«Vote Centro»
Cartel de propaganda electoral da Unión de Centro Democrático (UCD) coa fotografía de Adolfo Suárez en primeiro plano. A UCD amosouse como a forza máis integradora do recentemente estreado panorama político e apostaba pola vía do pacto e da reforma pacífica. Era a imaxe da moderación que caracterizaba á maioría dos votantes que, saíndo dunha ditadura, temían un enfrontamento armado ou un retorno desta. O feito de que estivese integrada por persoas que, como o seu propio líder, Adolfo Suárez, procedían do mesmo aparello de Goberno dos anos finais do franquismo facilitoulle unha esmagadora vitoria electoral nas eleccións de 1977. A súa posición de privilexio continuou tras unha segunda vitoria nas eleccións lexislativas de 1979; mais, o feito de ter cumprido, segundo boa parte dos seus integrantes, o seu propósito orixinal de traer a democracia e as primeiras fisuras na organización fixeron afundir o partido.


