Dende hai mais dunha década, está aberta unha importante liña de investigación sobre o encontro de grandes tradicións de arte rupestre prehistórica no noroeste peninsular, que nestes dous últimos anos vén a ser reforzada polo achado de sitios con Pintura Rupestre Esquemática ou Arte Esquemática Pintada nas áreas surorientais de Galicia e que confirma o seu enorme potencial.
Esta xornada ten como obxectivo mostrar un panorama integrado destes achados, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre da totalidade do noroeste peninsular, onde se coñecen ata a actualidade máis de 50 sitios. A denominación de Pintura Rupestre Esquemática ou Arte Esquemática Pintada integra un conxunto de manifestacións gráficas relacionadas coas sociedades prehistóricas.
En xeral, os motivos caracterízanse pola simplificación formal e polo uso de trazos lineais simples, dunha soa cor e en tinta plana, aplicada directamente coa xema do dedo (dixitación) ou con pinceis. A cor máis empregada é o vermello, resultado de pigmentos de uso mineral e aglutinados con auga ou algunha materia graxa, aínda que poden aparecer outras cores. Represéntase a figura humana reducida aos seus trazos máis elementais, acompañada de motivos xeométricos, xeralmente obtidos a partir de liñas con ángulos rectos, manchas de puntos e aliñacións de barras verticais e ocasionais representacións de figuras solares e de cuadrúpedes. As imaxes parecen funcionar máis como ideogramas, sendo menos frecuente a representación de escenas. Os núcleos máis importantes desta tradición distribúense na área suroriental peninsular, aínda que tamén se coñecían importantes conxuntos en Trás-os-Montes (Portugal), Salamanca, Zamora, León e Asturias.
A súa busca polo sur oriental de Galicia comezou hai máis dunha década, seguindo a idea da continuidade xeográfica con estes conxuntos nos límites fronteirizos, como o val do Támega, na raia sur, ou o núcleo do Bierzo, polo Sil. Finalmente, dous descubrimentos casuais no ano 2017 confirmaron o potencial, apareceu primeiro pintura na Cova dos Mouros da Fontaneira (Baleira, Lugo) e posteriormente no Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense). Recentemente, descubriuse un importante conxunto de pinturas en Casaio (Valdeorras, Ourense) e novamente na comarca de Monterrei, no conxunto arqueolóxico do Castelo das Laxes das Chás/Lobarzán, neste caso sobre granito. Moitos deses sitios sitúanse no ámbito xeográfico dos vales de ríos importantes, que serviron como corredores de circulación, polo que nos axudan a coñecer fenómenos como a mobilidade das poboacións e tamén sobre a circulación de ideas.
A presenza de novas sobre a aparición de arte esquemática nos xornais e a través das redes sociais promoveu un grande interese social por estas manifestacións pouco coñecidas ata agora neste ámbito xeográfico. Esta xornada pretende achegar o fenómeno da pintura rupestre pospaleolítica e o encontro entre distintas tradicións rupestres á sociedade, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza.