Descrición
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 2006, o Consello da Cultura Galega editou o facsímile da obra “Gramática do idioma galego” de Manuel Lugrís, homenaxeado nesta ocasión. Ramón Villares, Ernesto González Seoane e Henrique Monteagudo destacaron na presentación que a importancia desta gramática radica en que supuxo unha ruptura coa práctica ata entón tradicional de considerar a gramática do español como norma subsidiaria para o galego. A publicación constitúe, ademais, unha manifestación do compromiso cívico-patriótico de Lugrís.


