“especiais” do CCG

A voz inédita de Otero Pedrayo: Xornadas de 1959 no Centro Galego de Bos Aires

A mellor oratoria de Otero Pedrayo no seu centenario

No día do 50 aniversario da morte de Ramón Otero Pedrayo, ofrecemos seis documentos sonoros coa súa voz, aínda inéditos, preservados no Arquivo Sonoro de Galicia. Corresponden á súa viaxe a Arxentina de 1959, onde foi o convidado de honra do Centro Galego de Bos Aires e participou en numerosos eventos das Xornadas Galegas. Estas xornadas foron a principal celebración da colectividade galega na Arxentina arredor do Día Nacional de Galicia. Xurdiron como resposta á necesidade de dotar o 25 de xullo dun contido que excedese o mero feito relixioso, e foron medrando en prestixio ata converterse nun acontecemento sen parangón entre as colectividades estranxeiras radicadas no país, tanto pola súa periodicidade como pola súa amplitude. O Centro Galego era a única institución capaz de centrar a data desenvolvendo arredor dela unha sostida actividade cultural.

Durante case dúas semanas, organizábanse unha vintena de conferencias, sesións e actos no local social e nas máis altas tribunas arxentinas, xunto cos tradicionais concursos literarios e musicais, unha audición radial por LR 1 Radio El Mundo, a misa no Panteón Social en memoria dos consocios desaparecidos, o homenaxe floral a Rosalía de Castro e a ofrenda ao monumento ao Xeneral San Martín. A velada de gala no Teatro Colón, coa execución do Himno Galego e actuacións de ballet, ópera e do conxunto Airiños dirixido por Celia Caneda, constituía o momento culminante das festividades.

A edición de 1959 desenvolveuse entre o 17 e o 31 de xullo. Otero continuou durante o mes de agosto na Arxentina, participando noutros actos culturais dos que aquí tamén presentamos gravacións.

Compartir: