Biblioteca da Universidade de Bratislava (Univerzitnej knižnici v Bratislave) do 2 de outubro ao 19 de novembro de 2023Bratislava
“Afonso X e Galicia” é un proxecto expositivo producido polo Consello da Cultura Galega en colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
Despois de visitar diferentes institucións, nesta ocasión a exposición chega a Eslovaquia, para presentarse na Biblioteca da Universidade de Bratislava (Univerzitnej knižnici v Bratislave), O acto de inauguración será o 2 de outubro de 2023 ás 18:00 horas, e poderá visitarse até o 19 de novembro.
Comisariada polo Dr. Antoni Rosell (Universitat Autònoma de Barcelona), a mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das “Cantigas de Santa Maria” pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo.
A proposta afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media. O relato permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.