Descrición
José Arriola (Betanzos, 1885-Barcelona, 1954) foi un neno prodixio que tocou o piano antes de que soubese ler. Pasou á historia por ser un virtuoso pianista e, aínda que había indicios da súa faceta compositiva, pensábase que todo se perdera cando o seu estudo de Berlín foi bombardeado na Segunda Guerra Mundial. Quixo a casualidade que no rocho dunha residencia de anciáns de Ferrol, onde finou unha das irmáns de Arriola, aparecesen unhas partituras que abriron o horizonte de recuperación da súa figura. O Consello da Cultura Galega (CCG) editou parte dese material en 2010 e culminou ese labor en 2020 co volume “Arriola. Obra musical II”. A presentación estivo acompañada dun concerto sobre pezas de Arriola a cargo da soprano Lucía Iglesias e do pianista Brais González.


