Centenario de Manuel Murguía

Centenario de Manuel Murguía

Manuel Murguía, ideólogo do Rexurdimento

Centenario de Manuel Murguía

por Xurxo Martínez González.
Investigador


Sapere aude[1]

O abrente do século xix álzase cun horizonte de grandes cambios. Unhas mudanzas que afectaron a distintos planos da sociedade europea. Mais na historia (sempre en espiral, nunca en liña) non existen os cortes limpos. En realidade, todo é a suma dun ir e vir de pequenos sucesos ganduxados; é dicir, cómpre poñer a dialéctica sobre os pés e non cabeza abaixo, tal como dixo Marx.

Isidro Dubert, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela, dixo: «quen constrúe o país, como o constrúe e para quen o constrúe?». Os grandes relatos escribíronse ao ditado do poder, excluíndo as clases humildes ou mulleres, así como os pobos asoballados ou culturas feitas dende abaixo, e céntranse en acontecementos de simboloxía non popular.

Porén cada ser humano, sexa cal for a súa identidade e como membro dunha determinada comunidade nun espazo/tempo concreto, leva ao carrelo a súa microhistoria. A unión de cada unha delas compón o completo da historia, como as pezas dun gran mosaico que precisan unhas das outras para que o conxunto tome forma. É dicir: nós cremos na suma das microhistorias entrelazadas no canto da fráxil e esvaradía lectura da macrohistoria.

En consecuencia, analizamos o Rexurdimento coas raizames botadas no país pero coa vista ao lonxe. Galicia experimenta os cambios producidos en Europa. Malia que ás veces sexamos vistos, e por tanto analizados, como un fisterra ou unha sorte de terminal de Europa, os datos conservados refutan esta tese. Por exemplo, sábese que se traían libros da Francia revolucionaria[2], que intelectuais galegos coñeceron dende primeira hora o romanticismo[3] ou que existían parladoiros clandestinos de corte liberal[4].

O propio Murguía, e traemos aquí a cita por ser el o protagonista desta obra, escribiu en relación cos séculos x-xii: «Huellas imperecederas quedaron de ello en Galicia, que prueban que aquí no sólo vivíamos en diario contacto con Francia, sino también con el Reino Unido y hasta con Alemania» (1905: 17). O obxectivo era testemuñar que o noso país sempre estivo conectado con Europa e non existiu apenas como extremidade peninsular con centro emisor en Madrid.

As elites do vello reino souberon das mudanzas operadas no continente: a filosofía liberal en Inglaterra e ilustrada en Francia, os cambios políticos operados en ambos os países mediante revolución, as alteracións no poder económico co consecuente ascenso da burguesía como clase social dirixente, a introdución de novas formas de lecer sitas en espazos urbanos fronte ás veladas aristocráticas, o triunfo do romanticismo como estética ligada a estes cambios socioeconómicos, o impulso definitivo nos procesos de desintegración dos imperios e a inmediata emerxencia dos procesos de emancipación nacional (Bélxica, Polonia, Grecia…), a identificación dos elementos populares como constitutivos da nación etc.

Cómpre, pois, entender o Rexurdimento en diálogo con estas transformacións e detectar o seu impacto no país. En todo caso, polas características deste traballo, explicaremos en síntese a renacenza galega sobre tres bases: liberalismo, nacionalismo e romanticismo. Pero antes uns apuntamentos xerais para nos situar no tema.

Falamos do Rexurdimento? Notas mínimas

A institucionalización dun determinado concepto de Rexurdimento, sobre todo a través da escola, preséntanolo como un movemento elitista de recuperación da lingua galega na escrita. Unha lectura que tamén está presente en estudos académicos. Entre eles na Historia da literatura galega contemporánea (1975), de Ricardo Carballo Calero, da cal beberán os seus discípulos e que será un manual de referencia para os libros de texto. De aí a citada institucionalización do concepto por medio do ensino obrigatorio (Angueira 2019).

En troques, nós concibímolo como un movemento cívico-político da intelligentsia comprometida co país e as súas xentes, no rego aberto por investigadores como Xosé María Dobarro (2000)[5]. Trátase da acumulación dunhas prácticas sociopolíticas e culturais que impugnan o discurso dominante identificado con Castela, como sinécdoque de España.

Un dos obxectivos do Rexurdimento era converter o estigma en estima: lingua, costumes, música, paisaxe, tradicións, monumentos, persoeiros históricos, pasado político… Rehabilitar o país ante e para os seus habitantes; en consecuencia, tornalos conscientes de seren pobo galego (nación en si, nación para si). Mais isto supón tamén ser recoñecido polo outro como unha entidade distinta. A mudanza discursiva sobre esta materialidade, viva e real para o pobo, será fundamental para o bo percorrido do Rexurdimento.

A realidade galega resultaba aterradora. As vagas migratorias ían en aumento, en condicións lamentables tanto na partida como na viaxe e chegada (Saurín 1980; Sixirei 1999). As situacións de escravismo foron denunciadas pois eran unha realidade calamitosa e unha verdadeira aldraxe ao xénero humano. En Faro de Vigo (n.º 39, 16-III-1854), dirixido entón polo escritor provincialista e bilingüe de ánimo conservador José María Posada, lemos:

Tenemos fundadas sospechas para atrevernos a asegurar que se piensa más en sustituir la falta de la raza negra con los hijos de la desdichada Galicia en la Isla de Cuba, que satisfacer á estos el trabajo duro y penoso á que se van á dedicar. […]         Condiciones á nuestro modo de ver más duras que las que se imponen á los chinos. […] Por que razón mensualmente se paga al chino y al negro 20 duros y á estos pobres hijos de Galicia sólo cinco?

A fame era un mal presente ano tras ano. Mais 1853 supuxo unha «matanza por inanición». O deputado arraiano de Castropol, de sentir galego, Ramón Pasarón Lastra (1853: 5) describe a situación nun informe encargado pola Real Congregación del Apóstol Santiago de Nacionales y Originarios del Reino de Galicia

Veíanse los caminos cubiertos de labradores que emigraban en tropel de sus aldeas para ir á implorar la caridad pública en los pueblos. Más de una vez se presenció el espectáculo desgarrador de una madre que no pudo dar á su hijo espirante otro alimento que lágrimas de dolor y desesperación. La huella fatídica que dejaban en pos de si estas funestas comitivas, marcábanla los cadáveres y agonizantes hermanos de su infortunio. Los campos quedaron sin cultivo por falta de siembra; las casas de los colonos fueron abandonadas, y la soledad y la muerte reemplazó á la animación y á la vida de otros años.

Esta crúa paisaxe a través da literatura en galego, como se ve nos poemas de Xoán Manuel Pintos («Deitouse a fame ó longo dos sembrados...») ou Rosalía de Castro («Tembra un neno no húmido pórtico...») ou no capítulo «Ignotus» en Los precursores do propio Murguía. A violencia do marasmo que se vivía debeu golpear na conciencia dunha parte da gens de lettres do pobo galego. De aí que, por exemplo, a cuestión do foro ou as condicións de vida da clase labrega tivesen un espazo de atención na obra de Manuel Murguía.

A periodización rexurdimentista resulta, aínda hoxe, un asunto sen consenso. Aquí non imos deternos polo miúdo pois xa propuxemos con argumentos tres etapas: precursores (1808-1856), Rexurdimento pleno (1857-1885) e continuadores (1886-1906)[7]. En síntese, todo o século xix.

Noutra orde de cousas, cómpre suspender o criterio filolóxico para estudar o Rexurdimento. A xustificación parece obvia cando na produción de Murguía, por exemplo, o castelán é practicamente a única lingua. O mesmo sucede con Antolín Faraldo, Antonio Neira de Mosquera, Benito Vicetto... Mais tantos os escritos como os autores son imprescindibles para comprender o Rexurdimento en termos de construción do discurso identitario, na conformación do imaxinario nacional colectivo ou na divulgación entre as elites ilustradas.

En relación con isto botamos man da vía analítica de González-Millán (1995), que distingue o período do nacionalismo literario do que é a literatura nacional, que sería un paso posterior. O primeiro caracterízase pola apropiación dos textos, en castelán ou galego, para a causa nacional; é dicir, que textos posúen un valor extraliterario para actuar en forma de aspersor discursivo do imaxinario nacional colectivo sen que a lingua ocupe un posto privilexiado e discriminatorio. Murguía, consciente da escasa tradición literaria coñecida a mediados do xix[8], arenga á escrita en galego (pois para el a lingua é o elemento primordial da nación) pero entrementres apodérase dos textos en castelán para os fins antes citados[9].

O Rexurdimento pretende restituír os períodos de esplendor do antigo reino. A grande obra é recuperar un peso político que posibilite o adianto do país; gañar autonomía política. E como repercusión deste contexto favorable, que propiciaría unhas condicións óptimas de recursos, institucións, mecenados..., incrementaríase a produción cultural. Esta alicerzaríase na expresión galega cunha proxección identitaria asumida polo pobo. Neste sentido, o traballo cultural tórnase fundamental para o traballo político: por medio da cultura cultívase a conciencia nacional. Eis o Rexurdimento; en resumo, unha sorte de entrelazado do campo político-cultural. Pero este mesmo esquema produciuse noutros puntos de Europa, como analizou Miroslav Hroch, especialista na historia comparada dos movementos nacionalistas no vello continente, a través da súa proposta de lectura trifásica.

Por último, a renacenza galega non é o resultado dun debate previo e demorado entre as elites ilustradas, nin se realiza entre persoas de pensamento homoxéneo, nin foi un espazo de concordia arcadia style. O Rexurdimento é o resultado da confluencia dunhas prácticas sociopolíticas e culturais sometidas á tensión do seu tempo, marcadas pola experiencia da subalternidade (González-Millán 2000), que adoito entran en aberta confrontación coas forzas dominantes. Por iso, e como explicaremos máis adiante, o Rexurdimento actúa como unha «estratexia de resistencia» que presenta prácticas contrahexemónicas, opta pola lingua B nun escenario diglósico[10], crea contraespazos públicos, recupera a memoria silenciada ou elabora un contradiscurso que impugna o habitus, en termos de Bourdieu.

A continuación deteñámonos nos tres pés do Rexurdimento para xustificar a nosa interpretación.

1. Liberalismo / progresismo

1.1. Ilustración. Apalpando a conciencia de nós

Ao longo do século xviii este territorio sometido «porque quieren que Galicia sea País de Indias» (como denunciou Xosé Cornide en 1774) experimentou un certo desenvolvemento (pre)industrial malia os atrancos impostos polos «tiranos», como os cualificou o referido ilustrado coruñés.

Esta relativa bonanza económica obsérvase en sectores como o liño, o coiro, o ferro, o peixe, o viño e mesmo o papel (Real Fábrica de Papel del Faramello, 1710), a siderurxia ou a cerámica (Real Fábrica de Loza de Sargadelos, 1788)[11]. Na arte percíbese na difusión do barroco, con sublimes exemplos como o Obradoiro de Santiago de Compostela. Mais tamén nas reformas habidas en igrexas esparexidas pola nosa xeografía agraria como a do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, berce de Francisco Fernández del Riego, ou o espléndido caso da igrexa de Santa María A Real, no arraiano municipio de Entrimo[12]. En boa parte grazas aos beneficios reportados polo sistema foral que rexía a propiedade da terra. E non esquezamos a proliferación dos pazos da fidalguía rendeira que establecen un tipo de arquitectura propia.

En paralelo, a política do despotismo ilustrado favoreceu a aparición tanto de pensadores movidos nas coordenadas enciclopedistas como de entidades destinadas ao progreso do país. Ambos amosan unha preocupación certa pola mellora da nosa terra[13]. Citemos, por exemplo, a Academia de Agricultura del Reino de Galicia (1765).

A institución máis transcendente foi a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela (1784)[14]. Velaí o paradigma do clérigo Pedro Antonio Sánchez Vaamonde[15], promotor da Escola de Debuxo[16], á que asistiría Manuel Murguía nos cursos 1844-46, como farían Aurelio Aguirre ou Juan Compañel malia non coincidiren nas mesmas aulas.

A citada sociedade promoveu o Semanario Instructivo (1838), dirixido por José María Gil Rey. Eis un dos pioneiros periódicos en fixar o esforzo a prol dos intereses galegos no eido científico, tecnolóxico e cultural. Esta será a primeira publicación ilustrada de Galicia grazas ás litografías de Ramón Gil Rey e contou coa participación (en calidade de corrector) de Antonio Neira de Mosquera, nome-ponte entre a Xeración do 46 e a Xeración do 56, á cal pertenceu Murguía[17].

Neste mesmo contexto identificáronse fórmulas asociativas propias do liberalismo. Na Coruña, o caso mellor estudado grazas a Xosé Ramón Barreiro Fernández (1982), localizamos exemplos da sociabilidade formal e informal. No primeiro temos o Consulado da Coruña[18], do cal foi prior Marcial Francisco del Adalid (avó do compositor); no segundo temos o Café La Esperanza. Un e outro funcionaron como espazos de encontro e centros de conspiración política.

1.2. A acción política do liberalismo galego

A francesada supuxo o escenario perfecto para a saída á luz pública do liberalismo político grazas á Pepa (a Constitución de 1812). A aparición da prensa (Diario de Santiago, Gazeta Marcial y Política de Santiago, Telégrafo Político Literario de La Coruña...)[19] ou a lectura pública das follas voandeiras crearon un clima e hábito social descoñecido até entón[20]. A conformación da esfera pública, e por tanto a aparición da opinión pública como resultado dun debate colectivo (de seguirmos as teses de Jürgen Habermas) e síntoma claro da entrada na modernidade, implica un enorme cambio social con extensión ao eido político-cultural.

A actividade era espreitada polos saudosos realistas. De maneira que, tras o retorno de Fernando VII e a reinstalación do Santo Oficio, se redactou en 1815 un informe do inquisidor Carrillo Niebla no que acusa a Lucas Labrada de «que es liberal y se precia de escritor, publicó algunos papeles, debiendo temerse que para la confección de otros se valdría de dichos libros»[21], en referencia aos volumes do Consulado, onde exercía de secretario.

Este apenas é un caso máis de tantos outros da persecución inquisitorial aos corifeos del Partido Liberal, segundo expresión usada contra Joaquín Patiño, Juan Camiña e o xeógrafo Domingo Fontán no expediente aberto en 1814. Nese mesmo ano, por exemplo, Adalid aparece na lista do inquisidor frei Nicolás de Castro para ser detido so acusación: «tan impío y republicano que es uno de los comisionados para pedir al general [Lacy] la prisión de algunos amantes de V. M.» (Barreiro Fernández 1982: 42).

O suceso de maior implicación liberal organizado dende Galicia, tras a volta de Fernando VII, foi o levantamento de Porlier (o Marquesito) en setembro de 1815. Mais, como é sabido, a traizón dos seus levouno a morrer aforcado no Campo da Leña da Coruña e provocou o exilio de varios liberais galegos; os que, por certo, aproveitaron para establecer novos mercados e rutas comerciais en paraxes coma Inglaterra.

Apenas un lustro despois volvía Galicia acreditarse como país liberal de primeira hora. Neste caso co gallo do levantamento de 1820, antesala do Trienio Constitucional[22]. A adhesión de Ferrol-A Coruña-Vigo, como preludio do total apoio de Galicia, significou o decisivo impulso para a vitoria da asonada constitucional (Gil Novales 1975). A carón de Rafael de Riego, man con man, estaba o coronel brigantino Antonio Quiroga, que chegaría a deputado por Galicia nas Cortes. E desta mesma época é a estadía de Espoz y Mina no noso país, que deixaría pegada a través da memoria e intervención social da súa viúva, Juana de Vega, implicada na Revolución de 1846 e de maneira indirecta co mesmo Rexurdimento (caso dos Xogos Florais da Coruña, por exemplo)[23].

En consecuencia, o liberalismo enraizou forte no país. As partidas carlistas apenas tiveron transcendencia, malia o espallado e notable influxo político da Igrexa galega. Isto desartella a visión de Galicia como un sitio onde nada ocorre, no que impera o desapego cidadá a calquera suceso político e transmite a imaxe aínda viva de sermos «un país máis manso cas vacas» acostumado ao asoballamento sen retruque. Esta impresión cando menos é discutible e mesmo francamente reprochable na medida en que desactiva unha conciencia política en termos progresistas e rebeldes.

Ao fío disto, da constante adhesión á causa liberal, consolidouse unha rede militante que inunda os espazos emerxentes, dende os círculos asociativos até a prensa. Esta suma de experiencias emerxerá dunha maneira particular co triunfo da revolución de 1840, co xeneral Espartero ao mando e Juana de Vega no miolo dos asuntos reais no seu papel de ama das princesas Borbón.

1.3. Doutrina a lume manso. A chegada de Murguía ao progresismo político

Manuel Murguía saíu do claustro maternal de improviso. Corría o ano 1833, co felón de Fernando VII boquexando os últimos alentos de vida, namentres a camarilla preparaba o escenario da rexencia de María Cristina en canto a filla de ambos, a futura Isabel II, non cumprise a idade para borbonear. Por tanto, Murguía naceu xusto no ano da primeira gran guerra civil contemporánea: cristinos/isabelinos vs. carlistas. En realidade, dous bandos dun antagónico modelo político: liberalismo vs. Ancien Régime.

A infancia compostelá viuse, pois, marcada polos acontecementos. O seu pai, Juan Martínez, movíase por estes circuítos. O ambiente no que se educa de mociño está condicionado por unha pugna político-ideolóxica. E será a Revolución de 1846 a que constitúa o seu bautismo como cidadán con conciencia, tanto no nivel ideolóxico como no plano nacional-identitario.

O ingreso de Murguía no progresismo chegou axiña. Unha das súas figuras de referencia, dende ben cedo, foi Antolín Faraldo (quen abre Los precursores e define como «el primero y el mejor» na referida loita pola liberación nacional). E Faraldo militou de forma activa, temeraria e subversiva nas filas do progresismo puro, a tendencia prorrepublicana do Partido Progresista.

Barreiro Fernández (2012: 95-97) apunta outro acontecemento de mocidade. Refírese ao paso do expulsado rei liberal de Cerdeña e Piamonte, Carlos Alberto. Estamos na primavera de 1848, no ronsel das barricadas de París e na convulsión interna que vivirá o Partido Progresista co resultado da escisión do sector máis radical. O mozo Murguía foi testemuña do paso do monarca polas rúas galegas e as xentes que o apoiaban. Nun artigo de acordanza escribiu: «mi corazón juvenil se alistó bajo las banderas de los vencidos» (citamos por Barreiro Fernández 2012: 96).

Cómpre deterse unha miga na ruptura dentro do Partido Progresista. O sector escindido, abertamente republicano e próximo aos ideais dun nacente socialismo, recomporase so o nome de Partido Demócrata con data de 1849[24]. Velaquí o primeiro partido republicano na historia española.

Pois ben, entre os fomentadores desta opción aparecen os Eduardos: o Chao e o Ruiz Pons. Dous nomes moi ligados ao matrimonio Murguía de Castro, dous adeptos ao Rexurdimento, dous líderes de ámbito estatal. Por tanto, o mar polo que navega Murguía é abertamente republicano e progresista. Pensemos, ademais, que José María Chao (pai de Eduardo e boticario coñecido por ser sospeitoso de elaborar a carta-bomba enviada a Nazario Eguía, entón capitán xeneral de Galicia) establecera contacto con Juan Martínez, pai de Murguía, cando ambos exercían de boticarios en Santiago de Compostela[25]. As redes sociais (físicas, non virtuais) funcionaban a eito.

A relación de Murguía cos Chao foi sincera, íntima e continuada no tempo. Xa en xullo de 1855 Alejandro escribe ao seu irmán Eduardo pregando o seu favor a prol de Murguía: «Conforme no se tiene más que una madre, tampoco debe tenerse más que un amigo verdadero: el mío es ese, te lo juro» (Barreiro Fernández / Axeitos 2003: 24). Pero é que ademais os Chao eran parentes pola liña dos Hermida da propia Rosalía de Castro, a futura compañeira de Manuel Murguía. E, ademais diso, Alejandro Chao será o padriño da primeira filla dos Murguía de Castro, chamada Alejandra para maior gloria do compadre.

En Madrid asiste ao parladoiro dos Avendaño. O patriarca, Joaquín, un prestixioso pedagogo vigués ligado tamén aos Chao (no político, cultural e mesmo familiar), era un recoñecido liberal. Os seus fillos (Teodomiro e Serafín) manterán unha estreita amizade con Murguía, desas que cruzan o grosor da historia. E no álbum dedicado a Elina, filla de Joaquín, escribirá Murguía un dos seus primeirísimos poemas, e ademais en lingua galega: «Nena d´as soledades» (1854). Nótese, logo, a atmosfera que predomina no período de formación do futuro grande historiador.

Por outra parte, as primeiras colaboracións na prensa (tanto galega como española) colócano no cuadrilátero progresista. Por exemplo, en xaneiro de 1855 estréase no folletín literario de La Iberia (1854-1866), o xornal bastión do Goberno de Espartero, coma tamén o foi La Nación (1840-1856), que durante uns anos contou na redacción cos tres exdirectores d´El Porvenir (1845): Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz e José Rúa Figueroa.

De maneira máis activa, pois exercía como director literario, atopamos Murguía no seo dun periódico do progresismo puro. La Oliva (1856-57), logo substituída por El Miño (1857-68) tras ser vítima da censura conservadora, estaba comandada pola estirpe Chao (Martínez González 2015). Os editoriais, soltos, anuncios ou a lista de colaboradores evidencian unha nítida militancia política. Por tanto, se ben Murguía en La Iberia podía pasar como un colaborador máis do periódico, en La Oliva a implicación era total e recoñecible para o público.

Malia todo, o noso protagonista optou pola vertente cultural, sobre liña progresista, no canto da militancia activa. Un proxecto cultural que, no fondo, conforma un proxecto político-ideolóxico en canto participa na construción do discurso nacional como anticipo ao serodio salto organizativo. E non descartemos o impacto no maxín da feroz represión padecida na estrutura organizativa do Partido Progresista tras 1846, dende os fusilamentos de Carral até o exilio, o desterro ou a persecución política logo das amnistías decretadas posteriormente.

Os primeiros anos da década dos 60 Manuel Murguía dedicounos a escribir dúas obras basilares: Diccionario de escritores gallegos (1862) e o primeiro tomo da Historia de Galicia (1865). En troques, o pontífice do rexionalismo non se descolga de cheo da política. Por iso participa na Revolución de 1868 (A Gloriosa) ao integrarse na Xunta Revolucionaria de Santiago de Compostela co cargo de secretario. Ben certo é que foi por un brevísimo período de tempo mais, para o caso, convén subliñar este compromiso. Ademais, como indica Barreiro Fernández (2012: 325-331), distintas persoas (Ramón Rúa Figueroa ou Eduardo Pondal) animárono a se presentar como candidato ás Cortes. Pero nada se confirmou.

O fracaso da República de 1873, prólogo ao desartellamento do republicanismo e a súa atomización, alentou o paso definitivo para o parto do rexionalismo político. Primeiro en Cataluña, cando Valentí Almirall racha co federalismo de Pi i Margall para botar os cimentos do catalanismo político: primeiro cun xornal (Diari Catalá, 1879), segundo co Primer Congrés Catalanista (1880) e terceiro coa fundación do Centre Catalá (1882).

De todo isto tiña bo coñecemento Murguía dadas as relacións establecidas dende anos atrás do matrimonio Murguía de Castro con nomes cimeiros da Renaixença. Lembremos, por exemplo, que Rosalía de Castro foi convidada aos Jocs Florals de 1868 (presididos por Víctor Balaguer[26]) pero aos cales non acudiría; brindouse por ela en 1877 durante o banquete dos Jocs de Barcelona; o propio Murguía participará na edición de 1890, durante a cal pronuncia un coñecido discurso e recibe o nomeamento de Mestre en Gay Saber; e incluso en 1893 será Alfredo Brañas quen recunque como representante do rexionalismo galego neste contexto floreal[27].

Na resaca do fracaso republicano debemos situar unha nova fase na militancia política de Murguía: organizar o rexionalismo a partir de postulados progresistas. El asume o liderado cargado non só da autoridade dos seus traballos senón tamén como depositario da interpretación da obra rosaliana e do simbolismo nacional que Rosalía adquiría a cada paso (sobre todo grazas ao apoio da emigración galega en Cuba e A Arxentina)[28]. Despois sumaranse personalidades sobranceiras coma Alfredo Brañas (dende o sector conservador) e Aureliano Pereira (dende o sector federalista e popular)[29].

En síntese, na medida en que Murguía ocupa o posto central no Rexurdimento, como se for o seu cerebro, podemos elucidar por medio da súa obra as bases desta renacenza oitocentista. E, por conseguinte, na medida en que exerce como militante (activo ou pasivo) do progresismo e do rexionalismo políticos podemos identificar a formulación do Rexurdimento sobre esta base ideolóxica, que se proxecta dende o eido xornalístico até o cultural (de maneira destacada, na literatura e na música[30]). Sen dúbida é o contexto social e político o que condiciona a produción cultural do Rexurdimento.

2. Nacionalismo

2.1. O amencer da nación

Volvamos ao contexto europeo de fins do xviii. A figura do monarca éncheo todo: l´État c´est moi, dixera Louis XIV. A monarquía absolutista, ademais de non recoñecer ningunha división de poderes ou de partir do dereito divino, é unha proxección final do pobo de Francia. Os franceses érano (en certo grao) na medida en que eran súbditos do rei e non por estar unidos a través da lingua, pasado ou etnia. Para alén diso, estes son séculos de expansión imperialista: os habitantes das colonias eran franceses porque eran servos do rei de Francia.

O problema chega cando os sans-culottes descabezan a Louis XVI en París. Se xa non hai rei, quen conforma agora o Estado? A quen lle pertence a soberanía? Velaquí cando se alza a nación. A preocupación por definir os seus límites por medio dos trazos constitutivos, que de maneira solidaria comparten os habitantes dun determinado territorio, coñece un período de axitación intelectual. Súmenselle as guerras napoleónicas que exacerbarían esta produción: caso de Fichte co seu Reden an die deutsche Nation (1807) ou máis adiante de Guissepe Mazzini co seus escritos, que serán autores presentes na obra de Murguía.

Logo cómpre definir o novo suxeito que integra o Estado: a nación. A procura dos riscos identitarios leva ás gens de lettres a pescudar no pasado histórico alén dos reis, a fixar os máis remotos mitos fundadores, a interpretar en clave nacional os elementos da cultura popular por seren reservorio do volksgeist etc.

Galicia insírese neste rodopío. Non nos interesa tanto deternos no detalle con lupa da sincronía exacta do suceso con respecto a Europa: interésanos comprender que existe unha vontade expresa por fixar os elementos constitutivos da nación, que serán descritos por Murguía no tomo primeiro da Historia de Galicia (1865)[31].

2.2. Denantes de Murguía houbo outros

Con certeza, denantes de Murguía existiron precedentes que, de maneira máis ou menos diáfana, contribúen a este fin. Non imos deternos se nas seguintes obras ou autores existe unha intención expresa de reflexionar en termos nacionais como resultado dunha conciencia política traballada; porén, si debemos entender que Murguía acepta e procesa este feixe de experiencias, textos e debates vivos na intelligentsia galega que o anteceden. Porque para comprender a súa proposta conceptual arredor de Galicia debemos atender antes á influencia que nel tiveron libros como a Descripción económica del Reyno de Galicia (1804), de Lucas Labrada; a Historia de Galicia (1838), de Verea Aguiar[32], ou a lectura política que Antolín Faraldo realiza da nosa historia (1841-45). Os tres autores, por certo, de contrastada militancia liberal-progresista e os tres vítimas da represión e censura absolutista/conservadora.

A Ilustración serodia enuncia unha idea que a priori non é distinta a outras existentes en España pero que si delimita un suxeito (aínda que non se conciba como suxeito político soberano). Referímonos ao estudo propositado arredor dos intereses do reino e, en consecuencia, na procura de medidas positivas para o desenvolvemento material e intelectual de Galicia. Se un une un territorio cunha economía particular, coa evidente existencia dunha cultura e lingua de seu, coa consciencia de sermos un reino propio cun pasado esplendoroso, unha comunidade que chega a exercer a soberanía durante case dous anos na etapa da francesada…, ao final acaba por ter unha demarcación do reino que leva a pensar o país en termos propios, que, en ocasións, son conflitivos con España malia que isto non se enuncie de maneira explícita.

Nesta liña exprésase Ramón Villares: «A procura das fases xenéticas do galeguismo pode levarse a tempos da época da Ilustración ou do período revolucionario aberto a partir de 1808» (2004: 367). Menos entusiasta é a posición de Beramendi, que non nega estes precedentes pero que matiza: «Se con esta palabra [galeguismo] denotamos un apego afectivo a unha realidade xeográfica ou á comunidade que nela ten asento e a conseguinte gabanza destas e a defensa dos seus intereses económicos xerais e da súa dignidade colectiva […] daquela Sarmiento, Cernadas etc., foron galeguistas» (2006: 46-47). Xosé Manuel Beiras subliña que na Ilustración galega «se da el hecho significativo de que la conciencia social gallega vuelve en si» e máis adiante que «[e]n los ilustrados gallegos florece el pensamiento liberal a la par del compromiso con la realidad social gallega» (1973: 7-8).

2.3. O debate territorial: provincialismo

O debate constitucional de 1812 levou aos escanos de Cádiz a cuestión territorial. Os deputados de Ultramar esixiron unha nova relación entre a metrópole e as colonias de América[33]. CataluñaCAtaldora.res vura y regionalismo" tamén tomou posición. Velía a sentenza de Felipe Aner pronunciada nas Cortes: «Nadie es capaz de hacer que los catalanes se olviden de que son catalanes». E aló estaba o deputado galego e primeiro presidente das Cortes Benito Ramón de Hermida, autor do tratado de acento provincialista Breve noticias de las Cortes, Gobierno o llámese Constitución del Reyno de Navarra (1811, e que reimprimiría Aguayo en Santiago de Compostela un ano despois).

O termo provincialismo toma rango de «cuestión de estado» pois, en parte, os procesos de emancipación das antigas colonias chegan tras a negativa da Constitución a aceptar un novo marco de relacións políticas. En canto ás voces peninsulares, o provincialismo aséntase nas bancadas do liberalismo moderado e mesmo do abertamente absolutista. Un parapeto ideolóxico que axiña mudará de bando.

Conforme demostraron varios investigadores, entre eles Segarra-Estarelles (2005)[34], o provincialismo como cuestión de organización territorial/identitaria ocupa un lugar privilexiado nas discusións das Cortes liberais posteriores a Cádiz. Repárese no Diario de Sesiones do Trienio Constitucional (1820-23). A partir deste período será cando o provincialismo, como unha vaga idea de autonomía territorial (sobre todo centrada na autonomía municipal), se traslade aos parámetros progresistas nun transcurso lento pero continuado.

Desta maneira, o provincialismo galego xorde en diálogo con esta situación[35]. Malia que a aparición pública, de formulación en termos provincialistas, chegará coa prensa da década dos 40 (grazas ás novas leis progresistas de liberdade de imprenta), a atención a Galicia estaba presente. A día de hoxe posuímos escasos datos sobre a conformación dos círculos sociais ou a correspondencia entre os liberais de primeira hora. Pero parece plausible pensar que a Xeración do 46 non foi creatio ex nihilo, senón a proxección pública dun pensamento previo analizado na esfera privada. Así, por exemplo, parece referirse Vicente Manuel Cociña ao falar durante o discurso de 1842 das orixes da Academia Literaria.

A posición provincialista, á calor da experiencia xuntista na francesada e da actividade soberana da Junta del Reino, latexa entre os liberais. Un caso paradigmático é Pedro Boado, tamén autor en lingua galega co seu Diálogo entre dos labradores afligidos y un abogado instruido, despreocupado y compasivo (1823), quen no contexto do Trienio propón constituír a Junta Suprema de Galicia con plena liberdade política. Osuna Rey (2006: 32) cualifica esta proposta de «movimiento independentista de Galicia»[36].

Por outra parte, a Historia de Galicia (1838), de Verea Aguiar, acada un valor extraordinario. Este contrastado activista liberal exiliado en Portugal, logo padriño da Xeración do 46 que o coloca como presidente da Diputación Arqueológica de Galicia con Neira de Mosquera e logo Faraldo de secretarios[37], tiña a obra rematada anos atrás. Así se le na primeira páxina do libro: «Aprobada por la Academia de la Historia en el año de 1832». Por tanto, redactouna nos anos anteriores á propia morte de Fernando VII, ao nacemento de Murguía e á desintegración do reino das sete provincias.

En todo caso, o prólogo deste libro é unha absoluta alegación a prol de Galicia presentado en forma de retruque ao que Beramendi alcuñou como «síndrome da aldraxe». Ramón Villares indica (2017: 156): «A imaxe que Verea deseña da Galicia antiga é a dunha sociedade poboada por xentes cultas, monoteístas, amantes da súa terra, afoutas e irredutibles á escravitude. En definitiva, Verea realiza unha auténtica vindicación de Galicia». Léase, pois, este prefacio prestando especial atención ao tecer invisible da historia que une os ilustrados cos primeiros liberais ata á Xeración do 46. Así imos desenguedellando os puntos nodais do Rexurdimento.

2.4. Provincialismo: turbina do Rexurdimento

No magnífico La création des identités nationales, de Anne-Marie Thiesse, explícase a construción da identidade nacional a partir de diferentes modelos europeos. Lemos (2010: 225):

A comienzos del siglo xix, los elementos principales de la check-list identitaria están claramente establecidos, lo que hace que las naciones de reciente emergencia puedan recuperar rápidamente su ‘retraso’. En la mayor parte de las naciones europeas los grandes ancestros son identificados, la lengua nacional fijada, la historia nacional escrita e ilustrada, el paisaje nacional descrito y pintado, el folklore museografiado, las músicas nacionales compuestas. El resto no es más que un asunto de densificación y de vulgarización: la construcción identitaria entra desde ahora en la era de la cultura de masas.

Se nós aplicamos esta check-list, común para Europa, constataremos como o Rexurdimento encaixa á perfección.

Primeiro, a elaboración do mito fundacional: o celtismo. A porosidade da tese celtista permítelle ser protagonista dun dos símbolos da comunidade como é o himno galego, con letra de Pondal e partitura de Veiga, popularizado por coros e orfeóns. Pero, alén disto, o interese pola materia celtista mantívose aceso na chamada Xeración do 16 (en termos de Ramón Villar Ponte) ou Xeración Nós, tanto no eido intelectual (como testemuña a achega ideolóxica de Vicente Risco) como na propia materialidade (por exemplo, as campañas de escavación impulsadas polo Seminario de Estudos Galegos). E incluso no presente, o celtismo tórnase protagonista nos debates académicos, como sucede coa Teoría da Continuidade Paleolítica, de Mario Allinei.

Na etapa rexurdimentista, unha vez máis, vólvese central a Historia de Galicia de Verea Aguiar. Velaquí un estudo do pasado celta en termos descritivos. Pero será Faraldo, poucos anos despois, quen se lance á interpretación política deste pasado; é dicir, a fixación como base étnica do pobo galego que marcaría unha grosa liña con respecto á etnia dominante no resto peninsular. De aí deriva que Galicia é un pobo, etnicamente distinto ao castelán; e, por lóxica, trataríase de «espíritos nacionais» distintos, un volksgeist que o determina todo: atlantismo/mediterraneísmo, xermanismo/latinismo, europeísmo/africanismo, idealismo romántico historicista/pragamatismo clásico (Ríos Panisse 1993: 158-159).

Murguía amplía esta lectura política, así como outros temas apuntados mais non desenvoltos por Faraldo por causa dunha morte prematura que tronzou unha estrela brillante. Digamos que Murguía desenvolve o temario preparado por Faraldo cunha notable engádega: a centralidade da lingua como o principal elemento constitutivo da nación. En todo caso, engarzado co anterior parágrafo, apunta Ana Belén Fortes (2000: 82-87) as seguintes dicotomías presentes na proposta do polígrafo nacionalista: fondo/forma, espontaneidade/artificio, sentimento/marxinación, tristeza e melancolía/optimismo e arrogancia, suavidade e dozura/aspereza e dureza, poesía subxectiva/poesía obxectiva...

Agora un intermedio para cavilar: malia fixarse o celtismo como a base étnica, con Murguía como titor e predicador desta tese, a presenza en termos de creación literaria é mínima malia a ocupación simbólica da obra de Eduardo Pondal. Se nos detemos na temática dos poemas ou novelas (tanto en galego como en castelán) do Rexurdimento, decatarémonos de que non existen moitos exemplos máis. Pensemos, apenas, na clara ausencia do celtismo na obra de Rosalía[38], Lamas ou Curros, por citarmos autores centrais; ou en antoloxías ou folletíns literarios na prensa.

En paralelo a isto existiu unha clara vontade de noticiar os heroes do pobo galego; é dicir, exhumar a memoria silenciada para difundir os devanceiros que triunfaron noutrora como mostra de sermos un pobo con notables exemplos intelectuais en todas as materias, dende o militar até o relixioso, dende as artes até o enciclopedismo[39]. No listín dos ancestros acumúlanse os artigos e libros: «Noticia de varios de los escritores y de personas que han tenido los mayores destinos en la España, y otros ingenios naturales u oriundos de la Galicia» (capítulo incluído na Historia de Galicia, de Verea Aguiar); «Glorias de Galicia. Escritores y hombres célebres» (no Manual del viajero en la Catedral de Santiago, do ano 1847 e atribuído a Neira de Mosquera); Memoria histórica de los hombres célebres naturales de Galicia, que Vicente Turnes publica por entregas en Eco de Galicia (1851), dirixido por Neira de Mosquera; a Colección biográfica de los tipos notables de Galicia, desde los tiempos más remotos hasta nuestros días (1853), do militar progresista Domingo Díaz de Robles, malia só saíren dúas entregas; as «Semblanzas galaicas contemporáneas», que Benito Vicetto publica nas páxinas da súa Revista Galaica (1874), e a Galería de gallegos ilustres (1874), do malogrado escritor e compositor musical Teodosio Vesteiro Torres. En toda esta nómina cómpre destacar a obra de Manuel Murguía, publicada en Vigo por Juan Compañel: Diccionario de escritores gallegos (1862); sobre todo, pola doutrina exposta no prólogo, sobre a que trataremos despois.

En canto á fixación do idioma galego, podemos citar os seguintes estudos lexicográficos: Diccionario del dialecto gallego (1858), de Luís Aguirre; Diccionario gallego-castellano (1863), de Francisco Javier Rodríguez; Vocabulario gallego-castellano (1865)[40], de Xoán Manuel Pintos; Diccionario gallego (1876), de Juan Cuveiro[41], e Diccionario gallego-castellano (1884), de Marcial Valladares. No referente ás gramáticas: Compendio de gramática gallega-castellana (1864), de Francisco Mirás; Gramática gallega (1868), de Juan Antonio Saco Arce; El habla gallega (1868), de Juan Cuveiro, e Elementos de gramática gallega (1855-92), de Marcial Valladares[42].

Respecto á historia, escrita tanto en artigos xornalísticos como en volumes independentes, podemos citar Historia de Galicia (1838), de Verea Aguiar; os artigos de Antonio Neira de Mosquera ou Antolín Faraldo (1841-54); Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia (1849), de Leopoldo Martínez Padín; Bosquejo histórico, político y religioso del antiguo Reino de Galicia (1854), de Jacobo Araújo; Historia de Galicia (1865-1873), de Benito Vicetto; Estudios sobre la época céltica en Galicia (1867), de Leandro Saralegui, e, por suposto, a crucial Historia de Galicia (1865-1913), de Manuel Murguía[43].

A reedición de textos antigos, libros descoñecidos, tomos de difícil acceso ou manuscritos inéditos son inquedanzas propias do romanticismo. Os rexurdimentistas dispóñense a realizar esta tarefa: reprodución das cantigas de Macías O Namorado ou Rodríguez de Padrón, a publicación de cartas ou tratados de Martín Sarmiento (Murguía tería unha especial atención ao sinalalo como precursor do Rexurdimento co gallo das Coplas), as pescudas de José Rodríguez Seoane arredor de Sarmiento por encargo do grupo provincialista de Pontevedra, que rematan coa descuberta da Obra de 660 pliegos (editada polo Consello da Cultura Galega), as reflexións do Padre Feijóo…

E, finalmente, estaría todo o repertorio de creación literaria que evitamos incorporar por ser de coñecemento xeral: Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal, Manuel Curros Enríquez, Marcial Valladares etc.

Se nos detemos no apartado das letras é porque a lingua ocupará un posto privilexiado na configuración do imaxinario nacional colectivo; é dicir, a lingua será o sangue da nación, ou, en palabras de Saco Arce, «a alma da nación». De aí esta tarefa de gramáticas e dicionarios como avais de ser o galego unha lingua e non un dialecto. Máis adiante dedicaremos unha epígrafe ao rol do idioma na construción do discurso nacional.

Beramendi (2018: 34) escribe sobre as bases dos provincialismos peninsulares:

Entre os factores estimuladores destes [provincialismos] hainos culturais e sociopolíticos. Cultural é a recepción positiva do romanticismo e o historicismo por parte dunha proporción significativa das intelligentsias provinciais. A asunción dos suxeitos colectivos populares como axentes históricos maiores, do folklore e das linguas minoritarias, da primacía da singularidade sobre os principios universais, da xénese espontánea e voluntaria de culturas, institucións e supostos espíritos nacionais, e da historia como superior parteira do bo Dereito a partir do costume facía que eses movementos fosen instrumentos idóneos para afirmar a existencia e a lexitimidade de «nacións» ou «nacionalidades» orgánicas, tivesen ou non Estado, ou para apoiar reivindicacións de autogoberno baseadas en diferencias culturais ou en precedentes históricos reais ou inventados, próximos ou lonxincuos.

Esta lectura é un zoom no Estado español na liña interpretativa de Thiesse. Por tanto, ante nós temos os elementos para analizar o nacemento dos provincialismos en termos de construción nacional; isto é, no asentamento dos zócolos do nacionalismo político, sexa proto ou pre.

O provincialismo galego, como dicimos, vaise conformado aos poucos. A desaparición do reino e a tallada de Xavier de Burgos, partindo o país en catro provincias, provocou unha reacción. Lemos este comentario de Artaza (1993: 144):

Una serie de políticos y historiadores gallegos opuestos al modelo centralista del nuevo Estado liberal comenzaron a difundir una imagen muy favorable de la Junta: la historia de unha corporación «popular» y «democrática», defensora de los intereses del Reino ante el monarca y sus ministros, que probaba la existencia de un territorio diferente dentro de la Corona de Castilla con cierta capacidad de autogobierno desde, al menos, principios de la Edad Moderna.

A liquidación do reino coincide nun período de restrición de liberdades. En Galicia non había prensa de ningún tipo. O provincialismo adquire valor público cos xornais publicados durante a Rexencia de Espartero (1840-43). Algúns destes cabezallos foron El Recreo Compostelano, de Neira de Mosquera e Faraldo; La Situación de Galicia, cun Faraldo apadriñado polos líderes progresistas de Santiago de Compostela, Pío Rodríguez Terrazo e Hipólito Otero, e por riba de todos, El Porvenir, cunha dirección en tríade formada por Romero Ortiz, Rúa Figueroa e (de novo) Faraldo. Este periódico foi vítima da censura conservadora, que, como consecuencia, acelerou o inicio da revolta do 46. Entre as causas do peche está o ton abertamente provincialista, que, máis alá do lema «Todo por Galicia», se recollía nesa frase de «no queremos ser más que gallegos».

A Revolución de 1846, que tivo a Faraldo (si, unha vez máis) como mente e corazón[44], establece un punto e á parte. Durante o mes de abril Galicia alzouse en armas. Se ben nun inicio o propósito era intervir no casamento de Isabel II, o propio desenvolvemento da revolta e a falta de apoios fóra do territorio galego levaron á creación da Junta Superior del Gobierno de Galicia, que asume a dirección político-militar da revolución. Velaí o contundente manifesto do Goberno publicado en La Revolución n.º 1 (17-IV-1846), en forma e contido, no cal a través da pluma do secretario da Xunta, Faraldo (xaora), se denuncia a situación de abandono, marxinación e secular maltrato:

Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la corte, va á levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país, se consagrará constantemente á engrandecer el antiguo reino de Galicia, dando provechosa dirección á los numerosos elementos que atesora en su seno, levantando los cimientos de un porvenir de gloria. Para conseguirlo se esforzará constantemente en fomentar intereses materiales, crear costumbres públicas, abrir las fuentes naturales de su riqueza, la agricultura y el comercio, y poner en armonía con la época los hábitos y las ideas que dejó una sociedad decrépita fundada sobre la ignorancia.

Despertando el poderoso sentimiento de provincialismo, y encaminando á un solo fin todos los talentos y todos los esfuerzos, llegará á conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar á que está llamado el antiguo reino de los suevos.

O citado manifesto publicouse nas páxinas de La Revolución (1846), o voceiro da Xunta de Goberno. A imprenta Compañel encargouse da impresión. E velaí, con toda probabilidade, a figura presente de Juan Compañel, tan unido despois a Murguía. O innegable impacto da revolución no seu maxín, coa posterior represión e asasinato dos mandos militares, marcaríao para sempre.

Murguía narrou, en distintas ocasións, o deixe emocional e ideolóxico da Revolución de 1846: «Era yo niño, cuando ese grito de libertad hirió mis oidos e hizo estremecer mi corazón» (La Oliva, 25, 26-IV-1856). Xusto dende as páxinas de La Oliva participa na homenaxe polo décimo cabodano dos Mártires de Carral. Esta foi a primeira homenaxe pública aos mandos fusilados en Santo Estevo de Paleo e Betanzos. Ademais, Juan Compañel era o editor, impresor e director de La Oliva.

A revolta de 1846 fíxose en termos progresistas e provincialistas; afectou a toda a rede do Partido Progresista esparexida no país que será desartellada por mor da represión conservadora. Lembremos, por caso, o salón conspirador de Juana de Vega na Coruña pero tamén todos os círculos (aínda materia pendente de investigación) constituídos arredor dos xornais, boticas, imprentas etc.

A Revolución gravouse no corazón e nos ollos de Murguía. A partir da súa propia confesión, é aquí cando comeza o compromiso político de praxe progresista. Xa Compañel, nas páxinas de La Oliva, lembra que dende había anos Murguía se propuxera recompilar toda a documentación histórica vencellada á nosa terra. E será neste periódico vigués cando en 1856-57 publique uns artigos adianto das súas grandes primeiras obras en termos de constitución do imaxinario nacional colectivo[45]. Artigos que moi probablemente comezara a preparar ao chegar a Madrid cando aínda era un mozo de vinte e tantos anos.

Murguía puxo toda a intelixencia ao servizo do país. El establece os elementos constitutivos da nación galega no prólogo á Historia de Galicia (1865). Ao carón debemos citar o Diccionario de escritores gallegos (1862). A importancia de ambos para argumentar a existencia dunha nación cun volksgeist totalmente distinto en orixe e desenvolvemento a Castela é definitiva para o Rexurdimento; con permiso, por se resulta excesivo, é definitoria do Rexurdimento. Murguía é o cerebro, o organizador, o intelectual, o ideólogo, o eséxeta, o censor, o mestre con batuta en man ou o almirante da armada rexurdimentista (Martínez González 2017a).

A posición ocupada por Murguía procede da «naturaleza humana y de la investidura pública», en palabras de Paul Bénichou no seu La coronación del escritor, 1750-1830. Este posto de poder posibilítalle impoñer unha interpretación do Rexurdimento, a capacidade de aplicar unha memoria selectiva a partir de operacións de inclusión/exclusión sobre criterios subxectivos e que chega ata nós con escasos cambios.

2.4. Reconstituíndo o provincialismo tras o 46

Os inmediatos esforzos para a recuperación do provincialismo recaen, sobre todo, nun periódico (El Eco de Galicia, de Neira de Mosquera[46]), nun espazo formal de sociabilidade (El Liceo de la Juventud[47]) e no conxunto da obra literaria a cargo de Vicetto (dende Los hidalgos de Monforte até os artigos en materia histórica), que desemboca na fundación d´El Clamor de Galicia (1854-1856)[48].

Se agora repasamos a adhesión política das persoas ligadas ao Rexurdimento pleno, axiña comprobamos como o peso do sector progresista dentro do movemento provincialista é enorme. Trátase dun continxente ligado á burguesía liberal (xornalistas, boticarios, avogados...). Poñamos algúns exemplos: El País (1857-58), publicado en Pontevedra arredor do Liceo Artístico Literario, conta cos irmáns Rodríguez Seoane, Xoán Manuel Pintos, Manuel Ángel Couto... (Martínez González 2019a), e, máis adiante, O Galiciano (1884-88)[49], publicado en lingua galega; na Coruña, El Defensor de Galicia (1856), cos irmáns Puente y Brañas, Leandro Saralegui, Antonio de la Iglesia..., ou Galicia. Revista Universal de este Reino (1860-65), cos irmáns Antonio e Francisco de la Iglesia, José López de la Vega...; en Lugo, El Regional (1884-1931), con Aureliano Pereira, Manuel Amor Meilán...; en Ourense sairía a efémera La Lira del Miño (1854), de Ramón Barros Sibelo, e El Heraldo Gallego (1874)[50], de Lamas Carvajal, con Alfredo Vicenti, Curros Enríquez, Aureliano Pereira...; e na emigración aparecen títulos como El Eco de Galicia (1878-1902), dirixido por Waldo Álvarez Ínsua, figura tan ligada e decisiva no matrimonio Murguía-De Castro; ou a coñecida La Ilustración Gallega y Asturiana (1878-1882), propiedade de Alejandro Chao e dirixida por Murguía.

Con estes datos sobre a mesa, comprendemos mellor como o Rexurdimento se moveu nestas vías de duplo ferro: provincialismo e progresismo. Certo é que nun ou noutro xornal había un desnivel a favor dunha ou doutra tendencia, pero o notable para o noso argumento é constatar a existencia descentralizada desta liña de actuación pública na cultura e política galegas.

A maduración, dentro do contexto político español, desencadeará, primeiro, na publicación de libros doutrinais: Proyecto de constitución o pacto fundamental para el futuro Estado gallego (1883/87)[51]; El regionalismo gallego (1889)[52], de Murguía, ou El regionalismo (1889), de Alfredo Brañas; e segundo, no propósito de formar unha entidade política propia. Velaí o tan tardío como fugaz nacemento da Asociación Regionalista Gallega, co seu voceiro La Patria Gallega (1891-92), que xuntou nas súas filas varios nomes senlleiros do nacionalismo: Alfredo Brañas, Aureliano Pereira..., e todos baixo a presidencia de Manuel Murguía, encargado de impoñer a conduta progresista a esta agrupación, que rematará en pugna entre os sectores ideolóxicos[53].

A inestable experiencia asociativa, así como prematura morte de Alfredo Brañas e o desligamento temporal de Aureliano Pereira do rexionalismo, confirmaron a Murguía como o referente e o pontífice do rexionalismo, como o bautizara Manuel Casás. Axiña aparece Revista Gallega (1895-1907), dirixida por Galo Salinas e ligada á Cova Céltica, na cal Murguía ditaba cátedra; e pouco despois nace o grupo de intervención política Liga Gallega (1897-1907), integrada por Murguía canda Manuel Lugrís Freire, Salvador Golpe ou Carré Aldao, promotora do monumento aos Mártires de Carral (inaugurado en 1904), pero pouco máis.

A acumulación de accións ligadas ao rexionalismo político derivou nun feito determinante. Referímonos á constitución na Habana da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (1905), da man de Curros Enríquez e Fontenla Leal. Esta é a pedra-base para que no seguinte ano se funde a Academia Galega (1906), que empoleira a Manuel Murguía como presidente da que foi a nosa primeira institución plenamente soberana, consolidada e con autoridade para institucionalizar un discurso. Por iso, para nós, a fundación da Academia Galega (aínda non levaba o apelativo de Real) supón o peche da cronoloxía do Rexurdimento e a vitoria da tendencia rexionalista-progresista (coa lingua por bandeira) fronte aos rivais que anhelaban o seu control, con Emilia Pardo Bazán á cabeza (Martínez González 2019b).

3. Romanticismo

Isaiah Berlin escribe en The roots of romanticism: «La importancia del romanticismo se debe a que constituye el mayor movimiento reciente destinado a transformar la vida y el pensamiento del mundo occidental» (2019: 20). Polo tanto, non se trata só dunha transformación estética senón dun poderoso movemento que afecta ao plano das ideas e, dende este, á vida concreta das sociedades occidentais. Pensemos, por exemplo, no impacto do romanticismo na relixión (velaí o neocatolicismo do cal beberá Lammenais); no campo da filosofía (dende Kant a Herder); no campo político, coas experiencias das loitas de emancipación nacional (pensemos en Pëtofi, a quen cantarían en verso Aquilino Iglesia Alvariño ou Álvaro Cunqueiro); ou no campo social, coa preocupación sobre os aspectos das clases populares (velaí Les misérables de Victor Hugo). A todo isto engádaselle a produción cultural: pintura, música, escultura, literatura...

Arredor da pegada do romanticismo no Rexurdimento temos adeptos e detractores. María do Cebreiro Rábade Villar (2011: 35) escribe: «A consideración de que a literatura é un tipo específico de pensamento […] é unha conquista do romantismo europeo, e da súa teoría da imaxinación poética como forza intelectual revolucionaria. Este, e non outro, é o contexto estético e ideolóxico do Rexurdimento». Dende a outra banda, Anxo Angueira nega esta hipótese: «o romanticismo non é importante nin moito menos decisivo para explicar a emerxencia da literatura galega do xix. Por iso, a xénese do que se deu en chamar Rexurdimento habería que buscala antes ca en cuestións estéticas ou propiamente literarias, na esfera ideolóxica e política» (2019: 205). Esta interpretación hérdaa doutros investigadores coma Xosé Luís Méndez Ferrín ou Francisco Rodríguez.

Barreiro Fernández, no prólogo á nosa edición sobre Neira de Mosquera, escribiu: «Reducir o romanticismo a unha moda literaria é descoñecer a forza revolucionaria daquel movemento. […] Os románticos foron a levadura que nun determinado momento fixo crecer a modernidade ideolóxica e política do país» (Martínez González 2017b: 16). Eis o miolo: se entendemos o Rexurdimento como expresión só literaria e só nos guiamos pola presenza de marcas románticas na estrutura, composición, métrica…, poderiamos abrirnos a un debate máis complexo; mais se o Rexurdimento é un movemento amplo de influencia sociopolítica, nos termos aquí definidos, as palabras de Barreiro son reveladoras.

Ao tomarmos a obra en castelán dos rexurdimentistas consideramos que o romanticismo penetrou no mundo das letras en Galicia. Ben é certo que houbo autores fuxidíos con toda conexión co país como Jacinto Salas Quiroga. Pola contra, Nicomedes Pastor Díaz (chamado a prologar os Cantares gallegos de Rosalía) representa outra vertente nos iniciáticos pasos do romanticismo peninsular (Ínsua 2013).

O modelo literario de Pastor Díaz válenos para ilustrar o cambio estético. Porque para valorar a presenza do romanticismo na literatura da Galicia decimonónica debemos coñecer cales eran os parámetros do anterior movemento estético: o (neo)clasicismo. A poesía pastoril, a rixidez e sometemento ás regras da lírica clásica, a idealización da paisaxe, a falta de imaxinación, a posición lonxe da fragancia popular, a crenza nun patrón común para a poética universal, a distancia co subxectivismo... son riscos caracterizadores desta corrente dominante no xviii.

Para a cuestión da literatura galega a Égloga de Belmiro e Benigno, de Pastor Díaz, é un bo exemplo por temática e estilo da escola que ía morrendo para deixar paso a un romanticismo nacente, xa albiscado n´A alborada do propio autor.

3.1. Presenza do romanticismo no Rexurdimento

Collamos os citados Cantares de Rosalía para observar esta influencia. Por exemplo, a elección da temática popular así como a súa exaltación en termos identitarios proceden do romanticismo europeo, sobre todo de Alemaña (irmáns Schlegel, por exemplo). Murguía, e grazas á colaboración da súa filla Alejandra, pasou anos recompilando as Rimas populares de Galicia[54]. Ao longo da súa prolífica produción literaria as referencias ao folclore son continuadas. Porque atopa aquí os trazos constitutivos do «espírito nacional» ou volksgeist que posibilitan acreditar no groso da existencia da nación galega.

Por outra parte, a presenza do medievalismo (unha das temáticas favoritas do romanticismo) ocupa un lugar destacado na literatura de Benito Vicetto, co seu best-seller Los hidalgos de Monforte (1851). Como é sabido, nesta novela mitifícase a revolta irmandiña, pero o interesante é subliñar a escolla da Idade Media galega como escenario. Vicetto publicaría outros títulos con tramas situadas no Medievo: Rogín Rojal o el paje de los cabellos de oro (1857)[55], El lago de la Limia (1861) ou Tradiciones feudales de Galicia (1878). Con esta folla de servizos enténdese que fose alcumado como o Walter Scott galego, en referencia ao coñecidísimo novelista escocés e paradigma do romanticismo en prosa.

Vicetto non é unha excepción. Collamos a obra de Neira de Mosquera, con novelas como La marquesa de Camba y Rodeiro (1848), os relatos apalillados en Monografías de Santiago (1850) ou os artigos de investigación histórica publicados na prensa (lembremos o dedicado a Pardo de Cela en El Eco de Galicia[56]). Citemos tamén o drama Fernán Pérez de Churruchao y el Arzobispo D. Suero (1841), de José Rúa Figueroa; La minoría de Carlos II, de José Puente y Brañas; El castillo de los Churruchaos, de Xosé Benito Amado..., e poderiamos seguir. Isto apenas revela o interese que xerou o medievalismo en Galicia; pero non só á luz da historia española, senón tamén da galega. Este matiz é importante telo presente.

Murguía atendeu a produción de Neira de Mosquera e Vicetto. A ambos dedicou xenerosas palabras: ao primeiro, na presentación do folletín literario de La Oliva; ao segundo, malia as coñecidas tirapuxas persoais, integrándoo en Los precursores.

O medievalismo estivo vivo no Rexurdimento. Porque, influídos pola corrente romántica, atoparon nese período o esplendor do antigo reino. Para Murguía a Idade Media é a Idade de Ouro, namentres os celtas son o mito fundador. As dúas materias teñen presenza dende os seus escritos de mocidade. De feito, a primeira novela de temática galego-patriótica foi Don Diego Gelmírez (1856), materia sobre a cal volvería en formato ensaio en Don Diego Gelmírez (1898). Porque a época de Xelmírez é «el verdadero período de nuestras grandezas» (1898: 45) pois Galicia «gozaba de su autonomía» e conformaba un «nuevo Estado gallego». Unha posición na idade madura que engarza con aqueloutra do período imberbe, «Galicia fue entonces grande y poderosa», publicada nun dos artigos de La Oliva (1857), e que desemboca na chamada a «recordar a la Galicia de hoy el grito por que sucumbió peleando la Galicia del siglo xv».

Ademais, na súa etapa iniciática escribe dous poemas de temática medieval: «A las ruinas del castillo de Altamira»[57] e «Al Mariscal Pedro Pardo de Cela»[58], dedicado a Benito Vicetto[59].

Pero, alén disto, a descuberta dos cancioneiros medievais (lémbrese Vesteiro Torres na función exhumadora de Martín Códax ou El idioma gallego, de Antonio de la Iglesia, publicado en 1886) confirmaba unha intuición minimamente acreditada a través de Macías o Namorado ou Rodríguez de Padrón, da carta ao condestable de Portugal ou das referencias feitas polo Padre Sarmiento, verdadeiro precursor e raíz penetrante no Rexurdimento.

O boom dos Xogos Florais no conxunto do Estado español ten moito de relación coa Idade Media. Un solto d´El Vapor (xornal en que Aribau publicaría a famosa «Oda a la patria»)[60], co gallo da xura da pequena Isabel como herdeira ao trono en 1833, relembrou os certames literarios que se realizaban na Coroa de Aragón a partir do modelo do Consistorio de Tolosa.

Estas tenzons ou xustas literarias ecoaron en distintos puntos de España: o Liceo de Madrid convocounas en 1841 e a Academia de Ciencias y Literatura de Granada en 1857. En todas as convocatorias falouse da orixe deste certame, con alusións á Coroa de Aragón e a Clemencia Isaura.

Mais será en Cataluña no ano 1859 cando acade un valor simbólico posto que o catalán era a lingua do certame[61]. Ademais de toda a parafernalia do acto e as acordanzas da época gloriosa da Coroa de Aragón, cos seus trobadores provenzais, o acto enraizaba co impulso das linguas, na liña promovida pola onda romántica. O idioma gañaba un posto na construción discursiva nacional, como así o interpretou Ñúñez de Arce no seu polémico e incendiario discurso no Ateneo de Madrid, do cal era presidente, en 1886.

A celebración dos Xogos Florais en 1861, tanto na Coruña coma en Pontevedra, son unha réplica dos de Barcelona. Porén, a idea xa xermolara entre a intelectualidade galega: primeiro, nun artigo de Neira de Mosquera publicado en 1843 no Semanario Pintoresco Español[62]; e segundo, no discurso do mesmo autor en El Liceo de la Juventud en 1849.

Os Xogos Florais da Coruña, protexidos por López Cortón[63], estableceron nas bases que os poemas podían escribirse en galego ou castelán, agás os da sección «A Galicia», que só admitía o galego[64]. Proponse que, a carón do retrato de Isabel II, presidindo o salón do Teatro da Coruña, aparecese outro de Afonso X, en clara homenaxe ao autor das Cantigas de loor de Santa María como tributo á lingua galega pero tamén como símbolo de prestixio, autoridade e protección.

O discurso do presidente dos Xogos, José María de Bussy, relata as vicisitudes históricas deste certame. Pero será na prédica do secretario, Antonio de la Iglesia, na que atopemos palabras e ideas de transcendencia notable. Por exemplo, a emulación e equiparación dos Xogos galegos cos de Barcelona, a partir do gancho idiomático (polo cal se deixan fóra deste «irmandamento» os celebrados en Valencia, Madrid ou Granada); é dicir, é a lingua a unión entrambos. Ademais, De la Iglesia incide en distintos momentos nunha desculpa non solicitada: «excitar en los literatos gallegos […] esos recuerdos que por más que sean llamados provinciales, no dejan de ser por eso muy nacionales», «¿Del amor a Galicia que arraigamos en nuestros pechos, resultará desafecto hacia el resto de la nación española? De ningún modo» ou «¿Del cultivo del idioma gallego resultará algún atraso para la cultura del castellano en nuestra patria? Tampoco». Isto dános a medida do pulso arredor do poder extralingüístico contra o ecuador do xix.

Entre os premiados están Luís Rodríguez Seoane, Benito Vicetto, Domingo Camino, Antonio San Martín ou Añón. Os textos recompiláronse no citado Álbum de la Caridad (1861)[65], dedicado a Juana de Vega e entregado en beneficio do Hospicio da Coruña, nun feito que une a desgraciada realidade social galega coa cultura.

A fortuna dos Xogos Florais foi decadente. Por unha parte, porque as convocatorias non tiveron regularidade nin o exemplo prendeu no país (agás os casos de Pontevedra en 1861 ou de Lugo en 1867[66]); e, pola outra, porque o galego, no canto de gañar máis protagonismo, foi devagariño indo ás marxes das convocatorias. Mais, para o caso, a celebración dos Xogos emparenta cunha Idade Media que atraía a atención dos rexurdimentistas.

Unha das características do romanticismo en Europa foi a crenza de que a arte se asenta nas forzas vivas da natureza. Por tanto, o modelo afástase daquela idealización do neoclasicismo e a procura do locus amoenus. Agora crese na expresión máis directa, virxinal e mesmo violenta da paisaxe[67]. Basta lembrar aquela anécdota escrita por Johanna, nai de Arthur Schopenhauer, cando as damas da alta sociedade xermana ocultaban tras as cortinas dos landós o perfil agresivo, desagradable e incómodo dos Alpes; uns anos despois, o romanticismo atoparía nesta violencia montañesa unha forza da natureza pola que derramar o nume literario.

Outra pegada romántica no Rexurdimento é o costumismo, ou cadro da vida civil, como dicían no século xviii. Se nos detemos no caso galego, basta «A Virxe do Cristal», de Curros Enríquez, ou «Nosa señora da Barca», de Rosalía; artigos de Neira de Mosquera, como «El gaitero», incluído en Los españoles pintados por sí mismos (1851),... É interesante poñer o acento no gaiteiro pois é elevado á figura do músico nacional.

Unha evidencia da vaga romántica en Galicia foi o historicismo. Verea Aguiar, Faraldo, Vicetto... e Manuel Murguía. En boa medida, o historicismo únese cun fío groso á construción do imaxinario nacional colectivo posto que no pasado cómpre xustificar a existencia do volksgeist, e este «espírito nacional» testemuña, en consecuencia, a vida dunha nación distinta en termos culturais que se proxectan logo cara aos políticos. Velaí a coñecida afirmación de Antolín Faraldo, un faro para Murguía: «En la historia se aprende la libertad».

4. «Léngoa distinta acusa distinta nacionalidade»

O título desta epígrafe correspóndese cun anaco do discurso de Murguía nos Xogos Florais de Tui (1891), os primeiros totalmente en galego. Daquela exercía como presidente da Asociación Regionalista Gallega. Por iso o contido do meeting ten que lerse en chave política máis ca literaria ou lingüística[68].

Murguía fixara o idioma galego como elemento central na construción do discurso nacional e como elemento definidor do campo literario nos artigos de La Oliva (1856-57); é dicir, o nomos en termos de Bourdieu. Isto pode resultar paradoxal pois o volume de obras en galego era moi reducido naquel intre. Pero, como dixemos en anteriores páxinas, aínda estabamos na fase do nacionalismo literario e Murguía fixara no horizonte o uso do galego para abrir a fiestra da literatura nacional, coma unha proxección pola que cumpría turrar arreo ata conseguilo. Un horizonte clarexado grazas ás Irmandades da Fala, aínda vivo o pontífice do rexionalismo malia a distancia mantida co nacionalismo organizado por iniciativa de Antón e Ramón Villar Ponte.

Mais o protagonismo da lingua non foi un feito inmediato. En troques, debemos ter presente que a lingua como elemento definidor da nación non é algo connatural; é dicir, a lingua non é un elemento constituínte per se. Todo o contrario: trátase dunha operación interpretativa. E aquí Murguía ten mando en tropa: o fomento do uso do galego traía consigo unha toma de conciencia política; Pardo Bazán optaba, como expresa no discurso inaugural da Sociedad del Folk-lore de Galicia, pola guetización idiomática camiño da súa custodia en museos e arquivos tras degoirar a súa defunción como vítima do darwinismo lingüístico.

Cómpre ter presente que no arranque do xix asistimos á dupla lealdade ou duplo patriotismo, segundo o enunciou Josep Maria Fradera (2003). Daquela a lingua aínda se mantiña como un asunto neutro. Isto explica a boa aceptación de formar un campo literario provincial no que o galego formaría parte dunha historia da literatura española (véxase a obra de Amador de los Ríos ou de Gumersindo Laverde, ou os discursos e artigos de Balaguer)[69]. A lingua non renxe coa unidade nacional española namentres careza da función extralingüística. A propia terminoloxía dos provincialistas de primeira hora distingue entre patria e tierra, entre nación e región cando tratan de Galicia e de España. Mais, tempo despois, conforme o progreso discursivo provincialista, a patria e a nación/nacionalidade referíanse a Galicia. Por iso Pardo Bazán anatematizou contra esa confusión terminolóxica no 85 sinalando as connotacións político-ideolóxicas.

En todo caso, volvendo ao abrente do xix, atopamos en Pastor Díaz un exemplo perfecto desta dualidade. Durante o discurso pronunciado en El Liceo de La Coruña, nunha sorte de acto de gratitude á súa mediación a prol dos represaliados do 46, afirmou: «Si Galicia pudo dejar de ser alguna vez mi patria política, era siempre mi patria literaria, porque era mi patria natural».

Nesta tesitura da dupla lealdade movéronse os primeiros rexurdimentistas. Mais, segundo se consolida unha interpretación política do Rexurdimento («lleva en si un germen de separatismo», recuncaba Pardo Bazán nos anatemas), tamén se tensa a interpretación do rol da lingua e deriva nun estrado de posicións antagónicas decote máis polarizadas nun contexto de claro confronto arredor do rexionalismo político. Por este motivo a dupla lealdade perdía o equilibrio e só Víctor Balaguer sostiña este difuso soño.

O valor extralingüístico e extraliterario torna a questione della lingua nun poder en disputa. Os intentos por apropiarse dunha determinada concepción das linguas reflicten este extraordinario peso. Se para uns o castelán era un idioma e o galego era un dialecto ad maiorem Hispaniae gloriam, outros consideraban o galego unha lingua dun esplendoroso pasado, con gran tradición literaria, dominante durante o período medieval, cun prestixio noutrora superior ao castelán..., e iniciaran a codificación en gramáticas e dicionarios como compango da creación literaria. Mais, para uns e outros, a lingua situábase como un dos elementos centrais no discurso político (anti)rexionalista. De aí a pugna polo seu control. Desta tensión de campo creada pola concorrencia de posicións antagónicas, co gallo de posuír o capital simbólico, comeza a definirse de maneira taxativa o campo literario galego; é dicir, esta loita desenvólvese no seo do Rexurdimento e determinará o futuro dunha idea do que é a literatura do país: a escrita no idioma propio de Galicia.

Este debate agudízase tras o fracaso da República de 1873. Resulta reveladora esta exculpación de Saco Arce no prólogo aos Versos en dialecto gallego de José Pérez Ballesteros. O presbítero, leal defensor da lingua e rexurdimentista comprometido coa cultura popular, escribe: «No se colija de esto [a normalización do galego] que para el territorio gallego quisiera yo idéntico porvenir, ni que sea mi sueño de oro su independencia política. Lejos de mi ánimo toda idea de separación» (Pérez, 1878: XII).

Esta convulsión estoura na entrada da década dos 80[70]. Basta con reparar na arenga de Cánovas del Castillo no chamado Discurso a la nación (1882), Castelar en resposta á entrada de Víctor Balaguer na Real Academia Española (1883), Emilia Pardo Bazán na máis cínica homenaxe xamais feita en memoria de Rosalía de Castro (1885), Núñez de Arce no Ateneo de Madrid (1886)... E repárese nos lugares/institucións dende os cales predican.

Todo este contexto de tensión penetra de cheo no Rexurdimento. Porque o combate polo seu control acada as máximas cotas no lance entre Manuel Murguía e Emilia Pardo Bazán; é dicir, progresismo e nacionalismo vs. conservadorismo e centralismo. A vitoria logrouna Murguía por varias razóns pero citemos só tres: o viúvo intérprete e custodio da obra/memoria de Rosalía de Castro, o líder rexionalista apoiado polos sectores máis activos da emigración en Cuba e A Arxentina, e o primeiro presidente da Academia Galega.

Emilia Pardo Bazán aceptara entrar no escenario público para tomar o control do Rexurdimento e enchoupalo coa súa ideoloxía. Por iso posúe unha enorme carga política o aplauso aos Cantares gallegos e a condena ás Follas novas de Rosalía ditada na velada de 1885. Isto engádese á ofensiva institucional para crear unha opinión pública favorable. Como se artella isto? Na fundación e dirección da Revista de Galicia (1880); na fundación e presidencia da Sociedad del Folk-lore de Galicia (1883)[71], abeizoada por Antonio Machado tras a liorta vivida con Murguía (a quen en inicio debera corresponder este cargo); coa participación na «Biblioteca de las Tradiciones Populares Españolas»; co establecemento dunha rede afín de intelectuais rexurdimentistas (Saco Arce, Pérez Ballesteros, Antonio De la Iglesia...); e, por último, coa publicación de varias novelas datadas entre 1885-1889[72].

O valor da lingua atravesa os propios Xogos Florais. Xa citamos as escusas innecesarias que Antonio de la Iglesia pronunciou no certame de 1861 na Coruña. Juan Mañé, dende o catalanismo, respondía ao discurso de Núñez de Arce no 86: «Los Juegos Florales no son culpables del delito que V. les acusa: todos los catalanes usábamos familiarmente el catalán antes de los Juegos Florales» (1887: 127). Ou lembremos a rotunda réplica dada por Valentí Almirall á referida homilía de Arce.

En Galicia, este discurso do entón presidente do Ateneo de Madrid acolleuse de maneira desigual: dende o silencio de Murguía até a resposta pública de Aureliano Pereira no Círculo das Artes de Lugo en 1887, logo publicado en La España Regional de Barcelona, impreso en folleto El Regionalismo e considerado un dos textos fundamentais do seu pensamento rexionalista. O «vago anhelo», como se referiu de maneira pexorativa Núñez de Arce ao rexionalismo galego, non era tan vago como advertía Pardo Bazán.

A literatura nacional comezou a definirse como campo autónomo no intre en que as partes preiteantes aceptan a pelexa polo control do capital simbólico: a lingua galega / Rosalía. A condesa Pardo Bazán e Murguía presentan proxectos político-culturais opostos pero ambos aceptando (dende esquinas enfrontadas do cuadrilátero) a posición central do idioma e, por tanto, o seu poder extralingüístico[73]. Esta tensión de campo acabou por clarificar as posicións no espazo de posibles.

Até na propia denominación hai desacordo: para Pardo Bazán estamos ante un dialecto, para Murguía ante un idioma. Porque na concepción estriba a diferenza política pois para a primeira o dialecto sométese ao idioma común (castelán) e enriquéceo; para o segundo, o idioma acusa distinta nacionalidade. Unha posición intermedia atopámola en Augusto González Besada, un intelectual e político de especial peso na Galicia de fins do xix: «Si el idioma es la lengua de cualquiera nación, el habla de Galicia no será idioma, pero confesemos también que no puede ser dialecto […]. Si el idioma es el lenguaje oficial de una nación también el gallego fue idioma, porque también fue nación independiente. Hoy la nación murió pero la lengua vive» (1887: 79-81).

Para ir pechando vén ben esta cita de Alonso Nogueira (2005):

Si la lengua es la patria, aquellos que dominen la lengua no sólo pasan a ocupar una posición destacada en las historias literarias sino que se convierten en escritores representativos, capaces de poner en papel la sangre de la nación y su obra literaria, más allá de toda valoración estrictamente estética, va a ser canonizada por su significado lingüístico y por su significado político.

Esta lóxica impera no Rexurdimento, nese tránsito do nacionalismo literario cara á literatura nacional. Algúns libros serán vistos como «monumentos escriturais», como poden ser as Coplas de Sarmiento ou os Cantares de Rosalía, conforme a interpretación de Alonso Nogueira.

Mais deixamos aquí unha última reflexión aberta ao debate: o Rexurdimento é unha estratexia de resistencia? Expoñerémolo a xeito de esquema:

·         O Rexurdimento acumula prácticas contrahexemónicas: a defensa, promoción e uso da escolla lingüística dominada; a recuperación de elementos descartados pola tradición dominante, sexan ou non motivo de impugnación ao relato oficial...

·         O Rexurdimento confórmase no contraespazo público a partir da propia praxe sociopolítica e as inquedanzas estético-culturais; son as prácticas concorrentes as que os fan coincidir e non como resultado dun previo debate colectivo. Isto galvanizado pola cuestión identitaria e a constitución dun imaxinario nacional colectivo.

·         O Rexurdimento representa a palabra dos colectivos silenciados. Por esta razón outorga tanta importancia á identificación e recuperación da memoria silenciada.

·         O Rexurdimento está presente en círculos espallados por todo o país. Neste sentido, enunciamos un reto investigador ante os espazos cegos desta renacenza: o estudo dos círculos rexurdimentistas de Lugo ou Ourense, nos que a prensa integramente en galego ou a participación de personaxes coma Aureliano Pereira ou Lamas Carvajal resultan claves e dos cales tan pouco sabemos hoxe.

·         O Rexurdimento atende aos rexistros ocultos. O esforzo por dar á luz textos inéditos (o exemplo de Sarmiento é paradigmático) responde a esta necesidade de completar a historia literaria e política de Galicia, agochada ou esquecida por causas levemente enunciadas: o sometemento a Castela.

·         O Rexurdimento propón un modelo de lingua baseado na fala popular. Saco Arce ou Rosalía de Castro son dous claros exemplos desta posición. Pero é unha posición conceptualizada por Manuel Murguía que rompe calquera prexuízo de «rusticidade», «analfabetismo», «arcaísmo» etc. co que se pretendía aldraxar o idioma do país. Esta foi unha tarefa colosal sen peche: hoxe en día sobran os exemplos de referirse ao galego como lingua de paletos, aldeanos ou incultos.

·         O Rexurdimento débese estudar so o prisma da experiencia da subalternidade nos termos presentados por González-Millán. As prácticas literarias ou culturais, así como a dinámica sociopolítica, están condicionadas por esta situación de desigualdade.

En definitiva, namentres unhas voces alertaban contra «el provincialismo exagerado» (Castelar dixit), outras voces baixas laboraban para prender a «chispa del santo fuego del provincialismo de que tanto necesita Galicia», como dixo o principal ideólogo e a figura máis transcendental do Rexurdimento: Manuel Murguía.

Referencias bibliográficas

Alonso-Monteagudo, J. (2020): «A presenza da música nas historias de Galicia publicadas no século xix. A busca dunha identidade», European Review of Artistic Studies, 11, 58-66.

Alonso Nogueira, A. (1999): «A invención do escritor nacional. Rosalía de Castro: a poeta e a súa patria», en R. Álvarez / D. Vilavedra (coordas.), Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, Santiago de Compostela, Universidade, 41-64.

Alonso Nogueira, A. (2005): Intelectuales, lenguas y dialectos en la España del siglo xix. [Tese de doutoramento inédita].

Alonso Nogueira, A. (2009): «Caminos abandonados. La España Regional, sobre los contextos culturales del regionaismo», en J. Serrano Alonso / A. de Juan Bolufer (coords.), Congreso internacional de literatura hispánica y prensa periódica (1875-1931), Santiago de Compostela, Universidade, 87-99.

Álvarez Ruiz de Ojeda, V. (2000): «Manuel Murguía e a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago», Grial, 147, 299-429.

Angueira, A. (2019): Rexurdimento: a palabra e a idea, Vigo, Xerais.

Artola, M. (1974): Partidos y programas políticos, 1808-1936, Madrid, Aguilar.

Barreiro Fernández, X. R. (1977): El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo, Santiago de Compostela, Pico Sacro.

Barreiro Fernández, X. R. (1982): Liberales y absolutistas en Galicia (1808-1833), Vigo, Xerais.

Barreiro Fernández, X. R. (2009): Historia social da Guerra da Independencia en Galicia, Vigo, Xerais.

Barreiro Fernández, X. R. (2012): Murguía, Vigo, Galaxia.

Barreiro Fernández, X. R. / X. L. Axeitos (2005): Cartas a Murguía, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Beiras Torrado, X. M. (1973): La economía gallega en los escritos de Pedro Antonio Sánchez, Vigo, Galaxia.

Beiras Torrado, X. M. (1981): O atraso económico de Galicia, Vigo, Galaxia.

Beramendi, J. (2007): De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo, Xerais.

Berlin, I. (1999): Las raíces del romanticismo, Madrid, Taurus.

Dobarro Paz, X. M. (2000): «O nacemento dunha literatura», en A. Tarrío (coord.), Galicia. Literatura. Os Séculos Escuros. O século xix, A Coruña, Hércules de Ediciones.

Domingo, J. M. (2009): «Jocs Florals de Barcelona en 1859. Modernizació urbana i representació col·lectiva», L´Avenç, 352, 33-44.

Estrada Sánchez, M. (2008): «¿Y para que queremos las diputaciones? Una reflexión en torno a los orígenes y primera evolución de las diputaciones provinciales», Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, 12, 303-319.

Estrada Sánchez, M. (2018): «A Gloriosa e o galeguismo», Follas Novas, 3, 29-48.

Figueroa, A. (1988): Diglosia e texto, Vigo, Xerais.

Figueroa, A. (2001): Nación, literatura, identidade, Vigo, Xerais.

Fortes, A. B. (2000): Manuel Murguía e a cultura galega, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.

Fradera, J. M. (2003): Cultura nacional en una sociedad dividida, Cataluña 1838-1868, Madrid, Marcial Pons.

García Negro, P. (2021): «Unha ollada sobre a Galiza en tres discursos, Castelar, Emilia Pardo Bazán, Gaspar Núñez de Arce», La Tribuna, 16, 71-76.

Gil Novales, A. (1975): Las sociedades patrióticas (1820-1823), Madrid, Tecnos.

González Besada, A. (1887): Historia crítica de la literatura gallega, A Coruña, Andrés Martínez.

González Fernández, M. (2008): El idioma de la razón. Ilustración e inquisición en Galicia (1700-1808), Vigo, Nigra Trea.

González-Millán, X. (1994): «Do nacionalismo literario a unha literatura nacional. Hipóteses de traballo para un estudio institucional da literatura galega», Anuario de Estudios Literarios Galegos, 67-81.

González-Millán, X. (2000): Resistencia cultural e diferencia histórica, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.

González-Millán, X. (2001): O diccionario enciclopédico de Eladio Rodríguez, Vigo, Xerais.

González Millán, X. (2003): «La reivindicación de un ‘diccionario gallego’ en el siglo xix», Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, 58, 5-31.

Hermida, C. (1992): Os precursores da normalización. Defensa e reivindicación da lingua galega no Rexurdimento (1840-1891), Vigo, Xerais.

Ínsua López, E. X. (2013): «Encadramento e singularidade de Nicomedes Pastor Díaz na literatura galega do seu tempo», en X. R. Barreiro Fernández (coord.), O resplandor primeiro. Estudos en homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz, A Coruña, Real Academia Galega, 33-73.

Julià, Lluïsa (2016):«Rosalía de Castro i Catalunya: recepció i debat identitari», Revista de Catalunya, 9-X-2023, [en liña].

López, T. (2016): «A literatura galega nas gramáticas do século xix», Estudos de Lingüística Galega, 8, 147-166.

López Bernárdez, C. (2023): Unha historia da arte galega, Santiago de Compostela Laiovento.

Martínez González, X. (2015): La Oliva (1856-1857). Un xornal galeguista e progresista na soleira do Rexurdimento. Tese de doutoramento inédita.

Martínez González, X. (2017a): «Do xenio nacional ó criterio filolóxico. Algúns apuntamentos sobre a literatura galega no Rexurdimento»,  Follas Novas, 2, 66-95.

Martínez González, X. (2017b): Galicia ante todo, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora.

Martínez González, X. (2018a): «A estirpe dos Chao no Rexurdimento», Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses, 23, 349-370.

Martínez González, X. (2018b): «A obra de Saco Arce no contexto do Rexurdimento», Boletín da Real Academia Galega, 379, 419-462.

Martínez González, X. (2019a): «El País de Pontevedra. Prensa provincialista no Rexurdimento», Grial, 222, 126-137.

Martínez González, X. (2019b): «O presidente da República que prologou as Follas novas de Rosalía. Notas a unha relación de Emilio Castelar coa cultura galega», Follas Novas, 4, 80-109.

Martínez González, X. (2020): «Eduardo Chao. Bo cidadán, bo partisano», A Trabe de Ouro, 113, 35-52.

Martínez González, X. (2023): «A constitución da literatura nacional» (en imprenta).

Monteagudo, H. (2013): Rogos dun galego contra a Inquisición e outros versos liberais, A Coruña, Real Academia Galega.

Navaza Blanco, G. (2018): «Noticia e reivindicación de Pedro Boado», en A. Acuña / X. H. Costas / A. Iglesias (coords.), Homenaxe a Ramón Gutiérrez Izquierdo, Vigo, Universidade, 177-195.

Pasarón Lastra, R. (1853): Informe sobre el estado en que halló a los colonos pobres de Galicia el hambre que los afligió durante el año de 1853, Madrid, Imprenta de Luis García.

Pérez Ballesteros, J. (1878): Versos en dialecto gallego y correspondencia de sus principales voces, Madrid, P. Calleja y Compañía.

Portillo Valdés, J. M.ª (2018): «Ilustración, nación e imperio en la monarquía española», Araucaria, 40, 59-73.

Rábade Villar, M.ª do Cebreiro(2011): Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, Vigo, Galaxia.

Rey Castelao, O. (2003): Libros y lectura en Galicia. Siglos xvi-xix, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.

Ríos Panisse, M.ª do C. (1993): «Nuestra bandeira literaria’, de Antolín Faraldo. Primeiro manifesto artístico galeguista», Anuario de Estudios Literarios Galegos, 2, 157-171.

Rodríguez, F. (2011): Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, A Coruña, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

Rodríguez, F. (2022): «Murguía e o medievo galego», Follas Novas, 7, 154-183.

Rodríguez González, D. (2016): «Unha carta de Manuel Murguía a Rosalía de Castro», Follas Novas, 1, 144-157.

Sánchez Rodríguez de Castro, M.ª del C. (1992): El Real Consulado de La Coruña. Impulsor de la Ilustración (1785-1833), Sada, Ediciós do Castro.

Saurín de la Iglesia (1977): Apuntes y documentos para una historia de Galicia en el siglo XIX, A Coruña, Deputación da Coruña.

Saurín de la Iglesia (1980): El hambre y las revueltas populares en Galicia (1836-1856), A Coruña, Deputación da Coruña.

Saurín de la Iglesia (1989): Los artículos del Diario de Madrid (1794-1800), A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Sixirei Paredes, C. (1999): «Los gallegos en Cuba en el siglo xix. Cultura y regionalismo», Historia Contemporánea, 19, 197-212.

Thiesse, A. M. (2010): La creación de las identidades nacionales, Madrid, Ensenada de Ézaro.

Vigo Trasancos, A. (2012): Barroco. La arquitectura sagrada del Antiguo Reino de Galicia (1658-1763), Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago.

Villares, R. (2017): Identidade e afectos patrios, Vigo, Galaxia.


NOTAS A RODAPÉ


[1] Queremos expresar o noso agradecemento a Álex Alonso Nogueira polas notas e conversas.

[2] Léase El idioma de la razón. Ilustración e inquisición en Galicia (1700-1808), de Martín González Fernández.

[3] Léanse os artigos de Manuel Pardo de Andrade (pai do xornalismo galego), en Diario de Madrid (Saurín de la Iglesia 1989). Ademais disto, escribiu o exitoso Os rogos d´un gallego establecido en Londres (1813), que tivo unha segunda edición en 1841, de novo so a protección do progresismo triunfante, con Espartero empoleirado no Goberno. Para máis detalle vid. Rogos dun galego contra a Inquisición e outros versos liberais (1813-14), en edición de Henrique Monteagudo (2013).

[4] Varios casos: a biblioteca dos libros prohibidos da universidade compostelá, a rebotica de Suárez Freire (coñecida como a «esquina do combate»), a libraría de Rei Chiquito, a pousada de Valentín de Foronda, a rebotica de José María Chao en Vigo… Segundo González Fernández (2008: 454): «cada ciudad, villa o pueblo corto, parece, tenía las propias [tertulias], fuera en domicilios particulares, cafés o, sencillamente, barberías. Eran los nuevos espacios de información y debate, y de gestión del poder». Na mesma liña escribe Rey Castelao (2003: 132): «los libros y las ideas entraban con cierta facilidad».

[5] Para un achegamento ao contexto de época vid. Saurín de la Iglesia (1977).

[6] Esta entidade asociativa creada en Madrid, nunha alianza entre clases altas e clérigos arredor do Apóstolo Santiago, fixou o 25 de xullo como unha data de celebración co gallo da homenaxe ao citado apóstolo. Martín Sarmiento participou na Congregazón e homenaxeouna nas Coplas escritas en lingua galega na metade do xviii. Velaquí un fío para o estudo da sociabilidade formal galega na emigración setecentista en Madrid.

[7] A xustificación para estas etapas atópase en Martínez González (2020: 87-88).

[8] Lembremos que o groso da produción da lírica medieval galega se descobre no último cuarto do século XIX. Para máis información léase Névoas de antano (1991), de Teresa López.

[9] Sobre esta cuestión pódese ler con detalle o noso traballo «Do xenio nacional ó criterio filolóxico» (Martínez González 2017a).

[10] A escolla da lingua A (castelán) supoñía o uso da lingua dominante nun campo literario no que existía un prestixio sociocultural e unha potencial proxección na futura traxectoria do autor; a escolla da lingua B (galego) era a escolla da lingua dominada, carente de estruturas político-culturais, sen manuais lingüísticos, nun intento (por tanto, sen éxito asegurado) de conformar un campo literario que tiña unha fráxil tradición e un horizonte aínda máis incerto. Vid. Figueroa (1988).

[11] Vid. Crisis agrarias y crecimiento económico en Galicia en el siglo XIX (Ed. do Castro, 1981), de María Xosé Rodríguez Galdo e Fausto Dopico.

[12] O catedrático de Historia da Arte, Alfredo Vigo Trasancos (2012), sostén que o barroco tivo unha tipoloxía singular co propósito de ser «una apología del Reino de Galicia». Na mesma liña pronúnciase o especialista en arte galega Carlos López Bernárdez ao falar da «eclosión dunha xenuína escola galega» e «dunha auténtica independencia na expresión cultural» (2023: 137-138). Por outra parte, citemos o interese que este período suscitou en Murguía, como se recolle no seu ensaio El arte en Santiago durante el siglo xviii y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria (1884).

[13] Sobre este contexto e o papel dos ilustrados, léase O atraso económico de Galicia (Galaxia, 1981: 93-130), de Xosé Manuel Beiras.

[14] Portillo Valdés (2018) advirte que a Ilustración non se pode tomar como «un fenómeno universalista y al margen del nacionalismo». Debemos engadir que esta institución quixo levar como nome Real Sociedad de Amigos del País de Galicia.

[15] Vid. Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1749-1806). Un promotor de la Ilustración en Galicia, de Carlos García Cortés.

[16] Co seu relanzamento en 1834 introdúcese un cambio notable: para o curso 1835/36 admítese a matrícula de mulleres: haberá 88 varóns e 55 mulleres (Álvarez Ruiz de Ojeda 2000).

[17] Nós empregamos a etiqueta de «Xeración do 46» para referirnos a aquela pléiade nada na década dos 20, ligada á Academia Literaria, á prensa provincialista dos 40 e involucrada na Revolución de 1846; e por «Xeración do 56» referímonos aos que naceron na década dos 30, ligada a El Liceo de la Juventud, á prensa provincialista dos 50, participantes nos Xogos Florais e no Álbum de El Miño. A escolla da data de 1856 xustifícase porque nese ano é o Banquete de Conxo, sae o primeiro número de La Oliva (xornal central do Rexurdimento canda o seu sucesor El Miño, co que forma un único proxecto editorial) e por honrarse por vez primeira a memoria dos Mártires de Carral co gallo do seu décimo cabodano.

