“especiais” do CCG

Son de Galicia: Centenario de Cantigas e Agarimos

A estrea en Galicia de Os vellos non deben de namorarse

Non era calquera obra teatral nin era calquera autor. O 25 de xullo de 1961 estreouse na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, durante as festas do Apóstolo, Os vellos non deben de namorarse, a única obra teatral de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a figura emblemática da Galicia da primeira metade do século XX. Castelao escribira Os vellos en Nova York, aos inicios do seu exilio, e rematouna en 1939. A estrea realizouse en 1941, no Teatro Mayo de Bos Aires. A represión e o silenciamento fixeron que esta "regalía para o pobo galego", como a chamou Castelao, tardara vinte anos en contar cunha estrea en Galicia.



Foi o grupo de teatro do coro Cantigas e Agarimos o responsable da primeira montaxe da emblemática obra de Castelao. Fíxoo durante as festas do Apóstolo de 1961. O permiso das autoridades franquistas chegou só tres días antes da representación, pero a compañía levaba xa catro meses de ensaios e tiña os decorados preparados. A obra fora dirixida por Rodolfo López-Veiga. O acto converteuse en toda unha reivindicación do galeguismo. Na praza estaban presentes as irmás de Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro, Antón Fraguas, Manuel Beiras, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brey, Ricardo Carballo Calero ou Filgueira Valverde, entre outros. O réxime concedeu autorización para actuar en varias cidades galegas. A abundancia de público asistente fixo que a dictadura considerase non autorizar máis representacións nese momento.

Estas fotografías e rascuños, pertencentes ao Fondo Vicente López, dan conta da emoción do momento, da coidada montaxe e da asistencia de 5.000 persoas, segundo a documentación do coro.

Compartir: