Antonio Fraguas e a Radio
A radio chegou a Galicia unha fría tarde do 15 de xaneiro de 1933 e a primeira voz que se escoitou por «Radio Galicia EAJ-4» foi a dun mozo Antonio Fraguas, que aos seus 27 anos era profesor axudante da Facultade de Xeografía e Historia, membro do Seminario de Estudos Galegos e promotor da Liga Santiaguesa pro Estatuto, auténtica impulsora do acordo coa empresa Unión Radio para a instalación da emisora. Fraguas puxo a voz, pero elixiu para as primeiras verbas que saíron polo micrófono aberto de Radio Galicia un poema do seu amigo e compañeiro Fermín Bouza Brey. Un texto aínda inédito do libro Nao senlleira —en imprenta—, que meses despois colocaría ao poeta e xuíz á fronte do chamado «neotrobadorismo» galego:
¡Quen dera ser nao senlleira
naquel mar non presentido
das xa mergulladas terras!
Sen ceos, sen astros, sen vento,
sempre á toa polas ondas
deitado no esquecemento,
nin andar nin desandar,
nin ter outro coido acedo
que deixarse ir polo mar...
¡Quen dera ser nao senlleira!
Sen fito —estrela nin porto—
¡ser eu a propia ribeira!
¡Quen dera...!
Quen dera ser nao senlleira
naquel mar non presentido
das xa mergulladas terras!
Sen ceos, sen astros, sen vento
sempre á toa polas ondas
deitado no esquecemento.
Logo dun breve silencio escénico, a emisión radiofónica, agardada con grande expectación pola cidadanía, continuou navegando polas ondas dende os estudios provisionais de San Domingos de Bonaval, moi cerca das actuais instalacións do Museo do Pobo Galego, que tanto lle deben ao labor de Fraguas. A radio en Galicia foi posible grazas ao pulo dun grupo do profesorado e estudantado da Universidade de Santiago, ligados ao galeguismo, que apostaban polo novo medio como un elemento de modernización da sociedade, como o mellor vehículo para a dignificación do idioma galego e como unha ferramenta para impulsar a promoción do Estatuto de Galicia.
Antonio Fraguas, quitándolle importancia, como persoa humilde que era, rememoraba estas lembranzas sesenta anos despois, nunha entrevista realizada a comezos de 1993 por Antena 3 Radio de Santiago, na que reviviu o proceso de defensa da Autonomía de Galicia iniciado coa Asemblea de Concellos de Galicia que se celebrou en Compostela os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932. Poucos días máis tarde daquela histórica data chegaron a Santiago os equipos de transmisión para a nova radio, procedentes da extinta Radio Castilla, unha emisora madrileña do enxeñeiro e fabricante de equipos de radio Antonio Castilla. A emisora madrileña fora creada en 1925, emitiu poucos meses e asignáronlle a matrícula «EAJ-4», que quedou definitivamente como elemento de identidade de Radio Galicia.
Como recoñecía Antonio Fraguas, a radio, dende os seus inicios nos anos 20, engaiolou a toda a intelectualidade, que atopou no medio unhas posibilidades expresivas comparables ás da literatura, o teatro ou o incipiente cine, que tamén estaba dando os primeiros pasos. O novo medio electrónico, baseado na carnalidade da palabra e no valor expresivo da música, era capaz de superar fronteiras e a manifestación da modernidade máis absoluta. Meses antes da posta en marcha de Radio Galicia, o poeta e dramaturgo alemán Bertolt Brecht publicaba a súa célebre Teoría da radio, na que elevaba o medio a unha categoría artística e social sen precedentes.
Parece que todo estaba disposto para que radio e Autonomía vivisen vidas paralelas en Galicia. Había 9 anos que a radio era unha realidade no Estado, dende a posta en marcha en 1924 de Radio Barcelona, pero a Ditadura de Primo de Rivera bloqueou a concesión de novas emisoras e a recentemente nada II República tardou un tempo en outorgar novas concesións. O 8 de decembro de 1932, o Goberno republicano publicou un decreto que posibilitou a posta en marcha de novas emisoras locais de baixa potencia, ao que, co total apoio do Concello de Santiago —como pedía a lei—, se acolleu a Liga Santiaguesa, e logrou un acordo con Unión Radio, empresa que tiña xa seis emisoras no Estado. En pouco máis de vinte días, o trato estaba pechado e os equipos chegaron a Compostela para ser situados en terreos municipais: a antena no monte da Almáciga e os estudios en Bonaval.
Antonio Fraguas, entusiasmado co invento, colaborou en todo o que lle pedían os técnicos chegados de Madrid, ás ordes do enxeñeiro e director xeral de Unión Radio, Ricardo María Urgoiti, que é quen convence a Antonio Fraguas para que inicie as emisións coas palabras que considere oportunas. Fraguas, como vimos, recorreu ao texto de Bouza Brey, substituíndo alegoricamente o mar polas ondas electromagnéticas, que levaban a nave de Galicia pola nova galaxia do vento. Camilo Díaz Baliño realizou un fermosísimo decorado para os estudio, e o galego estivo presente nas historias humorísticas de Xosé Mosquera —«O vello dos contos»—, nas palabras de Otero Pedrayo e nos contidos informativos sobre a evolución do Estatuto, incluídas as históricas conexións transoceánicas coa emigración americana.
A radio naceu cunha clara vocación de compromiso con Galicia, no que Antonio Fraguas, ao que este ano lle dedicamos o «Día das Letras Galegas», desempeñou un papel transcendente que debemos reivindicar. Mágoa que logo viñesen os tempos da anulación e do esquecemento, dos que aínda somos vítimas.
por Xosé Ramón Pousa


