Manuel Murguía, ideólogo do Rexurdimento
por Xurxo Martínez González.
Investigador
Sapere
aude[1]
O
abrente do século xix álzase cun
horizonte de grandes cambios. Unhas mudanzas que afectaron a distintos planos
da sociedade europea. Mais na historia (sempre en espiral, nunca en liña) non
existen os cortes limpos. En realidade, todo é a suma dun ir e vir de pequenos
sucesos ganduxados; é dicir, cómpre poñer a dialéctica sobre os pés e non
cabeza abaixo, tal como dixo Marx.
Isidro
Dubert, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela,
dixo: «quen constrúe o país, como o constrúe e para quen o constrúe?». Os
grandes relatos escribíronse ao ditado do poder, excluíndo as clases humildes
ou mulleres, así como os pobos asoballados ou culturas feitas dende abaixo, e
céntranse en acontecementos de simboloxía non popular.
Porén
cada ser humano, sexa cal for a súa identidade e como membro dunha determinada
comunidade nun espazo/tempo concreto, leva ao carrelo a súa microhistoria. A
unión de cada unha delas compón o completo da historia, como as pezas dun gran
mosaico que precisan unhas das outras para que o conxunto tome forma. É dicir:
nós cremos na suma das microhistorias entrelazadas no canto da fráxil e
esvaradía lectura da macrohistoria.
En
consecuencia, analizamos o Rexurdimento coas raizames botadas no país pero coa
vista ao lonxe. Galicia experimenta os cambios producidos en Europa. Malia que
ás veces sexamos vistos, e por tanto analizados, como un fisterra ou unha sorte
de terminal de Europa, os datos conservados refutan esta tese. Por exemplo,
sábese que se traían libros da Francia revolucionaria[2], que intelectuais galegos
coñeceron dende primeira hora o romanticismo[3] ou que existían
parladoiros clandestinos de corte liberal[4].
O
propio Murguía, e traemos aquí a cita por ser el o protagonista desta obra,
escribiu en relación cos séculos x-xii:
«Huellas imperecederas quedaron de ello en Galicia, que prueban que aquí no
sólo vivíamos en diario contacto con Francia, sino también con el Reino Unido y
hasta con Alemania» (1905: 17). O obxectivo era testemuñar que o noso país
sempre estivo conectado con Europa e non existiu apenas como extremidade
peninsular con centro emisor en Madrid.
As
elites do vello reino souberon das mudanzas operadas no continente: a filosofía
liberal en Inglaterra e ilustrada en Francia, os cambios políticos operados en
ambos os países mediante revolución, as alteracións no poder económico co
consecuente ascenso da burguesía como clase social dirixente, a introdución de
novas formas de lecer sitas en espazos urbanos fronte ás veladas
aristocráticas, o triunfo do romanticismo como estética ligada a estes cambios
socioeconómicos, o impulso definitivo nos procesos de desintegración dos
imperios e a inmediata emerxencia dos procesos de emancipación nacional
(Bélxica, Polonia, Grecia…), a identificación dos elementos populares como
constitutivos da nación etc.
Cómpre,
pois, entender o Rexurdimento en diálogo con estas transformacións e detectar o
seu impacto no país. En todo caso, polas características deste traballo,
explicaremos en síntese a renacenza galega sobre tres bases: liberalismo,
nacionalismo e romanticismo. Pero antes uns apuntamentos xerais para nos situar
no tema.
Falamos do Rexurdimento? Notas mínimas
A
institucionalización dun determinado concepto de Rexurdimento, sobre todo a través
da escola, preséntanolo como un movemento elitista de recuperación da lingua
galega na escrita. Unha lectura que tamén está presente en estudos académicos.
Entre eles na Historia da literatura
galega contemporánea (1975), de Ricardo Carballo Calero, da cal beberán os
seus discípulos e que será un manual de referencia para os libros de texto. De
aí a citada institucionalización do concepto por medio do ensino obrigatorio
(Angueira 2019).
En
troques, nós concibímolo como un movemento cívico-político da intelligentsia comprometida co país e as
súas xentes, no rego aberto por investigadores como Xosé María Dobarro (2000)[5]. Trátase da acumulación
dunhas prácticas sociopolíticas e culturais que impugnan o discurso dominante
identificado con Castela, como sinécdoque de España.
Un
dos obxectivos do Rexurdimento era converter o estigma en estima: lingua,
costumes, música, paisaxe, tradicións, monumentos, persoeiros históricos,
pasado político… Rehabilitar o país
ante e para os seus habitantes; en consecuencia, tornalos conscientes de seren
pobo galego (nación en si, nación para si). Mais isto supón tamén ser
recoñecido polo outro como unha
entidade distinta. A mudanza discursiva sobre esta materialidade, viva e real
para o pobo, será fundamental para o bo percorrido do Rexurdimento.
A realidade galega resultaba aterradora. As vagas
migratorias ían en aumento, en condicións lamentables tanto na partida como na
viaxe e chegada (Saurín 1980; Sixirei 1999). As situacións de escravismo foron
denunciadas pois eran unha realidade calamitosa e unha verdadeira aldraxe ao
xénero humano. En Faro de Vigo (n.º
39, 16-III-1854), dirixido entón polo escritor provincialista e bilingüe de
ánimo conservador José María Posada, lemos:
Tenemos fundadas sospechas para atrevernos a asegurar que
se piensa más en sustituir la falta de la raza negra con los hijos de la
desdichada Galicia en la Isla de Cuba, que satisfacer á estos el trabajo duro y
penoso á que se van á dedicar. […]
Condiciones
á nuestro modo de ver más duras que las que se imponen á los chinos. […] Por
que razón mensualmente se paga al chino y al negro 20 duros y á estos pobres
hijos de Galicia sólo cinco?
A
fame era un mal presente ano tras ano. Mais 1853 supuxo unha «matanza por
inanición». O deputado arraiano de Castropol, de sentir galego, Ramón Pasarón
Lastra (1853: 5) describe a situación nun informe encargado pola Real Congregación del Apóstol Santiago de
Nacionales y Originarios del Reino de Galicia
Veíanse los caminos cubiertos de labradores que emigraban
en tropel de sus aldeas para ir á implorar la caridad pública en los pueblos.
Más de una vez se presenció el espectáculo desgarrador de una madre que no pudo
dar á su hijo espirante otro alimento que lágrimas de dolor y desesperación. La
huella fatídica que dejaban en pos de si estas funestas comitivas, marcábanla
los cadáveres y agonizantes hermanos de su infortunio. Los campos quedaron sin
cultivo por falta de siembra; las casas de los colonos fueron abandonadas, y la
soledad y la muerte reemplazó á la animación y á la vida de otros años.
Esta
crúa paisaxe a través da literatura en galego, como se ve nos poemas de Xoán
Manuel Pintos («Deitouse a fame ó longo dos sembrados...») ou Rosalía de Castro
(«Tembra un neno no húmido pórtico...») ou no capítulo «Ignotus» en Los precursores do propio Murguía. A
violencia do marasmo que se vivía
debeu golpear na conciencia dunha parte da gens
de lettres do pobo galego. De aí que, por exemplo, a cuestión do foro ou as
condicións de vida da clase labrega tivesen un espazo de atención na obra de
Manuel Murguía.
A periodización
rexurdimentista resulta, aínda hoxe, un asunto sen consenso. Aquí non imos deternos
polo miúdo pois xa propuxemos con argumentos tres etapas: precursores
(1808-1856), Rexurdimento pleno (1857-1885) e continuadores (1886-1906)[7]. En síntese, todo o século xix.
Noutra
orde de cousas, cómpre suspender o criterio filolóxico para estudar o
Rexurdimento. A xustificación parece obvia cando na produción de Murguía, por
exemplo, o castelán é practicamente a única lingua. O mesmo sucede con Antolín
Faraldo, Antonio Neira de Mosquera, Benito Vicetto... Mais tantos os escritos
como os autores son imprescindibles para comprender o Rexurdimento en termos de
construción do discurso identitario, na conformación do imaxinario nacional
colectivo ou na divulgación entre as elites ilustradas.
En
relación con isto botamos man da vía analítica de González-Millán (1995), que
distingue o período do nacionalismo
literario do que é a literatura
nacional, que sería un paso posterior. O primeiro caracterízase pola
apropiación dos textos, en castelán ou galego, para a causa nacional; é dicir,
que textos posúen un valor extraliterario para actuar en forma de aspersor
discursivo do imaxinario nacional colectivo sen que a lingua ocupe un posto
privilexiado e discriminatorio. Murguía, consciente da escasa tradición
literaria coñecida a mediados do xix[8], arenga á escrita en
galego (pois para el a lingua é o elemento primordial da nación) pero
entrementres apodérase dos textos en castelán para os fins antes citados[9].
O
Rexurdimento pretende restituír os períodos de esplendor do antigo reino. A grande obra é recuperar un peso político
que posibilite o adianto do país; gañar autonomía política. E como repercusión
deste contexto favorable, que propiciaría unhas condicións óptimas de recursos,
institucións, mecenados..., incrementaríase a produción cultural. Esta
alicerzaríase na expresión galega cunha proxección identitaria asumida polo
pobo. Neste sentido, o traballo cultural tórnase fundamental para o traballo
político: por medio da cultura cultívase a conciencia nacional. Eis o
Rexurdimento; en resumo, unha sorte de entrelazado do campo político-cultural.
Pero este mesmo esquema produciuse noutros puntos de Europa, como analizou
Miroslav Hroch, especialista na historia comparada dos movementos nacionalistas
no vello continente, a través da súa proposta de lectura trifásica.
Por
último, a renacenza galega non é o resultado dun debate previo e demorado entre
as elites ilustradas, nin se realiza entre persoas de pensamento homoxéneo, nin
foi un espazo de concordia arcadia style.
O Rexurdimento é o resultado da confluencia dunhas prácticas sociopolíticas e
culturais sometidas á tensión do seu tempo, marcadas pola experiencia da
subalternidade (González-Millán 2000), que adoito entran en aberta
confrontación coas forzas dominantes. Por iso, e como explicaremos máis
adiante, o Rexurdimento actúa como unha «estratexia de resistencia» que
presenta prácticas contrahexemónicas, opta pola lingua B nun escenario
diglósico[10],
crea contraespazos públicos, recupera a memoria silenciada ou elabora un
contradiscurso que impugna o habitus,
en termos de Bourdieu.
A
continuación deteñámonos nos tres pés do Rexurdimento para xustificar a nosa
interpretación.
1. Liberalismo / progresismo
1.1.
Ilustración. Apalpando a conciencia de nós
Ao
longo do século xviii este territorio
sometido «porque quieren que Galicia sea País de Indias» (como denunciou Xosé
Cornide en 1774) experimentou un certo desenvolvemento (pre)industrial malia os
atrancos impostos polos «tiranos», como os cualificou o referido ilustrado
coruñés.
Esta
relativa bonanza económica obsérvase en sectores como o liño, o coiro, o ferro,
o peixe, o viño e mesmo o papel (Real Fábrica de Papel del Faramello, 1710), a
siderurxia ou a cerámica (Real Fábrica de Loza de Sargadelos, 1788)[11]. Na arte percíbese na
difusión do barroco, con sublimes exemplos como o Obradoiro de Santiago de Compostela.
Mais tamén nas reformas habidas en igrexas esparexidas pola nosa xeografía
agraria como a do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, berce de Francisco
Fernández del Riego, ou o espléndido caso da igrexa de Santa María A Real, no
arraiano municipio de Entrimo[12]. En boa parte grazas aos
beneficios reportados polo sistema foral que rexía a propiedade da terra. E non
esquezamos a proliferación dos pazos da fidalguía rendeira que establecen un
tipo de arquitectura propia.
En
paralelo, a política do despotismo
ilustrado favoreceu a aparición tanto de pensadores movidos nas coordenadas
enciclopedistas como de entidades destinadas ao progreso do país. Ambos amosan
unha preocupación certa pola mellora da nosa terra[13]. Citemos, por exemplo, a Academia de Agricultura del Reino de Galicia
(1765).
A institución máis transcendente foi a Real
Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela (1784)[14]. Velaí o paradigma do
clérigo Pedro Antonio Sánchez Vaamonde[15], promotor da Escola de
Debuxo[16], á que asistiría Manuel
Murguía nos cursos 1844-46, como farían Aurelio Aguirre ou Juan Compañel malia
non coincidiren nas mesmas aulas.
A
citada sociedade promoveu o Semanario
Instructivo (1838), dirixido por José María Gil Rey. Eis un dos pioneiros
periódicos en fixar o esforzo a prol dos intereses galegos no eido científico,
tecnolóxico e cultural. Esta será a primeira publicación ilustrada de Galicia
grazas ás litografías de Ramón Gil Rey e contou coa participación (en calidade
de corrector) de Antonio Neira de Mosquera, nome-ponte entre a Xeración do 46 e
a Xeración do 56, á cal pertenceu Murguía[17].
Neste
mesmo contexto identificáronse fórmulas asociativas propias do liberalismo. Na
Coruña, o caso mellor estudado grazas a Xosé Ramón Barreiro Fernández (1982),
localizamos exemplos da sociabilidade formal e informal. No primeiro temos o
Consulado da Coruña[18], do cal foi prior Marcial
Francisco del Adalid (avó do compositor); no segundo temos o Café La Esperanza.
Un e outro funcionaron como espazos de encontro e centros de conspiración
política.
1.2.
A acción política do liberalismo galego
A
francesada supuxo o escenario perfecto para a saída á luz pública do
liberalismo político grazas á Pepa (a
Constitución de 1812). A aparición da prensa (Diario de Santiago, Gazeta
Marcial y Política de Santiago, Telégrafo
Político Literario de La Coruña...)[19] ou a lectura pública das follas
voandeiras crearon un clima e hábito social descoñecido até entón[20]. A conformación da esfera
pública, e por tanto a aparición da opinión pública como resultado dun debate
colectivo (de seguirmos as teses de Jürgen Habermas) e síntoma claro da entrada
na modernidade, implica un enorme cambio social con extensión ao eido
político-cultural.
A
actividade era espreitada polos saudosos realistas. De maneira que, tras o
retorno de Fernando VII e a reinstalación do Santo Oficio, se redactou en 1815
un informe do inquisidor Carrillo Niebla no que acusa a Lucas Labrada de «que
es liberal y se precia de escritor, publicó algunos papeles, debiendo temerse
que para la confección de otros se valdría de dichos libros»[21], en referencia aos
volumes do Consulado, onde exercía de secretario.
Este
apenas é un caso máis de tantos outros da persecución inquisitorial aos corifeos del Partido Liberal, segundo
expresión usada contra Joaquín Patiño, Juan Camiña e o xeógrafo Domingo Fontán
no expediente aberto en 1814. Nese mesmo ano, por exemplo, Adalid aparece na
lista do inquisidor frei Nicolás de Castro para ser detido so acusación: «tan
impío y republicano que es uno de los comisionados para pedir al general [Lacy]
la prisión de algunos amantes de V. M.» (Barreiro Fernández 1982: 42).
O
suceso de maior implicación liberal organizado dende Galicia, tras a volta de
Fernando VII, foi o levantamento de Porlier (o Marquesito) en setembro de 1815. Mais, como é sabido, a traizón dos
seus levouno a morrer aforcado no Campo da Leña da Coruña e provocou o exilio
de varios liberais galegos; os que, por certo, aproveitaron para establecer
novos mercados e rutas comerciais en paraxes coma Inglaterra.
Apenas
un lustro despois volvía Galicia acreditarse como país liberal de primeira
hora. Neste caso co gallo do levantamento de 1820, antesala do Trienio
Constitucional[22].
A adhesión de Ferrol-A Coruña-Vigo, como preludio do total apoio de Galicia,
significou o decisivo impulso para a vitoria da asonada constitucional (Gil
Novales 1975). A carón de Rafael de Riego, man con man, estaba o coronel
brigantino Antonio Quiroga, que chegaría a deputado por Galicia nas Cortes. E
desta mesma época é a estadía de Espoz y Mina no noso país, que deixaría pegada
a través da memoria e intervención social da súa viúva, Juana de Vega,
implicada na Revolución de 1846 e de maneira indirecta co mesmo Rexurdimento
(caso dos Xogos Florais da Coruña, por exemplo)[23].
En
consecuencia, o liberalismo enraizou forte no país. As partidas carlistas
apenas tiveron transcendencia, malia o espallado e notable influxo político da
Igrexa galega. Isto desartella a visión de Galicia como un sitio onde nada
ocorre, no que impera o desapego cidadá a calquera suceso político e transmite
a imaxe aínda viva de sermos «un país máis manso cas vacas» acostumado ao
asoballamento sen retruque. Esta impresión cando menos é discutible e mesmo
francamente reprochable na medida en que desactiva unha conciencia política en
termos progresistas e rebeldes.
Ao
fío disto, da constante adhesión á causa liberal, consolidouse unha rede
militante que inunda os espazos emerxentes, dende os círculos asociativos até a
prensa. Esta suma de experiencias emerxerá dunha maneira particular co triunfo
da revolución de 1840, co xeneral Espartero ao mando e Juana de Vega no miolo
dos asuntos reais no seu papel de ama das princesas Borbón.
1.3.
Doutrina a lume manso. A chegada de Murguía ao progresismo político
Manuel
Murguía saíu do claustro maternal de improviso. Corría o ano 1833, co felón de
Fernando VII boquexando os últimos alentos de vida, namentres a camarilla preparaba o escenario da
rexencia de María Cristina en canto a filla de ambos, a futura Isabel II, non
cumprise a idade para borbonear. Por
tanto, Murguía naceu xusto no ano da primeira gran guerra civil contemporánea: cristinos/isabelinos vs. carlistas. En realidade, dous bandos dun
antagónico modelo político: liberalismo vs. Ancien
Régime.
A
infancia compostelá viuse, pois, marcada polos acontecementos. O seu pai, Juan
Martínez, movíase por estes circuítos. O ambiente no que se educa de mociño
está condicionado por unha pugna político-ideolóxica. E será a Revolución de
1846 a que constitúa o seu bautismo como cidadán con conciencia, tanto no nivel
ideolóxico como no plano nacional-identitario.
O
ingreso de Murguía no progresismo chegou axiña. Unha das súas figuras de
referencia, dende ben cedo, foi Antolín Faraldo (quen abre Los precursores e define como «el primero y el mejor» na referida
loita pola liberación nacional). E Faraldo militou de forma activa, temeraria e
subversiva nas filas do progresismo puro, a tendencia prorrepublicana do
Partido Progresista.
Barreiro
Fernández (2012: 95-97) apunta outro acontecemento de mocidade. Refírese ao
paso do expulsado rei liberal de Cerdeña e Piamonte, Carlos Alberto. Estamos na
primavera de 1848, no ronsel das barricadas de París e na convulsión interna
que vivirá o Partido Progresista co resultado da escisión do sector máis
radical. O mozo Murguía foi testemuña do paso do monarca polas rúas galegas e
as xentes que o apoiaban. Nun artigo de acordanza escribiu: «mi corazón juvenil
se alistó bajo las banderas de los vencidos» (citamos por Barreiro Fernández
2012: 96).
Cómpre
deterse unha miga na ruptura dentro do Partido Progresista. O sector escindido,
abertamente republicano e próximo aos ideais dun nacente socialismo, recomporase
so o nome de Partido Demócrata con data de 1849[24]. Velaquí o primeiro
partido republicano na historia española.
Pois
ben, entre os fomentadores desta opción aparecen os Eduardos: o Chao e o Ruiz
Pons. Dous nomes moi ligados ao matrimonio Murguía de Castro, dous adeptos ao
Rexurdimento, dous líderes de ámbito estatal. Por tanto, o mar polo que navega
Murguía é abertamente republicano e progresista. Pensemos, ademais, que José
María Chao (pai de Eduardo e boticario coñecido por ser sospeitoso de elaborar
a carta-bomba enviada a Nazario Eguía, entón capitán xeneral de Galicia)
establecera contacto con Juan Martínez, pai de Murguía, cando ambos exercían de
boticarios en Santiago de Compostela[25]. As redes sociais
(físicas, non virtuais) funcionaban a eito.
A
relación de Murguía cos Chao foi sincera, íntima e continuada no tempo. Xa en
xullo de 1855 Alejandro escribe ao seu irmán Eduardo pregando o seu favor a
prol de Murguía: «Conforme no se tiene más que una madre, tampoco debe tenerse
más que un amigo verdadero: el mío es ese, te lo juro» (Barreiro Fernández /
Axeitos 2003: 24). Pero é que ademais os Chao eran parentes pola liña dos
Hermida da propia Rosalía de Castro, a futura compañeira de Manuel Murguía. E, ademais
diso, Alejandro Chao será o padriño da primeira filla dos Murguía de Castro,
chamada Alejandra para maior gloria do compadre.
En
Madrid asiste ao parladoiro dos Avendaño. O patriarca, Joaquín, un prestixioso
pedagogo vigués ligado tamén aos Chao (no político, cultural e mesmo familiar),
era un recoñecido liberal. Os seus fillos (Teodomiro e Serafín) manterán unha
estreita amizade con Murguía, desas que cruzan o grosor da historia. E no álbum
dedicado a Elina, filla de Joaquín, escribirá Murguía un dos seus primeirísimos
poemas, e ademais en lingua galega: «Nena d´as soledades» (1854). Nótese, logo,
a atmosfera que predomina no período de formación do futuro grande historiador.
Por
outra parte, as primeiras colaboracións na prensa (tanto galega como española)
colócano no cuadrilátero progresista. Por exemplo, en xaneiro de 1855 estréase
no folletín literario de La Iberia (1854-1866), o xornal bastión do Goberno de Espartero, coma tamén o foi La Nación (1840-1856), que durante uns
anos contou na redacción cos tres exdirectores d´El Porvenir (1845): Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz e José
Rúa Figueroa.
De
maneira máis activa, pois exercía como director literario, atopamos Murguía no
seo dun periódico do progresismo puro. La
Oliva (1856-57), logo substituída por El
Miño (1857-68) tras ser vítima da censura conservadora, estaba comandada
pola estirpe Chao (Martínez González 2015). Os editoriais, soltos, anuncios ou
a lista de colaboradores evidencian unha nítida militancia política. Por tanto,
se ben Murguía en La Iberia podía
pasar como un colaborador máis do periódico, en La Oliva a implicación era total e recoñecible para o público.
Malia
todo, o noso protagonista optou pola vertente cultural, sobre liña progresista,
no canto da militancia activa. Un proxecto cultural que, no fondo, conforma un
proxecto político-ideolóxico en canto participa na construción do discurso
nacional como anticipo ao serodio salto organizativo. E non descartemos o
impacto no maxín da feroz represión padecida na estrutura organizativa do
Partido Progresista tras 1846, dende os fusilamentos de Carral até o exilio, o
desterro ou a persecución política logo das amnistías decretadas
posteriormente.
Os
primeiros anos da década dos 60 Manuel Murguía dedicounos a escribir dúas obras
basilares: Diccionario de escritores
gallegos (1862) e o primeiro tomo da Historia
de Galicia (1865). En troques, o pontífice do rexionalismo non se
descolga de cheo da política. Por iso participa na Revolución de 1868 (A
Gloriosa) ao integrarse na Xunta Revolucionaria de Santiago de Compostela co
cargo de secretario. Ben certo é que foi por un brevísimo período de tempo
mais, para o caso, convén subliñar este compromiso. Ademais, como indica
Barreiro Fernández (2012: 325-331), distintas persoas (Ramón Rúa Figueroa ou
Eduardo Pondal) animárono a se presentar como candidato ás Cortes. Pero nada se
confirmou.
O fracaso
da República de 1873, prólogo ao desartellamento do republicanismo e a súa
atomización, alentou o paso definitivo para o parto do rexionalismo político.
Primeiro en Cataluña, cando Valentí Almirall racha co federalismo de Pi i
Margall para botar os cimentos do catalanismo político: primeiro cun xornal (Diari Catalá, 1879), segundo co Primer Congrés Catalanista (1880) e
terceiro coa fundación do Centre
Catalá (1882).
De
todo isto tiña bo coñecemento Murguía dadas as relacións establecidas dende
anos atrás do matrimonio Murguía de Castro con nomes cimeiros da Renaixença. Lembremos, por exemplo, que
Rosalía de Castro foi convidada aos Jocs Florals de 1868 (presididos por
Víctor Balaguer[26])
pero aos cales non acudiría; brindouse por ela en 1877 durante o banquete dos Jocs de Barcelona; o propio Murguía
participará na edición de 1890, durante a cal pronuncia un coñecido discurso e recibe
o nomeamento de Mestre en Gay Saber; e incluso en 1893 será Alfredo Brañas quen
recunque como representante do rexionalismo galego neste contexto floreal[27].
Na
resaca do fracaso republicano debemos situar unha nova fase na militancia
política de Murguía: organizar o rexionalismo a partir de postulados
progresistas. El asume o liderado cargado non só da autoridade dos seus
traballos senón tamén como depositario da interpretación da obra rosaliana e do
simbolismo nacional que Rosalía adquiría a cada paso (sobre todo grazas ao
apoio da emigración galega en Cuba e A Arxentina)[28]. Despois sumaranse
personalidades sobranceiras coma Alfredo Brañas (dende o sector conservador) e
Aureliano Pereira (dende o sector federalista e popular)[29].
En
síntese, na medida en que Murguía ocupa o posto central no Rexurdimento, como
se for o seu cerebro, podemos elucidar por medio da súa obra as bases desta
renacenza oitocentista. E, por conseguinte, na medida en que exerce como
militante (activo ou pasivo) do progresismo e do rexionalismo políticos podemos
identificar a formulación do Rexurdimento sobre esta base ideolóxica, que se
proxecta dende o eido xornalístico até o cultural (de maneira destacada, na
literatura e na música[30]). Sen dúbida é o contexto
social e político o que condiciona a produción cultural do Rexurdimento.
2. Nacionalismo
2.1.
O amencer da nación
Volvamos
ao contexto europeo de fins do xviii.
A figura do monarca éncheo todo: l´État
c´est moi, dixera Louis XIV. A monarquía absolutista, ademais de non
recoñecer ningunha división de poderes ou de partir do dereito divino, é unha
proxección final do pobo de Francia. Os franceses érano (en certo grao) na
medida en que eran súbditos do rei e non por estar unidos a través da lingua,
pasado ou etnia. Para alén diso, estes son séculos de expansión imperialista:
os habitantes das colonias eran franceses porque eran servos do rei de Francia.
O
problema chega cando os sans-culottes descabezan a Louis XVI en París. Se xa non hai rei, quen conforma agora o Estado?
A quen lle pertence a soberanía? Velaquí cando se alza a nación. A preocupación
por definir os seus límites por medio dos trazos constitutivos, que de maneira
solidaria comparten os habitantes dun determinado territorio, coñece un período
de axitación intelectual. Súmenselle as guerras napoleónicas que exacerbarían
esta produción: caso de Fichte co seu Reden
an die deutsche Nation (1807) ou máis adiante de Guissepe Mazzini co seus
escritos, que serán autores presentes na obra de Murguía.
Logo
cómpre definir o novo suxeito que integra o Estado: a nación. A procura dos
riscos identitarios leva ás gens de
lettres a pescudar no pasado histórico alén dos reis, a fixar os máis
remotos mitos fundadores, a interpretar en clave nacional os elementos da
cultura popular por seren reservorio do volksgeist etc.
Galicia
insírese neste rodopío. Non nos interesa tanto deternos no detalle con lupa da
sincronía exacta do suceso con respecto a Europa: interésanos comprender que
existe unha vontade expresa por fixar os elementos constitutivos da nación, que
serán descritos por Murguía no tomo primeiro da Historia de Galicia (1865)[31].
2.2.
Denantes de Murguía houbo outros
Con
certeza, denantes de Murguía existiron precedentes que, de maneira máis ou
menos diáfana, contribúen a este fin. Non imos deternos se nas seguintes obras
ou autores existe unha intención expresa de reflexionar en termos nacionais
como resultado dunha conciencia política traballada; porén, si debemos entender
que Murguía acepta e procesa este feixe de experiencias, textos e debates vivos
na intelligentsia galega que o
anteceden. Porque para comprender a súa proposta conceptual arredor de Galicia
debemos atender antes á influencia que nel tiveron libros como a Descripción económica del Reyno de Galicia (1804), de Lucas Labrada; a Historia de
Galicia (1838), de Verea Aguiar[32], ou a lectura política
que Antolín Faraldo realiza da nosa historia (1841-45). Os tres autores, por
certo, de contrastada militancia liberal-progresista e os tres vítimas da
represión e censura absolutista/conservadora.
A
Ilustración serodia enuncia unha idea que a priori non é distinta a
outras existentes en España pero que si delimita un suxeito (aínda que non se
conciba como suxeito político soberano). Referímonos ao estudo propositado
arredor dos intereses do reino e, en consecuencia, na procura de medidas
positivas para o desenvolvemento material e intelectual de Galicia. Se un une
un territorio cunha economía particular, coa evidente existencia dunha cultura
e lingua de seu, coa consciencia de sermos un reino propio cun pasado
esplendoroso, unha comunidade que chega a exercer a soberanía durante case dous
anos na etapa da francesada…, ao final acaba por ter unha demarcación do reino
que leva a pensar o país en termos propios, que, en ocasións, son conflitivos
con España malia que isto non se enuncie de maneira explícita.
Nesta
liña exprésase Ramón Villares: «A procura das fases xenéticas do galeguismo
pode levarse a tempos da época da Ilustración ou do período revolucionario
aberto a partir de 1808» (2004: 367). Menos entusiasta é a posición de
Beramendi, que non nega estes precedentes pero que matiza: «Se con esta palabra
[galeguismo] denotamos un apego afectivo a unha realidade xeográfica ou á
comunidade que nela ten asento e a conseguinte gabanza destas e a defensa dos
seus intereses económicos xerais e da súa dignidade colectiva […] daquela
Sarmiento, Cernadas etc., foron galeguistas» (2006: 46-47). Xosé Manuel Beiras
subliña que na Ilustración galega «se da el hecho significativo de que la
conciencia social gallega vuelve en si» e máis adiante que «[e]n los ilustrados
gallegos florece el pensamiento liberal a la par del compromiso con la realidad
social gallega» (1973: 7-8).
2.3.
O debate territorial: provincialismo
O
debate constitucional de 1812 levou aos escanos de Cádiz a cuestión
territorial. Os deputados de Ultramar esixiron unha nova relación entre a
metrópole e as colonias de América[33]. CataluñaCAtaldora.res vura y regionalismo" tamén tomou posición. Velía a sentenza de Felipe Aner pronunciada nas Cortes: «Nadie
es capaz de hacer que los catalanes se olviden de que son catalanes». E aló
estaba o deputado galego e primeiro presidente das Cortes Benito Ramón de
Hermida, autor do tratado de acento provincialista Breve noticias de las Cortes, Gobierno o llámese Constitución del Reyno
de Navarra (1811, e que reimprimiría Aguayo en Santiago de Compostela un
ano despois).
O termo provincialismo toma rango de «cuestión
de estado» pois, en parte, os procesos de emancipación das antigas colonias
chegan tras a negativa da Constitución a aceptar un novo marco de relacións
políticas. En canto ás voces peninsulares, o provincialismo aséntase nas
bancadas do liberalismo moderado e mesmo do abertamente absolutista. Un
parapeto ideolóxico que axiña mudará de bando.
Conforme
demostraron varios investigadores, entre eles Segarra-Estarelles (2005)[34], o provincialismo como
cuestión de organización territorial/identitaria ocupa un lugar privilexiado
nas discusións das Cortes liberais posteriores a Cádiz. Repárese no Diario de Sesiones do Trienio Constitucional
(1820-23). A partir deste período será cando o provincialismo, como unha vaga
idea de autonomía territorial (sobre todo centrada na autonomía municipal), se
traslade aos parámetros progresistas nun transcurso lento pero continuado.
Desta
maneira, o provincialismo galego xorde en diálogo con esta situación[35]. Malia que a aparición
pública, de formulación en termos provincialistas, chegará coa prensa da década
dos 40 (grazas ás novas leis progresistas de liberdade de imprenta), a atención
a Galicia estaba presente. A día de hoxe posuímos escasos datos sobre a
conformación dos círculos sociais ou a correspondencia entre os liberais de
primeira hora. Pero parece plausible pensar que a Xeración do 46 non foi creatio ex nihilo, senón a proxección
pública dun pensamento previo analizado na esfera privada. Así, por exemplo,
parece referirse Vicente Manuel Cociña ao falar durante o discurso de 1842 das
orixes da Academia Literaria.
A
posición provincialista, á calor da experiencia xuntista na francesada e da
actividade soberana da Junta del
Reino, latexa entre os liberais. Un caso paradigmático é Pedro Boado,
tamén autor en lingua galega co seu Diálogo
entre dos labradores afligidos y un abogado instruido, despreocupado y
compasivo (1823), quen no contexto do Trienio propón constituír a Junta Suprema de Galicia con plena
liberdade política. Osuna Rey (2006: 32) cualifica esta proposta de «movimiento
independentista de Galicia»[36].
Por
outra parte, a Historia de Galicia (1838), de Verea Aguiar, acada un valor extraordinario. Este contrastado
activista liberal exiliado en Portugal, logo padriño da Xeración do 46 que o
coloca como presidente da Diputación
Arqueológica de Galicia con Neira de Mosquera e logo Faraldo de
secretarios[37],
tiña a obra rematada anos atrás. Así se le na primeira páxina do libro: «Aprobada
por la Academia de la Historia en el año de 1832». Por tanto, redactouna nos
anos anteriores á propia morte de Fernando VII, ao nacemento de Murguía e á desintegración
do reino das sete provincias.
En
todo caso, o prólogo deste libro é unha absoluta alegación a prol de Galicia
presentado en forma de retruque ao que Beramendi alcuñou como «síndrome da
aldraxe». Ramón Villares indica (2017: 156): «A imaxe que Verea deseña da Galicia antiga é
a dunha sociedade poboada por xentes cultas, monoteístas, amantes da súa terra,
afoutas e irredutibles á escravitude. En definitiva, Verea realiza unha
auténtica vindicación de Galicia». Léase, pois, este prefacio prestando especial atención
ao tecer invisible da historia que une os ilustrados cos primeiros liberais ata
á Xeración do 46. Así imos desenguedellando os puntos nodais do Rexurdimento.
2.4. Provincialismo: turbina do Rexurdimento
No
magnífico La création des identités nationales,
de Anne-Marie Thiesse, explícase a construción da identidade nacional a partir
de diferentes modelos europeos. Lemos (2010: 225):
A comienzos del siglo xix, los
elementos principales de la check-list identitaria están claramente establecidos, lo que hace que las naciones de
reciente emergencia puedan recuperar rápidamente su ‘retraso’. En la mayor
parte de las naciones europeas los grandes ancestros son identificados, la
lengua nacional fijada, la historia nacional escrita e ilustrada, el paisaje
nacional descrito y pintado, el folklore museografiado, las músicas nacionales
compuestas. El resto no es más que un asunto de densificación y de
vulgarización: la construcción identitaria entra desde ahora en la era de la
cultura de masas.
Se nós
aplicamos esta check-list, común para
Europa, constataremos como o Rexurdimento encaixa á perfección.
Primeiro,
a elaboración do mito fundacional: o
celtismo. A porosidade da tese celtista permítelle ser protagonista dun dos
símbolos da comunidade como é o himno galego, con letra de Pondal e partitura
de Veiga, popularizado por coros e orfeóns. Pero, alén disto, o interese pola
materia celtista mantívose aceso na chamada Xeración do 16 (en termos de Ramón
Villar Ponte) ou Xeración Nós, tanto no eido intelectual (como testemuña a
achega ideolóxica de Vicente Risco) como na propia materialidade (por exemplo,
as campañas de escavación impulsadas polo Seminario de Estudos Galegos). E
incluso no presente, o celtismo tórnase protagonista nos debates académicos, como
sucede coa Teoría da Continuidade Paleolítica, de Mario Allinei.
Na
etapa rexurdimentista, unha vez máis, vólvese central a Historia de Galicia de Verea Aguiar. Velaquí un estudo do pasado
celta en termos descritivos. Pero será Faraldo, poucos anos despois, quen se
lance á interpretación política deste pasado; é dicir, a fixación como base
étnica do pobo galego que marcaría unha grosa liña con respecto á etnia
dominante no resto peninsular. De aí deriva que Galicia é un pobo, etnicamente
distinto ao castelán; e, por lóxica, trataríase de «espíritos nacionais»
distintos, un volksgeist que o
determina todo: atlantismo/mediterraneísmo, xermanismo/latinismo,
europeísmo/africanismo, idealismo romántico historicista/pragamatismo clásico
(Ríos Panisse 1993: 158-159).
Murguía
amplía esta lectura política, así como outros temas apuntados mais non
desenvoltos por Faraldo por causa dunha morte prematura que tronzou unha
estrela brillante. Digamos que Murguía desenvolve o temario preparado por
Faraldo cunha notable engádega: a centralidade da lingua como o principal
elemento constitutivo da nación. En todo caso, engarzado co anterior parágrafo,
apunta Ana Belén Fortes (2000: 82-87) as seguintes dicotomías presentes na
proposta do polígrafo nacionalista: fondo/forma, espontaneidade/artificio,
sentimento/marxinación, tristeza e melancolía/optimismo e arrogancia, suavidade
e dozura/aspereza e dureza, poesía subxectiva/poesía obxectiva...
Agora
un intermedio para cavilar: malia fixarse o celtismo como a base étnica, con
Murguía como titor e predicador desta tese, a presenza en termos de creación
literaria é mínima malia a ocupación simbólica da obra de Eduardo Pondal. Se
nos detemos na temática dos poemas ou novelas (tanto en galego como en
castelán) do Rexurdimento, decatarémonos de que non existen moitos exemplos
máis. Pensemos, apenas, na clara ausencia do celtismo na obra de Rosalía[38], Lamas ou Curros, por
citarmos autores centrais; ou en antoloxías ou folletíns literarios na prensa.
En
paralelo a isto existiu unha clara vontade de noticiar os heroes do pobo galego; é dicir, exhumar a memoria silenciada para difundir os devanceiros que triunfaron
noutrora como mostra de sermos un pobo con notables exemplos intelectuais en
todas as materias, dende o militar até o relixioso, dende as artes até o
enciclopedismo[39].
No listín dos ancestros acumúlanse os
artigos e libros: «Noticia de varios de los escritores y de personas que han
tenido los mayores destinos en la España, y otros ingenios naturales u oriundos
de la Galicia» (capítulo incluído na Historia
de Galicia, de Verea Aguiar); «Glorias de Galicia. Escritores y hombres
célebres» (no Manual del viajero en la
Catedral de Santiago, do ano 1847 e atribuído a Neira de Mosquera); Memoria histórica de los hombres célebres
naturales de Galicia, que Vicente Turnes publica por entregas en Eco de Galicia (1851), dirixido por
Neira de Mosquera; a Colección biográfica
de los tipos notables de Galicia, desde los tiempos más remotos hasta nuestros
días (1853), do militar progresista Domingo Díaz de Robles, malia só saíren
dúas entregas; as «Semblanzas galaicas contemporáneas», que Benito Vicetto
publica nas páxinas da súa Revista
Galaica (1874), e a Galería de
gallegos ilustres (1874), do malogrado escritor e compositor musical
Teodosio Vesteiro Torres. En toda esta nómina cómpre destacar a obra de Manuel
Murguía, publicada en Vigo por Juan Compañel: Diccionario de escritores gallegos (1862); sobre todo, pola
doutrina exposta no prólogo, sobre a que trataremos despois.
En
canto á fixación do idioma galego, podemos citar os seguintes estudos
lexicográficos: Diccionario del dialecto
gallego (1858), de Luís Aguirre; Diccionario
gallego-castellano (1863), de Francisco Javier Rodríguez; Vocabulario gallego-castellano (1865)[40], de Xoán Manuel Pintos; Diccionario gallego (1876), de Juan
Cuveiro[41], e Diccionario gallego-castellano (1884), de Marcial Valladares. No
referente ás gramáticas: Compendio de
gramática gallega-castellana (1864), de Francisco Mirás; Gramática gallega (1868), de Juan
Antonio Saco Arce; El habla gallega (1868),
de Juan Cuveiro, e Elementos de gramática
gallega (1855-92), de Marcial Valladares[42].
Respecto
á historia, escrita tanto en artigos xornalísticos como en volumes
independentes, podemos citar Historia de
Galicia (1838), de Verea Aguiar; os artigos de Antonio Neira de Mosquera ou
Antolín Faraldo (1841-54); Historia
política, religiosa y descriptiva de Galicia (1849), de Leopoldo Martínez
Padín; Bosquejo histórico, político y
religioso del antiguo Reino de Galicia (1854), de Jacobo Araújo; Historia de Galicia (1865-1873), de
Benito Vicetto; Estudios sobre la época
céltica en Galicia (1867), de Leandro Saralegui, e, por suposto, a crucial Historia de Galicia (1865-1913), de
Manuel Murguía[43].
A
reedición de textos antigos, libros descoñecidos, tomos de difícil acceso ou
manuscritos inéditos son inquedanzas propias do romanticismo. Os
rexurdimentistas dispóñense a realizar esta tarefa: reprodución das cantigas de
Macías O Namorado ou Rodríguez de Padrón, a publicación de cartas ou tratados
de Martín Sarmiento (Murguía tería unha especial atención ao sinalalo como
precursor do Rexurdimento co gallo das Coplas),
as pescudas de José Rodríguez Seoane arredor de Sarmiento por encargo do grupo
provincialista de Pontevedra, que rematan coa descuberta da Obra de 660 pliegos (editada polo
Consello da Cultura Galega), as reflexións do Padre Feijóo…
E,
finalmente, estaría todo o repertorio de creación literaria que evitamos
incorporar por ser de coñecemento xeral: Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos,
Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal, Manuel Curros
Enríquez, Marcial Valladares etc.
Se
nos detemos no apartado das letras é porque a lingua ocupará un posto
privilexiado na configuración do imaxinario nacional colectivo; é dicir, a
lingua será o sangue da nación, ou,
en palabras de Saco Arce, «a alma da nación». De aí esta tarefa de gramáticas e
dicionarios como avais de ser o galego unha lingua e non un dialecto. Máis
adiante dedicaremos unha epígrafe ao rol do idioma na construción do discurso
nacional.
Beramendi
(2018: 34) escribe sobre as bases dos provincialismos peninsulares:
Entre os factores estimuladores destes [provincialismos]
hainos culturais e sociopolíticos. Cultural é a recepción positiva do
romanticismo e o historicismo por parte dunha proporción significativa das intelligentsias provinciais. A asunción
dos suxeitos colectivos populares como axentes históricos maiores, do folklore
e das linguas minoritarias, da primacía da singularidade sobre os principios
universais, da xénese espontánea e voluntaria de culturas, institucións e
supostos espíritos nacionais, e da historia como superior parteira do bo
Dereito a partir do costume facía que eses movementos fosen instrumentos
idóneos para afirmar a existencia e a lexitimidade de «nacións» ou «nacionalidades»
orgánicas, tivesen ou non Estado, ou para apoiar reivindicacións de autogoberno
baseadas en diferencias culturais ou en precedentes históricos reais ou
inventados, próximos ou lonxincuos.
Esta
lectura é un zoom no Estado español
na liña interpretativa de Thiesse. Por tanto, ante nós temos os elementos para
analizar o nacemento dos provincialismos en termos de construción nacional;
isto é, no asentamento dos zócolos do nacionalismo político, sexa proto ou pre.
O
provincialismo galego, como dicimos, vaise conformado aos poucos. A
desaparición do reino e a tallada de
Xavier de Burgos, partindo o país en catro provincias, provocou unha reacción.
Lemos este comentario de Artaza (1993: 144):
Una serie de políticos y historiadores gallegos opuestos
al modelo centralista del nuevo Estado liberal comenzaron a difundir una imagen
muy favorable de la Junta: la historia de unha corporación «popular» y «democrática»,
defensora de los intereses del Reino ante el monarca y sus ministros, que
probaba la existencia de un territorio diferente dentro de la Corona de
Castilla con cierta capacidad de autogobierno desde, al menos, principios de la
Edad Moderna.
A
liquidación do reino coincide nun período de restrición de liberdades. En Galicia
non había prensa de ningún tipo. O provincialismo adquire valor público cos
xornais publicados durante a Rexencia de Espartero (1840-43). Algúns destes
cabezallos foron El Recreo Compostelano,
de Neira de Mosquera e Faraldo; La
Situación de Galicia, cun Faraldo apadriñado polos líderes progresistas de Santiago
de Compostela, Pío Rodríguez Terrazo e Hipólito Otero, e por riba de todos, El Porvenir, cunha dirección en tríade
formada por Romero Ortiz, Rúa Figueroa e (de novo) Faraldo. Este periódico foi
vítima da censura conservadora, que, como consecuencia, acelerou o inicio da
revolta do 46. Entre as causas do peche está o ton abertamente provincialista,
que, máis alá do lema «Todo por Galicia», se recollía nesa frase de «no
queremos ser más que gallegos».
A
Revolución de 1846, que tivo a Faraldo (si, unha vez máis) como mente e corazón[44], establece un punto e á parte.
Durante o mes de abril Galicia alzouse en armas. Se ben nun inicio o propósito
era intervir no casamento de Isabel II, o propio desenvolvemento da revolta e a
falta de apoios fóra do territorio galego levaron á creación da Junta Superior del Gobierno de Galicia, que asume a dirección político-militar da revolución. Velaí o contundente
manifesto do Goberno publicado en La
Revolución n.º 1 (17-IV-1846), en forma e contido, no cal a través da pluma
do secretario da Xunta, Faraldo (xaora), se denuncia a situación de abandono,
marxinación e secular maltrato:
Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa,
convertida en una verdadera colonia de la corte, va á levantarse de su
humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país, se consagrará
constantemente á engrandecer el antiguo reino
de Galicia, dando provechosa dirección á
los numerosos elementos que atesora en su seno, levantando los cimientos de un
porvenir de gloria. Para conseguirlo se esforzará constantemente en fomentar
intereses materiales, crear costumbres públicas, abrir las fuentes naturales de
su riqueza, la agricultura y el comercio, y poner en armonía con la época los
hábitos y las ideas que dejó una sociedad decrépita fundada sobre la
ignorancia.
Despertando el poderoso sentimiento de provincialismo, y
encaminando á un solo fin todos los talentos y todos los esfuerzos, llegará á
conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto
lugar á que está llamado el antiguo reino de los suevos.
O
citado manifesto publicouse nas páxinas de La
Revolución (1846), o voceiro da Xunta de Goberno. A imprenta Compañel
encargouse da impresión. E velaí, con toda probabilidade, a figura presente de
Juan Compañel, tan unido despois a Murguía. O innegable impacto da revolución
no seu maxín, coa posterior represión e asasinato dos mandos militares,
marcaríao para sempre.
Murguía
narrou, en distintas ocasións, o deixe emocional e ideolóxico da Revolución de
1846: «Era yo niño, cuando ese grito de libertad hirió mis oidos e hizo estremecer mi corazón» (La Oliva, 25, 26-IV-1856). Xusto dende as páxinas de La Oliva participa na homenaxe polo
décimo cabodano dos Mártires de Carral. Esta foi a primeira homenaxe pública
aos mandos fusilados en Santo Estevo de Paleo e Betanzos. Ademais, Juan
Compañel era o editor, impresor e director de La Oliva.
A
revolta de 1846 fíxose en termos progresistas e provincialistas; afectou a toda
a rede do Partido Progresista esparexida no país que será desartellada por mor
da represión conservadora. Lembremos, por caso, o salón conspirador de Juana de
Vega na Coruña pero tamén todos os círculos (aínda materia pendente de
investigación) constituídos arredor dos xornais, boticas, imprentas etc.
A
Revolución gravouse no corazón e nos ollos de Murguía. A partir da súa propia
confesión, é aquí cando comeza o compromiso político de praxe progresista. Xa
Compañel, nas páxinas de La Oliva,
lembra que dende había anos Murguía se propuxera recompilar toda a
documentación histórica vencellada á nosa terra. E será neste periódico vigués
cando en 1856-57 publique uns artigos adianto das súas grandes primeiras obras
en termos de constitución do imaxinario nacional colectivo[45]. Artigos que moi
probablemente comezara a preparar ao chegar a Madrid cando aínda era un mozo de
vinte e tantos anos.
Murguía
puxo toda a intelixencia ao servizo do país. El establece os elementos
constitutivos da nación galega no prólogo á Historia
de Galicia (1865). Ao carón debemos citar o Diccionario de escritores gallegos (1862). A importancia de ambos
para argumentar a existencia dunha nación cun volksgeist totalmente distinto en orixe e desenvolvemento a Castela
é definitiva para o Rexurdimento; con permiso, por se resulta excesivo, é
definitoria do Rexurdimento. Murguía é o cerebro, o organizador, o intelectual,
o ideólogo, o eséxeta, o censor, o mestre con batuta en man ou o almirante da
armada rexurdimentista (Martínez González 2017a).
A
posición ocupada por Murguía procede da «naturaleza humana y de la investidura
pública», en palabras de Paul Bénichou no seu La coronación del escritor, 1750-1830. Este posto de poder posibilítalle
impoñer unha interpretación do Rexurdimento, a capacidade de aplicar unha memoria selectiva a partir de operacións
de inclusión/exclusión sobre criterios subxectivos e que chega ata nós con
escasos cambios.
2.4.
Reconstituíndo o provincialismo tras o 46
Os
inmediatos esforzos para a recuperación do provincialismo recaen, sobre todo,
nun periódico (El Eco de Galicia, de
Neira de Mosquera[46]),
nun espazo formal de sociabilidade (El Liceo de la Juventud[47]) e no conxunto da obra
literaria a cargo de Vicetto (dende Los
hidalgos de Monforte até os artigos en materia histórica), que desemboca na
fundación d´El Clamor de Galicia (1854-1856)[48].
Se
agora repasamos a adhesión política das persoas ligadas ao Rexurdimento pleno,
axiña comprobamos como o peso do sector progresista dentro do movemento
provincialista é enorme. Trátase dun continxente ligado á burguesía liberal
(xornalistas, boticarios, avogados...). Poñamos algúns exemplos: El País (1857-58), publicado en
Pontevedra arredor do Liceo Artístico
Literario, conta cos irmáns
Rodríguez Seoane, Xoán Manuel Pintos, Manuel Ángel Couto... (Martínez González
2019a), e, máis adiante, O Galiciano (1884-88)[49], publicado en lingua
galega; na Coruña, El Defensor de Galicia (1856), cos irmáns Puente y Brañas, Leandro Saralegui, Antonio de la
Iglesia..., ou Galicia. Revista Universal
de este Reino (1860-65), cos irmáns Antonio e Francisco de la Iglesia, José
López de la Vega...; en Lugo, El Regional (1884-1931), con Aureliano Pereira, Manuel Amor Meilán...; en Ourense
sairía a efémera La Lira del Miño (1854),
de Ramón Barros Sibelo, e El Heraldo Gallego (1874)[50],
de Lamas Carvajal, con Alfredo Vicenti, Curros Enríquez, Aureliano Pereira...;
e na emigración aparecen títulos como El
Eco de Galicia (1878-1902), dirixido por Waldo Álvarez Ínsua, figura tan
ligada e decisiva no matrimonio Murguía-De Castro; ou a coñecida La Ilustración Gallega y Asturiana (1878-1882), propiedade de Alejandro Chao e dirixida por Murguía.
Con
estes datos sobre a mesa, comprendemos mellor como o Rexurdimento se moveu
nestas vías de duplo ferro: provincialismo e progresismo. Certo é que nun ou
noutro xornal había un desnivel a favor dunha ou doutra tendencia, pero o
notable para o noso argumento é constatar a existencia descentralizada desta
liña de actuación pública na cultura e política galegas.
A
maduración, dentro do contexto político español, desencadeará, primeiro, na
publicación de libros doutrinais: Proyecto
de constitución o pacto fundamental para el futuro Estado gallego (1883/87)[51]; El regionalismo gallego (1889)[52], de Murguía, ou El regionalismo (1889), de Alfredo Brañas;
e segundo, no propósito de formar unha entidade política propia. Velaí o tan
tardío como fugaz nacemento da Asociación
Regionalista Gallega, co seu voceiro La
Patria Gallega (1891-92), que xuntou nas súas filas varios nomes senlleiros
do nacionalismo: Alfredo Brañas, Aureliano Pereira..., e todos baixo a
presidencia de Manuel Murguía, encargado de impoñer a conduta progresista a
esta agrupación, que rematará en pugna entre os sectores ideolóxicos[53].
A
inestable experiencia asociativa, así como prematura morte de Alfredo Brañas e
o desligamento temporal de Aureliano Pereira do rexionalismo, confirmaron a
Murguía como o referente e o pontífice do rexionalismo, como o bautizara
Manuel Casás. Axiña aparece Revista
Gallega (1895-1907), dirixida por Galo Salinas e ligada á Cova Céltica, na
cal Murguía ditaba cátedra; e pouco despois nace o grupo de intervención política
Liga Gallega (1897-1907), integrada por Murguía canda Manuel Lugrís Freire,
Salvador Golpe ou Carré Aldao, promotora do monumento aos Mártires de Carral
(inaugurado en 1904), pero pouco máis.
A
acumulación de accións ligadas ao rexionalismo político derivou nun feito
determinante. Referímonos á constitución na Habana da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (1905),
da man de Curros Enríquez e Fontenla Leal. Esta é a pedra-base para que no
seguinte ano se funde a Academia Galega (1906), que empoleira a Manuel Murguía
como presidente da que foi a nosa primeira institución plenamente soberana,
consolidada e con autoridade para institucionalizar un discurso. Por iso, para
nós, a fundación da Academia Galega (aínda non levaba o apelativo de Real) supón o peche da cronoloxía do
Rexurdimento e a vitoria da tendencia rexionalista-progresista (coa lingua por
bandeira) fronte aos rivais que anhelaban o seu control, con Emilia Pardo Bazán
á cabeza (Martínez González 2019b).
3. Romanticismo
Isaiah Berlin escribe en The roots of romanticism: «La importancia del romanticismo se debe
a que constituye el mayor movimiento reciente destinado a transformar la vida y
el pensamiento del mundo occidental» (2019: 20). Polo tanto, non se trata só
dunha transformación estética senón dun poderoso movemento que afecta ao plano
das ideas e, dende este, á vida concreta das sociedades occidentais. Pensemos,
por exemplo, no impacto do romanticismo na relixión (velaí o neocatolicismo do
cal beberá Lammenais); no campo da filosofía (dende Kant a Herder); no campo
político, coas experiencias das loitas de emancipación nacional (pensemos en Pëtofi,
a quen cantarían en verso Aquilino Iglesia Alvariño ou Álvaro Cunqueiro); ou no
campo social, coa preocupación sobre os aspectos das clases populares (velaí Les misérables de Victor Hugo). A todo
isto engádaselle a produción cultural: pintura, música, escultura,
literatura...
Arredor
da pegada do romanticismo no Rexurdimento temos adeptos e detractores. María do
Cebreiro Rábade Villar (2011: 35) escribe: «A consideración de que a literatura
é un tipo específico de pensamento […] é unha conquista do romantismo europeo,
e da súa teoría da imaxinación poética como forza intelectual revolucionaria.
Este, e non outro, é o contexto estético e ideolóxico do Rexurdimento». Dende a
outra banda, Anxo Angueira nega esta hipótese: «o romanticismo non é importante nin moito menos decisivo
para explicar a emerxencia da literatura galega do xix. Por iso, a
xénese do que se deu en chamar Rexurdimento habería que buscala antes ca en cuestións estéticas ou propiamente literarias,
na esfera ideolóxica e política» (2019: 205). Esta interpretación hérdaa
doutros investigadores coma Xosé Luís Méndez Ferrín ou Francisco Rodríguez.
Barreiro Fernández, no prólogo á nosa
edición sobre Neira de Mosquera, escribiu: «Reducir o romanticismo a unha moda
literaria é descoñecer a forza revolucionaria daquel movemento. […] Os
románticos foron a levadura que nun determinado momento fixo crecer a
modernidade ideolóxica e política do país» (Martínez González 2017b: 16). Eis o
miolo: se entendemos o Rexurdimento como expresión só literaria e só nos
guiamos pola presenza de marcas románticas na estrutura, composición, métrica…,
poderiamos abrirnos a un debate máis complexo; mais se o Rexurdimento é un
movemento amplo de influencia sociopolítica, nos termos aquí definidos, as
palabras de Barreiro son reveladoras.
Ao
tomarmos a obra en castelán dos rexurdimentistas consideramos que o
romanticismo penetrou no mundo das letras en Galicia. Ben é certo que houbo
autores fuxidíos con toda conexión co país como Jacinto Salas Quiroga. Pola
contra, Nicomedes Pastor Díaz (chamado a prologar os Cantares gallegos de Rosalía) representa outra vertente nos
iniciáticos pasos do romanticismo peninsular (Ínsua 2013).
O
modelo literario de Pastor Díaz válenos para ilustrar o cambio estético. Porque
para valorar a presenza do romanticismo na literatura da Galicia decimonónica
debemos coñecer cales eran os parámetros do anterior movemento estético: o
(neo)clasicismo. A poesía pastoril, a rixidez e sometemento ás regras da lírica
clásica, a idealización da paisaxe, a falta de imaxinación, a posición lonxe da fragancia popular, a crenza nun
patrón común para a poética universal, a distancia co subxectivismo... son
riscos caracterizadores desta corrente dominante no xviii.
Para
a cuestión da literatura galega a Égloga
de Belmiro e Benigno, de Pastor Díaz, é un bo exemplo por temática e estilo
da escola que ía morrendo para deixar paso a un romanticismo nacente, xa
albiscado n´A alborada do propio
autor.
3.1.
Presenza do romanticismo no Rexurdimento
Collamos
os citados Cantares de Rosalía para observar
esta influencia. Por exemplo, a elección da temática popular así como a súa
exaltación en termos identitarios proceden do romanticismo europeo, sobre todo
de Alemaña (irmáns Schlegel, por exemplo). Murguía, e grazas á colaboración da
súa filla Alejandra, pasou anos recompilando as Rimas populares de Galicia[54]. Ao longo da súa
prolífica produción literaria as referencias ao folclore son continuadas.
Porque atopa aquí os trazos constitutivos do «espírito nacional» ou volksgeist que posibilitan acreditar no
groso da existencia da nación galega.
Por
outra parte, a presenza do medievalismo (unha das temáticas favoritas do
romanticismo) ocupa un lugar destacado na literatura de Benito Vicetto, co seu best-seller Los hidalgos de Monforte (1851). Como é sabido, nesta novela
mitifícase a revolta irmandiña, pero o interesante é subliñar a escolla da
Idade Media galega como escenario. Vicetto publicaría outros títulos con tramas
situadas no Medievo: Rogín Rojal o el
paje de los cabellos de oro (1857)[55], El lago de la Limia (1861) ou Tradiciones
feudales de Galicia (1878). Con esta folla
de servizos enténdese que fose alcumado como o Walter Scott galego, en
referencia ao coñecidísimo novelista escocés e paradigma do romanticismo en
prosa.
Vicetto
non é unha excepción. Collamos a obra de Neira de Mosquera, con novelas como La marquesa de Camba y Rodeiro (1848),
os relatos apalillados en Monografías de
Santiago (1850) ou os artigos de investigación histórica publicados na
prensa (lembremos o dedicado a Pardo de Cela en El Eco de Galicia[56]). Citemos tamén o drama Fernán Pérez de Churruchao y el Arzobispo D.
Suero (1841), de José Rúa Figueroa; La
minoría de Carlos II, de José Puente y Brañas; El castillo de los Churruchaos, de Xosé Benito Amado..., e
poderiamos seguir. Isto apenas revela o interese que xerou o medievalismo en Galicia;
pero non só á luz da historia española, senón tamén da
galega. Este matiz é importante telo presente.
Murguía
atendeu a produción de Neira de Mosquera e Vicetto. A ambos dedicou xenerosas
palabras: ao primeiro, na presentación do folletín literario de La Oliva; ao segundo, malia as coñecidas
tirapuxas persoais, integrándoo en Los
precursores.
O
medievalismo estivo vivo no Rexurdimento. Porque, influídos pola corrente
romántica, atoparon nese período o esplendor do antigo reino. Para Murguía a
Idade Media é a Idade de Ouro, namentres os celtas son o mito fundador. As dúas
materias teñen presenza dende os seus escritos de mocidade. De feito, a
primeira novela de temática galego-patriótica foi Don Diego Gelmírez (1856), materia sobre a cal volvería en formato
ensaio en Don Diego Gelmírez (1898).
Porque a época de Xelmírez é «el verdadero período de nuestras grandezas»
(1898: 45) pois Galicia «gozaba de su autonomía» e conformaba un «nuevo Estado
gallego». Unha posición na idade madura que engarza con aqueloutra do período imberbe, «Galicia fue entonces grande y
poderosa», publicada nun dos artigos de La
Oliva (1857), e que desemboca na chamada a «recordar a la Galicia de hoy el
grito por que sucumbió peleando la Galicia del siglo xv».
Ademais,
na súa etapa iniciática escribe dous poemas de temática medieval: «A las ruinas
del castillo de Altamira»[57] e «Al Mariscal Pedro
Pardo de Cela»[58],
dedicado a Benito Vicetto[59].
Pero,
alén disto, a descuberta dos cancioneiros medievais (lémbrese Vesteiro Torres
na función exhumadora de Martín Códax ou El
idioma gallego, de Antonio de
la Iglesia, publicado en 1886) confirmaba unha intuición minimamente acreditada
a través de Macías o Namorado ou Rodríguez de Padrón, da carta ao condestable
de Portugal ou das referencias feitas polo Padre Sarmiento, verdadeiro
precursor e raíz penetrante no Rexurdimento.
O boom dos Xogos Florais no conxunto do
Estado español ten moito de relación coa Idade Media. Un solto d´El Vapor (xornal en que Aribau
publicaría a famosa «Oda a la patria»)[60], co gallo da xura da pequena
Isabel como herdeira ao trono en 1833, relembrou os certames literarios que se
realizaban na Coroa de Aragón a partir do modelo do Consistorio de Tolosa.
Estas tenzons ou xustas literarias ecoaron en distintos puntos de España: o Liceo de
Madrid convocounas en 1841 e a Academia
de Ciencias y Literatura de Granada en 1857. En todas as convocatorias
falouse da orixe deste certame, con alusións á Coroa de Aragón e a Clemencia
Isaura.
Mais
será en Cataluña no ano 1859 cando acade un valor simbólico posto que o catalán
era a lingua do certame[61]. Ademais de toda a parafernalia
do acto e as acordanzas da época gloriosa da Coroa de Aragón, cos seus
trobadores provenzais, o acto enraizaba co impulso das linguas, na liña promovida
pola onda romántica. O idioma gañaba un posto na construción discursiva
nacional, como así o interpretou Ñúñez de Arce no seu polémico e incendiario
discurso no Ateneo de Madrid, do cal era presidente, en 1886.
A
celebración dos Xogos Florais en 1861, tanto na Coruña coma en Pontevedra, son
unha réplica dos de Barcelona. Porén, a idea xa xermolara entre a
intelectualidade galega: primeiro, nun artigo de Neira de Mosquera publicado en
1843 no Semanario Pintoresco Español[62]; e segundo, no discurso
do mesmo autor en El Liceo de la
Juventud en 1849.
Os
Xogos Florais da Coruña, protexidos por López Cortón[63], estableceron nas bases
que os poemas podían escribirse en galego ou castelán, agás os da sección «A
Galicia», que só admitía o galego[64]. Proponse que, a carón do
retrato de Isabel II, presidindo o salón do Teatro da Coruña, aparecese outro
de Afonso X, en clara homenaxe ao autor das Cantigas
de loor de Santa María como tributo á lingua galega pero tamén como símbolo
de prestixio, autoridade e protección.
O
discurso do presidente dos Xogos, José María de Bussy, relata as vicisitudes
históricas deste certame. Pero será na prédica do secretario, Antonio de la
Iglesia, na que atopemos palabras e ideas de transcendencia notable. Por
exemplo, a emulación e equiparación dos Xogos galegos cos de Barcelona, a
partir do gancho idiomático (polo cal se deixan fóra deste «irmandamento» os
celebrados en Valencia, Madrid ou Granada); é dicir, é a lingua a unión
entrambos. Ademais, De la Iglesia incide en distintos momentos nunha desculpa
non solicitada: «excitar en los literatos gallegos […] esos recuerdos que por
más que sean llamados provinciales, no dejan de ser por eso muy nacionales», «¿Del
amor a Galicia que arraigamos en nuestros pechos, resultará desafecto hacia el
resto de la nación española? De ningún modo» ou «¿Del cultivo del idioma
gallego resultará algún atraso para la cultura del castellano en nuestra
patria? Tampoco». Isto dános a medida do pulso arredor do poder
extralingüístico contra o ecuador do xix.
Entre
os premiados están Luís Rodríguez Seoane, Benito Vicetto, Domingo Camino,
Antonio San Martín ou Añón. Os textos recompiláronse no citado Álbum de la Caridad (1861)[65], dedicado a Juana de Vega
e entregado en beneficio do Hospicio da Coruña, nun feito que une a desgraciada
realidade social galega coa cultura.
A
fortuna dos Xogos Florais foi decadente. Por unha parte, porque as
convocatorias non tiveron regularidade nin o exemplo prendeu no país (agás os
casos de Pontevedra en 1861 ou de Lugo en 1867[66]); e, pola outra, porque o
galego, no canto de gañar máis protagonismo, foi devagariño indo ás marxes das
convocatorias. Mais, para o caso, a celebración dos Xogos emparenta cunha Idade
Media que atraía a atención dos rexurdimentistas.
Unha
das características do romanticismo en Europa foi a crenza de que a arte se
asenta nas forzas vivas da natureza. Por tanto, o modelo afástase daquela
idealización do neoclasicismo e a procura do locus amoenus. Agora crese na expresión máis directa, virxinal e
mesmo violenta da paisaxe[67]. Basta lembrar aquela
anécdota escrita por Johanna, nai de Arthur Schopenhauer, cando as damas da
alta sociedade xermana ocultaban tras as cortinas dos landós o perfil agresivo,
desagradable e incómodo dos Alpes; uns anos despois, o romanticismo atoparía
nesta violencia montañesa unha forza da natureza pola que derramar o nume
literario.
Outra
pegada romántica no Rexurdimento é o costumismo, ou cadro da vida civil, como dicían no século xviii. Se nos detemos no caso galego, basta «A Virxe do
Cristal», de Curros Enríquez, ou «Nosa señora da Barca», de Rosalía; artigos de
Neira de Mosquera, como «El gaitero», incluído en Los españoles pintados por sí mismos (1851),... É interesante poñer
o acento no gaiteiro pois é elevado á
figura do músico nacional.
Unha
evidencia da vaga romántica en Galicia foi o historicismo. Verea Aguiar,
Faraldo, Vicetto... e Manuel Murguía. En boa medida, o historicismo únese cun
fío groso á construción do imaxinario nacional colectivo posto que no pasado
cómpre xustificar a existencia do volksgeist, e este «espírito nacional»
testemuña, en consecuencia, a vida dunha nación distinta en termos culturais
que se proxectan logo cara aos políticos. Velaí a coñecida afirmación de
Antolín Faraldo, un faro para Murguía: «En la historia se aprende la libertad».
4. «Léngoa distinta acusa distinta nacionalidade»
O
título desta epígrafe correspóndese cun anaco do discurso de Murguía nos Xogos
Florais de Tui (1891), os primeiros totalmente en galego. Daquela exercía como
presidente da Asociación Regionalista
Gallega. Por iso o contido do meeting ten que lerse en chave política máis ca literaria ou lingüística[68].
Murguía
fixara o idioma galego como elemento central na construción do discurso
nacional e como elemento definidor do campo literario nos artigos de La Oliva (1856-57); é dicir, o nomos en termos de Bourdieu. Isto pode
resultar paradoxal pois o volume de obras en galego era moi reducido naquel
intre. Pero, como dixemos en anteriores páxinas, aínda estabamos na fase do nacionalismo literario e Murguía fixara
no horizonte o uso do galego para abrir a fiestra da literatura nacional, coma unha proxección pola que cumpría turrar
arreo ata conseguilo. Un horizonte clarexado grazas ás Irmandades da Fala,
aínda vivo o pontífice do rexionalismo malia a distancia mantida co nacionalismo organizado por iniciativa de Antón e
Ramón Villar Ponte.
Mais
o protagonismo da lingua non foi un feito inmediato. En troques, debemos ter
presente que a lingua como elemento definidor da nación non é algo connatural;
é dicir, a lingua non é un elemento constituínte per se. Todo o contrario: trátase dunha operación interpretativa. E
aquí Murguía ten mando en tropa: o fomento do uso do galego traía consigo unha
toma de conciencia política; Pardo Bazán optaba, como expresa no discurso
inaugural da Sociedad del Folk-lore de
Galicia, pola guetización idiomática
camiño da súa custodia en museos e arquivos tras degoirar a súa defunción como
vítima do darwinismo lingüístico.
Cómpre
ter presente que no arranque do xix asistimos á dupla lealdade ou duplo patriotismo, segundo o enunciou
Josep Maria Fradera (2003). Daquela a lingua aínda se mantiña como un asunto
neutro. Isto explica a boa aceptación de formar un campo literario provincial
no que o galego formaría parte dunha historia da literatura española (véxase a
obra de Amador de los Ríos ou de Gumersindo Laverde, ou os discursos e artigos
de Balaguer)[69].
A lingua non renxe coa unidade nacional española namentres careza da función
extralingüística. A propia terminoloxía dos provincialistas de primeira hora
distingue entre patria e tierra, entre nación e región cando
tratan de Galicia e de España. Mais, tempo despois, conforme o progreso
discursivo provincialista, a patria e
a nación/nacionalidade referíanse a Galicia.
Por iso Pardo Bazán anatematizou contra esa confusión terminolóxica no 85
sinalando as connotacións político-ideolóxicas.
En
todo caso, volvendo ao abrente do xix,
atopamos en Pastor Díaz un exemplo perfecto desta dualidade. Durante o discurso pronunciado en El Liceo de La Coruña, nunha sorte de
acto de gratitude á súa mediación a prol dos represaliados do 46, afirmou: «Si
Galicia pudo dejar de ser alguna vez mi patria política, era siempre mi patria
literaria, porque era mi patria natural».
Nesta
tesitura da dupla lealdade movéronse
os primeiros rexurdimentistas. Mais, segundo se consolida unha interpretación
política do Rexurdimento («lleva en si un germen de separatismo», recuncaba
Pardo Bazán nos anatemas), tamén se tensa a interpretación do rol da lingua e
deriva nun estrado de posicións antagónicas decote máis polarizadas nun
contexto de claro confronto arredor do rexionalismo político. Por este motivo a dupla lealdade perdía o equilibrio e só
Víctor Balaguer sostiña este difuso soño.
O
valor extralingüístico e extraliterario torna a questione della lingua nun poder en disputa. Os intentos por
apropiarse dunha determinada concepción das linguas reflicten este
extraordinario peso. Se para uns o castelán era un idioma e o galego era un
dialecto ad maiorem Hispaniae gloriam,
outros consideraban o galego unha lingua dun esplendoroso pasado, con gran
tradición literaria, dominante durante o período medieval, cun prestixio
noutrora superior ao castelán..., e iniciaran a codificación en gramáticas e
dicionarios como compango da creación literaria. Mais, para uns e outros, a
lingua situábase como un dos elementos centrais no discurso político
(anti)rexionalista. De aí a pugna polo seu control. Desta tensión de campo
creada pola concorrencia de posicións antagónicas, co gallo de posuír o capital
simbólico, comeza a definirse de maneira taxativa o campo literario galego; é
dicir, esta loita desenvólvese no seo do Rexurdimento e determinará o futuro
dunha idea do que é a literatura do país: a escrita no idioma propio de Galicia.
Este
debate agudízase tras o fracaso da República de 1873. Resulta reveladora esta
exculpación de Saco Arce no prólogo aos Versos
en dialecto gallego de José Pérez Ballesteros. O presbítero, leal defensor
da lingua e rexurdimentista comprometido coa cultura popular, escribe: «No se
colija de esto [a normalización do galego] que para el territorio gallego
quisiera yo idéntico porvenir, ni que sea mi sueño de oro su independencia
política. Lejos de mi ánimo toda idea de separación» (Pérez, 1878: XII).
Esta
convulsión estoura na entrada da década dos 80[70]. Basta con reparar na
arenga de Cánovas del Castillo no chamado Discurso
a la nación (1882), Castelar en resposta á entrada de Víctor Balaguer na
Real Academia Española (1883), Emilia Pardo Bazán na máis cínica homenaxe
xamais feita en memoria de Rosalía de Castro (1885), Núñez de Arce no Ateneo de
Madrid (1886)... E repárese nos lugares/institucións dende os cales predican.
Todo
este contexto de tensión penetra de cheo no Rexurdimento. Porque o combate polo
seu control acada as máximas cotas no lance entre Manuel Murguía e Emilia Pardo
Bazán; é dicir, progresismo e nacionalismo vs. conservadorismo e centralismo. A
vitoria logrouna Murguía por varias razóns pero citemos só tres: o viúvo
intérprete e custodio da obra/memoria de Rosalía de Castro, o líder
rexionalista apoiado polos sectores máis activos da emigración en Cuba e A Arxentina,
e o primeiro presidente da Academia Galega.
Emilia
Pardo Bazán aceptara entrar no escenario público para tomar o control do
Rexurdimento e enchoupalo coa súa ideoloxía. Por iso posúe unha enorme carga
política o aplauso aos Cantares gallegos e a condena ás Follas novas de Rosalía
ditada na velada de 1885. Isto engádese á ofensiva institucional para crear
unha opinión pública favorable. Como se artella isto? Na fundación e dirección
da Revista de Galicia (1880); na
fundación e presidencia da Sociedad del
Folk-lore de Galicia (1883)[71], abeizoada por Antonio
Machado tras a liorta vivida con Murguía (a quen en inicio debera corresponder
este cargo); coa participación na «Biblioteca de las Tradiciones Populares
Españolas»; co establecemento dunha rede afín de intelectuais rexurdimentistas
(Saco Arce, Pérez Ballesteros, Antonio De la Iglesia...); e, por último, coa
publicación de varias novelas datadas entre 1885-1889[72].
O
valor da lingua atravesa os propios Xogos Florais. Xa citamos as escusas
innecesarias que Antonio de la Iglesia pronunciou no certame de 1861 na Coruña.
Juan Mañé, dende o catalanismo, respondía ao discurso de Núñez de Arce no 86: «Los
Juegos Florales no son culpables del delito que V. les acusa: todos los
catalanes usábamos familiarmente el catalán antes de los Juegos Florales»
(1887: 127). Ou lembremos a rotunda réplica dada por Valentí Almirall á
referida homilía de Arce.
En Galicia,
este discurso do entón presidente do Ateneo de Madrid acolleuse de maneira
desigual: dende o silencio de Murguía até a resposta pública de Aureliano
Pereira no Círculo das Artes de Lugo en 1887, logo publicado en La España Regional de Barcelona, impreso
en folleto El Regionalismo e
considerado un dos textos fundamentais do seu pensamento rexionalista. O «vago
anhelo», como se referiu de maneira pexorativa Núñez de Arce ao rexionalismo
galego, non era tan vago como
advertía Pardo Bazán.
A
literatura nacional comezou a definirse como campo autónomo no intre en que as
partes preiteantes aceptan a pelexa polo control do capital simbólico: a lingua
galega / Rosalía. A condesa Pardo Bazán e Murguía presentan proxectos
político-culturais opostos pero ambos aceptando (dende esquinas enfrontadas do
cuadrilátero) a posición central do idioma e, por tanto, o seu poder
extralingüístico[73].
Esta tensión de campo acabou por clarificar as posicións no espazo de posibles.
Até
na propia denominación hai desacordo: para Pardo Bazán estamos ante un
dialecto, para Murguía ante un idioma. Porque na concepción estriba a diferenza
política pois para a primeira o dialecto sométese ao idioma común (castelán) e
enriquéceo; para o segundo, o idioma acusa
distinta nacionalidade. Unha posición intermedia atopámola en Augusto
González Besada, un intelectual e político de especial peso na Galicia de fins
do xix: «Si el idioma es la lengua
de cualquiera nación, el habla de Galicia no será idioma, pero confesemos
también que no puede ser dialecto […]. Si el idioma es el lenguaje oficial de
una nación también el gallego fue idioma, porque también fue nación independiente.
Hoy la nación murió pero la lengua vive» (1887: 79-81).
Para
ir pechando vén ben esta cita de Alonso Nogueira (2005):
Si la lengua es la patria, aquellos que dominen la lengua
no sólo pasan a ocupar una posición destacada en las historias literarias sino
que se convierten en escritores representativos, capaces de poner en papel la
sangre de la nación y su obra literaria, más allá de toda valoración
estrictamente estética, va a ser canonizada por su significado lingüístico y
por su significado político.
Esta
lóxica impera no Rexurdimento, nese tránsito do nacionalismo literario cara á literatura
nacional. Algúns libros serán vistos como «monumentos escriturais», como
poden ser as Coplas de Sarmiento ou
os Cantares de Rosalía, conforme a
interpretación de Alonso Nogueira.
Mais
deixamos aquí unha última reflexión aberta ao debate: o Rexurdimento é unha
estratexia de resistencia? Expoñerémolo a xeito de esquema:
· O Rexurdimento acumula prácticas contrahexemónicas: a
defensa, promoción e uso da escolla lingüística dominada; a recuperación de
elementos descartados pola tradición dominante, sexan ou non motivo de
impugnación ao relato oficial...
· O Rexurdimento confórmase no contraespazo público a
partir da propia praxe sociopolítica e as inquedanzas estético-culturais; son
as prácticas concorrentes as que os fan coincidir e non como resultado dun
previo debate colectivo. Isto galvanizado pola cuestión identitaria e a
constitución dun imaxinario nacional colectivo.
· O Rexurdimento representa a palabra dos colectivos
silenciados. Por esta razón outorga tanta importancia á identificación e
recuperación da memoria silenciada.
· O Rexurdimento está presente en círculos espallados por
todo o país. Neste sentido, enunciamos un reto investigador ante os espazos
cegos desta renacenza: o estudo dos círculos rexurdimentistas de Lugo ou
Ourense, nos que a prensa integramente en galego ou a participación de
personaxes coma Aureliano Pereira ou Lamas Carvajal resultan claves e dos cales
tan pouco sabemos hoxe.
· O Rexurdimento atende aos rexistros ocultos. O esforzo
por dar á luz textos inéditos (o exemplo de Sarmiento é paradigmático) responde
a esta necesidade de completar a historia literaria e política de Galicia,
agochada ou esquecida por causas levemente enunciadas: o sometemento a Castela.
· O Rexurdimento propón un modelo de lingua baseado na fala
popular. Saco Arce ou Rosalía de Castro son dous claros exemplos desta
posición. Pero é unha posición conceptualizada por Manuel Murguía que rompe
calquera prexuízo de «rusticidade», «analfabetismo», «arcaísmo» etc. co que se
pretendía aldraxar o idioma do país. Esta foi unha tarefa colosal sen peche:
hoxe en día sobran os exemplos de referirse ao galego como lingua de paletos, aldeanos ou incultos.
· O Rexurdimento débese estudar so o prisma da experiencia
da subalternidade nos termos presentados por González-Millán. As prácticas
literarias ou culturais, así como a dinámica sociopolítica, están condicionadas
por esta situación de desigualdade.
En
definitiva, namentres unhas voces alertaban contra «el provincialismo exagerado»
(Castelar dixit), outras voces baixas
laboraban para prender a «chispa del santo fuego del provincialismo de que
tanto necesita Galicia», como dixo o principal ideólogo e a figura máis
transcendental do Rexurdimento: Manuel Murguía.
Referencias bibliográficas
Alonso-Monteagudo, J.
(2020): «A presenza da música nas historias de Galicia publicadas no século xix. A busca dunha identidade», European Review of Artistic Studies, 11,
58-66.
Alonso Nogueira, A.
(1999): «A invención do escritor nacional. Rosalía de Castro: a poeta e a súa
patria», en R. Álvarez / D. Vilavedra (coordas.), Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso
Montero, Santiago de Compostela, Universidade, 41-64.
Alonso Nogueira, A.
(2005): Intelectuales, lenguas y
dialectos en la España del siglo xix.
[Tese de doutoramento inédita].
Alonso Nogueira, A.
(2009): «Caminos abandonados. La España
Regional, sobre los contextos culturales del regionaismo», en J. Serrano Alonso
/ A. de Juan Bolufer (coords.), Congreso
internacional de literatura hispánica y prensa periódica (1875-1931),
Santiago de Compostela, Universidade, 87-99.
Álvarez Ruiz de Ojeda, V.
(2000): «Manuel Murguía e a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago», Grial, 147, 299-429.
Angueira, A. (2019): Rexurdimento: a palabra e a idea, Vigo,
Xerais.
Artola, M. (1974): Partidos y programas políticos, 1808-1936,
Madrid, Aguilar.
Barreiro Fernández, X. R. (1977): El levantamiento de 1846 y el
nacimiento del galleguismo, Santiago de Compostela, Pico Sacro.
Barreiro Fernández, X.
R. (1982): Liberales y absolutistas en
Galicia (1808-1833), Vigo, Xerais.
Barreiro Fernández, X.
R. (2009): Historia social da Guerra da
Independencia en Galicia, Vigo, Xerais.
Barreiro Fernández, X.
R. (2012): Murguía, Vigo, Galaxia.
Barreiro Fernández, X. R. / X. L.
Axeitos (2005): Cartas a
Murguía, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.
Beiras Torrado, X. M. (1973): La economía gallega en los escritos
de Pedro Antonio Sánchez, Vigo, Galaxia.
Beiras Torrado, X. M. (1981): O atraso económico de Galicia,
Vigo, Galaxia.
Beramendi, J. (2007): De provincia a nación. Historia do
galeguismo político, Vigo, Xerais.
Berlin, I. (1999): Las raíces del romanticismo, Madrid, Taurus.
Dobarro Paz, X. M. (2000): «O nacemento dunha literatura», en A. Tarrío (coord.), Galicia. Literatura. Os Séculos Escuros. O século xix, A Coruña, Hércules de
Ediciones.
Domingo, J. M. (2009): «Jocs Florals de Barcelona en 1859. Modernizació urbana i representació
col·lectiva», L´Avenç, 352, 33-44.
Estrada Sánchez, M. (2008): «¿Y para que queremos las diputaciones? Una reflexión en torno a los
orígenes y primera evolución de las diputaciones provinciales», Anuario da Facultade de Dereito da
Universidade da Coruña, 12, 303-319.
Estrada Sánchez, M. (2018): «A Gloriosa e o galeguismo», Follas
Novas, 3, 29-48.
Figueroa, A. (1988): Diglosia e texto, Vigo, Xerais.
Figueroa, A. (2001): Nación, literatura, identidade, Vigo,
Xerais.
Fortes, A. B. (2000): Manuel Murguía e a cultura galega,
Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.
Fradera, J. M. (2003): Cultura nacional en una sociedad
dividida, Cataluña 1838-1868, Madrid, Marcial Pons.
García Negro, P. (2021): «Unha ollada sobre a Galiza en tres discursos, Castelar, Emilia Pardo
Bazán, Gaspar Núñez de Arce», La Tribuna,
16, 71-76.
Gil Novales, A. (1975): Las sociedades patrióticas
(1820-1823), Madrid, Tecnos.
González Besada, A. (1887): Historia crítica de la literatura
gallega, A Coruña, Andrés Martínez.
González Fernández, M. (2008): El idioma de la razón.
Ilustración e inquisición en Galicia (1700-1808), Vigo, Nigra Trea.
González-Millán, X. (1994): «Do nacionalismo literario a unha literatura nacional. Hipóteses de
traballo para un estudio institucional da literatura galega», Anuario de Estudios Literarios Galegos,
67-81.
González-Millán, X. (2000): Resistencia cultural e diferencia
histórica, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.
González-Millán, X. (2001): O diccionario enciclopédico de Eladio
Rodríguez, Vigo, Xerais.
González Millán, X. (2003):
«La reivindicación de un ‘diccionario gallego’ en el siglo xix», Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, 58, 5-31.
Hermida, C. (1992): Os precursores da normalización. Defensa e
reivindicación da lingua galega no Rexurdimento (1840-1891), Vigo, Xerais.
Ínsua López, E. X. (2013): «Encadramento e singularidade de Nicomedes Pastor Díaz na literatura
galega do seu tempo», en X. R. Barreiro Fernández (coord.), O resplandor primeiro. Estudos en homenaxe a
Nicomedes Pastor Díaz, A Coruña, Real Academia Galega, 33-73.
Julià, Lluïsa
(2016):«Rosalía de Castro i Catalunya: recepció i debat identitari», Revista de Catalunya, 9-X-2023, [en liña].
López, T. (2016): «A
literatura galega nas gramáticas do século xix», Estudos de Lingüística Galega, 8,
147-166.
López Bernárdez, C. (2023): Unha historia da arte galega,
Santiago de Compostela Laiovento.
Martínez González, X. (2015): La Oliva (1856-1857). Un xornal galeguista
e progresista na soleira do Rexurdimento. Tese de doutoramento inédita.
Martínez González, X. (2017a):
«Do xenio nacional ó criterio filolóxico. Algúns apuntamentos sobre a
literatura galega no Rexurdimento», Follas Novas, 2, 66-95.
Martínez González, X. (2017b): Galicia ante todo, Santiago de
Compostela, Alvarellos Editora.
Martínez González, X. (2018a): «A estirpe dos Chao no Rexurdimento», Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses, 23, 349-370.
Martínez González, X. (2018b): «A obra de Saco Arce no contexto do Rexurdimento», Boletín da Real Academia Galega, 379,
419-462.
Martínez González, X. (2019a): «El País de Pontevedra.
Prensa provincialista no Rexurdimento», Grial,
222, 126-137.
Martínez González, X. (2019b): «O presidente da República que prologou as Follas novas de Rosalía. Notas a unha relación de Emilio Castelar
coa cultura galega», Follas Novas, 4,
80-109.
Martínez González, X. (2020): «Eduardo Chao. Bo cidadán, bo partisano», A Trabe de Ouro, 113, 35-52.
Martínez González, X. (2023): «A constitución da literatura nacional» (en imprenta).
Monteagudo, H. (2013): Rogos dun galego contra a Inquisición e
outros versos liberais, A Coruña, Real Academia Galega.
Navaza Blanco, G. (2018): «Noticia e reivindicación de Pedro Boado», en A. Acuña / X. H. Costas /
A. Iglesias (coords.), Homenaxe a Ramón
Gutiérrez Izquierdo, Vigo, Universidade, 177-195.
Pasarón Lastra, R. (1853): Informe sobre el estado en que
halló a los colonos pobres de Galicia el hambre que los afligió durante el año
de 1853, Madrid, Imprenta de Luis García.
Pérez Ballesteros, J. (1878): Versos en dialecto gallego y
correspondencia de sus principales voces, Madrid, P. Calleja y Compañía.
Portillo Valdés, J. M.ª (2018): «Ilustración, nación e imperio en la monarquía española», Araucaria, 40, 59-73.
Rábade Villar, M.ª do Cebreiro(2011): Fogar impronunciable. Poesía e pantasma,
Vigo, Galaxia.
Rey Castelao, O. (2003): Libros y lectura en Galicia.
Siglos xvi-xix, Santiago de Compostela,
Xunta de Galicia.
Ríos Panisse, M.ª do C. (1993): «Nuestra bandeira
literaria’, de Antolín Faraldo. Primeiro manifesto artístico galeguista», Anuario de Estudios Literarios Galegos,
2, 157-171.
Rodríguez, F. (2011): Rosalía de Castro, estranxeira na
súa patria, A Coruña, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Rodríguez, F. (2022): «Murguía e o medievo galego», Follas
Novas, 7, 154-183.
Rodríguez González, D. (2016): «Unha carta de Manuel Murguía a Rosalía de Castro», Follas Novas, 1, 144-157.
Sánchez Rodríguez de Castro, M.ª del C. (1992): El Real Consulado de La Coruña. Impulsor de la Ilustración (1785-1833),
Sada, Ediciós do Castro.
Saurín de la Iglesia (1977): Apuntes y documentos para una
historia de Galicia en el siglo XIX, A Coruña, Deputación da Coruña.
Saurín de la Iglesia (1980): El hambre y las revueltas
populares en Galicia (1836-1856), A Coruña, Deputación da Coruña.
Saurín de la Iglesia (1989): Los artículos del Diario de
Madrid (1794-1800), A Coruña, Fundación
Pedro Barrié de la Maza.
Sixirei Paredes, C. (1999):
«Los gallegos en Cuba en el siglo xix.
Cultura y regionalismo», Historia
Contemporánea, 19, 197-212.
Thiesse, A. M. (2010): La creación de las identidades
nacionales, Madrid, Ensenada de Ézaro.
Vigo Trasancos, A. (2012): Barroco. La arquitectura sagrada
del Antiguo Reino de Galicia (1658-1763), Santiago de Compostela, Consorcio
de Santiago.
Villares, R. (2017): Identidade e afectos patrios, Vigo,
Galaxia.
NOTAS A RODAPÉ
[1] Queremos expresar o noso agradecemento a
Álex Alonso Nogueira polas notas e conversas.
[2] Léase El
idioma de la razón. Ilustración e inquisición en Galicia (1700-1808), de
Martín González Fernández.
[3] Léanse os artigos de Manuel Pardo de
Andrade (pai do xornalismo galego), en Diario
de Madrid (Saurín de la Iglesia 1989). Ademais disto, escribiu o exitoso Os rogos d´un gallego establecido en Londres (1813), que tivo unha segunda edición en 1841, de novo so a protección do
progresismo triunfante, con Espartero empoleirado no Goberno. Para máis detalle vid. Rogos dun galego contra a
Inquisición e outros versos liberais (1813-14), en edición de Henrique
Monteagudo (2013).
[4] Varios casos: a biblioteca dos libros
prohibidos da universidade compostelá, a rebotica de Suárez Freire (coñecida
como a «esquina do combate»), a libraría de Rei Chiquito, a pousada de Valentín
de Foronda, a rebotica de José María Chao en Vigo… Segundo González Fernández
(2008: 454): «cada ciudad, villa o pueblo corto, parece, tenía las propias
[tertulias], fuera en domicilios particulares, cafés o, sencillamente,
barberías. Eran los nuevos espacios de información y debate, y de gestión del
poder». Na mesma liña escribe Rey Castelao (2003: 132): «los libros y las ideas entraban con cierta facilidad».
[5] Para un achegamento ao contexto de época vid. Saurín de la Iglesia (1977).
[6] Esta entidade asociativa creada en
Madrid, nunha alianza entre clases altas e clérigos arredor do Apóstolo
Santiago, fixou o 25 de xullo como unha data de celebración co gallo da
homenaxe ao citado apóstolo. Martín Sarmiento participou na Congregazón e homenaxeouna nas Coplas escritas en lingua galega na
metade do xviii. Velaquí un fío
para o estudo da sociabilidade formal galega na emigración setecentista en
Madrid.
[7] A xustificación para estas etapas atópase
en Martínez González (2020: 87-88).
[8] Lembremos que o groso da produción da
lírica medieval galega se descobre no último cuarto do século XIX. Para máis
información léase Névoas de antano (1991),
de Teresa López.
[9] Sobre esta cuestión pódese ler con
detalle o noso traballo «Do xenio nacional ó criterio filolóxico» (Martínez
González 2017a).
[10] A escolla da lingua A (castelán) supoñía o uso da
lingua dominante nun campo literario no que existía un prestixio sociocultural
e unha potencial proxección na futura traxectoria do autor; a escolla da lingua
B (galego) era a escolla da lingua dominada, carente de estruturas político-culturais,
sen manuais lingüísticos, nun intento (por tanto, sen éxito asegurado) de
conformar un campo literario que tiña unha fráxil tradición e un horizonte
aínda máis incerto. Vid. Figueroa
(1988).
[11] Vid. Crisis agrarias y crecimiento económico en
Galicia en el siglo XIX (Ed. do Castro, 1981), de María Xosé Rodríguez
Galdo e Fausto Dopico.
[12] O catedrático de Historia da Arte,
Alfredo Vigo Trasancos (2012), sostén que o barroco tivo unha tipoloxía
singular co propósito de ser «una apología del Reino de Galicia». Na mesma liña
pronúnciase o especialista en arte galega Carlos López Bernárdez ao falar da «eclosión
dunha xenuína escola galega» e «dunha auténtica independencia na expresión
cultural» (2023: 137-138). Por outra parte, citemos o interese que este período
suscitou en Murguía, como se recolle no seu ensaio El arte en Santiago durante el siglo xviii y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria (1884).
[13] Sobre este contexto e o papel dos
ilustrados, léase O atraso económico de
Galicia (Galaxia, 1981: 93-130), de Xosé Manuel Beiras.
[14] Portillo Valdés (2018) advirte que a
Ilustración non se pode tomar como «un fenómeno universalista y al margen del
nacionalismo». Debemos engadir que esta institución quixo levar como nome Real
Sociedad de Amigos del País de Galicia.
[15] Vid. Pedro Antonio Sánchez Vaamonde
(1749-1806). Un promotor de la Ilustración en Galicia, de Carlos García
Cortés.
[16] Co seu relanzamento en 1834 introdúcese
un cambio notable: para o curso 1835/36 admítese a matrícula de mulleres:
haberá 88 varóns e 55 mulleres (Álvarez Ruiz de Ojeda 2000).
[17] Nós empregamos a etiqueta de «Xeración do
46» para referirnos a aquela pléiade nada na década dos 20, ligada á Academia
Literaria, á prensa provincialista dos 40 e involucrada na Revolución de 1846;
e por «Xeración do 56» referímonos aos que naceron na década dos 30, ligada a El Liceo de la Juventud, á prensa
provincialista dos 50, participantes nos Xogos Florais e no Álbum de El Miño. A escolla da data de
1856 xustifícase porque nese ano é o Banquete de Conxo, sae o primeiro número
de La Oliva (xornal central do
Rexurdimento canda o seu sucesor El Miño,
co que forma un único proxecto editorial) e por honrarse por vez primeira a
memoria dos Mártires de Carral co gallo do seu décimo cabodano.
[18] O Consulado constituíuse en 1785 á calor
da burguesía local, xa de tendencia liberal. Debemos destacar a súa biblioteca
aberta en 1806, que se nutriu dos libros de Sánchez Vaamonde, logo de que o
liberal exaltado Julián Suárez Freire actuase como o seu testamenteiro. Este
dato revélanos a importancia dos estudos sociolóxicos da cultura, sobre todo
aqueles que traballan a sociabilidade, en termos de Maurice Agulhon.
[19] Sobre esta primeira prensa galega pódese
consultar o volume Primeiros diarios
galegos (1808-1809), en edición de Xosé López e Rosa Aneiros, publicado
polo Consello da Cultura Galega (2008).
[20] Consúltense os dous volumes dos Papés d´emprenta condenada (2008, 2012),
publicados polo Consello da Cultura Galega en edición de Ramón Mariño Paz. No
eido social-popular, de participación nos asuntos públicos, é iluminadora a
investigación de Xosé Ramón Veiga Alonso, co seu Poder e política na Galiza vilega (1790-1833) (Bolanda 2017).
[21] A cita está tomada do artigo de Barreiro
Vázquez de Varela en La Ilustración
Gallega y Asturiana, 21 (1881).
[22] Neste período esgaza o liberalismo en
dúas grandes liñas: os exaltados e os doceañistas. Contra 1840 os primeiros
tomarán forma arredor do Partido Progresista e, os segundos, arredor do Partido
Moderado (Artola 1974).
[23] Sobre a figura e época léase Juana de Vega. Condesa de Espoz y Mina
(1805-1872), de Xosé Ramón Veiga.
[24] Vid.
El Partido Demócrata español 1849-1873. Los primeros demócratas, de Antonio
Eiras Roel.
[25] Sobre a estirpe Chao e o Rexurdimento, vid. Martínez González (2018). Para o
caso concreto de Eduardo Chao, vid.
Martínez González (2020).
[26] Díxose que fora convidada para os Jocs de 1867. Un dato repetido acotío
pola investigación rosaliana (Alonso Montero 1972; Pociña / López 2000;
Bermúdez 2016). En realidade, trátase dun erro (Martínez González 2015; Julià
2016). Un erro cun notable troco na interpretación: os Jocs de 1868 presídeos un Víctor Balaguer acabado de chegar do
exilio e dentro do contexto revolucionario coa expulsión de Isabel II. Por
tanto, a situación política traslada outra connotación a esta invitación.
[27] Léase «Renaixença e Rexurdimento. Unha
proposta comparativa», Anuari Verdaguer, 23 (2015); e «Rosalía de Castro, a
ponte antre o Rexurdimento e a Renaixença», eHumanista, 5 (2014), ambos os artigos son da nosa
autoría. Tamén o libro Rosalía de Castro
na prensa barcelonesa (1863-1899), de Carme Hermida, e o artigo «Rosalía de
Castro i Catalunya: recepció i debat identitari», de Lluïsa Julià, publicado en Revista de Catalunya (2016).
[28] A emigración actuou como un órgano
institucionalizador que converteu a Rosalía na gran figura representante da Galicia
imaxinada.
[29] Tanto Brañas coma Pereira participan de
cheo no Rexurdimento, dende o plano político ao cultural e lingüístico. A
relación entre os campos político e cultural son incuestionables. Por iso
cómpre ler alén da propia función literaria dos textos e interpretalos como
pezas da grande obra.
[30] Recomendamos para o caso musical a tese
de doutoramento de Luís Costa, La
formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936 (Universidade
de Santiago de Compostela, 2000).
[31] Os estudos de Máiz son imprescindibles
para comprender o concepto de nación no seo do rexionalismo galego. Léanse, por
exemplo, Alfredo Brañas. O ideario do
rexionalismo católico tradicionalismo (1983), O rexionalismo galego. Organización e ideoloxía (1886-1907) (1984), O pensamento político de Murguía (1999) ou Escritos sobre federalismo e
galeguismo. Aureliano Pereira (2006).
[32] Neira de Mosquera, figura insubstituíble
no elo entre xeracións, definiu este volume de Verea como un «monumento
levantado para restaurar nuestra nacionalidad».
[33] Léanse os artigos de Portillo Valdés: «Federalismo
y nación en los orígenes del liberalismo español», Araucaria 4 (2000), e «Ilustración, nación e imperio en la
monarquía española», Araucaria 40
(2018).
[34] É importante constatar nos traballos de
Segarra ou de Estrada Sánchez (2008) o xiro do provincialismo dende unha
postura conservadora cara á progresista.
[35] Aínda que de xeito esporádico, o
provincialismo aplicado a Galicia como debate aparece recollido no Diario de operaciones del sexto cuerpo del
Ejército (1811) ou en El Ciudadano (1821), ambos impresos no país.
[36] Máis sobre Boado en Navaza (2018). Pedro
Boado educouse na casa de Sánchez Vaamonde, a carón de José Rodríguez (o matemático
de Bermés) e do boticario Julián Suárez Freire; é dicir, tres prebostes do
liberalismo galego.
[37] Ademais, Verea foi membro de honra da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago
de Compostela, vencellado ao grupo liberal da Coruña do Café La Esperanza,
bibliotecario da USC, colaborador na prensa liberal (Gazeta Marcial y Política, El Cartel, Diario Cívico Patriota ou durante o Trienio Gaceta Política y Económica de La Coruña), autor de diversos
estudos sobre o fomento industrial de Galicia, membro da Real Academia de la Historia e
responsable da traída da espada do xeneral Antonio Quiroga a Betanzos. Non era,
pois, un home calquera de entre os resistentes dende a transición do absolutismo ao parlamentarismo liberal e a aparición na
prensa do provincialismo.
[38] Murguía recomendáralle a lectura de Les bretons, de Auguste Brizeux, para
animala a escribir un libro de poemas nunca feito. A temática celtista, tan
querida polo seu home, nada parece interesar a Rosalía (Rodríguez González
2016).
[39] Para termos un visión do panorama e idea
que había sobre o pobo galego, mírese a tese de doutoramento O estereotipo antigalego na literatura
española moderna: xénese, desenvolvemento e consolidación (2020), de
Alexandre Pérez Vigo.
[40] Vid.
Contribución a la crítica de la lexicografía gallega. El diccionario
gallego-castellano de F. J. Rodríguez y su repercusión en la lexicografía
gallega (1976), de José Luis Pensado.
[41] Sobre o valor dos dicionarios,
recomendamos cavilar arredor dos traballos de González Millán (2001, 2003),
quen afirmou «o diccionario é o libro nacional por excelencia, o depósito da
historia».
[42] Léase López (2016).
[43] Para o caso que nos ocupa, de letras e
notas, cómpre ler Alonso-Monteagudo (2020).
[44] Arredor de Faraldo existiron medias verdades
e mesmo falsidades notorias. Co gallo do bicentenario do seu natalicio,
publicamos e editamos a obra Querida
Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento (2022).
[45] «De la historia de Galicia» (n.º 57), «De
las diversas causas que han influido de una manera defavorable en el desarrollo
de nuestra literatura provincial» (n.º 96, 97, 101 e 102), «Resumen de la
historia política de Galicia» (n.º 110) e «Del poeta de Galicia» (n.º 125).
[46] Vid. Galicia ante todo. Páxinas esquecidas do
Rexurdimento (1840-1853) (Alvarellos, 2017), cunha edición e amplo estudo
introdutorio ao noso coidado.
[47] Non puido ser casualidade que a fundación
desta asociación fose xusto no primeiro aniversario dos fusilamentos de Carral,
o 26 de abril de 1847.
[48] O estudo deste xornal e do provincialismo
organizador na Coruña arredor de figuras coma Vicetto segue sendo unha materia
de urxente atención.
[49] Este xornal organiza os Xogos Florais de
1884. Dous anos despois celebra un certame literario-musical que terá como
presidente a Manuel Murguía. No seu discurso aproveitará para sentar doutrina
rexionalista.
[50] Se non citamos O Tío Marcos d´a Portela (1876-80; 1883-89), o primeiro gran xornal
monolingüe en galego, é porque a súa orientación non é precisamente progresista
senón máis ben próxima ao partido
templado, como dicían con retranca para referirse aos moderados.
[51] Malia non tratarse dun tratado teórico do
rexionalismo, resulta de interese na medida en que se expón a proposta dos
republicanos federais galegos, entre os cales están Aureliano Pereira, Manuel
Leiras Pulpeiro, Manuel Mosquera Lequerica ou Segundo Moreno Barcia (todos eles
ligados ao Rexurdimento).
[52] Este ensaio publicouse grazas ao impulso
da emigración galega en Cuba, por medio de Waldo Álvarez Ínsua, director d´El Eco de Galicia na Habana.
[53] Debemos destacar que se formaron comités
rexionalistas en varios puntos da xeografía galega alén da Coruña: Santiago de
Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo ou Tui. Carecemos de estudos para avaliar
as redes de sociabilidade nestes lugares.
[54] No número 6 de Follas Novas aparece «As rimas populares de Galicia de Manuel
Murguía á luz do conservado no fondo Said Armesto», autoría de Diego Rodríguez.
[55] Esta novela dedicoulla a Juana de Vega
por varios motivos, entre eles por «Vuestro espíritu de provincialismo, nunca
desmentido».
[56] Vid. «Historia de Galicia: Pardo de Cela», El
Eco de Galicia, 45 (30-VIII-1851).
[57] La
Oliva, 35 (31-V-1856).
[58] Revista
Galaica , n.º 1 (15-V-1874). O poema fora publicado en El Clamor de Galicia no ano 1856.
[59] Para unha lectura crítica sobre a Idade
Media en Murguía, vid. Rodríguez
(2022).
[60] Vid.
El Vapor, 36 (11-VI-1833). Dende 1806 volvera funcionar a Académie des Jeux Floraux (tamén
coñecida como Consistori del Gay Saber), sita en Toulouse.
[61] Vid. Domingo (2009) e, en xeral, os volumes publicados polo Grup d´Estudi de la Literatura del
Vuit-Cents.
[62] Vid. n.º 33 (13-VIII-1843). Aquí cítanse os juegos
floreales da Compostela dos séculos xvi-xvii.
[63] Na lista de mantedores e adxuntos do
Consistorio dos Xogos Florais da Coruña atopamos nomes como Marcial del Adalid
e Marcial Torres del Adalid, Ramón Barros Sibelo, Gonzalo Brañas (medio irmán
de Alfredo Brañas), Hipólito Otero, José Pardo Bazán, Manuel Rúa Figueroa, Luís
Rodríguez Seoane, Benito Vicetto ou Eduardo Pondal. Nótese a ausencia de Manuel
Murguía.
[64] A presenza do galego foi pequena. Logo
ampliarase en El Álbum de la Caridad (1862) so edición de Antonio de la Iglesia. Un traballo por facer é estudar os
criterios que usa o antólogo á hora de acoller autores e textos. Vid. As
antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña (2004), de María do Cebreiro
Rábade Villar.
[65] Este libro será a segunda antoloxía de
autores rexurdimentistas, logo d´El Álbum
de El Miño, que recolle textos publicados no xornal vigués El Miño, liderado por Juan Compañel e
Manuel Murguía.
[66] O certame de Lugo considerouno Antonio de
la Iglesia como «Xogos Florais» (consúltese o fondo De la Iglesia na Real Academia
Galega). Con exactitude, a convocatoria non levaba este nome. O organizador foi
o Liceo Artístico-Literario de Lugo, presidido polo mestre de instituto
Valentín Portabales e con José María Castro Bolaño como responsable da sección
literaria. Vid. El Buscapié, 62
(7-VII-1867). O certame fixérono coincidir coa Exposición Rexional de Galicia
organizada en Lugo.
[67] Murguía fomenta, de maneira rotunda, esta
concepción estética en artigos como o recollido en La Oliva, 96 (31-XII-1856) e citado páxinas atrás.
[68] Sobre este contexto político, cómpre ler
o estudo de Pilar García Negro «Discurso
de Manuel Murguía. Xogos Florais de Tui (1891)», publicado en Follas Novas, n.º 7, pp. 208-221.
[69] Para coñecer os debates, o contexto e os
feitos acontecidos arredor da literatura provincial no xix é imprescindible a tese de Álex Alonso Nogueira, Intelectuales, lenguas y dialectos en
la España del siglo xix (2015).
[70] Un achegamento encontrámolo en García
Negro (2021).
[71] Alí estivo Fanny Garrido, escritora en
lingua galega e parella de Adalid, ambos presentes nesta mostra musical.
[72] Recomendada a lectura interpretativa que
Alonso Nogueira realiza no artigo «Xénero, nación e subxectividade: Pardo Bazán
e a re-escrita da novela rexional. Cara a unha lectura a contrafío de Los pazos de Ulloa», presentado no III
Simposio Norteamericano de Estudos Galegos (Denver 2018). O texto aínda está
inédito e agradecemos ao autor a súa consulta.
[73] Un suceso transparente é a crítica ao volume
bilingüe de Poesías (1878), de Saco
Arce. Se unha parte da prensa aplaude os poemas en galego de temática
relixiosa, Pardo Bazán defíneos como «infructuosas tentativas» porque o galego
é óptimo para «la nota concreta, viva, pintoresca, sentida a veces, ingenua y
natural siempre, y popular en suma»; é dicir, o galego non é válido para «temas
abstractos y de las gigantes proporciones del salmo» (citamos por Martínez
González 2019: 136).


