A vía galega ao fonógrafo

A vía galega ao fonógrafo

Unha selección de cilindros de fonógrafo vencellados con Galicia

A vía galega ao fonógrafo

O Arquivo Sonoro de Galicia segue na procura de alfaias históricas sonoras. En febreiro deste 2025, organizou a xornada 'A arte do rexistro sonoro en Galicia: dispositivos, espazos e personaxes', onde Julio Gómez e Carlos Martín nos iniciaban na historia das gravacións sonoras galegas. Seguindo esta liña, o artigo que ofrecemos a seguir, escrito por un dos grandes coleccionistas e estudosos do patrimonio sonoro da península -Carlos Martín-, destaca catro das primeiras gravacións relacionadas con Galicia das que se ten constancia a día de hoxe. Como sinala o autor, débese ter en conta que as dúas pezas musicais interpretadas polo “Mochuelo” foron dixitalizadas a partir de discos de lousa debido ao deterioro dos seus cilindros fonográficos.

Arquivo Sonoro de Galicia



Unha selección de cilindros de fonógrafo vencellados con Galicia


Carlos Martín Ballester
Especialista en patrimonio sonoro gravado


O presente artigo nace coma conclusión ao meu paso polo Consello da Cultura Galega, onde o pasado 6 de febreiro de 2025 impartín unha conferencia titulada O fonógrafo e as demostracións públicas en España (1877-1895): a vía galega. Pareceunos axeitado recoller nunhas liñas algo do apuntado naquela xornada e, sobre todo, comentar diversos aspectos relacionados cos rexistros fonográficos que dei a coñecer (1).

Sen desviar o obxectivo do presente traballo, debe recordarse que foi Thomas Edison quen a finais de 1877 desenvolveu o fonógrafo tinfoil como aparato gravador e reprodutor do son. Desde aquel momento, a prensa fíxose eco do acontecimento e elucubrou sobre as múltiples aplicacións do novo invento. Igualmente, numerosos pioneiros da fonografía realizaron demostracións públicas viaxando co seu propio aparello por distintas cidades.

No caso español, Galicia foi unha zona xeográfica relevante en canto ao desembarco do fonógrafo, ao igual que Barcelona, Madrid ou Cádiz. Andrés Comerma, enxeñeiro naval e introdutor de moitas outras novidades científicas en Galicia, realizou o 30 de agosto de 1878 as primeiras demostracións do fonógrafo na Comandancia General de Arsenales de Ferrol, tras regresar da Exposición Universal de París (2). Poucos días despois, sucedería o mesmo no Ateneo Libre de Cataluña por iniciativa do físico Tomás Dalmau (3). Desde ese momento, sucederíanse ese tipo de actos durante unha longa década, ata que se desenvolveu o cilindro de cera como soporte de gravación, que viría a substituír á lámina de estaño ou prata, que era o material empregado ata a data. Co cilindro como formato de referencia sucedéronse as presentacións do fonógrafo, co acicate de que as súas aplicacións prácticas comezaban a ser máis evidentes. A posibilidade de gravar e reproducir dunha maneira máis sinxela e fiable fixo que, pouco a pouco, o fonógrafo perfeccionado fora facéndose máis popular, ata que chegou o momento clave da aparición dos gabinetes fonográficos. Estes eran establecementos onde se gravaban as interpretacións musicais dos artistas e, posteriormente, se comercializaban á incipiente clientela.

O cilindro de cera propiciou un renovado interese pola fonografía, xeralmente representada por cidadáns que xa estaban en contacto cos avances técnicos, ben pola súa posición social, ou ben pola súa profesión. O novo soporte, ademais, permitía tanto a reprodución das gravacións comerciais adquiridas nos gabinetes fonográficos, como a curiosidade de realizar impresións no domicilio, de xeito privado, con relativa sinxeleza.

A produción española, fundamentalmente centrada en Madrid, Valencia e Barcelona, caracterizouse pola impresión directa, isto é, o músico situábase diante do aparello gravador, o cal recollía a súa interpretación nunha soa toma e nun só documento. Claro está que houbo excepcións: desde situar varios aparellos e por tanto realizar varias unidades dunha mesma interpretación, ata realizar copias de cilindros previamente gravados. Pero é evidente que os cilindros españois, a diferenza dos comercializados no resto de Europa e Estados Unidos, se caracterizaron por unha elevadísima porcentaxe de gravacións únicas.

Outra particularidade dos mesmos é que a maioría eran anunciados ao inicio, a través dunha mensaxe na que se informaba do título que se ía gravar, o nome do intérprete ou intérpretes e o gabinete fonográfico. En raras ocasións, dedicábase o cilindro a algunha persoa en concreto, xeralmente a clientes do gabinete que así o solicitaban, ou mesmo, se informaba da data na que se estaba realizando a impresión.

Entre os cilindros que dei a coñecer na miña recente conferencia en Santiago de Compostela, e que tiñan unha maior ou menor relación con Galicia, estaban os seguintes:

Os cilindros de música galega

En canto aos contidos musicais, destácase que o primeiro documento sonoro está interpretado por unha interesante soprano que alternou xéneros como a zarzuela, a ópera ou canciós de variada natureza. O seu rastro podemos seguilo a través das gravaciones que deixou en cilindro de cera, así como, pouco despois, en discos planos para —fundamentalmente— a Compañía Gramophone. Esta Muiñeira non vén acompañada de ningún estoxo orixinal que nos informe do gabinete no que foi rexistrado, así como tampouco se nos informa no anuncio («Muiñeira, por Blanca del Carmen») (4).

A Alborada rexistrada no segundo dos cilindros polo Gaitero de Valdeorras, de quen non atopei referencias, é un raro exemplar. O gabinete de Álvaro Ureña caracterizouse por impresionar a músicos que non adoitan atoparse noutros establecementos (5).

Cilindros de "El Mochuelo"

Os dous cilindros fonográficos de “El Mochuelo” estaban nun estado de conservación pésimo debido aos severos danos causados pola humidade. Os audios presentados na conferencia, e que acompañan este artigo, son dixitalizacións de discos de 78 rpm procedentes da miña colección e dixitalizados no meu estudo. Foron rexistrados en discos planos nunha data inmediatamente posterior aos cilindros: Tango del [sic] Ferrol, 1903, e Farruca, 1905.

Estes cilindros son dous exemplos da incorporación ao flamenco de músicas, letras ou influenzas de moi distinta natureza e procedencias. Antonio Pozo «El Mochuelo» foi un caso excepcional de precocidade no que se refire ao contacto do flamenco cos avances da fonografía. Coñecemos a súa participación nunha temperá sesión do fonógrafo en Murcia, alá por 1886. Coa aparición dos gabinetes, a súa presenza nos catálogos foi omnipresente, realizando miles de gravacións en practicamente todos os establecementos. Neste caso trátase dun tanguillo de Cádiz con letras alusivas a Ferrol «Hay un cuartel en El Ferrol de marinería / dentro del Arsenal…». No outro caso, é unha farruca: tangos lentos ou tientos que adquiriron natureza propia a base de incorporar elementos diferenciadores. Interpreta a letra «Una farruca en Galicia / con sentimiento lloraba / se le había muerto el farruco / que la gaita le tocaba».

A investigación da fonografía e discografía é un campo no que se van descubrindo novidades a base de paciencia e constancia, grazas á documentación dos gabinetes ou compañías, á prensa histórica conservada en hemerotecas ou á aparición de documentos sonoros en forma de cilindros de fonógrafo ou discos de 78 rpm. Precisamente nos últimos días logrei atopar novos testimonios de paleografía sonora vencellada a Galicia, que propiciarán novos traballos de investigación.

NOTAS A RODAPÉ

1. Os cales forman parte dos fondos da Colección Carlos Martín Ballester.
2. El Correo Gallego, 1 de setembro de 1878.
3. La Academia, 30 de outubro de 1878.
4. Alejo Amoedo infórmanos que aparece titulada como La Escala, con letra de Constantino Fernández e música de Pascual Veiga.
5. Tras declinar o mercado fonográfico, Ávaro Ureña posteriormente se dedicou á representación da Compañía Gramophone en Madrid, con notable éxito.