Fronte ao visto anteriormente, este cartel de Unidade Galega transmite unha imaxe moito mais moderada dentro do ámbito nacionalista. Unidade Galega era unha coalición de organizacións políticas constituída polo Partido Galeguista, o Partido Obreiro Galego e o Partido Socialista Galego, que se presentou ás eleccións estatais de 1979 co obxectivo de conseguir un grupo nacionalista galego no Congreso dos Deputados e negociar con certa posición o Estatuto. Nela participaban figuras como Francisco Fernández del Riego, Camilo Nogueira ou Avelino Pousa Antelo. Véncellabase dun xeito moi nítido a imaxe histórica do Partido Galeguista como aglutinador da maioría do nacionalismo da Segunda República, cos cadros novos do PSG e do POG. En UG hai unha aposta rotunda pola participación nas institución da democracia parlamentaria desde un galeguismo de esquerdas, nun momento de éxito ó acadar nas primeiras eleccións locais deste mesmo ano certa forza institucional mesmo con algunhas alcaldía no país. Puñan sobre a mesa un relato político distinto tamén no 25 de xullo: Unidade Galega non realiza unha manifestación, senón unha concentración-mitin, e non o fai na Quintana senón en Mazarelos, na Praza da Universidade. A USC nutriría, precisamente, unha boa parte dos seus cadros.
Descrición
Chamamento a unha concentración-mitin de Unidade Galega. Santiago de Compostela, Praza da Universidade, 25 de xullo, 12:30.