Centenario de Manuel Murguía

Centenario de Manuel Murguía

Converter o estigma en estima

Centenario de Manuel Murguía

Rosario Álvarez A década dos 60 do século XIX foi unha década prodixiosa para a cultura e a historia de Galicia. Colocamos nela o inicio do Rexurdimento galego, que se fai coincidir, por convención amplamente asumida, na data tan simbólica da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía (1863), aínda sendo conscientes de que o camiño viña sendo transitado e despexado nas décadas anteriores por importantes figuras que soñaban co renacemento de Galicia, os chamados precursores por Manuel Murguía, aos que cómpre sumar outros indispensables como Xoán Manuel Pintos. A importancia do Rexurdimento para a historia da literatura galega foi enorme e por iso non estraña que sexa sempre evocada coa simple mención desta voz. Unha auténtica revolución a base de palabras. Tamén o foi para a historia da lingua, e non só polo prestixio da escrita e da publicación de obras debidas ao xenio de personalidades relevantes na sociedade culta da época, senón pola aparición das primeiras gramáticas e dicionarios. É xusto por iso lembrar en lugar sobranceiro, entre outros que tamén contribuíron ao Rexurdimento neste ámbito, a Francisco Javier Rodríguez (1797-1857) co seu dicionario de 1863, en edición póstuma de Antonio de la Iglesia, e a Juan Antonio Saco Arce (1835-1881), que inaugurou de modo espléndido a mellor tradición gramatical galega en 1868. Ora ben, o fulgor das letras non debe deixar fóra da nosa visión que o movemento non só procuraba a recuperación lingüística e literaria, senón un rexurdir cultural en sentido amplo, ademais de político, económico e social. A obra que presentamos vén a lume no ronsel de mostras expresivas de recoñecemento e homenaxe que se iniciou o 2 de febreiro de 2023 para lembrar o centenario do pasamento de Manuel Murguía, «ideólogo do rexurdimento», como salienta Xurxo Martínez no título do seu capítulo. De aí o antetítulo do volume: Centenario Manuel Murguía. Entre as varias liñas temáticas que poderían ilustrar con xustiza a grandeza da súa achega á construción da Galicia contemporánea, escollemos a música, chamando a atención sobre o rol tamén esencial desta no Rexurdimento e nas angueiras do homenaxeado. A preocupación polo folclore e a súa recolleita, a creación a partir da músicas de raíz ou en conexión coa cultura propia, o abrazo entre a nova poesía e as melodías creadas para espallala, a interpretación e a escenificación, a musa popular xunto coa obra de autor coñecido e recoñecido, ou o tránsito da oralidade á partitura, sempre á procura de reforzar e mostrar a identidade, son asuntos que interesan neste período e mudan a deriva que viña levando a música galega. E, como ocorre adoito na nosa historia cultural, non acontece de maneira illada, de costas ao mundo do seu tempo, senón en conexión co que se está a vivir na Europa do momento. A obra que ofrecemos co título Nas ás do canto. Música e identidade no Rexurdimento, quere afondar nese contexto decimonónico de humus romántico en que nace a canción lírica galega contemporánea; ao mostrar o seu desenvolvemento, a man firme e experta de Margarita Viso Soto vai trazando a mudanza antes aludida e traendo á tona as figuras máis senlleiras, en feliz rede formada por compositores e poetas. Xurxo Martínez González, que ademais actúa como editor, sitúase no contexto histórico e do pensamento político do momento, para situar nel tanto os feitos —parte dun «movemento cívico-político da intelligentsia comprometida co país e as súas xentes»— coma o papel fundamental xogado por Manuel Murguía, como ideólogo e axente, en todo o proceso relativo á música, parte dese obxectivo nuclear do Rexurdimento que foi «converter o estigma en estima» (tomando de novo as palabras de Xurxo Martínez). Completa a obra unha selección de catorce cancións para mostrar a diversidade, calidade e o vigor compositivo do momento, ás que as persoas interesadas poderán acceder libremente tanto desde a versión da obra destinada a ser difundida por Internet na web institucional do Consello da Cultura Galega coma da que axiña verá a luz en papel, en formato libro. A interpretación está ao cargo de Anna Mélikhova (soprano) e Martín Manuel Chaves Fraga (pianista). A versión electrónica tamén permite acceder, mediante enlaces, ás biografías de compositores e de poetas no Álbum de Galicia. A celebración do centenario de Manuel Murguía, á que o Consello da Cultura Galega se sumou durante o ano 2023, deunos ocasión de homenaxear asemade unha das figuras máis sobranceiras do Rexurdimento e a pléiade de compositores que enlazaron o estro popular co das novas voces poéticas, vigorizaron a tradición coas súas creacións e contribuíron á extraordinaria popularización de poemas dos e das principais poetas do Rexurdimento. Nas ás do canto.