Xornada
Un achegamento á historia da música mecánica
Xoves, 29 de abril de 2021
Santiago de Compostela
Presentación da xornada
Dolores Vilavedra, coordinadora da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega
Alejo Amoedo, integrante da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega
- Historia da música mecánica
Germán Díaz
- O rolo de pianola como soporte para a investigación musical: da interpretación á recepción
Jordi Roquer González
Germán Díaz
Músico e filólogo nado en Valladolid e afincado en Arneiro (Cospeito), destaca como zanfonista e é considerado como un dos intérpretes deste instrumento máis innovadores de Europa. Ao longo da súa traxectoria tocou en numerosos países de todo o mundo. É un innovador pola súa fusión da música tradicional co jazz, xénero en que sobresaen as súas colaboracións co contrabaixista galego Baldo Martínez.
Pertenceu á orquestra de zanfonas Viellistic Orchestra e formou dúo xunto co director artístico desta, Pascal Lefeuvre, ademais de cofundar o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas, xunto con Rafael Martín, Marc Egea e Pascal Lefeuvre.
Publicou numerosas obras como solista e colaborou en máis dun centenar de gravacións. Compuxo bandas sonoras orixinais para cine, teatro e televisión. No ano 2004 creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto con Fernando Fuentes, prestando especial atención aos traballos de zanfonistas como Marc Egea ou Matthias Loibner.
Entre os premios e recoñecementos destacan: Racimo de Oro da Música, polo labor de recompilación e difusión da música tradicional, no 1999; o seu álbum Música popular da Guerra Civil ‒dúo de zanfona e guitarra‒, en colaboración con Antonio Bravo, foi elixido segundo mellor álbum do ano 2009 por Cuadernos de Jazz e mellor álbum internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokyo; Premio á mellor banda sonora no Festival de Curtametraxes La Fila, por Artículo 349, no 2009; Mellor artista 2014 nos XIV Premios Opinión, A Coruña; Premio Mestre Mateo 2018 á mellor música orixinal por Dhogs; e Premio á mellor banda sonora no Festival de Cans 2019 por Limbo.
Posúe unha importante colección de instrumentos mecánicos.
Jordi Roquer González
Músico e profesor do Departamento de Artes e Musicoloxía da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), onde imparte as materias Músicas e Culturas e Tecnoloxía Musical. Tamén é profesor de Grao de Medios Audiovisuais na Universitat Pompeu Fabra (TecnoCampus Mataró-Maresme), impartindo Creación Musical, Técnicas de Produción de Audio e Produción Musical. Como músico leva publicado máis de vinte traballos discográficos entre música pop, teatro musical e música para cine.
Dende o ano 2010 forma parte do grupo de investigación MUSC (Músicas nas Sociedades Contemporáneas, UAB) e máis recentemente do SSIT (Silencio, Son, Imaxe e Tecnoloxía, TC-UPF). A súa área de investigación móvese arredor das relacións entre música e tecnoloxía. Publicou varios artigos e capítulos de libros nos que aborda os ditos temas, centrándose sobre todo en como a tecnoloxía inflúe, non só na creación musical, senón tamén na súa percepción e recepción social. Nos eidos dos formatos históricos, traballou especialmente a fondo o caso dos rolos de pianola, motivo da súa tese de doutoramento.
Nos últimos años dirixiu proxectos de dixitalización de arquivos sonoros para institucións como a Biblioteca Nacional de España, o Museo de Música de Barcelona, o Museo do Mediterráneo ou a Biblioteca Nacional de Catalunya.
A Fundación Cultural Latin Grammy outorgoulle unha bolsa para traballar cunha serie de pezas musicais situadas en rolos de pianola almacenados no Archivo Histórico de Ecuador, en Quito. Ao mesmo tempo, tamén recibiu unha subvención da Association for Recorded Sound Collections (ARSC) para apoiar a reprodución e gravación de rolos de pianola orixinais gravados a finais dos anos vinte por Frederic Mompou e Manuel Blancafort.
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
ASISTENCIA
A actividade non será presencial.
Non é necesaria inscrición previa.
Os contidos estarán dispoñibles no noso web e na nosa canle en Youtube nas horas indicadas e logo permanecerán na Mediateca para consultas futuras.