Concerto - Concerto Arriola. Xoves, 17 de decembro de 2020

Concerto Arriola

Concerto

Concerto Arriola

Xoves, 17 de decembro de 2020
Santiago de Compostela
Concerto

Concerto Arriola

Xoves, 17 de decembro de 2020 Santiago de Compostela
Con este Concerto Arriola o Consello da Cultura Galega quere presentar ao público os últimos avances no proceso de recuperación da obra esquecida dun talentoso (e precoz) pianista e un dos grandes compositores galegos da primeira metade do século XX: José Rodríguez Carballeira, máis coñecido como Pepito Arriola.

O compromiso da institución coa memoria musical de Arriolavén de lonxe. Foi xa en 2005 cando Xaime López, Luís Mera e Ramón Castromil uniron esforzos na angueira de recuperar o legado do artista, ao tempo que reconstruían unha peripecia biográfica intensa e complexa, cuxa pegada se esvae por momentos, tras as brétemas do Berlín posterior á Segunda Guerra Mundial ou nos seus últimos e descoñecidos anos na Barcelona dos 50. A xenerosidade coa que a familia de Xaime López nos permitiu acceder a partituras e documentación así como o saber musical e a dedicación constante cos que Maximino Zumalave se sumou á tarefa foron determinantes para os froitos recollidos nestes anos: eventos musicais, edición de partituras e gravacións orquestrais permitiron que Arriola fose máis e mellor coñecido.

Neste Concerto Arriola terán oportunidade de escoitar unha selección de pezas para voz e piano que, en esmerada edición de Joám Trillo, o Consello da Cultura Galega pon á disposición do público, arrequentando así os materiais presentados en publicacións anteriores da propia institución e dando continuidade ao seu irrenunciable mandato de velar pola recuperación e transmisión do patrimonio cultural galego.

Nesta ocasión, a soprano Lucía Iglesias e o pianista Brais González serán os encargados de presentar en público un Arriola aínda inédito. Se Brais González xa fixo soar en anteriores ocasións o piano no Pazo de Raxoi, o Consello da Cultura Galega congratúlase de que a voz deste Concerto Arriola sexa a de Lucía Iglesias, Premio Gaos no II Concursode Canto “Compostela Lírica”, no que colabora o propio Consello como expresión do seu apoio ás novas xeracións de artistas, que son a mellor garantía do noso futuro.

Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG
Ficha técnica 
Concerto
Concerto Arriola
Cando
Xoves, 17 de decembro de 2020
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Participante
Brais González
Lucía Iglesias García
Presenta
Joám Trillo
Dolores Vilavedra
Maximino Zumalave Caneda
Organiza
Consello da Cultura Galega