un idioma como unha pirámide
un idioma como un músculo
non me gusta a xente muda eu latexo o idioma estreo o idioma
sempre ao bordo mirando pola fiestra, pola fiestra unha nai un neno que
chora o ruído do neno que chora o silencio
xa non é silencio como non dicir o que xa sabes que non sei
quero transvasar o idioma arrocar o idioma maldita xente muda maldita
quero desprender o idioma pero como explico
ollos repugnantes
ollos repugnantes e viscosos de pescada
corpo de pescada en pedazos de xeo
como digo o noxo e a tortura
rara vez atopo espazo en branco para non dicir o bordo
o bordo é un animal trifásico e ausente que berra como a veciña de miña nai
exactamente como a veciña de miña nai
cuns tacóns moi grandes e moi limpos
como o idioma como limpar os tacóns co idioma como unha psicofonía
deste bordo vas ter frío vas ter frío colle unha chaqueta vas ter febre
maldita xente muda sentada no sofá maldita
o idioma non comprende o rótulo de fe nin a forma
na que non te despediches pola noite
o idioma e eu descanso o idioma escarallo o idioma canto o idioma teño
dúas pernas feitas polo idioma para que mas leas
maldita xente muda
miro pola fiestra en branco como se mira dende un pesebre
non coñezo pesebres non sei o que é un pesebre é importante saber
o que non coñezo
ninguén quererá estas dúas pernas con sabor a morte cando esvare na certeza
nin sequera os mudos virán ao rescate deste espazo en branco.


