Material
Historias de ida e volta
A emigración galega nos Estados Unidos
Celebración do X aniversario fundacional da Casa de Galicia de Unidad Gallega de Nova York, 28 de outubro de 1950
Detalle
A comezos de 1940 varias das asociacións de emigrantes galegos en Nova York desapareceran ou estaban en declive. O antigo Centro Galicia fora absorbido pola Sociedad de Beneficencia Española, e o Frente Popular Antifascista Gallego (FPAG) –que tivo un papel destacado na defensa da República española durante a Guerra Civil, a través de numerosos envíos de axuda ao bando republicano e da realización de importantes campañas a prol da causa republicana– co final da Guerra Civil perdera o seu papel no seo da colectividade. A figura de Castelao foi clave na idea de crear unha nova asociación étnica que integrase a todos os e as galegas que residían na cidade. En setembro dese ano, pouco despois da marcha do líder galeguista, un grupo de galegos, moitos deles exiliados políticos, entre os que podemos citar a Emilio González, Amado Rincón, Ramón Rodríguez, José Zapata, Dolores López ou Reynaldo Mariña, reúnense para crear a Casa de Galicia, denominación que cambia por mor das autoridades americanas e aparece inscrita como Unity Gallega of the United States.Unha das súas principais actividades é a celebración do seu aniversario fundacional. Como vemos na imaxe, nesta festa participaban todos os seus socios e socias, directivos doutras institucións étnicas e autoridades da cidade; no acto desfrutaban dun gran banquete presidido polo retrato de Castelao coas bandeiras da República española e dos Estados Unidos.