[18] O Consulado constituíuse en 1785 á calor da burguesía local, xa de tendencia liberal. Debemos destacar a súa biblioteca aberta en 1806, que se nutriu dos libros de Sánchez Vaamonde, logo de que o liberal exaltado Julián Suárez Freire actuase como o seu testamenteiro. Este dato revélanos a importancia dos estudos sociolóxicos da cultura, sobre todo aqueles que traballan a sociabilidade, en termos de Maurice Agulhon.

[19] Sobre esta primeira prensa galega pódese consultar o volume Primeiros diarios galegos (1808-1809), en edición de Xosé López e Rosa Aneiros, publicado polo Consello da Cultura Galega (2008).

[20] Consúltense os dous volumes dos Papés d´emprenta condenada (2008, 2012), publicados polo Consello da Cultura Galega en edición de Ramón Mariño Paz. No eido social-popular, de participación nos asuntos públicos, é iluminadora a investigación de Xosé Ramón Veiga Alonso, co seu Poder e política na Galiza vilega (1790-1833) (Bolanda 2017).

[21] A cita está tomada do artigo de Barreiro Vázquez de Varela en La Ilustración Gallega y Asturiana, 21 (1881).

[22] Neste período esgaza o liberalismo en dúas grandes liñas: os exaltados e os doceañistas. Contra 1840 os primeiros tomarán forma arredor do Partido Progresista e, os segundos, arredor do Partido Moderado (Artola 1974).

[23] Sobre a figura e época léase Juana de Vega. Condesa de Espoz y Mina (1805-1872), de Xosé Ramón Veiga.

[24] Vid. El Partido Demócrata español 1849-1873. Los primeros demócratas, de Antonio Eiras Roel.

[25] Sobre a estirpe Chao e o Rexurdimento, vid. Martínez González (2018). Para o caso concreto de Eduardo Chao, vid. Martínez González (2020).

[26] Díxose que fora convidada para os Jocs de 1867. Un dato repetido acotío pola investigación rosaliana (Alonso Montero 1972; Pociña / López 2000; Bermúdez 2016). En realidade, trátase dun erro (Martínez González 2015; Julià 2016). Un erro cun notable troco na interpretación: os Jocs de 1868 presídeos un Víctor Balaguer acabado de chegar do exilio e dentro do contexto revolucionario coa expulsión de Isabel II. Por tanto, a situación política traslada outra connotación a esta invitación.

[27] Léase «Renaixença e Rexurdimento. Unha proposta comparativa», Anuari Verdaguer, 23 (2015); e «Rosalía de Castro, a ponte antre o Rexurdimento e a Renaixença», eHumanista,  5 (2014), ambos os artigos son da nosa autoría. Tamén o libro Rosalía de Castro na prensa barcelonesa (1863-1899), de Carme Hermida, e o artigo «Rosalía de Castro i Catalunya: recepció i debat identitari», de Lluïsa Julià, publicado en Revista de Catalunya (2016).

[28] A emigración actuou como un órgano institucionalizador que converteu a Rosalía na gran figura representante da Galicia imaxinada.

[29] Tanto Brañas coma Pereira participan de cheo no Rexurdimento, dende o plano político ao cultural e lingüístico. A relación entre os campos político e cultural son incuestionables. Por iso cómpre ler alén da propia función literaria dos textos e interpretalos como pezas da grande obra.

[30] Recomendamos para o caso musical a tese de doutoramento de Luís Costa, La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936 (Universidade de Santiago de Compostela, 2000).

[31] Os estudos de Máiz son imprescindibles para comprender o concepto de nación no seo do rexionalismo galego. Léanse, por exemplo, Alfredo Brañas. O ideario do rexionalismo católico tradicionalismo (1983), O rexionalismo galego. Organización e ideoloxía (1886-1907) (1984), O pensamento político de Murguía (1999) ou Escritos sobre federalismo e galeguismo. Aureliano Pereira (2006).

[32] Neira de Mosquera, figura insubstituíble no elo entre xeracións, definiu este volume de Verea como un «monumento levantado para restaurar nuestra nacionalidad».

[33] Léanse os artigos de Portillo Valdés: «Federalismo y nación en los orígenes del liberalismo español», Araucaria 4 (2000), e «Ilustración, nación e imperio en la monarquía española», Araucaria 40 (2018).

[34] É importante constatar nos traballos de Segarra ou de Estrada Sánchez (2008) o xiro do provincialismo dende unha postura conservadora cara á progresista.

[35] Aínda que de xeito esporádico, o provincialismo aplicado a Galicia como debate aparece recollido no Diario de operaciones del sexto cuerpo del Ejército (1811) ou en El Ciudadano (1821), ambos impresos no país.

[36] Máis sobre Boado en Navaza (2018). Pedro Boado educouse na casa de Sánchez Vaamonde, a carón de José Rodríguez (o matemático de Bermés) e do boticario Julián Suárez Freire; é dicir, tres prebostes do liberalismo galego.

[37] Ademais, Verea foi membro de honra da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago de Compostela, vencellado ao grupo liberal da Coruña do Café La Esperanza, bibliotecario da USC, colaborador na prensa liberal (Gazeta Marcial y Política, El Cartel, Diario Cívico Patriota ou durante o Trienio Gaceta Política y Económica de La Coruña), autor de diversos estudos sobre o fomento industrial de Galicia, membro da Real Academia de la Historia e responsable da traída da espada do xeneral Antonio Quiroga a Betanzos. Non era, pois, un home calquera de entre os resistentes dende a transición do absolutismo ao parlamentarismo liberal e a aparición na prensa do provincialismo.

[38] Murguía recomendáralle a lectura de Les bretons, de Auguste Brizeux, para animala a escribir un libro de poemas nunca feito. A temática celtista, tan querida polo seu home, nada parece interesar a Rosalía (Rodríguez González 2016).

[39] Para termos un visión do panorama e idea que había sobre o pobo galego, mírese a tese de doutoramento O estereotipo antigalego na literatura española moderna: xénese, desenvolvemento e consolidación (2020), de Alexandre Pérez Vigo.

[40] Vid. Contribución a la crítica de la lexicografía gallega. El diccionario gallego-castellano de F. J. Rodríguez y su repercusión en la lexicografía gallega (1976), de José Luis Pensado.

[41] Sobre o valor dos dicionarios, recomendamos cavilar arredor dos traballos de González Millán (2001, 2003), quen afirmou «o diccionario é o libro nacional por excelencia, o depósito da historia».

[42] Léase López (2016).

[43] Para o caso que nos ocupa, de letras e notas, cómpre ler Alonso-Monteagudo (2020).

[44] Arredor de Faraldo existiron medias verdades e mesmo falsidades notorias. Co gallo do bicentenario do seu natalicio, publicamos e editamos a obra Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento (2022).

[45] «De la historia de Galicia» (n.º 57), «De las diversas causas que han influido de una manera defavorable en el desarrollo de nuestra literatura provincial» (n.º 96, 97, 101 e 102), «Resumen de la historia política de Galicia» (n.º 110) e «Del poeta de Galicia» (n.º 125).

[46] Vid. Galicia ante todo. Páxinas esquecidas do Rexurdimento (1840-1853) (Alvarellos, 2017), cunha edición e amplo estudo introdutorio ao noso coidado.

[47] Non puido ser casualidade que a fundación desta asociación fose xusto no primeiro aniversario dos fusilamentos de Carral, o 26 de abril de 1847.

[48] O estudo deste xornal e do provincialismo organizador na Coruña arredor de figuras coma Vicetto segue sendo unha materia de urxente atención.

[49] Este xornal organiza os Xogos Florais de 1884. Dous anos despois celebra un certame literario-musical que terá como presidente a Manuel Murguía. No seu discurso aproveitará para sentar doutrina rexionalista.

[50] Se non citamos O Tío Marcos d´a Portela (1876-80; 1883-89), o primeiro gran xornal monolingüe en galego, é porque a súa orientación non é precisamente progresista senón máis ben próxima ao partido templado, como dicían con retranca para referirse aos moderados.

[51] Malia non tratarse dun tratado teórico do rexionalismo, resulta de interese na medida en que se expón a proposta dos republicanos federais galegos, entre os cales están Aureliano Pereira, Manuel Leiras Pulpeiro, Manuel Mosquera Lequerica ou Segundo Moreno Barcia (todos eles ligados ao Rexurdimento).

[52] Este ensaio publicouse grazas ao impulso da emigración galega en Cuba, por medio de Waldo Álvarez Ínsua, director d´El Eco de Galicia na Habana.

[53] Debemos destacar que se formaron comités rexionalistas en varios puntos da xeografía galega alén da Coruña: Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo ou Tui. Carecemos de estudos para avaliar as redes de sociabilidade nestes lugares.

[54] No número 6 de Follas Novas aparece «As rimas populares de Galicia de Manuel Murguía á luz do conservado no fondo Said Armesto», autoría de Diego Rodríguez.

[55] Esta novela dedicoulla a Juana de Vega por varios motivos, entre eles por «Vuestro espíritu de provincialismo, nunca desmentido».

[56] Vid. «Historia de Galicia: Pardo de Cela», El Eco de Galicia, 45 (30-VIII-1851).

[57] La Oliva, 35 (31-V-1856).

[58] Revista Galaica , n.º 1 (15-V-1874). O poema fora publicado en El Clamor de Galicia no ano 1856.

[59] Para unha lectura crítica sobre a Idade Media en Murguía, vid. Rodríguez (2022).

[60] Vid. El Vapor, 36 (11-VI-1833). Dende 1806 volvera funcionar a Académie des Jeux Floraux (tamén coñecida como Consistori del Gay Saber), sita en Toulouse.

[61] Vid. Domingo (2009) e, en xeral, os volumes publicados polo Grup d´Estudi de la Literatura del Vuit-Cents.

[62] Vid. n.º 33 (13-VIII-1843). Aquí cítanse os juegos floreales da Compostela dos séculos xvi-xvii.

[63] Na lista de mantedores e adxuntos do Consistorio dos Xogos Florais da Coruña atopamos nomes como Marcial del Adalid e Marcial Torres del Adalid, Ramón Barros Sibelo, Gonzalo Brañas (medio irmán de Alfredo Brañas), Hipólito Otero, José Pardo Bazán, Manuel Rúa Figueroa, Luís Rodríguez Seoane, Benito Vicetto ou Eduardo Pondal. Nótese a ausencia de Manuel Murguía.

[64] A presenza do galego foi pequena. Logo ampliarase en El Álbum de la Caridad (1862) so edición de Antonio de la Iglesia. Un traballo por facer é estudar os criterios que usa o antólogo á hora de acoller autores e textos. Vid. As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña (2004), de María do Cebreiro Rábade Villar.

[65] Este libro será a segunda antoloxía de autores rexurdimentistas, logo d´El Álbum de El Miño, que recolle textos publicados no xornal vigués El Miño, liderado por Juan Compañel e Manuel Murguía.

[66] O certame de Lugo considerouno Antonio de la Iglesia como «Xogos Florais» (consúltese o fondo De la Iglesia na Real Academia Galega). Con exactitude, a convocatoria non levaba este nome. O organizador foi o Liceo Artístico-Literario de Lugo, presidido polo mestre de instituto Valentín Portabales e con José María Castro Bolaño como responsable da sección literaria. Vid. El Buscapié, 62 (7-VII-1867). O certame fixérono coincidir coa Exposición Rexional de Galicia organizada en Lugo.

[67] Murguía fomenta, de maneira rotunda, esta concepción estética en artigos como o recollido en La Oliva, 96 (31-XII-1856) e citado páxinas atrás.

[68] Sobre este contexto político, cómpre ler o estudo de Pilar García Negro «Discurso de Manuel Murguía. Xogos Florais de Tui (1891)», publicado en Follas Novas, n.º 7, pp. 208-221.

[69] Para coñecer os debates, o contexto e os feitos acontecidos arredor da literatura provincial no xix é imprescindible a tese de Álex Alonso Nogueira, Intelectuales, lenguas y dialectos en la España del siglo xix (2015).

[70] Un achegamento encontrámolo en García Negro (2021).

[71] Alí estivo Fanny Garrido, escritora en lingua galega e parella de Adalid, ambos presentes nesta mostra musical.

[72] Recomendada a lectura interpretativa que Alonso Nogueira realiza no artigo «Xénero, nación e subxectividade: Pardo Bazán e a re-escrita da novela rexional. Cara a unha lectura a contrafío de Los pazos de Ulloa», presentado no III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos (Denver 2018). O texto aínda está inédito e agradecemos ao autor a súa consulta.

[73] Un suceso transparente é a crítica ao volume bilingüe de Poesías (1878), de Saco Arce. Se unha parte da prensa aplaude os poemas en galego de temática relixiosa, Pardo Bazán defíneos como «infructuosas tentativas» porque o galego é óptimo para «la nota concreta, viva, pintoresca, sentida a veces, ingenua y natural siempre, y popular en suma»; é dicir, o galego non é válido para «temas abstractos y de las gigantes proporciones del salmo» (citamos por Martínez González 2019: 136).